Mediante a Orde do 8 de outubro de 2024 (DOG núm. 204, do 22 de outubro) establécense as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio, e procédese á súa convocatoria para o ano 2024 e á apertura do prazo para a adhesión dos comercios (código de procedemento CO301B).
O artigo 3 da antedita orde dispón que «1. Para a concesión destas axudas destinaranse 2.500.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 44.06.751A.480.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.
2. O orzamento poderase incrementar en función da evolución do programa bonos Activa comercio co obxecto de aumentar o número de persoas beneficiarias e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.
O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.
Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver».
Co obxecto de poder aumentar o número de persoas beneficiarias e dada a existencia de remanentes de crédito, cómpre incrementar a dotación orzamentaria consignada inicialmente no Programa bonos Activa comercio e, en consecuencia, realizar as correspondentes modificacións nas bases reguladoras do programa.
A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en materia de comercio interior e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1. Ampliación da dotación orzamentaria prevista na Orde do 8 de outubro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 e á apertura do prazo para a adhesión dos comercios (código de procedemento CO301B)
Amplíase a dotación orzamentaria prevista na antedita orde de convocatoria do Programa bonos Activa comercio. O incremento da dotación será de 2.500.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 44.06.751A.480.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.
Unha vez efectuado este incremento, o importe total da segunda convocatoria do Programa bonos Activa comercio para o ano 2024 ascenderá a 5.000.000,00 €. Por conseguinte, as referencias feitas ao orzamento do programa nos artigos 3.1, 13.4, 16.3 e 17 das bases reguladoras deben entenderse referidas ao importe total de 5.000.000,00 €.
Artigo 2. Modificación da Orde do 8 de outubro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 e á apertura do prazo para a adhesión dos comercios (código de procedemento CO301B)
Modifícase o artigo 17 das bases reguladoras, que queda redactado nos seguintes termos:
«Os bonos estarán dispoñibles na web www.bonosactivacomercio.gal para a súa descarga polas persoas usuarias desde o 9 de decembro ás 9.00 horas ata o 31 de decembro de 2024, agás no caso de que o importe total dos descontos efectivamente realizados en compravendas alcance os 5.000.000,00 €.
Mediante orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración poderanse modificar as anteditas datas se razóns organizativas ou doutra índole así o aconsellan, do que se dará a oportuna publicidade».
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2024
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
