Exposición de motivos
I
O libre desenvolvemento da personalidade, xunto coa dignidade da persoa, os dereitos inviolables que lle son inherentes e o respecto á lei e aos dereitos dos demais son fundamento da orde política e da paz social, segundo sentencia o artigo 10 que introduce o título I da Constitución española, denominado «Dos dereitos e deberes fundamentais».
De cara ao libre desenvolvemento da personalidade, é preciso manter un equilibrio adecuado de todas aquelas circunstancias e condicións que teñen unha incidencia directa no benestar e no acceso das persoas a todos os ámbitos de actividade, incluído o cultural. Neste proceso, a garantía da igualdade de oportunidades tórnase o mecanismo indispensable para eliminar as dificultades de partida circunstancialmente concorrentes, polo que é fundamental o compromiso de todos os poderes públicos.
Esta lei quere facilitar o dereito de acceso á cultura de todas as persoas, sen excluír ninguén, baixo o respecto á igualdade de oportunidades e á non-discriminación. Nese sentido, nace co obxectivo de conciliar a cultura coa realidade das diferenzas que presentan as persoas, especialmente aquelas que pertencen a colectivos cuxa situación de desvantaxe persoal ou social acaba por se converter tamén nun atranco no ámbito cultural.
Esta norma xorde tamén co obxectivo de apoiar e de dar visibilidade á creatividade e ao talento artístico de tantas persoas que, pola súa situación de dificultade, en ocasións permanecen invisibles ao público, e á sociedade en xeral, co menoscabo que iso lles comporta no ámbito social e económico e co grave dano para a súa dignidade e o seu desenvolvemento persoal.
Por maior abastanza, é un obxectivo desta lei que a visibilidade do talento e da creatividade dos colectivos con máis dificultades se faga de maneira normalizada e sen estereotipos.
O noso ordenamento xurídico carece dunha norma que regule o dereito de acceso á cultura en termos de inclusión e de accesibilidade e que integre de forma conxunta a perspectiva da creación e a do consumo cultural. O mapa normativo actual acostuma regular as cuestións culturais por un lado e as inclusivas e de accesibilidade por outro converxendo en cuestións moi puntuais e concretas. Esta lagoa xustifica a necesidade e a oportunidade dunha lei en materia de cultura que xunte os aspectos da inclusión e da accesibilidade, a partir do marco de distribución de competencias entre o Estado e as comunidades autónomas, o cal lles permite a estas, segundo o previsto no artigo 148.1.17 da Constitución española, asumiren competencias en materia de fomento da cultura.
En coherencia co texto constitucional, o Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 4.2, impón aos poderes públicos de Galicia a obriga de facilitaren a participación de todos os galegos e as galegas na vida política, económica, cultural e social. Igualmente, no seu artigo 27.19 recóllese a «competencia exclusiva en materia de fomento da cultura [...], sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución».
II
A realidade de que parte este texto legal é a da existencia de colectivos desfavorecidos ou con maiores dificultades de inclusión; colectivos que están nunha situación de desvantaxe e respecto dos cales adquire unha especial importancia a obriga imposta aos poderes públicos polo artigo 9.2 da Constitución española, que establece: «Corresponde aos poderes públicos promoveren as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e mais dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas; removeren os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitaren a participación de todos os cidadáns na vida política, económica, cultural e social».
Do mesmo modo, o artigo 44.1 establece que «os poderes públicos promoverán e tutelarán o acceso á cultura, á que todos teñen dereito», previsión clara e rotunda que se aliña coa Declaración Universal dos Dereitos Humanos, na cal, xa en 1948, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas deixou recoñecido o dereito de toda persoa a satisfacer os seus dereitos culturais, ben como a participar libremente na vida cultural da comunidade e a gozar das artes.
Este mesmo organismo internacional marcou un fito coa súa Convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade, do 13 de decembro de 2006, ratificada polo Estado español e publicada no Boletín Oficial del Estado o 21 de abril de 2008. Nela establécese o compromiso de fomentar, protexer e asegurar ás persoas con discapacidade o gozo pleno dos dereitos humanos e das liberdades fundamentais en condicións de igualdade e de promover o respecto á súa dignidade inherente. Esta convención convértese nunha ferramenta xurídica internacional de carácter vinculante para os Estados na defensa e garantía dos dereitos das persoas con discapacidade en todas as áreas da vida, incluída a cultural. Ao mesmo tempo, considera a accesibilidade como un elemento transversal en cada un dos ámbitos de actividade.
En sintonía con estes obxectivos, o Tratado da Unión Europea asenta, segundo o seu artigo 2, en valores de «respecto da dignidade humana, liberdade, democracia, igualdade, Estado de dereito e respecto dos dereitos humanos, incluídos os dereitos das persoas pertencentes a minorías. Estes valores son comúns aos Estados membros nunha sociedade caracterizada polo pluralismo, a non-discriminación, a tolerancia, a xustiza, a solidariedade e a igualdade entre mulleres e homes».
Tamén convén destacar o compromiso firme da Unión Europea, asumido no artigo 3 do Tratado de constitución, por combater «a exclusión social e a discriminación», por fomentar a «igualdade entre homes e mulleres» e por respectar «a riqueza da súa diversidade cultural e lingüística».
No ámbito da Unión Europea existen numerosos exemplos de estratexias e plans dirixidos a corrixir situacións de desvantaxe respecto de grupos específicos. De forma particular, o recente Plan de acción en materia de integración e inclusión para 2021-2027 nace coa idea de converter a integración nun dereito e tamén nunha obriga para todas as persoas, co fin de construír sociedades máis cohesionadas e prósperas.
O noso ordenamento xurídico contén normas que inciden en mellorar as condicións de benestar social de colectivos concretos, como o das persoas con discapacidade ou o das mulleres vítimas de violencia de xénero e de violencia doméstica, entre outros colectivos en risco de exclusión social. Alén das circunstancias propias destes colectivos, existen outras que son igualmente determinantes da concorrencia dun risco de exclusión cultural. Tal pode ser o caso do territorio, cuxa configuración en Galicia pode, nalgúns casos, limitar o acceso á cultura para unha parte da poboación. Xa que logo, cómpre termos presente este elemento á hora de remover os obstáculos que puideren impedir que a cultura chegue a todas as persoas con independencia de onde vivan. Nese sentido, os formatos para a prestación de servizos culturais deberán ser flexibles e, a maiores, a tecnoloxía adquire tamén un protagonismo especial para superar as barreiras territoriais.
O espírito que preside esta norma é que o acceso á cultura non quede limitado para ningunha persoa, con independencia de cales foren as súas condicións e circunstancias particulares, individuais ou colectivas.
Todas as persoas, todas as diferenzas e todas as capacidades, por especiais que puideren parecer nun principio, enriquecen calquera sociedade e constitúen un motor cultural que esvaece as fronteiras físicas e intelectuais. A ollada da diversidade é especialmente alentadora para a creatividade artística, mais tamén para a cohesión social. Así nolo recorda o lema da Unión Europea, «Unida na diversidade», en referencia á creación dunha Unión que nace da gran diversidade de culturas, tradicións e linguas dentro do continente europeo.
Precisamente, o proceso de creación cultural eríxese en moitos casos como a ferramenta máis efectiva para incorporar os colectivos máis desfavorecidos á sociedade e para contribuír a que recuperen a capacidade plena de desenvolvemento persoal e social.
Por tanto, é necesario pór os alicerces para que o acceso á cultura configure un dos bloques esenciais da actividade de toda persoa, independentemente de cal for a súa situación de partida ou capacidade. Trátase de que a autonomía presida calquera decisión persoal, tanto á hora de consumir cultura como tamén á hora de a crear.
Todo isto debe ser feito sen esquecer que a cultura en Galicia está conformada por un conxunto amplo e diverso de prácticas e de actividades de gran relevancia no ámbito social, económico e institucional. No ámbito social, a cultura fai parte das vivencias e experiencias da maioría da cidadanía, en canto que creadora, receptora ou consumidora dela, e xera un tecido asociativo de base cultural con ampla implantación no territorio. No ámbito económico, a cultura é unha actividade que configura un sector produtivo que crea riqueza, postos de traballo e desenvolvemento comunitario, xerando unha economía baseada nas prácticas culturais e creativas. E no ámbito institucional, as administracións públicas dispoñen de competencias en materia de cultura e exércenas mediante a dotación de recursos e de políticas activas que procuran mellorar a calidade de vida da cidadanía a través da cultura. No caso da Administración pública autonómica, disponse dunha consellaría con competencias na materia e de unidades que desenvolven as políticas culturais.
Ademais, Galicia é unha comunidade autónoma cun importante e rico patrimonio cultural, tal como nos lembra a regulación, entre outras, da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, na cal se conteñen elementos que son algúns dos mellores exemplos da diversidade. Tal é o caso dos Camiños de Santiago, que amosan ao mundo boa parte da identidade da cultura galega e traen a Galicia a riqueza cultural, social e vital doutros pobos. Sen dúbida, resulta un exemplo evocador do espírito desta nova norma.
III
O corpo desta lei está configurado por un total de vinte e dous artigos, unha disposición adicional única, unha disposición derrogatoria única e tres disposicións derradeiras.
A lei divídese en dous títulos. O primeiro deles, «Disposicións xerais», regula o seu obxecto, o ámbito de aplicación, os principios reitores e os obxectivos. Tamén delimita un aspecto contido en todo o articulado: os factores de risco de exclusión cultural. Moitos destes factores coinciden cos regulados pola normativa en materia de inclusión social; a maiores, incorpóranse outros, como o territorio e mesmo os grupos de interese cultural de carácter minoritario ou en perigo de extinción, coa finalidade de preservar o legado asociado a determinados coñecementos e tradicións culturais.
Desde o primeiro dos seus artigos, a lei deixa clara a súa intención de abranguer as dúas direccións de relación das persoas coa cultura, tanto a vertente creativa e xeradora de produtos e servizos culturais como a vertente de acceso e consumo destes produtos e servizos. Igualmente, estende a súa aplicación a calquera tipo de formato ou manifestación cultural e fai unha aposta clara por conceptualizar unha serie de principios reitores, nos cales se xuntan os enfoques social e cultural, como son a accesibilidade cultural, a inclusión cultural e a diversidade cultural.
O título II, referido ás liñas de acción para unha cultura inclusiva e accesible en Galicia, achega aqueles aspectos relacionados máis directamente coa acción dos poderes públicos, mais tamén doutros actores ou colectivos implicados directamente nesta regulación.
En todo o seu articulado fica patente a aposta por incluír todas as persoas, e, para iso, alén de ferramentas no ámbito da colaboración e da cooperación, da difusión, da sensibilización, da formación ou do fomento, os poderes públicos con competencias en materia de cultura asumen a obriga de visibilizar e pór en valor a capacidade e o talento daqueles colectivos que queren crear cultura e que parten dun contexto de dificultade.
Ademais da elaboración dun plan de accesibilidade e de inclusión cultural, no título II destaca o mandato para crear o Observatorio da Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia.
A disposición adicional única e a disposición derradeira primeira concretan o calendario dentro do cal deberán ser unha realidade ambos os instrumentos de acción.
No procedemento de elaboración desta lei promoveuse a participación cidadá a través do Portal de transparencia e goberno aberto. Do mesmo modo, na tramitación do anteproxecto de lei seguíronse os trámites previstos na normativa aplicable e solicitouse o informe do Consello da Cultura Galega e o ditame do Consello Económico e Social de Galicia.
A norma responde aos principios de calidade normativa regulados no artigo 37 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. Non existe no noso ordenamento xurídico ningunha norma en que se regule o acceso á cultura que integre de forma conxunta a perspectiva da creación e a da participación cultural e que considere a inclusión e a accesibilidade universal como principios básicos inspiradores do seu contido.
Responde, ademais, ao principio de transparencia, e a súa redacción fíxose en termos de simplicidade, eficacia e eficiencia administrativa, tratando de non xerar cargas administrativas de carácter accesorio ou innecesario e buscando, en todo momento, a xestión racional dos recursos públicos dispoñibles para facer efectivo o cumprimento da regulación.
Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo, en nome do rei, a Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia.
TÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto
1. Esta lei ten por obxecto promover as condicións para que a participación na vida cultural sexa efectiva, inclusiva e accesible para todas as persoas e remover os obstáculos que a impidan ou dificulten, con especial atención a aquelas persoas en que concorra algún factor de risco de exclusión cultural.
2. Para os efectos da regulación contida nesta lei, enténdese como participación efectiva, inclusiva e accesible aquela que se realice de forma normalizada en igualdade de condicións e en calquera tipo de manifestación cultural, tanto na creación profesional como na afeccionada, no fomento do talento e na produción, acceso, recepción, consumo e gozo dos produtos e servizos culturais.
Artigo 2. Factores de risco de exclusión cultural
1. Considéranse factores de risco de exclusión cultural, para os efectos da regulación contida nesta lei, os seguintes:
a) Carecer de recursos económicos ou ter un déficit grave deles.
b) Estar en situación de desemprego.
c) Contar cunha discapacidade valorada con grao igual ou superior ao 33 por cento.
d) Ter unha situación de dependencia recoñecida.
e) Posuír a condición de muller vítima de violencia de xénero.
f) Ser unha persoa vítima de violencia doméstica.
g) Estar en situación de cargas familiares non compartidas.
h) Estar en proceso de rehabilitación social no marco dun programa de deshabituación de substancias adictivas ou de calquera outra adicción que produza efectos persoais e sociais de natureza semellante.
i) Ser inmigrante ou emigrante retornado.
j) Estar no cumprimento de pena nunha institución penitenciaria ou proceder del.
k) Estar en institucións de protección ou de reeducación de menores ou proceder delas.
l) Ser unha persoa sen fogar ou habitar nunha infravivenda.
m) Pertencer a unha minoría étnica.
n) Estar en proceso de abandono do exercicio da prostitución ou ser vítima de explotación sexo-laboral ou de trata de persoas.
o) Ter a condición de persoa transexual ou estar en proceso de reasignación sexual.
p) Pertencer a grupos de interese cultural minoritarios ou en perigo de extinción, especialmente os grupos vinculados ao patrimonio etnolóxico, material e inmaterial, en canto que garantes da conservación de determinados saberes e tradicións culturais de Galicia.
2. O territorio será considerado como un factor de risco de exclusión cultural cando supuxer unha limitación para as persoas afectadas poderen acceder a determinados servizos ou actividades no ámbito da cultura.
Artigo 3. Ámbito
1. Esta lei é aplicable ás actividades, ás manifestacións culturais, aos produtos e aos servizos, calquera que for o seu formato, desenvolvidos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia nos seguintes ámbitos:
a) Nos museos, nas coleccións museográficas e nos centros de interpretación do patrimonio cultural, regulados na Lei 7/2021, do 17 de febreiro, de museos e outros centros museísticos de Galicia.
b) Nos arquivos, regulados na Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia.
c) Nas bibliotecas, reguladas na Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia.
d) Nos espazos abertos ao público, onde se desenvolvan actividades audiovisuais, escénicas e musicais, foren fixos, móbiles e mesmo espazos abertos, tales como teatros, salas de concerto, salas de cinema, auditorios, centros culturais e outros de natureza análoga.
e) Noutros espazos de xestión, conservación e difusión do patrimonio cultural de Galicia.
2. Sen prexuízo do establecido no punto 1, a Administración autonómica de Galicia poderá impulsar, fóra do territorio da Comunidade Autónoma, accións de promoción e difusión do talento creativo e artístico galego, en particular das persoas en que concorra algún factor de risco de exclusión cultural.
3. As previsións contidas nesta lei serán aplicables aos centros culturais de titularidade estatal, como os arquivos, as bibliotecas e os museos, cuxa xestión estea transferida á Administración autonómica, sen prexuízo do previsto na normativa estatal e nos instrumentos xurídicos de transferencias, e dentro do respecto ás competencias e ás normas estatais.
Artigo 4. Principios reitores
1. Esta lei fundaméntase nos seguintes principios reitores:
a) A accesibilidade cultural: é a condición que deben cumprir os contornos, os bens, os produtos e os servizos, ben como os obxectos ou instrumentos, as ferramentas e os dispositivos vinculados coa creación, xestión, conservación, gozo, promoción e difusión da cultura, para seren comprensibles, utilizables e practicables por todas as persoas en condicións de seguranza e de comodidade e do xeito máis autónomo e natural posible.
b) O deseño cultural para todas as persoas: é aquel que, aplicado á programación e aos contidos culturais, parte dun enfoque en que se teñen en conta todas as persoas, tanto na vertente creativa ou xeradora de produtos e servizos culturais como na vertente de acceso e de consumo destes; todo isto, sen prexuízo, se for o caso, do uso de produtos de apoio e da adopción de axustes razoables.
c) A inclusión cultural: é o proceso a través do cal as persoas participan activamente, en igualdade de condicións e de forma plena, en todas as fases e ámbitos da cultura. Esta participación activa parte dun enfoque de vida independente, en que as persoas teñen poder de decisión sobre o seu achegamento á cultura, conforme o dereito ao libre desenvolvemento da súa personalidade.
d) A diversidade cultural: é o enfoque que pon en valor a participación real e efectiva de todas as persoas na cultura, en calquera das súas manifestacións, con independencia das súas condicións persoais ou sociais, temporais ou permanentes, con especial atención ás persoas en que concorra algún factor de risco de exclusión cultural.
e) A participación cultural: é o principio polo cal as administracións públicas favorecerán o diálogo constante e a participación dos colectivos culturais e das entidades representativas das persoas con dificultades de inclusión social nas iniciativas que permitan difundir o seu papel e promover a súa presenza na vida cultural.
f) A cooperación e colaboración entre a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e outras administracións públicas e entidades privadas de carácter cultural, con especial consideración das de iniciativa social.
g) A planificación de base territorial: é o principio polo cal, para os efectos dunha planificación pública adecuada en materia cultural, os poderes públicos galegos terán en conta a totalidade do territorio de Galicia e as súas características específicas, co fin de promover a igualdade real e efectiva no acceso á cultura entre todas as galegas e os galegos, con independencia do lugar onde teñan establecida a súa residencia.
2. As liñas de acción reguladas nesta lei terán un enfoque de calidade, contribuirán para o desenvolvemento sustentable e afondarán na eliminación de barreiras físicas, comunicativas, cognitivas, actitudinais ou de calquera outra índole que dificulten a consecución dos obxectivos desta lei.
3. As liñas de acción reguladas nesta lei tenderán a favorecer a sensibilización da comunidade no seu conxunto cara a un modelo social e de dereitos no ámbito cultural. Esta sensibilización permitirá avanzar cara a unha participación conxunta, isto é, non segregada nin discriminatoria, de todas as persoas en actividades culturais normalizadas e relevantes.
Artigo 5. Obxectivos
Esta lei ten os seguintes obxectivos estratéxicos:
a) Garantir a accesibilidade universal das persoas e a súa inclusión plena nos servizos e produtos culturais.
b) Promover o acceso de todas as persoas, independentemente das súas condicións persoais, sociais ou territoriais, aos recursos e servizos culturais, para o cal se facilitarán os apoios e os axustes razoables que procedan.
c) Promover a investigación, o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica e dixital para atinxir solucións que permitan mellorar a accesibilidade universal.
d) Potenciar o emprego de medios analóxicos e servizos presenciais, cando for preciso, para lles facilitar o gozo cultural ás persoas con limitada ou nula capacidade de acceso tecnolóxico.
e) Fomentar a participación activa de todas as persoas, con independencia das súas condicións persoais, sociais ou territoriais, na creación cultural profesional e afeccionada, e igualmente a súa empregabilidade nos diferentes sectores culturais.
f) Impulsar as actividades que visibilicen e promovan a creatividade e o talento das persoas con máis dificultades de inclusión social e, por tanto, cultural e artística.
g) Promover enfoques de carácter arquitectónico e funcional que avancen en materia de espazos culturais que sexan física e cognitivamente accesibles.
h) Sensibilizar a sociedade galega da necesidade dunha cultura que sexa inclusiva e accesible e dos seus beneficios a partir do recoñecemento da diversidade.
i) Promover a información, a sensibilización e a formación en materia de diversidade e de accesibilidade cultural dos traballadores e das traballadoras dos diferentes ámbitos previstos nesta lei, de maneira que poidan identificar e dar resposta a necesidades diversas.
j) Promover a formación nas tecnoloxías da información e da comunicación dos colectivos con máis dificultades de acceso e con menor coñecemento daquelas.
k) Fomentar a divulgación cultural en formatos accesibles en lingua galega.
TÍTULO II
Liñas de acción para unha cultura inclusiva e accesible en Galicia
Artigo 6. Pluralidade e universalidade culturais
1. A Administración pública autonómica fomentará a pluralidade e a diversidade nas distintas actividades e manifestacións culturais, e porá especial atención na necesidade de incluír todas as perspectivas, ben como as persoas pertencentes aos distintos colectivos.
2. Alén diso e sen esquecer o significado universal da cultura e da liberdade de creación, terá en conta os grupos que necesitan un enfoque propio sobre o coñecemento, e facilitará a achega mutua.
Artigo 7. Participación activa e autonomía profesional
Co propósito de enriquecer a creación e a difusión da cultura, a Administración pública autonómica fomentará a participación activa de carácter profesional e afeccionado das persoas en que concorra algún factor de risco de exclusión cultural, particularmente das persoas con discapacidade, nas industrias creativas e culturais galegas, con relación a todo tipo de roles e equipos de traballo.
Tamén apoiará e promoverá o talento e as capacidades destas persoas co fin de favorecer a súa autonomía profesional, creativa e artística.
Artigo 8. Deseño universal
1. As programacións culturais públicas coidarán de manter un equilibrio apropiado das actividades, pensadas e adaptadas a todo tipo de públicos e persoas asistentes, consonte os principios regulados nesta lei e tendo en conta as regras que, sobre deseño universal, establece a Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade.
Caso sexa preciso, deberán ser creados e facilitados aos públicos concernidos os recursos e as ferramentas que permitan o acceso e o gozo plenos da actividade, en igualdade de condicións que o resto de públicos.
2. A Administración pública autonómica promoverá a aplicación do equilibrio indicado no punto 1 ás programacións culturais de iniciativa privada, e tamén o emprego de recursos e ferramentas que faciliten o seu gozo a todo tipo de públicos.
Artigo 9. Fenda dixital
1. Coa finalidade de garantir que os contidos culturais cheguen a todas as persoas, especialmente a aquelas que presenten algún risco de exclusión cultural, os órganos competentes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia arbitrarán as medidas que foren necesarias para este efecto, particularmente a través do desenvolvemento de ferramentas dixitais e tecnolóxicas.
2. Alén diso, favorecerán a alfabetización dixital durante a vida das persoas, con especial atención ás necesidades daquelas con factores de risco de exclusión cultural, e promoverán as liñas de actuación que loiten contra a desinformación e contra as novas falsas a través dos medios dixitais.
3. Os órganos competentes da Administración pública autonómica promoverán as accións destinadas a executar e a fomentar a dixitalización de todo tipo de materiais e recursos do patrimonio cultural de Galicia, en especial o documental e o bibliográfico, ben como á súa posta á disposición do público en xeral para a súa consulta e difusión.
Artigo 10. Eliminación de barreiras
1. A Administración pública autonómica establecerá os medios e os procedementos para eliminar progresivamente as barreiras de carácter físico, cognitivo, comunicativo, social ou territorial que puideren limitar a participación na cultura en Galicia.
2. Poderá ser acordado o establecemento de descontos ou de gratuidade no acceso a actividades culturais de iniciativa pública autonómica para aquelas persoas en que concorran factores acreditados de exclusión por motivos socioeconómicos, nos termos que se establezan en cada caso.
Ademais, a consellaría competente en materia de cultura poderá impulsar o establecemento de mecanismos que faciliten o acceso subvencionado ás persoas a que se refire o primeiro parágrafo do punto 2 a actividades culturais de iniciativa privada
3. A valoración da natureza das actividades culturais, xuntamente coa valoración da tipoloxía dos públicos destinatarios, deberá ser considerada polos promotores para facilitaren o acceso das persoas que asistan, potenciando, se é o caso, sistemas de información e venda analóxicos para a adquisición de entradas.
4. Para xerar emprego nos sectores da cultura, a Administración pública autonómica favorecerá a participación das persoas en que concorra algún factor de risco de exclusión social e laboral.
Artigo 11. Plan de accesibilidade e de inclusión cultural
1. A consellaría competente en materia de cultura elaborará un plan de accesibilidade e de inclusión cultural no cal se detalle a situación de partida e as melloras que cómpre realizar para facilitar o acceso universal de todas as persoas e no cal se concreten as actividades e as accións que é preciso implementar para favorecer a participación de todo tipo de públicos nas actividades culturais que se realicen en Galicia. Este plan tamén incluirá medidas que impulsen a creación de produtos e servizos culturais por parte das persoas en que concorran circunstancias previstas no artigo 2.
2. Para elaborar o plan a que se refire o punto 1, a consellaría competente en materia de cultura contará coa participación das entidades, públicas e privadas, máis representativas dos intereses daquelas persoas nas cales concorra algún factor de risco de exclusión cultural. En todo caso, contará coas entidades integrantes do terceiro sector de acción social.
3. O plan será obxecto de implantación e posterior seguimento e avaliación, ao menos con periodicidade bianual, co fin de proceder á revisión e actualización, se for necesario.
Artigo 12. Fomento da creación cultural
1. A consellaría competente en materia de cultura fomentará a creación cultural en todas as súas vertentes, con especial consideración ás persoas que presenten algún factor de risco de exclusión cultural. Para o efecto, promoverá a posta en marcha de liñas de estímulo á creación que teñan en conta a diversidade social e o territorio de Galicia e que permitan conseguir unha participación maior das persoas citadas anteriormente, cando, pola súa situación, tiveren máis dificultades para participaren activamente nas actividades de creación cultural.
2. Os órganos públicos competentes impulsarán a utilización de recursos e programas culturais nas actividades das entidades e dos centros dedicados ao tratamento e á atención terapéutica e/ou asistencial das persoas. Estes recursos e programas tenderán a implicar, se for o caso, a participación activa das persoas usuarias.
Artigo 13. Participación cultural no rural
1. A estrutura territorial deberá ser tida en conta polas administracións públicas de Galicia á hora de planificaren as programacións culturais para que estas cheguen a todo o territorio, especialmente ás zonas rurais, en colaboración e diálogo coas entidades privadas e asociativas.
2. Alén diso, valoraranse as circunstancias do territorio para garantir que os servizos culturais cheguen a todos os concellos de Galicia, para o cal usarán, se é o caso, formatos móbiles ou itinerantes.
Artigo 14. Igualdade de xénero e visibilización
1. A Administración pública autonómica impulsará, nos centros e espazos culturais previstos no artigo 3, medidas e programas específicos que, por si mesmos ou no marco doutros de carácter xeral, contribúan para reducir a discriminación múltiple das mulleres con dificultades de inclusión social e cultural.
Igualmente, fomentará as medidas necesarias para paliar o déficit de produción cultural feminina e para visibilizar a pegada feminina na cultura ao longo da historia.
Para estes efectos, analizará a información cultural en materia de xénero nas distintas áreas e centros culturais.
2. Os poderes públicos incentivarán a investigación e a creación artística e cultural das mulleres e artellarán políticas de impulso á promoción, á difusión e á visibilización das súas creacións, mediante a programación de medidas acaídas e suficientes para o cumprimento destes obxectivos.
En calquera caso, o fomento da investigación e da creación artística e cultural das mulleres abranguerá a manifestación ou formulación das súas creacións, a través das diversas expresións culturais, códigos e formatos da súa elección, conforme a normativa vixente na materia.
Artigo 15. Lingua galega e accesibilidade
As administracións públicas velarán por que a aprendizaxe, a dinamización e o uso da lingua galega ao longo de toda a vida sexan plenamente accesibles, reais, efectivos e igualitarios mediante todo tipo de recursos, con especial atención aos dixitais, e dentro da diversidade comunicativa e cultural, incluídas as diversas formas de representación e a comunicación aumentativa e alternativa.
Artigo 16. Formación
1. Para desenvolver as accións formativas que poidan levar a cabo os centros, as industrias e as institucións culturais, terase en conta a necesidade de incorporar contidos que faciliten o coñecemento daqueles colectivos que, pola súa singularidade ou circunstancias, precisan adquirir habilidades comunicativas ou cognitivas de natureza especial. Para estes efectos, poderanse prever espazos colaborativos coas entidades máis representativas e significadas de cada sector. En todo caso, a formación do persoal, en particular do persoal de atención ao público, incorporará os aspectos relativos á igualdade de oportunidades, á non-discriminación e á accesibilidade universal.
2. O persoal ao servizo da Administración autonómica disporá dunha oferta formativa ampla sobre os diversos aspectos da accesibilidade e da inclusión que teña en conta a participación das persoas ou dos colectivos representativos en diferentes ámbitos da diversidade cultural.
Artigo 17. Investigación, desenvolvemento e innovación
1. A Administración pública autonómica potenciará, de acordo cos principios reitores desta lei, a investigación, o desenvolvemento e a innovación en materia de accesibilidade e de inclusión cultural, tanto de estudos e propostas metodolóxicas e de traballo como de desenvolvemento, mellora ou aplicación de recursos para a creación e o gozo cultural.
Prestará especial atención, pola súa potencialidade en materia de accesibilidade e de inclusión cultural para todas as persoas, á investigación e ao desenvolvemento e innovación mediante recursos de transformación dixital.
2. Favorecerase a realización de encontros e intercambios de boas prácticas entre entidades e institucións, incluídas as conformadas por colectivos específicos, tomando a reflexión compartida como un mecanismo de creación de coñecemento.
Artigo 18. Sensibilización e difusión
1. As actividades de sensibilización e de difusión en materia de accesibilidade e de inclusión cultural serán especialmente atendidas e impulsadas polas administracións públicas de Galicia. Para iso, no marco dos procedementos establecidos legalmente, poderán promover campañas, eventos e outras accións de impacto que permitan unha conciencia social maior sobre a diversidade e a inclusión cultural.
2. Para visibilizaren a accesibilidade á cultura, as entidades que promovan actividades culturais difundirán, polos medios adecuados ao seu dispor, tanto dixitais como analóxicos, as programacións culturais, con indicación expresa de todos os detalles relevantes destas, en especial os que afecten colectivos con factores de risco de exclusión cultural. Ademais, favorecerase a creación e difusión de axendas culturais compartidas e plenamente accesibles.
Artigo 19. Cooperación e colaboración
1. No exercicio das súas competencias, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia promoverá, no marco da normativa aplicable, a cooperación e a colaboración con outras administracións públicas, ben como con entidades de dereito privado, para desenvolver medidas que contribúan para facilitar o acceso á cultura das persoas en que concorra algún factor de risco de exclusión cultural.
2. Igualmente, fomentará a colaboración con entidades representativas das persoas a que se refire o punto 1, e tamén cos colexios profesionais.
Artigo 20. Participación social
Promoverase a participación do terceiro sector de acción social nas iniciativas públicas autonómicas nas cales for conveniente integrar o seu coñecemento, co fin de cubrir as necesidades de participación e de acceso cultural específicas de colectivos concretos aos que representan e garantir unha cohesión social maior.
Artigo 21. Acción de fomento
A Administración autonómica establecerá liñas de axuda para subvencionar a adaptación dos espazos culturais, a implantación de dispositivos e sistemas para o gozo accesible e inclusivo da cultura, ben como a creación de produtos culturais inclusivos e accesibles.
Artigo 22. Observatorio da Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia
1. Crearase o Observatorio da Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia, como órgano colexiado de asesoramento e de participación institucional que dependerá da consellaría con competencias en materia de cultura, coa participación doutros órganos da Xunta de Galicia que se determinen regulamentariamente, en particular do competente en materia de política social, así como doutras administracións públicas, de entidades privadas do tecido asociativo cultural e das industrias culturais.
2. Serán obxectivos do Observatorio da Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia a observancia e o seguimento do cumprimento desta norma, a análise e avaliación das necesidades, a participación institucional e a emisión de propostas de actuación en materia de inclusión e de accesibilidade no conxunto de ámbitos da cultura de Galicia.
Disposición adicional única. Elaboración do plan de accesibilidade e de inclusión cultural
No prazo de dous anos desde a entrada en vigor da lei, a consellaría competente en materia de cultura proporá ao Consello da Xunta de Galicia a aprobación dun plan de accesibilidade e de inclusión cultural, tendo en conta as previsións contidas no artigo 11.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao previsto nesta lei.
Disposición derradeira primeira. Prazo para crear o Observatorio da Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia
No prazo de dous anos desde a entrada en vigor desta lei, desenvolverase a normativa necesaria para crear o Observatorio da Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia.
Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento normativo
Autorízase o Consello da Xunta de Galicia para ditar cantas disposicións foren necesarias para executar e desenvolver o disposto nesta lei.
Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor
Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, cinco de decembro de dous mil vinte e catro
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
