BDNS (Identif.): 801551.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas:
a) As empresas vitivinícolas que no momento da solicitude produzan ou comercialicen os produtos recollidos no anexo VII, parte II, do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, ou que, como consecuencia da execución da operación obxecto da solicitude de axuda, comecen esa produción ou comercialización. As empresas deberán estar constituídas con anterioridade á data de presentación da solicitude.
b) As organizacións de produtores vitivinícolas recoñecidas conforme o artigo 152 do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e as súas asociacións.
c) As asociacións de dous ou máis produtores, con personalidade xurídica, dos produtos mencionados no anexo VII, parte II, do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013. As asociacións deberán estar constituídas con anterioridade á data de presentación da solicitude.
d) As organizacións interprofesionais.
e) As organizacións profesionais.
Segundo. Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas para a execución de medidas de investimentos no sector vitivinícola en Galicia establecidas na intervención sectorial vitivinícola (ISV) no marco do Plan estratéxico nacional da política agrícola común (PAC) do Reino de España 2023-2027, aprobado pola Comisión Europea mediante Decisión de execución do 31 de agosto de 2022, e convocar as correspondentes ao exercicio orzamentario de 2025.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 29 de novembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2025 (código de procedemento MR361A).
Cuarto. Importe
Para a concesión das axudas convocadas destinarase un crédito máximo total de 11.446.000 € dos orzamentos de 2025, 2026 e 2027. Este importe poderase incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria comeza o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e remata o 31 de xaneiro de 2025.
Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2024
María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural
