Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do Monte Veciñal en Man Común (MVMC) Penadiñas, Regar de Gatos, Chaira e Carboal e Costa e Outeiro do Foxo, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Pitelos, no concello de Verea, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 26.7.2023, Sandra Feijóo Crespo, debidamente autorizada polo presidente da CMVMC de Pitelos, presentou unha solicitude (Rexel núm. 2023/2155712) de revisión de esbozo dos MVMC Penadiñas, Regar de Gatos, Chaira e Carboal e Costa e Outeiro do Foxo, situados no concello de Verea.
Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:
– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 30.6.2023.
– Planos.
– Arquivos xeográficos en formato vectorial.
Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 30 de outubro de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe o perímetro estremeiro con particulares.
Non obstante, a proposta de revisión, no caso do MVMC Penadiñas, Regar de Gatos, Chaira e Carboal, modifica a liña estremeira co MVMC Chaira, desprazando o linde cara ao sur a unha distancia duns 80-100 metros, e quedando unha franxa de terreos fóra da clasificación. A CMVMC do monte Chaira non se manifestou sobre a súa posible titularidade.
O Xurado considera que non está xustificada a exclusión destes terreos, xa que non resulta motivada nin se aclara a quen pertencen.
Polo que o Xurado Provincial, tendo en conta o informe favorable do servizo de montes, aprobou a solicitude de revisión de esbozo, pero mantendo os terreos que resultan excluídos na solicitude dentro do MVMC de Penadiñas, Regar de Gatos, Chaira e Carboal.
Consideracións legais e técnicas:
Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 30 de outubro de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 4 de novembro de 2024:
Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Penadiñas, Regar de Gatos, Chaira e Carboal e Costa e Outeiro do Foxo, pertencente á CMVMC de Pitelos, no concello de Verea.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 20 de novembro de 2024
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
