O 26.11.2024 ditouse o acordo de inicio do procedemento para a extinción de oficio das autorizacións de instalación e localización en establecementos de restauración e de ocio e entretemento que non tivesen máquina instalada no período previsto na disposición transitoria sétima da Lei 3/2023, do 4 de xullo, reguladora dos xogos de Galicia.
Segundo o previsto na devandita disposición transitoria, as empresas operadoras e comercializadoras dispoñían dun período dun ano (6.10.2023 a 6.10.2024) para instalar as máquinas auxiliares de apostas e as de xogo tipo B nos establecementos de restauración e de ocio e entretemento.
No dito acordo disponse que, en cumprimento do recollido na referida disposición e rematado o prazo dun ano establecido nela, procede iniciar o referido procedemento de extinción de oficio co fin de dar cumprimento á previsión de que, en ningún caso, o número de autorizacións de instalación e localización dunha mesma empresa poida ser superior ao número de autorizacións de explotación que a dita empresa teña concedidas.
Logo de comprobar os datos existentes na Subdirección Xeral de Xogo, obtívose a listaxe de autorizacións de instalación e localización que non tiveron máquina instalada nalgún momento no período previsto na disposición transitoria sétima da norma. A relación das ditas autorizacións incorpórase ao referido acordo como anexo I (Apostas) e anexo II (Xogo Tipo B).
Asemade, acórdase iniciar un trámite de audiencia para que, no prazo de 10 días contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, as persoas interesadas poidan presentar as alegacións ou achegar os documentos que xulguen pertinentes en relación coas autorizacións de instalación e localización que se relacionan nos anexos I e II do dito acordo, consonte o previsto no artigo 82 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, previo á resolución que se dite.
Co fin de axilizar e simplificar o procedemento, as alegacións que, de ser o caso, se formulen deberán presentarse na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) a través dun formulario PR004A-Presentación electrónica de solicitudes, indicando no destino a Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro. No caso de que unha entidade queira presentar alegacións en relación con máis dunha autorización de instalación e localización, deberá agrupalas en función da provincia en que se atope situado o correspondente establecemento. Desta forma, cada empresa poderá formular nun único escrito as alegacións que se refiran a establecementos de cada provincia, podendo presentar tantos escritos como ámbitos provinciais puidesen resultar afectados.
Unha vez valoradas as alegacións que, de ser caso, se presenten, ditarase resolución pola que se declararán extinguidas de oficio as correspondentes autorizacións de instalación e localización.
A relación de autorizacións de instalación e localización susceptibles de extinción por non ter máquina instalada nalgún momento no período transitorio previsto (anexo I (Apostas) e anexo II (Xogo Tipo B) do referido acordo), pode consultarse no seguinte enlace do portal web corporativo: https://www.conselleriadefacenda.gal/areas-tematicas/xogo/informacion-para-empresas-de-xogo/procedemento-de-extincion-de-oficio.
Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2024
David Cabañó Fernández
Secretario xeral técnico e do Tesouro
da Consellería de Facenda e Administración Pública
