DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Luns, 16 de decembro de 2024 Páx. 65600

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

DECRETO 193/2024, do 25 de novembro, polo que se aproba o Plan de xestión do monumento natural da Carballa da Rocha, no concello de Rairiz de Veiga (Ourense).

Os monumentos naturais son unha categoría de espazo natural protexido definida a nivel estatal na Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade (BOE núm. 299, do 14.12.2007), como «espazos ou elementos da natureza constituídos por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza que merecen ser obxecto dunha protección especial», na cal se inclúen tamén «as árbores senlleiras e monumentais, as formacións xeolóxicas, os xacementos paleontolóxicos e mineralóxicos, os estratotipos e os demais elementos da xea que reúnan un interese especial pola singularidade ou importancia dos seus valores científicos, culturais ou paisaxísticos».

A Constitución española (BOE núm. 311, do 29.12.1978), no seu artigo 149.1.23º, establece a competencia exclusiva do Estado para establecer a lexislación básica sobre protección do ambiente, sen prexuízo das facultades das comunidades autónomas de estableceren normas adicionais de protección. Asúmense estas competencias en materia de protección do ambiente e da paisaxe no artigo 27.30 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado mediante a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril (BOE núm. 101, do 28.4.1981). Así mesmo, a Lei 42/2007, do 13 de decembro, establece, no seu artigo 37, que, cando os espazos protexidos estean dentro do ámbito territorial dunha comunidade autónoma, lle corresponde a ela a declaración e a determinación da fórmula de xestión.

Dentro deste marco legal publícase no Diario Oficial de Galicia o Decreto 45/2007, do 1 de marzo (DOG núm. 59, do 23.3.2007), polo que se declara monumento natural A Carballa da Rocha, situada no concello de Rairiz de Veiga. Neste decreto recóllese unha serie de actividades prohibidas por non resultaren compatibles coa conservación dos valores naturais do espazo.

A nivel autonómico, a Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia (DOG núm. 149, do 7.8.2019), ten por obxecto «establecer o réxime xurídico da conservación, do uso sustentable, da mellora e da restauración do patrimonio natural, da biodiversidade e da xeodiversidade, aplicable no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia». O seu artigo 22 enumera oito categorías de espazos naturais protexidos, das cales unha delas é a de monumento natural definida no artigo 25, de forma moi similar á lei estatal, como «espazos ou elementos da natureza constituídos basicamente por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza que merecen ser obxecto dunha protección especial. Considéranse tamén monumentos naturais as árbores senlleiras e monumentais, as formacións xeolóxicas, os xacementos paleontolóxicos e mineralóxicos, os estratotipos e os demais elementos da xea que reúnan un interese especial pola singularidade ou a importancia dos seus valores científicos, culturais ou paisaxísticos».

O artigo 49 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, define catro tipos de instrumentos de planificación dos recursos e dos espazos naturais protexidos: plans de ordenación dos recursos naturais, plans reitores de uso e xestión, plans de xestión e normas de xestión e de conservación. Á figura de monumento natural correspóndelle a aprobación dun plan de xestión.

En canto ao procedemento de elaboración do decreto, a memoria preliminar do plan de xestión someteuse a participación pública mediante o Anuncio do 11 de xullo de 2023, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural (DOG núm. 137, do 19.7.2023). Con este anuncio dáse cumprimento ao establecido no artigo 16 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, polo que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente, e no artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Neste trámite non se recibiu ningunha alegación.

O proxecto normativo someteuse ao trámite de información pública en virtude do establecido no artigo 40.5 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, no artigo 133 da Lei 39/2015, do1 de outubro, así como no artigo 9 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. O día 27 de xuño de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 124 o Anuncio do 14 de xuño de 2024, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se somete a información pública e audiencia o proxecto de decreto polo que se aproba o Plan de xestión do monumento natural da Carballa da Rocha. Durante este trámite non foron recibidas alegacións.

Así mesmo, solicítase informe de distintos organismos dependentes da Xunta de Galicia, así como da Administración estatal e municipal, e sométese a audiencia das entidades interesadas. En total foron enviadas 11 solicitudes de informe e 33 solicitudes de audiencia, das cales unicamente presentaron informes ou suxestións 6 entidades.

Analizáronse todas elas e incorporáronse ao proxecto de decreto aquelas que se consideraron adecuadas en relación coa lexislación estatal básica e autonómica en materia de conservación do patrimonio natural.

A continuación, someteuse a informe do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentable, que foi aprobado o día 15 de novembro de 2024.

Polo exposto e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e a súa Presidencia, por proposta da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do vinte e cinco de novembro de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación do Plan

1. Apróbase o Plan de xestión do monumento natural da Carballa da Rocha de acordo coa Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.

2. No anexo I deste decreto recóllese o dito plan de xestión no cal se establece a delimitación do ámbito de protección do monumento, a identificación dos valores clave de conservación e as posibles presións e ameazas, así como a normativa e o plan de actuacións.

3. A consellería con competencias en materia de conservación do patrimonio natural deberá garantir o acceso permanente na súa páxina web e no portal de información xeográfica de Galicia á información contida no plan de xestión, incluída a cartografía, e manter actualizada a dita información cando se produzan modificacións ou revisións.

4. O réxime sancionador aplicable será o establecido no título VI, Das infraccións e sancións, da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade e, con carácter complementario, no título IV, Das infraccións e sancións, da Lei 5/2019, do 2 de agosto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Habilítase a persoa titular da consellería con competencias en materia de conservación do patrimonio natural para aprobar mediante orde, no ámbito das súas competencias, as disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

As ditas ordes respectarán o establecido no título III da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente.

Disposición derradeira segunda. Vixencia

As medidas de conservación e xestión terán unha vixencia indefinida, sen prexuízo da posible actualización conforme o estado da ciencia e da técnica, e sen prexuízo da aplicación das medidas de seguimento que correspondan.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de novembro de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático

ANEXO I

Plan de xestión do monumento natural da Carballa da Rocha

Índice

I. Introdución.

II. Delimitación do ámbito de protección.

III. Identificación dos valores que se protexen, estado de conservación e posibles riscos que poidan afectar os valores naturais.

IV. Plans e normativa sectorial.

Planificación urbanística.

– Paisaxe.

– Montes.

– Augas e ciclo hídrico.

– Patrimonio cultural.

– Avaliación ambiental.

– Caza e pesca fluvial.

– Cambio climático e conectividade ecolóxica.

– Especies invasoras.

V. Descrición das principais características do espazo.

Medio físico.

– Climatoloxía.

– Xeoloxía.

– Edafoloxía.

– Hidroloxía.

– Medio biótico.

– Vexetación.

– Fungos e liques.

– Fauna.

– Áreas de protección de especies.

– Paisaxe.

– Outros espazos protexidos da contorna.

– Coberturas e usos do solo.

– Infraestruturas de uso público e vías de acceso.

– Socioeconomía.

– Patrimonio cultural.

– Identificación de presións e ameazas.

– Incendios forestais.

– Pragas e enfermidades forestais.

– Presenza de especies exóticas invasoras.

– Cambio climático.

– Risco de inundación.

– Vertedoiro incontrolado: restos de poda.

VI. Estudo da conectividade ecolóxica.

VII. Estudo da capacidade de carga.

Título I. Obxectivos.

Título II. Zonificación.

Título III. Directrices e normas.

Título IV. Programa de actuacións.

Título V. Seguimento e avaliación.

I. Introdución.

A Carballa da Rocha é un fermoso exemplar de Quercus robur L. de notables dimensións, que se atopa na parroquia da Saínza, no concello de Rairiz de Veiga, na comarca da Limia (Ourense). A denominación en feminino da árbore, A Carballa, resérvase no galego para aqueles carballos vellos de toro moi voluminoso. O seu nome, sen necesidade de contemplar a árbore, é indicativo da singularidade do exemplar.

A Carballa constitúe un emblema para o concello de Rairiz de Veiga, e mesmo figura no seu escudo.

Atendendo tanto á singularidade da árbore como á contorna en que está, o 23 de marzo de 2007 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 59 o Decreto 45/2007, do 1 de marzo, polo que se declara monumento natural A Carballa da Rocha, no concello de Rairiz da Veiga, por ser merecedor dunha protección especial.

Ademais, o seu porte, dendrometría, idade, estética e o contexto histórico e cultural que a acompañan fixeron que fose declarada árbore senlleira mediante o Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo galego de árbores senlleiras, co código identificativo 81A.

Segundo o artigo 25 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, os monumentos naturais son espazos ou elementos da natureza constituídos basicamente por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza, que merecen ser obxecto dunha protección especial.

De xeito moi similar, o artigo 32 da Lei 42/2007, do 13 de decembro define os monumentos naturais como espazos ou elementos da natureza constituídos basicamente por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza, que merecen ser obxecto dunha protección especial.

Ambas as leis puntualizan, ademais, que as árbores senlleiras e monumentais poderán ser consideradas como monumentos naturais (artigo 25.2. da Lei 5/2019, do 2 de agosto, e artigo 34.2. da Lei 42/2007, do 13 de decembro).

Tal como se indica no decreto de declaración como monumento natural, A Carballa da Rocha eríxese nunha formación arbórea de notoria singularidade e beleza, e presenta interese científico, cultural e paisaxístico. O monumento está conformado pola propia árbore máis a súa contorna, a cal abrangue unha superficie total de 0,64 ha, en que se atopan, ademais, outros carballos de características similares.

A protección da zona baixo a figura de monumento natural implica a necesidade de contar cun plan de xestión, instrumento recollido no artigo 59 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, para este tipo de espazo natural protexido competencia da Comunidade Autónoma de Galicia. Este plan establece o réxime de usos e actividades permisibles, as limitacións consideradas necesarias para a súa conservación e as medidas para a conservación dos hábitats e especies presentes.

Segundo o artigo 61 da mesma lei, correspóndelle a tramitación dese plan de xestión á consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural e a súa aprobación realízase consonte o disposto nos artigos 40 e 41.

Estes dous artigos prevén a tramitación conxunta da declaración do espazo natural protexido máis o instrumento de planificación, aínda que este espazo xa foi declarado monumento natural mediante o Decreto 45/2007, do 1 de marzo.

A disposición transitoria segunda da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, recolle que a tramitación dos plans de xestión de espazos declarados ao abeiro da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, que carezan dos citados instrumentos de planificación e que non teñan iniciado a súa tramitación con anterioridade á data de entrada en vigor desta lei, se realizará tras o acordo de inicio da persoa titular da consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural, mediante o procedemento sinalado no artigo 40.5 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, e os contidos dos instrumentos de planificación axustaranse ao previsto no artigo 60.1. O instrumento de planificación será aprobado mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia.

Finalmente, o Decreto 67/2007, do 22 de marzo, establece que, cando as árbores ou formacións senlleiras se atopen dentro de espazos naturais protexidos, os plans de conservación recollerán as medidas necesarias para a preservación destes elementos senlleiros.

Con base no diagnóstico da situación actual do espazo, identifícanse as principais problemáticas, riscos e ameazas, establécense as directrices e normas destinadas á preservación dos valores naturais que motivaron a declaración do monumento e, ademais, inclúense as actuacións previstas para garantir a súa conservación.

II. Delimitación do ámbito de protección.

O monumento natural da Carballa da Rocha está constituído polas parcelas catastrais co número 93, 96, 97, 98, 99 e 437 do polígono número 86 do termo municipal de Rairiz de Veiga, que suman unha superficie total de 0,64 ha. O ámbito territorial do monumento é a bacía do río Limia, antigamente ocupada pola lagoa de Antela.

O lugar concreto en que se atopa A Carballa, en coordenadas en proxección UTM, é: fuso 29T, 596.643,68/4.658.222,10.

O polígono resultante da unión das parcelas que comprende o monumento está definido polos seguintes vértices, tamén en proxección UTM, fuso 29T:

Táboa I: Coordenadas dos vértices do polígono que conforma o monumento natural.

596.686,86/4.658.266,01

596.647,68/4.658.165,14

596.611,76/4.658.230,51

596.658,24/4.658.163,12

596.615,79/4.658.216,89

596.710,48/4.658.197,58

596.610,09/4.658.213,49

596.691,51/4.658.235,65

596.638,37/4.658.161,46

O espazo protexido encádrase entre os núcleos poboacionais da Saínza de Abaixo e A Saínza de Arriba, a uns 1,3 km do centro de Rairiz de Veiga.

Desde o punto de vista da xestión, recoñecidas as relacións existentes entre o interior dos espazos naturais e a súa contorna externa, non se exclúe a posibilidade de formular propostas máis alá dos seus límites sempre que sexa necesario para a ordenación e xestión de usos e actividades, sobre todo do uso público. En calquera caso, este ámbito só será de aplicación para o desenvolvemento de programas, equipamentos, ofertas de servizos ou actividades de xestión, pero nunca para a aplicación dunha normativa fóra do espazo protexido.

III. Identificación dos valores que protexen, estado de conservación e posibles riscos que poidan afectar os valores naturais.

Descrición e estado xeral de conservación do monumento natural.

A Carballa da Rocha é o individuo máis espléndido dunha masa boscosa integrada nun conxunto de prados e sebes de gran valor e diversidade florística. Presenta un fuste impresionante, cunha circunferencia normal do tronco de 6,25 m e unha circunferencia basal de 12,30 m. O tronco divídese simpodicamente á altura de 6,3 m en dúas grandes pólas e acada unha altura de ramificación de 4,6 m. Este exemplar ten a excepcional altura de 31,3 m. O diámetro da súa copa é de 27,05 m (26,60 x 27,50 m) e a súa superficie é de 574,38 m2. Ten unha idade estimada de entre 250 e 500 anos.

Tanto A Carballa como algunhas das árbores que a acompañan eríxense sobre montículos de terra. Aos pés delas obsérvanse plantóns de xuvenís brotados das landras destas árbores centenarias. Tamén se observan brotes novos de acivro. O resto da superficie do monumento está ocupada por un prado aproveitado, ata un pasado relativamente recente, para pastoreo de vacún de escasa carga.

A paisaxe da contorna está dominada por terreos dedicados á agrogandaría tradicional alternados con masas forestais, que xera un ecosistema en mosaico de sebes e prados de gran biodiversidade.

En xeral, tanto A Carballa como as árbores que a acompañan están en bo estado de saúde. Presentan puntualmente pequenos sinais de podremia e desprendementos de pólas, ademais de póliñas secas, pero sen feridas. Os pés das árbores están cubertos por abundante musgo. O chan ao redor da base da Carballa mostra unha grande erosión que afecta a parte máis superficial do sistema radical.

No caso concreto da Carballa, a veciñanza máis lonxeva conta que sufriu unha demouca alá polo ano 1950, da cal se recuperou adecuadamente. As pólas eran de tal calibre e contaban con tales dimensións que caían cara ao chan, formando unha enorme bóveda verde que acollía familias enteiras que, durante a romaría da Saínza, acudían comer baixo a súa sombra. Contan, ademais, que a poda e a corta desas pólas requiriu o esforzo de dous homes durante dous días, e xuntáronse máis de 20 carros de leña. Así mesmo, coñécese que fai anos A Carballa sufriu as queimaduras producidas pola caída dun raio, aínda que non se puido precisar en que ano tivo lugar.

Por outra banda, o feito de medrar sobre un montículo de terra, íllaa en certa maneira do asolagamento leve que sofre o terreo en épocas de choivas intensas. Aínda así, nos anos máis húmidos vese atacada polo oídio.

Conxunto arbóreo acompañante da Carballa da Rocha.

A Carballa da Rocha está acompañada doutras 36 árbores illadas ou que forman pequenos conxuntos. A continuación enuméranse aquelas de porte significativo e cuxos troncos están dentro dos lindes, entre as que se contabilizan ata 8 especies diferentes: os propios carballos, especie maioritaria no conxunto e cuxos pés alcanzan as maiores dimensións que alí se observan, ameneiros, bidueiros, así como un único exemplar de castiñeiro, pereira brava, freixo e salgueiro. Estas acompáñanse de acivros que acadan porte arbórea e forman bosquetes en distintos puntos do monumento.

As medidas das circunferencias dos troncos a altura normal (a existente a 1,30 m de altura) dá idea da grandiosidade das dimensións da Carballa, que contan con 625 cm de perímetro. A seguinte árbore de maior porte é outro carballo cunha circunferencia de 383 cm.

Táboa II: lista das árbores presentes no monumento. Especifícanse especies, características da formación e circunferencia (en centímetros) do tronco medido a 1,30 m de altitude (ou altura normal).

Núm.

Especie

Observacións

Circunf.

Núm.

Especie

Observacións

Circunf.

1

Quercus robur

Árbore illada

320

19

Quercus robur

Árbore illada

383

2

Quercus robur

Árbore illada

250

20

Quercus robur

Árbore illada

277

3

Quercus robur

Árbore illada

210

21

Quercus robur

Árbore illada

362

4

Quercus robur

Árbore illada

287

22

Quercus robur

Árbore illada

258

5

Quercus robur

Árbore illada

330

23

Quercus robur

Árbore illada

300

6

Quercus robur

Árbore illada

246

24

Quercus robur

Árbore illada

270

7

Quercus robur

Árbore illada

200

25

Quercus robur

Árbore illada

242

8

Quercus robur

Árbore illada

210

26

Quercus robur

Árbore illada

383

9

Quercus robur

Árbore illada

253

27

Salix atrocinerea

Árbore illada

53

10

Quercus robur

Árbore illada

274

28

Betula sp.

Árbore illada

190

11

Quercus robur

Árbore illada

169

29

Betula sp.

Bosquete

130

12

Quercus robur

Árbore illada

290

30

Betula sp.

Árbore illada

135

13

Quercus robur

Árbore illada

255

31

Alnus lusitanica

Árbore illada

130

14

Quercus robur

Árbore illada

250

32

Alnus lusitanica

3 exemplares xuntas

130

15

Quercus robur

Árbore illada

244

33

Alnus lusitanica

Árbore illada

150

16

Quercus robur

Árbore illada

270

34

Pirus cordata

Árbore illada

56

17

Quercus robur

2 exemplares xuntos

164

35

Castanea sativa

Árbore illada

30

18

Quercus robur

Árbore illada

330

36

Fraxinus angustifolia

Árbore illada

157

– Distribución e propiedade dos terreos.

O monumento natural está conformado polas seguintes parcelas catastrais:

Táboa III: lista de parcelas catastrais.

Núm. parcela

Núm. polígono

Ref. catastral

Localización

Superficie (m2)

Tipo de solo e uso principal

93

86

32068A086000930000PY

Detrás da Sesteira

229 m2

Rústico/agrario

96

32068A086000960000PP

A Touza

429 m2

97

32068A086000970000PL

Touza da Rocha

4.834 m2

98

32068A086000980000PT

Toxa

309 m2

99

32068A086000980000PT

A Touza

341 m2

437

32068A086004370000PW

A Touza

286 m2

Tal e como figura no decreto de declaración do monumento, a titularidade das parcelas é privada.

IV. Plans e normativa sectorial de aplicación.

De acordo co establecido no artigo 50 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, os instrumentos de planificación dos recursos e dos espazos naturais son obrigatorios e executivos nas materias reguladas na lei, prevalecen sobre calquera outro instrumento de ordenación territorial, urbanístico, dos recursos naturais ou físicos, incluso sobre os preexistentes, que deberán adaptarse a eles, e as súas disposicións constitúen un límite para tales instrumentos de ordenación. Ademais, as súas previsións son determinantes para calquera outra actuación, plan ou programa sectorial.

As actuacións, plans ou programas sectoriais tan só poderán contradicir ou non acollerse ao contido nestes plans por razóns imperiosas de interese público de primeira orde, que deberán ser acordados polo Consello da Xunta de Galicia e publicadas no Diario Oficial de Galicia.

A normativa que afecta o monumento natural é a que segue:

Planificación urbanística.

• Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (DOG núm. 34, do 19.2.2016).

A Lei do solo ten como obxecto a protección e ordenación urbanística de Galicia.

Aposta pola protección territorial e, en particular, pola defensa e respecto do solo rústico, xa sexa pola afectación ao dominio público ou pola presenza de valores merecentes de especial salvagarda, sempre tendo en conta a dimensión do solo rústico como solo produtivo e útil que debe ser recollido e potenciado.

Así, no seu artigo 34 esta lei establece que a planificación clasificará como solo rústico de especial protección os terreos afectados polas lexislacións sectoriais de protección dos valores agrícolas, gandeiros, forestais, paisaxísticos, ambientais, naturais ou culturais. Na súa alínea f), a lei define o solo rústico de protección de espazos naturais como aquel constituído polos terreos incluídos na Rede galega de espazos protexidos, nas áreas de presenza e áreas críticas definidas nos plans de recuperación ou plans de conservación de especies ameazadas e naquelas outras zonas para as cales así se determine expresamente nalgún dos instrumentos de planificación recollidos na Lei 5/2019, do 2 de agosto.

Nos solos rústicos de especial protección precisarase autorización ou informe favorable do órgano que teña a competencia sectorial correspondente, con carácter previo á obtención do título habilitante municipal ou autorización autonómica.

• Plan xeral de ordenación municipal (en diante, PXOM) do concello de Rairiz de Veiga.

O PXOM foi aprobado definitivamente mediante a Orde do 23 de setembro de 2010 sobre a aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Rairiz de Veiga (Ourense) (DOG núm. 192, do 5.10.2010).

O Concello de Rairiz de Veiga clasifica o solo onde se localiza este espazo protexido como solo rústico de especial protección de espazos naturais e o da súa contorna máis inmediata como solo de núcleo rural tradicional.

A Carballa da Rocha atópase recollida no Catálogo de bens culturais do PXOM de Rairiz de Veiga (núm. de ficha S_001), na tipoloxía de carballeiras, cun nivel de protección integral.

O Catálogo establece unha serie de clases de elementos e define os espazos como «aquela parte do territorio construído desprovisto de edificación e/ou construcións que ten valor de seu na conformación da paisaxe urbana e rural, tal como: camiños históricos, curros, alamedas, prazas, adros parroquiais, xardíns históricos ou espazos agrarios singulares, e outros elementos análogos». Tamén establece o ámbito de interese do ben que, neste caso, identifica como local: cando o ben catalogado ten un interese ou relevancia que non supera o ámbito municipal. Asígnalle o nivel de protección integral, o maior grao de protección con que pode contar un ben cultural material, en función da súa inclusión nun Catálogo de bens culturais anexo a un PXOM.

A normativa do PXOM establece no artigo 7, Protección do arboredo, do punto 9, Catálogo do patrimonio cultural e arqueolóxico, que «As árbores existentes de porte significativo nos espazos libres –públicos ou privados– nas parcelas dos bens protexidos, nos contornos de protección dos bens ou nas marxes dos camiños tradicionais, deberán conservarse e protexerse. As podas serán acordes co perfil característico da especie».

– Paisaxe.

• Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia (DOG núm. 139, do 18 de xullo).

Esta lei ten como obxecto o recoñecemento xurídico e a protección e xestión da paisaxe de Galicia co fin de preservar todos os elementos que a configuran.

No seu artigo 8 esta lei establece que os instrumentos para asegurar unha idónea protección, xestión e ordenación das paisaxes de Galicia son:

– Catálogos da paisaxe de Galicia.

– Directrices da paisaxe.

– Estudos de impacto e integración paisaxística.

– Plans de acción da paisaxe.

Os catálogos das paisaxes son os documentos de referencia nas distintas áreas xeográficas, morfolóxicas, urbanas e de litoral que poderán identificar determinadas zonas como áreas de interese paisaxístico en atención aos seus valores naturais e culturais. O Catálogo das paisaxes de Galicia foi aprobado mediante o Decreto 119/2016, do 28 de xullo.

As directrices da paisaxe son determinacións baseadas nos catálogos da paisaxe que permiten acadar uns determinados obxectivos de calidade paisaxística. Estas directrices foron aprobadas mediante o Decreto 238/2020, do 29 de decembro, e nelas, ademais dos obxectivos de calidade paisaxística, establécense medidas e accións para acadar os ditos obxectivos e normas, así como recomendacións para os plans urbanísticos e sectoriais. Con esta base, a directriz xeral 13 establece normas relativas á planificación e xestión de espazos naturais.

Os estudos de impacto e integración paisaxística son análises das afectacións sobre a paisaxe que se incorporan nos procedementos de avaliación de impacto ambiental.

Por último, os plans de acción da paisaxe elabóranse para a protección, xestión e ordenación da paisaxe en territorios declarados como espazos naturais protexidos segundo o disposto na normativa galega vixente en materia de patrimonio natural, así como nas áreas de especial interese paisaxístico identificadas nos catálogos das paisaxes. Estes plans de acción axustaranse ás determinacións contidas nas directrices de paisaxe.

– Montes.

• Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Entre os obxectivos que figuran nesta lei atópase a xestión sustentable do monte e a conservación, protección e restauración de ecosistemas forestais e da biodiversidade, así como a integración na política forestal dos obxectivos de acción internacional sobre protección do ambiente, especialmente en materia de desertificación, cambio climático e biodiversidade.

Esta lei establece, como instrumento básico de planificación forestal, o Plan forestal de Galicia. Este plan conta cunha primeira revisión aprobada mediante o Decreto 140/2021, do 30 de setembro, polo que se aproba a primeira revisión do Plan forestal de Galicia 2021-2040, Cara á neutralidade carbónica (DOG núm. 205, do 25.10.2021).

O artigo 74 da lei dispón que a Administración forestal elaborará os plans de ordenación dos recursos forestais preferentemente para cada distrito forestal. O contido destes plans terá que coordinarse cos correspondentes plans de prevención e defensa contra incendios forestais de distrito. Estes plans de ordenación dos recursos forestais poderán establecer limitacións ou prohibicións de plantación de determinadas especies forestais.

Así mesmo, o artigo 77 indica que os montes particulares cunha superficie maior a 25 ha deben dotarse dun proxecto de ordenación ou, no caso de que a superficie sexa inferior, dun documento simple de xestión ou a expresa adhesión a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas orientativos. No caso de estaren obrigadas a dotarse dun documento simple de xestión poderán, facultativamente, optar por dotarse dun proxecto de ordenación forestal.

O artigo 84 expón que os aproveitamentos dos recursos forestais (a madeira, a biomasa forestal, os pastos, os aproveitamentos cinexéticos, os cogomelos, os froitos, as cortizas, as resinas, as plantas aromáticas e medicinais e os produtos apícolas) e os servizos e actividades (actividades sociorrecreativas, sexan turísticas, culturais ou deportivas, a paisaxe, a protección dos recursos hídricos e do solo e a cultura forestal) non precisan de autorización previa sempre que estean previstos no instrumento de ordenación ou xestión aprobado pola Administración forestal. Neste caso será suficiente cunha declaración responsable previa ao inicio.

No seu artigo 92 establece a autorización única para a realización de aproveitamentos madeireiros que, segundo a lexislación sectorial de aplicación, exixan autorización administrativa de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia. Esta autorización concédea o órgano forestal competente, logo do informe preceptivo dos órganos ou organismos sectoriais.

Este mesmo artigo 92 faculta as consellerías competentes para aprobaren, mediante orde, os pregos coas condicións sectoriais a que se deberán suxeitar os aproveitamentos madeireiros das especies recollidas na disposición adicional terceira da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais, nos terreos forestais que formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección e nos terreos forestais afectados por algunha lexislación de protección do dominio público. En consonancia con isto, a aprobación dos citados pregos permitirá substituír a exixencia de autorización administrativa por unha declaración responsable e eliminará a necesidade de obter informe previo do órgano sectorial competente.

Aínda que mediante a Orde do 25 de marzo de 2020, conxunta da Consellería do Medio Rural, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, pola que se aproban os pregos de condicións aos cales se deberán suxeitar os aproveitamentos madeireiros das especies recollidas na disposición adicional terceira da Lei 3/2007, do 9 de abril, en terreos suxeitos a algún réxime de protección ou afectados pola lexislación de protección do dominio público, aprobáronse os condicionantes para as cortas en determinados espazos protexidos, esta orde non resulta de aplicación no caso dos monumentos naturais, en que deberá solicitarse autorización en todos os casos.

En relación coa celebración de actos e actividades sociorrecreativas e deportivas no monte, incluíndo as deportivas de motor, que impliquen unha afluencia de público indeterminada ou extraordinaria, e todas as actividades relacionadas con tránsito motorizado, a súa regulación desenvolverase mediante orde, e estará suxeita ao disposto no seu instrumento de planificación, ordenación ou xestión forestal. No caso de ausencia deste, a persoa promotora solicitará autorización da Administración forestal, no caso de actividades de motor, probas deportivas federadas con afluencia de público ou con participación de gran número de persoas.

Non obstante, para actividades organizadas de lecer en grupos reducidos, tales como paseo, sendeirismo, uso de vehículos sen motor ou actividades de observación da natureza, será suficiente coa presentación por parte da persoa promotora dunha declaración responsable. Nos montes incluídos na Rede de espazos naturais protexidos, como é o caso, así como na celebración de actos relacionados coa caza ou pesca fluvial, as autorizacións serán emitidas polo órgano competente en materia de conservación do patrimonio natural e será suficiente a presentación dunha comunicación ante o órgano forestal.

• Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Esta lei busca a defensa dos montes e terreos forestais fronte aos incendios, así como protexer as persoas e bens que poidan verse afectados. As políticas e medidas de defensa dos terreos forestais establécense a través de plans de prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia que se desenvolverán a través de plans en cada distrito forestal. Se o plan afecta espazos protexidos debe contar cun informe previo da consellería competente en materia de ambiente para os efectos de adecuar as súas previsións aos plans de ordenación dos recursos naturais.

A nivel municipal establécese que son os concellos os encargados de elaborar os plans de prevención e defensa municipal que estarán integrados nos plans de emerxencia municipais, así como a execución das obras necesarias para manter e conservar o solo e a biomasa nas condicións precisas para evitar incendios.

O artigo 31 da Lei 3/2007, do 9 de abril, recolle unha serie de limitacións de acceso, circulación e permanencia por razóns de risco de incendios (coas súas excepcións) para as épocas de alto perigo de incendios, e o artigo 33 prohibe de xeito xenérico o uso do lume en terreos agrícolas, forestais ou zonas de influencia forestal, agás para as actividades e en condicións, períodos ou zonas autorizadas polo organismo competente. Recalca, ademais, que na época de alto perigo a utilización de fogos de artificio, o lanzamento de globos e outros artefactos pirotécnicos, que en todos os casos estean relacionados coa celebración de festas locais ou de arraigada tradición cultural, estarán suxeitos á autorización previa do respectivo concello, que incluirá as medidas específicas e adecuadas de seguridade e prevención, sempre que o risco diario non sexa extremo. Tamén está suxeito a autorización o uso das áreas recreativas en zonas de alto risco en que se poidan preparar alimentos.

O capítulo II do título VI establece, no caso dos terreos queimados, unha serie de limitacións ás actividades de aproveitamento da madeira queimada, o pastoreo e a actividade cinexética.

• Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia (DOG núm. 94, do 21.5.2021).

Esta lei ten por obxecto establecer o marco xeral para a xestión da terra agroforestal, a súa ordenación de usos, a prevención e a loita contra o seu abandono, o fomento da súa recuperación e a incorporación de persoas mozas á actividade agraria co fin de garantir a sustentabilidade do sector agroforestal. Entre o seus obxectivos xerais figura o de facilitar a ordenación das terras agrarias agroforestais mediante a súa identificación cartográfica e a ordenación dos seus usos, especialmente nas áreas con especiais valores produtivos, así como daquelas outras con especiais valores patrimoniais, ambientais ou paisaxísticos, de maneira que se contribúa ao necesario equilibrio entre o aproveitamento das terras e o respecto aos valores patrimoniais, ambientais e paisaxísticos.

Neste senso, o artigo 32.9, relativo á coordinación desta normativa en espazos naturais, establece que a ordenación de usos e actividades e as actuacións propostas nos instrumentos de ordenación dos espazos naturais deberán procurar a súa compatibilidade coa aptitude e orientación agropecuaria ou forestal dos terreos delimitados no Catálogo de solos agropecuarios e forestais, agás que se xustifique a súa incompatibilidade cos valores que se pretende protexer.

De acordo co establecido na lexislación básica estatal, unha vez aprobados os instrumentos de ordenación de espazos naturais as súas determinacións aplicaranse prevalecendo sobre o establecido no catálogo, sen prexuízo da adaptación, de ser o caso, das disposicións do catálogo aos indicados plans.

– Augas e ciclo hídrico.

• Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas (BOE núm. 76, do 24.7.2001).

O seu obxecto é a regulación do dominio público hidráulico, do uso da auga e do exercicio das competencias atribuídas ao Estado nas materias relacionadas co dito dominio, así como o establecemento das normas básicas de protección das augas continentais, costeiras e de transición.

O seu título III regula a planificación hidrolóxica para conseguir un bo estado e unha adecuada protección do dominio público hidráulico e das augas, a satisfacción da demanda de auga, o equilibro do desenvolvemento rexional e sectorial, o aumento das dispoñibilidades do recurso, protexendo a súa calidade, economizando o seu emprego e racionalizando os seus usos en harmonía co ambiente e demais recursos naturais. O título IV trata da utilización do dominio público hidráulico.

Esta lei conta tamén cun título dedicado á protección do dominio público hidráulico e á calidade das augas, coa finalidade de:

– Previr a deterioración, protexer e mellorar o estado dos ecosistemas acuáticos ou dos dependentes deles.

– Promover un uso sustentable da auga.

– Protexer e mellorar o medio acuático.

– Reducir progresivamente a contaminación das augas subterráneas.

– Paliar os efectos das secas e inundacións.

– Alcanzar os obxectivos internacionais en relación coa prevención e eliminación da contaminación do medio mariño.

– Evitar a acumulación de compoñentes tóxicos ou perigosos no subsolo.

– Garantir augas de mellor calidade para o abastecemento.

O obxectivo de lograr unha adecuada protección das augas desenvólvese, pola súa vez, nunha serie de obxectivos entre os que figuran, en relación coas zonas protexidas, o de cumprir coas exixencias das normas de protección que resulten aplicables na zona e cos obxectivos ambientais particulares que se determinen.

• Real decreto 1514/2009, do 2 de outubro, polo que se regula a protección das augas subterráneas contra a contaminación e a deterioración (BOE núm. 255, do 22.10.2009).

A súa finalidade é a de previr ou limitar a contaminación das augas subterráneas e establecer criterios e procedementos para avaliar o seu estado químico. Ademais, establece medidas para determinar e inverter as tendencias significativas e sostidas de aumento de concentracións de contaminantes, e para previr e limitar a entrada de contaminantes nas augas subterráneas.

• Real decreto 903/2010, do 9 de xullo, de avaliación e xestión de riscos de inundación (BOE núm. 171, do 15.7.2010).

Ten como obxectivo principal obter un adecuado coñecemento e avaliación dos riscos asociados ás inundacións e reducir as súas consecuencias negativas mediante unha actuación coordinada entre todas as administracións públicas e a sociedade. Para a súa consecución establece unha serie de obrigas entre as que se atopan a realización dunha avaliación preliminar do risco de inundación, os mapas de perigosidade e risco, e os plans de xestión do risco de inundación.

• Real decreto 35/2023, do 24 de xaneiro, polo que se aproba a revisión dos plans hidrolóxicos das demarcacións hidrográficas do Cantábrico Occidental, Guadalquivir, Ceuta, Melilla, Segura e Xúcar, e da parte española das demarcacións hidrográficas do Cantábrico Oriental, Miño-Sil, Douro, Teixo, Guadiana e Ebro (BOE núm. 35, do 10.2.2023).

Aproba o plan hidrolóxico da parte española da Demarcación Hidrográfica do Miño-Sil.

• Lei 5/2006, do 30 de xuño, de protección, conservación e mellora dos ríos galegos (DOG núm. 137, do 17.7.2006).

Esta lei declara como prioridade de interese xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a conservación do patrimonio fluvial, incluíndo a biodiversidade da flora e da fauna dos ríos galegos, así como o patrimonio etnográfico e histórico-cultural relacionado. Así mesmo, as administracións públicas galegas teñen a obriga de garantir a súa protección, conservación e mellora.

O seu artigo 4 indica que se desenvolverán estudos e análises para a categorización e tipificación das masas de auga, en que se incluirá a catalogación e cuantificación da biodiversidade fluvial. O programa de medidas resultado dos ditos estudos incorporará:

– Un plan ou programa para o estudo hidrobiolóxico dos ríos.

– Un plan o programa para conseguir a protección integral dunha parte significativa dos ecosistemas fluviais galegos co obxecto de garantir a conservación sustentable da paisaxe e da biodiversidade fluvial.

– Patrimonio cultural.

• Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16.5.2016).

Os seus obxectivos son a protección, conservación, acrecentamento, difusión e fomento dos elementos do patrimonio cultural de Galicia de forma que sirvan á cidadanía como unha ferramenta de cohesión social, desenvolvemento sustentable e fundamento da identidade cultural do pobo galego, así como a súa investigación, valoración e transmisión ás xeracións futuras.

O patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo.

Así mesmo, integran o patrimonio cultural de Galicia todos aqueles bens ou manifestacións inmateriais de interese para Galicia en que concorra algún dos valores enumerados no parágrafo anterior e que se encontren en Galicia, con independencia do lugar en que fosen creados.

O artigo 2 da lei establece que os poderes públicos integrarán a protección do patrimonio cultural nas distintas políticas sectoriais, entre as que se atopan a paisaxe e a conservación da natureza.

Por outro lado, o seu artigo 34 indica que todos os plans, programas e proxectos relativos a ámbitos como a paisaxe, o desenvolvemento rural, as infraestruturas ou calquera outro que poida supoñer unha afectación ao patrimonio cultural en Galicia pola súa incidencia no territorio, deberán ser sometidos ao informe da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural, que establecerá as medidas protectoras, correctoras ou compensatorias que considere necesarias.

O seu artigo 39 indica que as intervencións ou cambio de usos substanciais que se pretendan realizar en bens de interese cultural ou catalogados, así como na súa contorna de protección, terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural, coas excepcións que se establecen na propia lei.

• Instrución do 8 de novembro de 2017 relativa ao trámite de autorizacións en materia de patrimonio cultural nos bens inmobles catalogados e declarados de interese cultural, as súas contornas de protección e as zonas de amortecemento (DOG núm. 231, do 5.12.2017).

O obxecto desta instrución é desenvolver o criterio de interpretación sobre o réxime de autorizacións en materia de protección do patrimonio cultural e, dunha forma concreta, que actuacións non requiren da autorización previa da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural por non supoñeren afectación nin poñeren en risco os valores culturais protexidos.

En particular, o artigo terceiro establece as seguintes actuacións nos bens inmobles protexidos polo seu valor cultural que non precisan da autorización previa en materia de patrimonio cultural:

– O corte de herba ou maleza e a roza por medios manuais ou con maquinaria lixeira portátil, sen movementos de terra e respectando todos os exemplares arbóreos existentes ou elementos de xardinaría, así como podas parciais de mantemento.

– A instalación de medios auxiliares para o desenvolvemento dos traballos agrícolas e forestais de escasa entidade como guías e proteccións individuais, así como o amoreamento e movemento do propio produto do cultivo, sen afectar elementos recoñecibles da paisaxe como os propios camiños, cómaros, valos, socalcos, sebes e outros de natureza análoga.

– A realización de actividades e eventos efémeros, sempre que se produzan de forma illada e sen instalacións de carácter permanente, ligadas a actividades públicas periódicas como festas, actividades lúdicas, culturais ou deportivas, romarías, encontros, concertos, e se dispoña dos medios para a normal vixilancia e cautela dos bens que poidan verse afectados e que, con carácter xeral, non permanezan montadas un prazo maior de 72 horas, sempre que non se afecten materialmente os bens protexidos, en especial coas ancoraxes, instalacións, medios auxiliares ou apoios en inmobles protexidos.

O seu punto cuarto indica como actuación realizada nas contornas de protección dos bens inmobles protexidos polo seu valor cultural que non precisa de autorización previa en materia de patrimonio cultural:

– Os traballos de poda e tratamento de silvicultura sobre árbores e arbustos de relevancia ambiental, sempre que non se altere o seu carácter en relación coa escena urbana e a paisaxe natural en que se encadran.

– Avaliación ambiental.

• Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental (BOE núm. 296, do 11.12.2013).

Esta lei establece as bases que deben rexer a avaliación ambiental dos plans, programas e proxectos que poidan ter efectos significativos sobre o ambiente.

A este respecto, o artigo 85 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, recolle que calquera plan, programa ou proxecto que, sen ter relación directa coa xestión do lugar ou sen ser necesario para esta, poida afectar de forma apreciable os espazos protexidos da Rede galega de espazos naturais, fóra do ámbito da Rede Natura 2000, como é o caso, xa sexa individualmente ou en combinación con outros plans, programas e proxectos, someterase a unha adecuada avaliación das súas repercusións, procedendo de forma análoga ao disposto nos números 2 e 3 do artigo 84 (relativos á adecuada avaliación das súas repercusións no espazo, a súa relación coa xestión do espazo protexido e a avaliación ambiental ordinaria ou simplificada).

– Caza e pesca fluvial.

• Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia (DOG núm. 4, do 8.1.2014).

Regula a actividade da caza en Galicia coa finalidade de protexer, conservar, fomentar e aproveitar de forma ordenada os recursos cinexéticos de forma compatible co equilibrio natural e os distintos intereses afectados.

Respecto ás zonas de seguridade que establece, o artigo 42 defíneas como aquelas áreas en que deben adoptarse medidas precautorias especiais co obxecto de garantir a integridade física e a axeitada protección das persoas e dos bens. Concretamente, as zonas consideradas de seguridade inclúen, entre outras:

– As vías públicas (vías férreas, autoestradas, autovías, vías para automóbiles e estradas convencionais debidamente sinalizadas como tales, así como as súas marxes e zonas de servidume das vías públicas e das vías férreas, ampliadas nunha franxa de 50 metros de largura a ambos os lados do eixe da vía e, se estiveren pechadas, a 50 metros do peche).

– As zonas habitadas (núcleos de poboación urbanos e rurais, parques urbanos e periurbanos de recreo, aeroportos e lugares de acampada permanente, segundo a definición do artigo 35), cunha ampliación desta zona de seguridade de 100 metros en todas as direccións. Nos núcleos de poboación tomaranse como referencia as construcións máis exteriores.

– Os edificios habitables illados, xardíns e parques públicos, áreas recreativas, zonas de acampada, recintos deportivos e áreas industriais, ampliados os propios terreos cunha franxa de 100 metros en todas as direccións.

Nestas zonas de seguridade o artigo 43 prohibe circular con armas cargadas, usalas ou disparar en dirección a elas de xeito que poidan ser alcanzadas, con perigo para as persoas ou os seus bens, agás que se dispoña de autorización expresa para cazar nese terreo.

– Cambio climático e conectividade ecolóxica.

• Lei 7/2021, do 20 de maio, de cambio climático e transición enerxética (BOE núm. 121, do 21.5.2021).

Ten por obxecto, no marco do Acordo de París, facilitar a descarbonización da economía española, a súa transición a un modelo circular, de modo que se garanta o uso racional e solidario dos recursos, e promover a adaptación aos impactos do cambio climático e a implantación dun modelo de desenvolvemento sustentable que xere emprego decente e contribúa á redución das desigualdades.

Os aspectos relativos á adaptación ao cambio climático incorpóranse no título V. O artigo 17.1 deste título establece que o Plan nacional de adaptación ao cambio climático (PNACC) constitúe o instrumento de planificación básico para promover a acción coordinada e coherente fronte aos efectos do cambio climático en España, sen prexuízo das competencias que correspondan a outras administracións públicas.

Esta lei conta cun artigo, o 24, dedicado á protección da biodiversidade contra o cambio climático. Nel recóllese que as administracións públicas fomentarán a mellora do coñecemento sobre a vulnerabilidade e resiliencia das especies silvestres e os hábitats fronte ao cambio climático, así como a capacidade dos ecosistemas para absorber emisións. Este coñecemento aplicarase na mellora das políticas de conservación, xestión e uso sustentable do patrimonio natural e da biodiversidade.

Con esta finalidade establécense unha serie de actuacións que se desenvolverán, entre as que se atopan a elaboración dunha estratexia específica de conservación e restauración de ecosistemas e especies especialmente sensibles aos efectos do cambio climático, estratexia que terá a consideración de instrumento programático de planificación das administracións públicas e que será aprobado mediante acordo do Consello de Ministros. Esta estratexia incluirá as directrices básicas para a adaptación ao cambio climático dos ecosistemas naturais terrestres, dos ecosistemas mariños e das especies silvestres españolas, así como as liñas básicas da súa restauración e conservación, con especial referencia aos ecosistemas acuáticos ou dependentes da auga e aos de alta montaña.

Tamén regula a realización dunha avaliación da representatividade, a medio e longo prazo, das redes de espazos naturais protexidos e espazos da Rede Natura 2000 nos diferentes escenarios climáticos posibles.

A Administración xeral do Estado e a das comunidades autónomas, no ámbito das súas respectivas competencias, incluirán na actualización e revisión dos plans ou instrumentos de xestión dos espazos naturais protexidos e espazos da Rede Natura 2000 unha epígrafe sobre a súa adaptación ao cambio climático con, polo menos, un diagnóstico que inclúa unha lista de especies e hábitats especialmente vulnerables, obxectivos, accións e indicadores de progreso e cumprimento, así como un plan de conectividade con outros espazos protexidos.

• Orde PCM/735/2021, do 9 de xullo, pola que se aproba a Estratexia nacional de infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas (BOE núm. 166, do 13.7.2021).

A infraestrutura verde defínese como unha rede ecoloxicamente coherente e estratexicamente planificada de zonas naturais e seminaturais e doutros elementos ambientais, deseñada e xestionada para a conservación dos ecosistemas e o mantemento dos servizos que nos provén. Inclúe espazos e outros elementos físicos «verdes» en áreas terrestres (naturais, rurais e urbanas) e mariñas.

A Lei 42/2007, do 13 de decembro, establece no seu artigo 15 que debe aprobarse unha estratexia estatal de infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxica. Esta estratexia terá como obxectivo marcar as directrices para a identificación e conservación dos elementos do territorio que compoñen a infraestrutura verde do territorio español, terrestre e mariño, e para que a planificación territorial e sectorial que realicen as administracións públicas permita e asegure a conectividade ecolóxica e a funcionalidade dos ecosistemas, a mitigación e adaptación aos efectos do cambio climático, a desfragmentación de áreas estratéxicas para a conectividade e a restauración de ecosistemas degradados. Esta estratexia nacional aprobouse mediante a Orde PCM/735/2021, do 9 de xullo.

A lei tamén prevé a obriga de que as comunidades autónomas desenvolvan as súas propias estratexias segundo as directrices da estratexia nacional, incluíndo os seus obxectivos.

– Especies invasoras.

• Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade (BOE núm. 299, do 14.12.2007).

Esta lei dedica un capítulo específico á prevención e control das especies exóticas invasoras e crea o Catálogo español de especies exóticas invasoras.

• Real decreto 630/2013, do 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras (BOE núm. 185, do 3.8.2013).

Dispón as características, contidos, criterios e procedementos de inclusión ou exclusión das especies no catálogo, así como as medidas necesarias para previr a introdución, para o control e para a posible erradicación das especies exóticas invasoras.

• Regulamento (UE) 1143/2014, do 22 de outubro, sobre a prevención e a xestión da introdución e propagación de especies exóticas invasoras (DOUE núm. 317, do 4.11.2014).

Mediante este regulamento establécense as normas para evitar, reducir ao máximo e mitigar os efectos adversos que as especies exóticas invasoras exercen sobre a biodiversidade dentro da Unión Europea.

– Protección da avifauna fronte á colisión e á electrocución en liñas eléctricas de alta tensión.

• Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto, polo que se establecen medidas para a protección da avifauna contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión (BOE núm. 222, do 13.9.2008).

Esta norma establece o marco legal para lograr minimizar o impacto que a distribución e o transporte eléctricos teñen sobre as aves.

• Resolución do 18 de outubro de 2021, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se actualiza a delimitación das áreas prioritarias de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración local de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas, e se dispón a publicación das zonas de protección existentes na Comunidade Autónoma de Galicia en que serán de aplicación medidas para a protección da avifauna contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión (DOG núm. 208, do 28.10.2021).

Esta resolución recolle a delimitación actualizada das áreas prioritarias de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración local das especies de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas.

V. Descrición das principais características do espazo.

– Medio físico.

• Climatoloxía.

A estación meteorolóxica máis próxima é a de Xinzo (ID 19027), a uns 10 km ao nordeste, no concello de Xinzo de Limia. Localízase no aeródromo de Xinzo de Limia, a 616 m.s.n.m., e pertence á rede de estacións meteorolóxicas de MeteoGalicia (ETRS89 29N, 606.077/4.661.902).

Segundo as variables rexistradas nela e analizando a serie histórica xaneiro 2013-xaneiro 2023, obsérvase que as temperaturas medias máis altas son suaves, roldando os 20 ºC, rexistradas para o mes de xullo. O mes máis frío é xaneiro, con 5,15 ºC de media. As choivas acostuman ser abundantes pero non intensas no inverno, con valores medios sobre os 100 mm para os meses de xaneiro, novembro e decembro. A media anual aproxímase aos 800 mm, lonxe dos 2.000 mm que se acostuman rexistrar noutros puntos de Galicia. Dentro desta serie histórica, o ano con maior cantidade de choivas acumuladas foi 2018, cando se acadaron os 1.030,30 mm. Os meses máis secos son xullo e agosto, correspondéndose tamén cos de menor humidade media relativa, que rolda o 77 %. Pola contra, o mes máis húmido na zona é febreiro, con 98,78 % de media.

Respecto a outras variables meteorolóxicas, a temperatura máis alta acadada neste espazo durante este período de 10 anos rexistrouse en xullo de 2022, 40,1 ºC. A máis baixa, tamén en 2022, foi en xaneiro, cando caeu ata os -10 ºC.

En canto ao réxime ombrotérmico, a zona correspóndese cun húmido inferior, que vén determinado polo nivel medio de precipitacións anuais.

Por outra banda, a zona da Limia en xeral non se caracteriza por ser unha zona ventosa. De feito, a velocidade media máis alta dáse no mes de decembro, 9 km/h. Para a caracterización dos ventos na zona utilizouse a rosa dos ventos construída a partir dos datos da serie 2018-2023. Da análise da frecuencia e dirección obtense que o máis frecuente é que sopre do sueste, seguido polo do noroeste, norte, suroeste, oeste e sur. As direccións leste e nordés son atípicas na zona. A dirección sueste é a que máis frecuentemente acada intensidade forte, seguida polas direccións sur, suroeste, oeste e noroeste. Estas direccións, con excepción do suroeste, rara vez sopran con intensidade frouxa. As direccións norte e noroeste sopran con maior frecuencia con intensidade frouxa ou moderada. A intensidade moi forte non se acada en ningunha dirección.

• Xeoloxía.

O monumento natural atópase na unidade xeolóxica de Galicia-Tras os Montes (zona Z1200), sobre a antiga zona de asolagamento do río Limia. Por este motivo, a unidade xeolóxica existente en toda a área é o coluvión, formado por materiais detríticos transportados e depositados polas augas do Limia. Neste caso concreto, constituído polos grans máis finos do limo e a area, transportados a curta distancia. A formación de coluvións é característica dos terreos chans e, tras a retirada da auga, deixa terreos moi fértiles, tradicionalmente aproveitados para a agricultura.

Xeoloxicamente, o sedimento do solo é de tipo gravas, areas, arxilas e lutitas con cantos e bloques, do dominio cuaternario e concas cenozoicas continentais, serie plistoceno - holoceno e sistema cuaternario (IXME, Instituto Xeolóxico e Mineiro de España).

• Edafoloxía.

Segundo o visor de propiedades dos solos de Galicia, do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago de Compostela, o solo está formado por sedimentos cuaternarios de textura franco-limosa e compostos por un 40-50 % de limo, un 20-30 % de arxila e un 40-50 % de area.

Os solos de textura franco-limosa son equilibrados e, en seco, forman agregados firmes que se rompen baixo presión moderada; ao tacto nótase unha textura fariñenta. En mollado son maleables. A presenza de arxilas fanos moi fértiles pola súa riqueza en nutrientes, polo xeral ben distribuídos, con alta capacidade de retención de auga e baixa permeabilidade, o que optimiza o desenvolvemento vexetal.

En canto ao risco de erosión e perdas de solo, o Inventario nacional de erosión de solos cualifícao dentro do nivel erosivo 3, calculándoselle unha perda de solo de entre 10 e 25 toneladas por hectárea e ano. Este nivel 3 correspóndese cun nivel de erosión leve.

Por outra banda, a superficie do terreo do monumento é chá, polo que non é posible que se produzan desprendementos. Ademais, está cuberto por vexetación en todas as estacións do ano e presenta unha boa drenaxe: aínda que no inverno pode atoparse asolagado tras episodios de choiva intensa ou persistente, o solo drénase doada e rapidamente.

• Hidroloxía.

O espazo natural pertence á Demarcación Hidrográfica do Miño-Sil e a súa xestión correspóndelle á Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Dentro do monumento non hai cursos de auga pero si hai un regato que pasa moi preto do seu extremo noroeste, afluente do río Bidueiro (que verte pola súa vez, á canle principal da lagoa de Antela ao seu paso polo lugar das Poulas). Este regato aparece innominado na cartografía do Sistema de información xeográfica de referencia de hidrografía (IGR-HI), pertencente ao Instituto Xeográfico Nacional. Uns metros ao norte do punto máis próximo aos lindes do monumento, este regato provoca asolagamento leve do solo nos meses de inverno.

Por outra banda, constátase a presenza dunha canle de rega que discorre polo linde leste do monumento e que chega a secar completamente en período estival.

– Medio biótico.

• Vexetación.

a) A vexetación potencial ou climácica é aquela que estaría presente nunha área de non ter sido alterada ou intervida antropicamente. O seu desenvolvemento sería o resultado de coevolucionar co clima, co solo e cos factores xeográficos ata un estado máximo de biomasa e biodiversidade. A distribución dos taxons vexetais sectorizan as terras continentais en áreas xeográficas con afinidades florísticas. Así, o monumento natural atópase dentro da rexión eurosiberiana, sector corolóxico xuresiano, segundo a clasificación de Rivas-Martínez e colaboradores de 2002.

b) Vexetación actual: a flora máis salientable do lugar son os exemplares senlleiros de Quercus robur, tanto pola propia Carballa, como polo conxunto que a acompaña de impresionantes dimensións. Tamén de notorio talle son algúns exemplares de amieiro (Alnus lusitanica). Acompañando este conxunto atópanse varios pés de acivro (Ilex aquifolium).

Entre a flora arvense de outono-inverno pódese observar a chantaxe lanceolada (Plantago lanceolata), as hedras común e pérsica (Hedera helix e H. colchica, respectivamente), a ortiga (Urtica sp.), a caliborcia (Heracleum sphondylium), as silvas (Robus sp.), a madreselva (Lonicera sp.), a hortelá (Mentha sp.) ou o abrótano (Artemisia sp.). Entre elas destacan, cando florecen no inverno, as flores amarelas dos narcisos (Narcissus bulbocodium).

En período primavera-verán florecen a pimpinela saxífraga (Pimpinella saxifraga), o loto (Lotus sp.), o panasco (Dactylis glomerata), a leituga (Taraxacum officinale), o trevo dos prados (Trifolium pratense), as celidonias (Chelidonium majus), a dulcamara (Solanum dulcamara), o lamio (Lamium sp.), as campaíñas (Campanula sp.) ou os estraloques (Digitalis purpurea).

Flora (ningunha especie catalogada)

Artemisia sp.

Heracleum sphondylium

Plantago lanceolata

Chelidonium majus

Lonicera sp.

Ranunculus ficaria

Dactylis glomerata

Lotus sp.

Robus sp.

Digitalis purpurea

Mentha sp.

Taraxacum officinale

Hedera colchica

Narcissus bulbocodium

Trifolium pratense

Hedera helix

Pimpinella saxifraga

Urtica sp.

• Fungos e liques.

A humidade característica da zona no inverno, conservada ata a primavera grazas á presenza de abundante vexetación autóctona caducifolia, favorece o desenvolvemento de moitas especies de fungos e liques propios das carballeiras galaico-portuguesas.

Entre os liques destaca o lique amarelo Xanthoria parietina ou Evernia prunastri, coñecido vulgarmente como musgo do carballo.

Entre os fungos presentes cítanse o merexo das ramalleiras (Tremella mesenterica), a bomba ou bufo de vella (Scleroderma sp.), a arborelle (Trametes sp.) ou a capirocha ou casco de cabalo (Fomes fomentarius).

Fungos (ningunha especie catalogada)

Liques (ningunha especie catalogada)

Fomes fomentarius

Evernia prunastri

Scleroderma citrinum

Xanthoria parietina

Trametes sp.

Tremella mesenterica

• Fauna.

A fauna que se pode atopar no espazo é a típica dos ambientes forestais galegos. Entre a avifauna destacan as paseriformes, como o chasco común (Saxicola rubicola), o paporrubio (Erithacus rubecula), o liñaceiro (Acanthis cannabina), o xílgaro (Carduelis carduelis), o corvo grande (Corvus corax), o corvo común (Corvus corone), o gaio (Garrulus glandarius), a pega (Pica pica), o ferreiriño rabilongo (Aegithalos caudatus), o ferreiriño real (Parus major), o ferreiriño azul (Cyanistes caeruleus), o pimpín (Fringilla coelebs), o picafollas europeo (Phylloscopus collybita), a escribenta común (Emberiza cirlus), o verderolo (Chloris chloris), o estorniño negro (Sturnus unicolor), o rabirrubio común (Phoenicurus ochruros), o ferreiriño carboeiro (Parus ater) e o ferreiriño cristado (Parus cristatus), o xirín (Serinus serinus), o pardal común (Passer domesticus), a lavandeira branca (Motacilla alba), a azulenta común (Prunella modularis), o tordo común (Turdus philomelos) ou o merlo (Turdus merula).

En canto ás colúmbidas, aparece o pombo torcaz (Columba palumbus) e a rola turca (Streptopelia decaocto) e a rola (Streptopelia turtur).

Pertencentes á familia dos accipítridos, ou aves rapaces diúrnas, cítanse o azor boreal (Accipiter gentilis), o gabián eurasiático (Accipiter nisus) e o bexato común (Buteo buteo); e pertencentes aos estríxidos ou rapaces nocturnas, cítanse o moucho paleártico (Athene noctua), o moucho de orellas europeo (Otus scops) e a avelaiona da fraga (Strix aluco). Entre os falcónidos pódese observar ao falcón pequeno (Falco subbuteo) e ao lagarteiro eurasiático (Falco tinnunculus).

Outras aves tamén citadas na contorna son o paspallás (Coturnix coturnix), o cuco cinsento (Cuculus canorus), a bubela eurasiática (Upupa epops), o picapau grande (Dendrocopos major) ou o peto verdeal europeo (Picus viridis).

Do grupo dos mamíferos destacan o rato de campo (Apodemus sylvaticus), o ourizo cacho (Erinaceus europaeus), o raposo (Vulpes vulpes), o corzo (Capreolus capreolus), a garduña (Martes foina), a xeneta (Genetta genetta) ou o xabaríl (Sus scrofa).

Como insecto típico de carballeiras ben desenvoltas destacan a vacaloura (Lucanus cervus) e o capricornio dos carballos (Cerambyx cerdo). Outros insectos observados foron o tamén coleóptero Ruptela maculata ou a araña radiada (Hogna radiata).

Ademais, a presenza de prados favorece a visita de numerosas bolboretas: a pedresa ibérica (Melanargia lachesis), ícaros (Polyommatus icarus), bailadora dos prados (Maniola jurtina), anxo das nabeiras (Pieris rapae), a silveira europea (Pyronia tithonus), anxo da couve (Pieris brassicae), a feiticeira dos cardos (Vanessa cardui), a apincharada común (Pararge aegeria) ou a avelaíña Timandra comae.

Entre os réptiles cítanse a lagartixa galega (Podarcis bocagei), a lagartixa dos penedos (Podarcis lusitanicus), o lagarto das silveiras (Lacerta schreiberi) ou o lagarto arnal (Timon lepidus). Aparecen tamén o escáncer e o esgonzo comúns (Anguis fragilis e Chalcides striatus, respectivamente). Entre as serpes cítanse na zona a cobra lagarteira común (Coronella austriaca), o cobregón (Malpolon monspessulanus), as cobras de colar e viperina (Natrix astreptophora e N. maura, respectivamente) e a víbora de Seoane (Vipera seoanei).

Aves

CGEA

CEEA

LESRPE

Directiva 2009/147/CE

Acanthis cannabina

Accipiter gentilis

x

Anexo I

Accipiter nisus

x

Anexo I

Aegithalos caudatus

x

Athene noctua

x

Aves

CGEA

CEEA

LESRPE

Directiva 2009/147/CE

Buteo buteo

x

Carduelis carduelis

Chloris chloris

Columba palumbus

Anexo II

Corvus corax

Corvus corone

Anexo II

Coturnix coturnix

Anexo II

Cuculus canorus

x

Cyanistes caeruleus

x

Dendrocopos major

x

Anexo I

Emberiza cirlus

x

Erithacus rubecula

x

Falco subbuteo

x

Falco tinnunculus

x

Fringilla coelebs

x

Anexo I

Garrulus glandarius

Anexo II

Motacilla alba

x

Otus scops

x

Parus ater

x

Parus cristatus

Parus major

x

Passer domesticus

Phoenicurus ochruros

x

Phylloscopus collybita

x

Pica pica

Anexo II

Picus viridis

x

Prunella modularis

x

Saxicola rubicola

Serinus serinus

Streptopelia turtur

Anexo II

Streptopelia decaocto

Strix aluco

x

Sturnus unicolor

Turdus merula

Anexo II

Turdus philomelos

Anexo II

Upupa epops

x

Mamíferos

CGEA

CEEA

LESRPE

Directiva 92/43/CEE

Apodemus sylvaticus

Arvicola sapidus

Capreolus capreolus

Crocidura russula

Eliomys quercinus

Erinaceus europaeus

Genetta genetta

Anexo V

Hypsugo savii

x

Anexo IV

Martes foina

Microtus agrestis

Microtus lusitanicus

Mus musculus

Mus spretus

Neomys anomalus

Oryctolagus cuniculus

Piecotus auritus

Anexo IV

Pipistrellus pipistrellus

x

Anexo IV

Rattus rattus

Ratus norveticus

Rhinolophus ferrumequinum

Vulnerable

Vulnerable

x

Anexo II, anexo IV

Rhinolophus hipposideros

Vulnerable

x

Anexo IV

Sorex coronatus

Sorex granarius

Sorex minutus

Sus scrofa

Talpa occidentalis

Vulpes vulpes

Réptiles

CGEA

CEEA

LESRPE

Directiva 92/43/CEE

Anguis fragilis

x

Chalcides striatus

x

Coronella austriaca

x

Anexo IV

Lacerta schreiberi

x

Anexo II, IV

Malpolon monspessulanus

Réptiles

CGEA

CEEA

LESRPE

Directiva 92/43/CEE

Natrix astreptophora

Anexo IV

Natrix maura

x

Podarcis bocagei

Podarcis lusitanicus

Timon lepidus

x

Vipera seoanei

Insectos

CGEA

CEEA

LESRPE

Directiva 92/43/CEE

Cerambyx cerdo

Vulnerable

x

Anexo II

Lucanus cervus

x

Anexo II

Maniola jurtina

Melanargia lachesis

Pararge aegeria

Pieris brassicae

Pieris rapae

Polyommatus icarus

Pyronia tithonus

Ruptela maculata

Timandra comae

Vanessa cardui

Arácnidos

CGEA

CEEA

LESRPE

Directiva 92/43/CEE

Agalentaea redii

Araneus angulatus

Argiope bruennichi

Hogna radiata

Micrommata ligurina

Misumena vatia

Pisaura mirabilis

Anfibios

CGEA

CEEA

LESRPE

Directiva 92/43/CEE

Bufo spinoso

Pelophylax perezi

Anexo V

Abreviaturas: CGEA (Catálogo galego de especies ameazadas), CEEA (Catalogo español de especies ameazadas), LESRPE (Lista de especies silvestres en réxime de protección especial)

– Paisaxe.

A principal fonte de datos sobre paisaxe que debemos tomar de referencia é o Catálogo das paisaxes, aprobado polo Decreto 119/2016, do 28 de xullo (DOG do 25.8.2016). Nel identifícanse as áreas de especial interese paisaxístico (AEIP), os Lugares de especial interese paisaxístico (LEIP), os miradoiros e outros valores paisaxísticos de tipo natural, cultural, panorámico ou de uso. O Catálogo tamén identifica os tipos de paisaxe e delimita as unidades de paisaxe. Con base no antedito, A Carballa da Rocha localízase na grande área paisaxística chairas, fosas e serras ourensás, na comarca paisaxística da Alta Limia, dentro dunha unidade da paisaxe do tipo agrosistema extensivo. Segundo o Catálogo, A Carballa da Rocha identifícase como un lugar de interese paisaxístico; a escasa distancia sitúase a área de especial interese paisaxístico AEIP-04-06 Touzas da Saínza.

– Outros espazos protexidos da contorna.

A totalidade do monumento está dentro da Reserva da Biosfera Área de Allariz. En canto á súa conexión coa Rede Natura 2000, a zona de especial protección de aves (en diante, ZEPA) A Limia (ES0000436) está moi próxima ao espazo, cara ao sur. Solápase con ela, en parte da súa superficie, a zona especial de conservación (en diante, ZEC), Veiga de Ponteliñares (ES1130006).

– Cobertura e usos do solo.

Actualmente non se leva a cabo ningunha actividade nin aproveitamento dentro do espazo protexido. A superficie está ocupada ou ben polas árbores, na súa maioría carballos, ou ben por prado. Tradicionalmente o prado entre árbores foi destinado a pastoreo de vacún, actividade que se perdeu co tempo.

Dada a proximidade dos núcleos habitados da Saínza de Arriba e da Saínza de Abaixo, o terreo non ten uso cinexético. En canto a actividades de pesca fluvial, no espazo non existen cursos de auga permanentes que permitan o uso piscícola.

– Infraestruturas de uso público e vías de acceso.

O espazo conta con moi poucos equipamentos de uso público, o cal é lóxico ao ter unhas dimensións moi reducidas. Dentro do espazo protexido e na súa contorna atópase a seguinte cartelaría:

a) Fóra do monumento: ao pé da estrada OU-1114 hai dous sinais direccionais que indican o desvío que se debe coller para chegar ao espazo, cada un a un lado da beiravía. Nos sinais refírense ao espazo como A Carballa da Saínza, sen facer referencia á súa declaración como monumento natural. Ambos os sinais están en bo estado de conservación.

Xusto na entrada ao espazo (pero fóra del) hai outros tres sinais: dous direccionais e metálicos en que se le A Carballa da Saínza e un terceiro, de madeira e colocado xusto ao lado dun dos anteriores, en que se gravou Carballa da Rocha. Neste punto atópase tamén un colector de lixo de pequeno tamaño.

b) Dentro do monumento: a carón da Carballa hai un panel informativo en que se explica a súa condición de monumento natural e se describen as características desta especie. O panel é de grandes dimensións e estrutura de madeira. Xunto a el hai outro cartel indicativo no cal se le A Carballa da Rocha, tamén en madeira.

A carón do camiño de entrada ao monumento hai unha parcela, propiedade do Concello de Rairiz de Veiga, utilizada como aparcadoiro e sinalizada como tal cun panel de grandes dimensións. Esta parcela conta con aproximadamente 2.300 m2, en que poden ter cabida uns 80 vehículos de tamaño medio (referencia catastral 32068A086002460000PW).

En canto ás vías de acceso, ao lugar chégase a través da estrada nacional OU-1114 que une Rairiz de Veiga coa Veiga de Ponteliñares, ao seu paso pola Saínza. Á altura do km 5, fronte ao peto de ánimas da Saínza, aparece un desvío cara ao norte. Tras avanzar uns 230 m chégase ao terreo habilitado como aparcadoiro do monumento e ao camiño de terra polo cal se accede ao espazo da Carballa.

– Socioeconomía.

• Demografía.

Segundo os últimos datos dispoñibles no Instituto Galego de Estatística (en diante, IGE), Rairiz de Veiga conta cunha poboación de 1.220 habitantes (ano 2023). Polo xeral, obsérvase unha poboación máis envellecida respecto aos datos autonómicos: sen desagregar por sexos, o rango de idades de 0 a 15 anos representa en Rairiz de Veiga un 5,35 %, mentres que en Galicia representa o 12,19 %. Nos outros dous tramos de idades sucede o mesmo: a poboación de 16 a 64 anos acada un 49,59 % da poboación total de Rairiz, fronte ao 61,69 % galego; e os/as maiores de 65 anos son un 45,07 % fronte ao 26,12 % autonómico (últimos datos do IGE, ano 2022).

Desagregando por sexos, obsérvase en Rairiz unha poboación maioritariamente masculina entre os 0 e os 64 anos de idade, e para os maiores de 65 anos a poboación é maioritariamente feminina.

missing image file
Gráfico 1: á esquerda, distribución demográfica da poboación segundo porcentaxes e rangos de idades, tanto para Rairiz de Veiga como para a Comunidade Autónoma de Galicia. Á dereita, táboa de datos absolutos (datos do ano 2022. Fonte: IGE).

• Economía.

Ao contrario do que se observa no contexto galego, na economía de Rairiz de Veiga o maior peso teno a agricultura. Este sector representa case a metade das empresas dadas de alta do concello (o 46 % dun total de 100 empresas), moi por riba do 15,70 % da media autonómica.

Séguelle en importancia o sector servizos, que se atopa uns 30 puntos por debaixo da media galega e para o cal hai rexistradas 34 empresas; o sector da construción, con 14 empresas dadas de alta, e o sector industria, con 6.

Segundo os datos oficiais de xuño de 2024 (IGE), hai un total de 358 persoas afiliadas á Seguridade Social en alta laboral, das cales 205 son homes (o 57,26 %) e 153 son mulleres (o 42,74 % restante). Para a mesma data e no contexto autonómico as cifras repártense máis equitativamente: o 50,89 % das persoas en alta laboral son homes e un 49,11 % son mulleres.

Por outra banda, o espazo atópase dentro das indicacións xeográficas protexidas de Pataca da Limia, de Castaña de Galicia, de Grelos de Galicia, de Tenreira Galega, de Lacón Galego e de Augardente de Galicia; así como da denominación de orixe protexida de Queixo de Tetilla.

– Patrimonio cultural.

A Carballa da Rocha atópase moi preto da capela da Virxe da Mercé. Este espazo está estreitamente vencellado á celebración da romaría da Saínza que ten lugar na mañá do domingo máis próximo ao 24 de setembro. Nesta romaría, coñecida por ser a única de temática de mouros e cristiáns en Galicia, dispútase unha batalla entre ambos os bandos e o exército da Cruz escolta a virxe ata a súa capela. Ao berro de «se guerra queredes, guerra teredes» e ataviados con traxes e armas medievais, esta festa está declarada festa de interese turístico en Galicia desde o ano 2000. Estímase que se vén celebrando desde 1840.

A batalla ten lugar no Campo do Castelo e a festa posterior ten lugar aos pés da carballeira da Carballa da Rocha, onde se serve gastronomía e viño locais.

A Carballa da Rocha atópase recollida no Catálogo de bens culturais do PXOM de Rairiz de Veiga (núm. ficha S_001), na tipoloxía de carballeiras, cun nivel de protección integral. A descrición contida na súa ficha fai referencia unicamente á especie vexetal sen citar a valía cultural; porén, na epígrafe observacións recolle que «esta carballa monumental forma parte do escudo do Concello de Rairiz de Veiga», o que pon de manifesto o seu valor inmaterial, e destaca que é o individuo máis espléndido do conxunto.

• Elementos patrimoniais na contorna do espazo.

Os bens protexidos na contorna máis inmediata ao monumento natural, tanto baixo a figura de ben catalogado como de ben de interese cultural (en diante, BIC) son os seguintes:

a) Castelo da Saínza: BIC, tamén coñecido como Torre da Saínza, catalogado como elemento de arquitectura tipo militar e defensiva. É unha pequena torre de planta cadrada, de 4 metros de lado e unha superficie aproximada de 17 m2; remata con 4 pináculos, un por esquina. Segundo conta a tradición, a torre foi levantada en 1838 por unha promesa dun párroco á virxe da Mercé, de aí a súa proximidade á capela. Dous anos máis tarde, en 1840, comezou a ser escenario da festa dos mouros e cristiáns, na cal é «propiedade» dos mouros e onde teñen presos varios soldados do exército contrario durante a representación. A batalla representa a liberación deses homes por parte do exército cristián.

b) Capela da Mercé: templo catalogado, de arquitectura sinxela, que data do ano 1721, reformado posteriormente. O seu retablo maior data tamén do século XVIII.

c) Peto de ánimas da Saínza: elemento catalogado vencellado á capela da Mercé e situado ao pé de estrada. Está formado por dous corpos, con cornixa semicircular sobre unha plataforma. Alberga un nicho cun relevo da Virxe do Carme acompañando a Santo Antonio de Padua. Culmina nunha cruz sobre unha bola que representa o mundo. É de estilo barroco tardío, aínda que a cruz e a bola parecen ser máis modernos. A súa autoría foi atribuída ao mestre canteiro portugués Manoel Rodrigues, que conta con máis elementos na comarca da Limia.

d) A presa/ponte Catuxa/vía XVIII: restos da ponte romana que cruzaba o rego Bidueiro, elemento catalogado polo Inventario de xacementos arqueolóxicos da Xunta de Galicia, así como polo Catálogo de bens culturais do PXOM de Rairiz de Veiga.

e) Solainas dos Salgados: solainas en forma de galería ou miradoiro presentes nun conxunto de seis vivendas unifamiliares orientadas ao longo dunha estrada. A maioría delas apóianse en columnas graníticas. Trátase de elementos catalogados situados ao sueste do espazo natural.

f) Forno comunal da Saínza de Abaixo: situado moi próximo á capela da Mercé, é un elemento catalogado formado por un edificio de planta rectangular onde se sitúa o vaso circular do forno. Ten muros de cachotaría de granito encintada e tellado a dúas augas con saída para fumes. O vaso do forno foi reformado e conserva a estrutura tradicional: borralleira, na parte baixa; unha pequena boca cadrada que dá acceso á capela, un lar prolongado en umbreira e, na parte superior, un chapilé sobre canzorros. Conserva o tendal de pedra.

– Identificación de presións e ameazas.

• Incendios forestais.

Un incendio forestal, principalmente en épocas de seca, tería consecuencias devastadoras sobre o monumento natural. O punto a favor con que conta este espazo é que a vexetación é, a priori, de baixa combustibilidade.

Aínda así, no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) declárase a totalidade do concello de Rairiz de Veiga como zona de alto risco de incendio (ZAR), incluído no distrito forestal XV A Limia.

• Pragas e enfermidades forestais.

A entrada de fungos, bacterias ou insectos nas árbores de máis idade ou naquelas que presenten feridas abertas pode causar danos importantes nos exemplares, debilitándoos e causando a súa podremia.

En xeral, calquera enfermidade que poida incidir sobre a especie Quercus robur constitúe un factor de risco. Hai constancia de que o oídio atacou nos últimos anos a Carballa, mentres que outras enfermidades que afectan esta especie xa se veñen observando en zonas próximas a Galicia.

Entre as diversas enfermidades que poden atacar os carballos destacan:

a) Oídio: trátase dunha enfermidade fúnxica que forma unha pátina branca que aparece principalmente sobre as follas, pero tamén sobre froitos, ramas e gromos. Está causada polo fungo Micosphaera alphitoides e acostuma producir infestacións leves nas masas galegas de carballo. Os anos con maior progresión de oídio son aqueles en que se produce un aumento das precipitacións en comparación con anos anteriores. A Carballa da Rocha sufriu episodios de oídio de carácter leve.

b) Altica quercetorum: catalogado como praga en Galicia desde os anos 90 do século pasado, trátase dun coleóptero cuxo ataque se pon de manifesto polo aspecto amarelento das copas, consecuencia da permanencia de follas secas na árbore despois da actividade do insecto. Danse dous tipos de ataque: o producido polas larvas, esqueletizadoras que consomen parénquima clorofílico, e o producido polos adultos, que roen as follas provocando pequenos orificios, polo que son menos significantes.

Os ataques desta especie só chegan a causar a morte cando se producen de forma moi intensa e reiterada, coincidindo con árbores xa debilitadas pola incidencia doutras enfermidades. Así mesmo, o ataque de Altica ten como consecuencia unha maior vulnerabilidade das árbores a outras pragas ou enfermidades. Este insecto comeza a súa actividade coa chegada da primavera, entre marzo e abril, coincidindo coa subida das temperaturas, cando pon os ovos no reverso das follas dos carballos.

Polo xeral, se os carballos están en bo estado de saúde, recupéranse sen maior problema.

A incidencia destes coleópteros vénse observando nos últimos anos principalmente no sur da provincia de Lugo e en Ourense, sobre todo en territorios onde predomina a influencia da rexión bioclimática mediterránea. As condicións meteorolóxicas son determinantes para a propagación do escaravello: os ataques son máis intensos despois de invernos tépedos e de pouca chuvia.

• Presenza de especies exóticas invasoras.

Dentro das lindes do monumento non se atopan especies exóticas. Aínda así, cabe destacar que nas beiras do camiño de acceso hai varios pés de herba da Pampa (Cortaderia selloana), especie exótica invasora segundo o Real decreto 630/2013, do 2 de agosto e que pola súa proximidade constitúen un risco para o espazo.

• Cambio climático.

a) Proxeccións: escenarios de cambio climático: os posibles efectos do cambio climático na área da Carballa da Rocha foron analizadas por MeteoGalicia mediante modelos rexionais: Regional Climate Models, RCM, executados no marco da iniciativa europea Euro-Codex.

No desenvolvemento desta análise seleccionouse o dato diario dun grupo de 11 modelos rexionais aniñados aos 5 modelos globais máis fiables para o sector do Atlántico norte, dous escenarios distintos de concentración de gases de efecto invernadoiro (RCP 4.5 e RCP 8.5) e dous períodos climáticos de 30 anos, un a mediados (2031-2060) e outro a finais de século (2061-2090).

Así, o cambio climático podería afectar a Carballa da Rocha nas próximas décadas en virtude das variacións das variables climáticas: temperatura, días de verán, días de xeada, precipitación anual, días de chuvia e índice de días moi chuviosos, entre outros, en función das condicións actuais e dos resultados amosados polos modelos climáticos rexionalizados para os horizontes temporais 2031-2060 e 2061-2090, na zona do concello de Rairiz de Veiga.

En canto aos escenarios climáticos, o escenario RCP 4.5 é aquel en que se proxecta o que ocorrería se se toman medidas de mitigación, mentres que o escenario RCP 8.5 sería aquel en que se proxecta o que ocorrería se non tomamos ningunha medida. Cabe sinalar que, para cada variable estudada, se presenta o escenario máis favorable nos dous horizontes temporais, indicando para o concello de Rairiz de Veiga os valores medios.

En canto á análise da temperatura, conclúese que para o escenario RCP 4.5 o valor medio da temperatura máxima aumentaría en 1,6 ºC no horizonte 2031-2060, e en 1,9 ºC no horizonte 2061-2090. No que se refire á temperatura mínima, o valor medio aumentaría en 1,3 e en 1,7 ºC para os horizontes 2031-2060 e 2061-2090, respectivamente, e para a temperatura media, eses incrementos serían de 1,4 e 1,7 ºC.

Os días de verán, aqueles cunha temperatura máxima por riba dos 25 ºC, poderían aumentar para o escenario RCP 4.5 en 24 días no horizonte 2031-2060, e en 28 no horizonte 2061-2090. Os días de xeada, aqueles cuxa temperatura mínima é menor a 0 ºC, diminuirán en 15 días por ano no horizonte 2031-2060, e en 23 no horizonte 2061-2090 para o escenario RCP 4.5.

Respecto á variable precipitación, cómpre destacar que, para o escenario RCP 4.5, o valor medio diminuiría nun 4 % no horizonte 2031-2060 e nun 7 % no horizonte 2061-2090. Por outra banda, o número de días con precipitacións maiores ou iguales a 1 mm diminuiría, para o escenario RCP 4.5, en 9 días no horizonte 2031-2090, e en 15 días no horizonte 2061-2090.

Por último, inclúese a proxección dos días moi chuviosos, que son aqueles con chuvias por riba do percentil 95 dos días chuviosos durante o período 1971-2000. En ambos os horizontes a variación é inapreciable.

b) Cambio climático e afectacións aos carballos: en resumo, os modelos preditivos prognostican un incremento das temperaturas medias anuais, con maiores períodos de secas, maior grao de insolación e menores precipitacións.

De xeito xeral, moitos traballos de investigación avalan a sensibilidade climática do crecemento do carballo, e as poboacións galegas son indicadoras a nivel europeo dos posibles efectos do cambio climático sobre a vitalidade da especie por atopárense no límite sur de distribución. No caso concreto do estudo sobre exemplares galegos crecidos baixo clima con tendencias mediterráneas, observouse unha maior sensibilidade do crecemento en períodos de seca estival, polo que se asume que, baixo unha eventual acentuación da intensidade e duración do período de seca estival resultante do quecemento global, as poboacións máis ao sur de Galicia amosarán unha maior redución da vitalidade e crecemento.

O incremento das temperaturas afectaría o ecosistema no seu conxunto pero, en particular, as árbores de maior idade, interferindo nos ciclos de crecemento e floración, incluso incrementando o risco de seca e mortalidade. En relación cos niveis de insolación, os carballos desenvólvense mellor naqueles lugares con exposicións medias.

En canto aos niveis de precipitación, estas árbores precisan climas de tendencia atlántica cun mínimo de humidade (precipitacións anuais de polo menos 60 mm), e prefiren choivas abundantes. Non toleran ben as secas estivais fortes.

Paralelamente, os períodos de seca afectan tamén a fauna por depender da vexetación como fonte de alimento e refuxio.

Por outra banda, o cambio climático vincúlase estreitamente á incidencia das pragas, favorecendo o asentamento de especies adaptadas ás novas condicións. No caso da xa mencionada Altica quercetorum e coa tendencia actual que apunta a que os invernos secos e cálidos serán máis frecuentes, agárdase que sexa cada vez máis frecuente en territorios con influencia mediterránea.

• Risco de inundación.

As inundacións constitúen un factor de risco para a vexetación debido a que diminúe a dispoñibilidade de oxíxeno (anoxia) nas raíces por asolagamento. Igualmente, favorecen a propagación de fungos. O asolagamento dos terreos é un problema presente principalmente en solos moi arxilosos cunha baixa condutividade da auga ou onde existe un horizonte impermeable baixo a superficie.

Os danos de tipo físico producidos por períodos de choivas intensas e posterior asolagamento son principalmente a erosión, o compactado de solos e a lixiviación de nutrientes, especialmente de nitratos. Entre os danos a nivel químico destaca a diminución drástica de oxíxeno dispoñible, a acumulación de CO2, a descomposición anaeróbica da materia orgánica e a redución de sulfatos a sulfuro de hidróxeno (SH2), causantes da morte das raíces.

A superficie ocupada polo monumento non se atopa dentro dunha ARPSI (área de risco potencial significativo de inundación), aínda que a zona si aparece na cartografía asociada aos riscos por inundación do Sistema nacional de cartografía de zonas inundables.

Na maioría da superficie do monumento estímase un nivel de inundación máximo, a 10 anos, de entre 0,4 e 0,7 metros.

• Vertedoiro incontrolado: restos de poda.

Hai constancia de que, puntualmente, se acumulan restos de poda dentro dos lindes do monumento. Este feito, ademais de provocar a propia acumulación de materia vexetal morta, favorece a mobilidade de pragas ou enfermidades vexetais, así como, no caso de tratarse de restos de plantas exóticas, da súa dispersión.

VI. Estudo da conectividade ecolóxica.

A finalidade da análise das áreas de conectividade ecolóxica é a de identificar aquelas zonas que se atopan na contorna do monumento natural con características bioxeográficas que favorecen o movemento de especies, en particular desde a formación arbórea á ZEPA A Limia ES0000436, o espazo natural protexido que se atopa máis preto do monumento, ao sur-sueste da Carballa da Rocha.

Tal e como se comentou anteriormente, o monumento natural da Carballa da Rocha está conformado por un conxunto de árbores, principalmente carballos de gran porte, máis unha pequena zona de prado. En canto ao tipo de ecosistema que forma, este non é único na zona, xa que a paisaxe en que se atopa é un mosaico silvopastoral tradicional galego: os lindes das distintas zonas de pasto limítanse non mediante muros ou valos, senón por divisións vexetais de árbores e arbustos, coñecidos en Galicia como sebes. A característica que diferencia o monumento natural do resto de mesturas de prados con formacións de caducifolias é a lonxevidade e porte das árbores do primeiro.

No estudo de conectividade realizado considerouse a especie Lucanus cervus como modelo para a análise de conectividade e empregouse un enfoque baseado no modelo de distancia de dispersión de Lucanus cervus, utilizando a distancia media de dispersión das femias (300 m). En primeiro lugar analizouse a contorna do monumento natural segundo a tipoloxía de cobertura do solo, localizando aquelas zonas coincidentes coas características do espazo natural e que se atopan entre elas e o outro espazo protexido máis próximo, a ZEPA A Limia, que está a menos dun quilómetro do primeiro. Establecendo un raio de 300 m tomando como punto central a localización da Carballa da Rocha, comprobouse que dentro do perímetro hai outras zonas arboradas e sebes nas cales tamén se pode establecer a especie. Do mesmo xeito e establecendo o mesmo raio destas formacións arbóreas secundarias, os novos raios solápanse co territorio Natura 2000 mencionado anteriormente.

O estudo conclúe que para esta especie, de dispersión máis reducida en comparación con outras especies de interese presentes no espazo coma as aves, a conectividade ecolóxica é moi alta e non existen problemas de fragmentación para as poboacións de vacalouras.

VII. Estudo da capacidade de carga.

O acceso de persoas visitantes identifícase como un dos factores de maior incidencia na conservación dos espazos naturais protexidos. Por isto, convén determinar a capacidade de carga dun espazo, equivalente neste caso ao número máximo de persoas que, de xeito simultáneo, pode chegar a soportar o monumento. Mediante o establecemento dunha capacidade de carga búscase que as persoas visitantes desfruten satisfactoriamente do espazo.

Tendo en conta que o monumento natural conta cunha superficie total accesible de aproximadamente 0,24 ha (restando a superficie ocupada polas árbores, así como polas zonas elevadas onde se sitúan algunhas delas) e considerando que para que as persoas visitantes desfruten satisfactoriamente do espazo precisan duns 5 m2/persoa, calculouse unha capacidade de carga de 480 persoas de xeito simultáneo no espazo.

Aínda que se descoñece o número de persoas que se achegan ao monumento natural, este non semella ser elevado, agás durante a celebración da romaría da Saínza, momento puntual en que a afluencia pode ser superior á calculada anteriormente.

Hoxe en día o número de visitas non supón afectacións negativas ao espazo, polo que non se considera necesario establecer un control da cota máxima diaria. Aínda así, este índice poderá ser aplicado se o fluxo de persoas visitantes aumenta co transcurso do tempo.

TÍTULO I

Obxectivos

Artigo 1. Valores que hai que protexer e obxectivos de conservación

O principal valor que hai que protexer é o exemplar senlleiro de Quercus robur, A Carballa da Rocha e, por extensión, a formación arbórea de gran porte a que pertence.

Os obxectivos de conservación no espazo son os seguintes:

1. Obxectivo xeral 1: conservación do patrimonio natural e do patrimonio cultural asociado.

2. Obxectivo xeral 2: fomento do coñecemento, investigación e educación.

3. Obxectivo xeral 3: fomento dun desenvolvemento sustentable e da relación entre as persoas habitantes e as visitantes.

TÍTULO II

Zonificación

Artigo 2. Consideracións xerais

O valor natural do exemplar senlleiro da Carballa é o principal motivo polo cal se declarou a zona como monumento natural. As reducidas dimensións da superficie ocupada por este exemplar e polo conxunto arbóreo que a acompaña fai que non sexa necesario o establecemento dunha zonificación para a mellora da súa xestión.

TÍTULO III

Directrices e normas

CAPÍTULO I

Directrices e normativa xeral

Artigo 3. Disposicións xerais

As directrices son vinculantes en canto aos seus fins. Corresponde aos distintos departamentos das administracións públicas, segundo o ámbito das súas competencias, establecer e aplicar medidas concretas para a conservación do espazo. Tamén son vinculantes para a realización dos informes e autorizacións por parte da consellería con competencias en materia de conservación do patrimonio natural.

Buscan, en todo caso, que a conservación do medio sexa compatible cos distintos tipos de uso que se lle dá ao espazo protexido, garantindo, ao mesmo tempo, o cumprimento dos obxectivos que hai que acadar. De feito, recollen tamén cuestións específicas que dan resposta á problemática derivada deses usos. Así, defínese que:

1. A xestión do espazo e das compoñentes da biodiversidade terá como obxectivo alcanzar un nivel de protección elevado. Basearase nos principios de cautela e de acción preventiva; cando haxa perigo de dano grave ou irreversible, a falta de certeza científica absoluta non deberá utilizarse como razón para postergar a adopción de medidas eficaces para impedir a degradación do medio.

2. Velarase polo mantemento dos procesos ecolóxicos esenciais e dos ecosistemas.

3. Velarase pola preservación da variedade, singularidade e beleza do ecosistema natural, evitando ou minimizando a súa degradación.

4. Evitaranse todas aquelas actuacións que modifiquen ou alteren a calidade da paisaxe de xeito significativo, así como daquelas que ocasionen unha perda de identidade e individualidade paisaxística, evitando elementos que supoñan un elevado impacto visual derivado da súa localización, materiais empregados ou por causa das texturas e cores utilizadas.

5. Evitarase toda aquela actuación ou actividade que altere a cuberta vexetal e que poida repercutir negativamente na protección do solo fronte á erosión superficial e a regulación hídrica o cal, consecuentemente, implicará a protección dos valores paisaxísticos e ecolóxicos do espazo.

6. De ser necesario realizar podas ou cortas selectivas nas árbores do monumento, os restos vexetais serán retirados no caso de que a poda ou corta sexa por motivos de sanidade vexetal.

7. Darase preferencia ás medidas de conservación e preservación dos valores que motivaron a declaración do espazo como monumento natural.

8. Darase preferencia ás medidas de conservación, preservación e recuperación das especies silvestres de flora e fauna, facendo especial fincapé naquelas consideradas como protexidas, así como nas consideradas clave no espazo no momento da redacción deste plan de xestión, os carballos (Quercus robur).

9. Evitarase a introdución e proliferación de especies, subespecies, razas xeográficas ou organismos xeneticamente modificados distintos dos autóctonos na medida en que poidan competir con estes, alterar a súa pureza xenética ou provocar desequilibrios ecolóxicos.

10. Promocionarase a investigación e estudo dos valores naturais e culturais a través da coordinación con outras administracións, coa comunidade científica e coa propia poboación local.

11. Todos os traballos científicos ou de investigación autorizados neste espazo utilizarán as técnicas e métodos de menor impacto para o medio natural e, en especial, para os elementos obxecto de conservación.

12. Fomentarase o coñecemento do espazo protexido, así como un uso público axeitado e ordenado como forma de difundir a importancia dos seus valores naturais e culturais, en prol da conservación.

13. Levarase a cabo un seguimento e control da correcta execución das accións especificadas neste plan, así como o seguimento do cumprimento da normativa de aplicación, para avaliar axeitadamente o cumprimento dos obxectivos de conservación do espazo.

14. Manteranse as actividades e usos que sexan compatibles coa conservación dos elementos que motivaron a declaración do monumento natural, a biodiversidade e o uso sustentable dos recursos naturais.

15. Nas actividades que se desenvolvan terase en conta a perspectiva de xénero, fomentando a incorporación das mulleres ás medidas de dinamización, desenvolvemento e participación. Neste senso, evitarase o uso de imaxes estereotipadas ou linguaxe non inclusiva na documentación xerada para o espazo protexido.

Artigo 4. Exclusión de actividades

1. Quedan excluídas do espazo as seguintes actividades indicadas no artigo 4.1 do Decreto 45/2007, do 1 de marzo:

a) A realización de campamentos ou o seu establecemento.

b) A realización de desmontes ou terrapléns.

c) As verteduras ou vertedoiros de calquera natureza.

d) As queimas.

e) A fixación ou colocación de carteis ou anuncios publicitarios, agás os que teñan relación coa defensa e sinalización do propio monumento natural.

f) A extracción de area.

g) O establecemento de infraestruturas que menosprecen a calidade paisaxística da contorna.

h) Os aproveitamentos mineiros da xea presente na área.

i) A construción de edificacións permanentes de calquera tipo.

2. O monumento natural será tamén área de exclusión para as seguintes actividades:

a) A introdución de especies actualmente non presentes no espazo natural.

b) A instalación de infraestruturas enerxéticas e de telefonía, así como a apertura de vías.

Artigo 5. Normativa xeral

1. Con carácter xeral, estableceranse usos permitidos, prohibidos ou sometidos a autorización de acordo coas definicións establecidas nos artigos 68 a 71 da Lei 5/2019, do 2 de agosto.

2. Calquera proxecto, uso, actividade ou aproveitamento que se pretenda realizar no monumento natural non recollido explicitamente nos artigos deste decreto debe entenderse sometido aos criterios establecidos nos artigos 69 a 71, ambos incluídos, da Lei 5/2019, do 2 de agosto, para determinar o réxime xurídico aplicable.

3. En relación coa flora e coa fauna silvestre, a normativa que se aplicará será a recollida na antedita lei, así como na Lei 42/2007, do 13 de decembro.

4. Conforme o disposto no artigo 34.4 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, e no artigo 25.3 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, nos monumentos naturais estará limitada a explotación de recursos, salvo cando esta explotación sexa plenamente coherente coa conservación dos valores que se pretenden protexer, conforme o establecido na súas normas de declaración ou xestión, ou naqueles casos en que, por razóns de investigación ou conservación ou por tratarse de actividades económicas compatibles co mínimo impacto e que contribúan ao benestar socioeconómico ou da poboación, se permita a dita explotación coa pertinente autorización administrativa previa.

5. As solicitudes de autorización deberán presentarse ante a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, excepto a solicitude de tratamentos silvícolas, que se realizará ante o Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático de Ourense. Deberán incluír unha explicación do uso ou actividade e un estudo das súas afectacións co seguinte contido mínimo:

a) Antecedentes.

b) Xustificación.

c) Descrición da área de afectación e influencia con explicación e cartografía dos elementos naturais.

d) Análise das afectacións sobre o espazo e sobre os seus elementos clave de conservación, que terá en conta os efectos acumulativos en relación con outros usos e actividades que se desenvolvan no mesmo espazo, así como a súa afectación á conectividade.

e) Proposta de medidas preventivas e correctoras.

6. As solicitudes presentaranse cunha antelación mínima de tres meses. No caso de existir perigo ou risco inmediato para a seguridade das persoas, así como nos supostos de especial gravidade no ámbito da sanidade vexetal, solicitarase permiso á dirección territorial da consellería competente en materia de patrimonio natural para poder realizar as actuacións de poda, tratamento fitosanitario e, mesmo, a eliminación dunha árbore, que deberá resolvelo nun prazo de 15 días. Esta autorización quedará sometida á comprobación e acreditación previas da situación polo servizo de patrimonio natural, en que tamén se establecerán as medidas necesarias para minimizar as afectacións sobre o monumento natural ou, se é o caso, a árbore senlleira.

7. No caso de intervencións ou cambios de uso en bens de interese cultural ou catalogados ou na súa contorna de protección, debe requirirse autorización previa da consellería competente en materia de patrimonio cultural ou certificación dese organismo de non necesitar autorización por estar incluída nas excepcións establecidas na Lei 5/2016, do 4 de maio, ou nos supostos previstos nos artigos terceiro e cuarto da Instrución do 8 de novembro de 2017, relativa ao trámite de autorización en materia de patrimonio cultural nos bens inmobles catalogados e declarados de interese cultural, as súas contornas de protección e as zonas de amortecemento.

8. No caso de non apreciarse unha afectación significativa poderase autorizar o plan, proxecto, uso ou actividade. Na dita autorización poderán establecerse restricións, condicionantes e/ou medidas correctoras ou compensatorias que favorezan o desenvolvemento sustentable das actividades, usos e aproveitamentos, tendo en conta as directrices establecidas.

9. En consonancia co establecido no artigo 85 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, no caso de apreciarse unha afectación apreciable, o proxecto someterase a unha adecuada avaliación das súas repercusións e procederase de forma análoga co disposto nos números 2 e 3 do artigo 84 para os espazos da Rede Natura 2000.

10. O sentido do silencio, tanto das autorizacións como do informe preceptivo e vinculante da consellería competente en materia de patrimonio natural, será negativo de acordo co artigo 24.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

CAPÍTULO II

Normativa de usos e aproveitamentos

Artigo 6. Actividades de uso público

1. Son usos e actividades permitidos:

a) Moverse a pé ou a cabalo polo espazo de forma racional e respectuosa, respectando en todo momento a propiedade privada.

b) As actividades recreativas ou de carácter deportivo ao aire libre, exercidas a título persoal, sempre que non alteren a formación arbórea ou a tranquilidade das especies, respectando en todo momento a propiedade privada.

c) A presenza de animais de compañía. Nas actividades de uso público, as persoas propietarias dos animais domésticos de compañía deberán adoptar as medidas necesarias, acordes coa normativa de aplicación, para que o animal non provoque alteracións sobre as especies de interese para a conservación, así como sobre o resto de actividades de uso público do espazo natural. Os animais de compañía deberán dispor de sistemas de suxeición adecuados.

d) As actividades non profesionais de filmación, gravación sonora e fotografía, sempre e cando non impliquen o emprego de equipamentos auxiliares como focos, hides ou pantallas, e sempre co respecto á propiedade privada.

2. Son usos e actividades sometidos a autorización:

a) As actividades recreativas e/ou lúdicas organizadas no espazo protexido, como visitas guiadas, xogos, actividades na natureza.

b) A celebración da romaría da Saínza, incluída a venda ambulante durante a romaría e o uso de megafonía, así como doutros aparellos de son.

c) Actividades educativas ou de voluntariado para fomentar o coñecemento e a conservación do espazo.

d) As actividades non profesionais de filmación, gravación sonora e fotografía que impliquen o emprego de equipos auxiliares como focos, hides ou pantallas.

e) Actividades profesionais de filmación, gravación sonora e fotografía con fins comerciais, así como de comunicación ou difusión pública, para medios escritos, de televisión, radio ou internet. As ditas actividades deberán especificar o uso de equipamentos auxiliares como focos, pantallas reflectoras, xeradores eléctricos ou outros similares.

f) O uso, con fins comerciais, da imaxe, marca ou sinais de identidade gráfica do espazo natural.

3. Son usos e actividades prohibidos:

a) A realización de bivaque.

b) A acampada.

c) A realización de pintadas e/ou gravados na vexetación ou nas infraestruturas de uso público e, en xeral, calquera práctica de vandalismo no monumento natural e nos seus valores.

d) As concentracións, eventos e competicións deportivas organizadas de xeito colectivo.

e) A venda ambulante. Queda exceptuado desta prohibición o día da celebración da romaría da Saínza no cal esta actividade será autorizable.

f) O emprego de megáfonos, así como doutros aparellos de son que perturben a tranquilidade e a quietude da fauna de interese para a conservación e do propio espazo natural. Queda exceptuado desta prohibición o día da celebración da romaría da Saínza no cal este uso será autorizable.

g) As prácticas de supervivencia e o paintball.

h) O uso de vehículos, incluídos bicicletas, patinetes, quads, motocicletas e calquera outro vehículo con ou sen motor. Quedan excluídos desta limitación os vehículos de vixilancia, emerxencia, actividades agrícolas e forestais, que non poderán acceder ás zonas elevadas de terreo onde se sitúan as árbores.

i) A realización de manobras militares.

Artigo 7. Infraestruturas e obras

1. Son usos e actividades permitidos:

a) A reposición da cartelaría presente, cando sexa substituída por unha nova que non modifique tamaños, materiais, posición nin información.

b) As tarefas de deslindamento e marcaxe dos terreos e parcelas en que deberán empregarse materiais tradicionais do medio rural, debendo realizarse sen causar afectacións apreciables sobre os elementos clave para a conservación.

2. Son usos e actividades sometidos a autorización:

a) A instalación de novos sinais con obxectivo informativo ou interpretativo que dependan de organismos alleos á xestión do espazo natural protexido ou a reposición da cartelaría existente, cando modifique os seus tamaños, materiais, posición e información.

b) A realización de pequenas infraestruturas asociadas ao uso público ou á conservación dos elementos clave de conservación.

3. Son usos e actividades prohibidos:

a) A realización de novas infraestruturas non asociadas ao uso público ou á conservación dos elementos clave de conservación.

b) O depósito temporal de obxectos.

Artigo 8. Actividades científicas

1. Son usos e actividades sometidos a autorización:

Toda actividade científica, de investigación ou de seguimento e monitoraxe efectuadas por persoal cualificado, baixo as seguintes condicións:

a) Xunto coa solicitude deberase presentar unha proposta técnica con información sobre a finalidade da investigación, obxectivos, materiais que se utilizarán, metodoloxía, lugares onde se vai realizar, plan de traballo, duración, persoal interveniente, así como a necesidade de montar algún tipo de estrutura. Esta proposta debe estar suficientemente desenvolvida, de xeito que permita verificar a incidencia da actividade sobre o medio (paisaxe, medio ecolóxico, hábitats, especies e patrimonio cultural).

b) O órgano autonómico competente en materia de conservación do patrimonio natural poderá propoñer que a realización das actividades científicas se faga nunha zona ou nunha área concreta do monumento ou, se é o caso, denegar a autorización para a súa execución ou establecer condicionantes.

c) Deberase informar das datas de inicio e finalización dos traballos de campo, así como de calquera anomalía producida durante a investigación que poida ter repercusións sobre os valores naturais do espazo.

d) Posteriormente deberase presentar unha memoria final en que se expoñerán os traballos realizados, así como os seus resultados.

e) A consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural poderá pedir, logo da solicitude dalgunha actividade científica ou durante o transcurso da actividade, información detallada sobre os labores de investigación e establecer medidas preventivas ou limitacións sobre a recollida, captura, extracción ou sobre os métodos de estudo, co fin de asegurar o mantemento do estado de conservación dos hábitats ou das especies obxecto da investigación.

f) Só poderán ser outorgados permisos de investigación que afecten o estado de conservación de hábitats ou especies presentes no espazo natural, cando sexan estritamente necesarios para a súa xestión e cando non existan alternativas para a súa realización con outros métodos de menor impacto ou en áreas non integradas no espazo natural.

Para a realización de actividades científicas ou de investigación poderanse outorgar permisos especiais para o transporte de material e persoas polo monumento natural. Igualmente, poderase autorizar a instalación de infraestruturas necesarias en áreas non habilitadas para tal fin, con carácter temporal e con impacto visual e ecolóxico mínimo.

A persoa responsable das investigacións realizadas nun espazo natural deberá proceder aos traballos necesarios para a restauración das condicións naturais que houbese con anterioridade. As actividades de investigación ou monitorización non poderán deixar pegadas permanentes que vaian en detrimento dos valores naturais e culturais.

2. Actuacións prohibidas:

a) Deixar pegadas permanentes como resultado das actividades de investigación ou monitorización que vaian en detrimento dos valores naturais.

b) Introducir especies ou subespecies, así como xenotipos diferentes aos existentes no espazo natural.

Artigo 9. Aproveitamentos agroforestais

1. Son usos e actividades permitidos:

a) Os labores de prevención e defensa contra os incendios forestais establecidos no plan de prevención e defensa contra os incendios forestais do distrito forestal XV. A Limia, sempre e cando o dito plan conte co informe favorable da consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural.

2. Son usos e actividades sometidos a autorización:

a) Os labores de prevención e defensa contra os incendios forestais establecidos no plan de prevención e defensa contra os incendios forestais do distrito forestal XV. A Limia, sempre e cando o dito plan non conte co informe favorable da consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural, ou ben os labores de prevención e defensa contra os incendios forestais, se os ditos labores non están incluídos no plan autorizado.

b) A xestión da árbore senlleira.

c) Os aproveitamentos de leñas nas masas arboradas por parte das persoas ou entidades propietarias destinados ao autoconsumo e ao uso doméstico que non sexan obxecto de comercialización, sen superar os límites de volume anual por propietario/a de acordo coa normativa sectorial vixente, sempre que non afecten a persistencia da masa ou aos obxectivos de conservación do espazo. Exclúese do dito aproveitamento a árbore senlleira.

d) Os tratamentos silvícolas, tales como as rozas do prado, selección de brotes, entrecollas, así como as podas necesarias para a conservación ou cando exista un perigo para a saúde pública ou a seguridade das persoas.

e) Os tratamentos fitosanitarios das árbores.

f) A corta, no caso de existir un perigo ou risco inmediato na seguridade das persoas, así como nos supostos de especial gravidade no ámbito da sanidade vexetal tras a comprobación da situación sobre o terreo.

g) Con carácter xeral, autorízase a recollida de follaxe, castañas, cogomelos, landras e outros pequenos froitos por parte das persoas ou entidades titulares dos montes para o seu propio aproveitamento, nas condicións establecidas para o efecto nas súas regulacións específicas, sempre que non afecte os obxectivos de conservación do espazo.

3. Son usos e actividades prohibidos:

a) A corta da formación arbórea, agás no caso de existir un perigo ou risco inmediato para a seguridade das persoas, así como nos supostos de especial gravidade no ámbito da sanidade vexetal.

b) A corta total ou parcial de árbores vivas ou mortas, salvo causas xustificadas, principalmente aquelas relacionadas coa seguridade e sanidade vexetal.

c) A poda drástica, indiscriminada e extemporánea de toda árbore incluída no monumento natural.

d) Os aproveitamentos de leña de uso non doméstico.

e) Os cambios entre diferentes usos forestais, ou dun uso forestal a un uso agrícola ou viceversa.

f) Calquera acción que poida afectar negativamente a integridade, saúde e aparencia da árbore senlleira.

Artigo 10. Aproveitamento gandeiro

1. Son usos e actividades permitidos:

a) O pastoreo tradicional de gandaría extensiva na zona de pasto con especies, subespecies, variedades ou razas representativas dos sistemas tradicionais de explotación gandeira de Galicia.

2. Son usos e actividades prohibidos:

a) As explotacións de gandaría extensiva ou intensiva con especies alóxenas.

b) O uso de biocidas.

TÍTULO IV

Programa de actuacións

Artigo 11. Temporalidade e prioridade das actuacións

As actuacións planificadas para o espazo desenvolveranse en tres fases, cada unha cunha temporalidade e prioridade diferenciadas:

1. Primeira fase: prioridade alta, para realizar antes dos 5 anos (A).

2. Segunda fase: prioridade media, para realizar nun período de 5-10 anos (M).

3. Terceira fase: prioridade baixa, realizable nun período superior aos 10 anos (B).

4. Acción continua no tempo: sen prioridade determinada, para realizar de xeito continuo no tempo (CT).

Artigo 12. Programa

Dentro dos tres obxectivos xerais establecidos, prevense as seguintes actuacións:

O.X. 1

1.A. Seguimento fitosanitario das árbores do conxunto, en especial do exemplar denominado A Carballa da Rocha

A actuación prevé facer un seguimento da saúde vexetal que, por mor da lonxevidade de moitos dos exemplares e a incidencia crecente de pragas noutras carballeiras galegas, as fan máis vulnerables a sufrir problemas fitosanitarios. A vixilancia do estado xeral do conxunto permitirá detectar a tempo calquera problema que poida afectar a súa supervivencia.

De ser preciso, realizaranse podas sanitarias de pólas mortas ou con podremia para evitar problemas maiores.

Periodicidade: cada 5 anos ou segundo necesidade

Prioridade: CT

Custo estimado: 6.000 €/ano

Responsable da actuación: persoas propietarias dos terreos ou Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Concello mediante acordos coas persoas propietarias.

Posibles fontes de financiamento: Xunta de Galicia, Feader, Feder.

1.B. Establecemento dun programa de seguimento e erradicación de especies alóxenas (en especial daquelas con comportamento invasor) e de especies exóticas invasoras (EEI)

Terá a finalidade de eliminar todas aquelas especies que poñan en perigo a biodiversidade, tanto do espazo como da súa contorna máis próxima.

A maiores, efectuarase un seguimento regular da zona para localizar posibles rebrotes ou novos individuos.

Periodicidade: bianual

Prioridade: CT

Custo estimado: 2.250 €/ano

Responsable da actuación: persoas propietarias dos terreos ou Dirección Xeral de Patrimonio Natural e/ou Concello mediante acordos coas persoas propietarias.

Posibles fontes de financiamento: Xunta de Galicia, Concello, Feader, Feder.

1.C. Adquisición das parcelas que conforman o monumento natural

Compra da parcela en que medra o exemplar A Carballa da Rocha (prioritaria), así como das 5 parcelas restantes:

Parcela

Polígono

Ref. catastral

Superficie (m2)

97

86

32068A086000970000PL

4.834

93

86

32068A086000930000PY

229

96

86

32068A086000960000PP

429

98

86

32068A086000980000PT

309

99

86

32068A086000980000PT

341

437

86

32068A086004370000PW

86

Periodicidade: acción puntual

Prioridade: M

Custo estimado: 25.000 €

Responsable da actuación: Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Posibles fontes de financiamento: Xunta de Galicia, Feader, Feder.

1.D. Seguimento de posibles problemas estruturais

Realizarase un seguimento para detectar posibles problemas estruturais nas árbores do conxunto, particularmente no relativo ás bases dos troncos e descalzamento das raíces.

De observar problemas estruturais, acometeranse actuacións do tipo:

– Achega de materia orgánica para tapar raíces descalzadas.

– Instalación de valados perimetrais para evitar pegadas sobre o sistema radical e frear a erosión do solo.

– Calquera outra que recomenden os servizos técnicos.

Periodicidade: anual

Prioridade: CT

Custo estimado: 10.000 € / actuación

Responsable da actuación: persoas propietarias dos terreos ou Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e/ou Concello mediante acordos coas persoas propietarias.

Posibles fontes de financiamento: Xunta de Galicia, Concello, Feader, Feder.

1.E. Mantemento da parte do monumento natural ocupada por prado

Roza e limpeza da superficie ocupada por prado.

Periodicidade: semestral

Prioridade: A

Custo estimado: 800 €/ano

Responsable da actuación: persoas propietarias dos terreos ou Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e/ou Concello mediante acordos coas persoas propietarias.

Posibles fontes de financiamento: Xunta de Galicia, Concello, Feader, Feder.

1.F. Elaboración do plan de acción da paisaxe para o monumento natural

O plan de acción da paisaxe é unha obriga establecida no artigo 12 da Lei 7/2008, do 7 de xullo. Este plan axustarase ás determinacións contidas nas directrices da paisaxe, de conformidade cos obxectivos de calidade paisaxística, e incluirá unha proposta de medidas para o mantemento, mellora, recuperación ou rexeneración da paisaxe.

Periodicidade: acción puntual

Prioridade: A

Custo estimado: 15.000 €

Responsable da actuación: Instituto de Estudos do Territorio.

Posible fonte de financiamento: Xunta de Galicia.

1.G. Seguimento da celebración da romaría da Saínza para detectar posibles efectos no espazo protexido

Seguimento das actividades desenvolvidas no marco da romaría e determinación de posibles impactos co obxectivo de compatibilizar a continuidade da celebración coa conservación do espazo.

Prestarase especial atención á afluencia de público e á capacidade de carga calculada para o espazo para o caso concreto do día de celebración da romaría.

Periodicidade: 3 primeiros anos

Prioridade: A

Custo estimado: -

Responsable da actuación: Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Posible fonte de financiamento: medios propios da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

1.H. Estudo e posta en valor do contexto histórico e tradicional sobre a celebración da Romaría da Saínza

Porase en valor o patrimonio inmaterial asociado a esta romaría (representación do «Asalto ao Castelo» e do Combate de Mouros e Cristiáns no Campo da Batalla, a música, os cánticos, a cerimonia e o propio acto festivo), co obxectivo de conservar e perpetuar a súa transmisión interxeracional.

Periodicidade: acción puntual

Prioridade: M

Custo estimado: 7.000 €

Responsable da actuación: Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Axencia de Turismo de Galicia, Concello.

Posibles fontes de financiamento: Xunta de Galicia, Feader, Feder, Concello.

O.X. 2

2.A. Estudo sobre os posibles efectos do cambio climático nos exemplares de Quercus robur do monumento natural da Carballa da Rocha e comparativa cos efectos xerais previstos para esta especie noutras carballeiras existentes en espazos naturais protexidos de Galicia

O artigo 24.4 da Lei 7/2021, do 20 de maio, establece que na actualización e revisión dos plans ou instrumentos de xestión dos espazos naturais protexidos se incluirá unha epígrafe sobre a súa adaptación ao cambio climático.

O estudo proposto buscará posibles afectacións tanto relativas ao cambio meteorolóxico en si como posibles novas pragas ou aparición de novas especies que poidan afectar estes exemplares de Quercus robur. Así mesmo, buscará determinar como serán eses efectos en relación con outras carballeiras existentes noutras zonas de Galicia que non se caractericen pola monumentalidade dos seus exemplares.

Periodicidade: acción puntual

Prioridade: A

Custo estimado: 30.000 €

Responsable da actuación: Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

Posibles fontes de financiamento: Xunta de Galicia, Feader, Feder.

2.B. Realización de actividades divulgativas nos centros escolares da comarca da Limia, así como xornadas de sensibilización para a poboación

Focalizaranse en realzar a importancia da conservación do patrimonio natural en xeral, e dos valores senlleiros do monumento natural en particular. Buscarase implicar a poboación e fortalecer o seu vínculo co monumento natural, sensibilizando e aumentando o seu coñecemento para acadar unha maior valoración do espazo.

No caso dos centros educativos estas actividades realizaranse tanto nos propios centros coma por medio de visitas á zona.

Periodicidade: anual

Prioridade: A

Custo estimado: 4.000 €/ano

Responsable da actuación: Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Concello.

Posible fonte de financiamento: Xunta de Galicia, Concello, Feader, FSE.

2.C. Creación de novo material divulgativo sobre o monumento natural e a árbore senlleira

En xeral, centrarase en resaltar a relevancia da biodiversidade que acollen as típicas carballeiras galegas máis lonxevas, e a singularidade das árbores que acadan no contexto galego tantos anos de vida.

En particular, resaltaranse as extraordinarias características e valores da Carballa da Rocha.

Periodicidade: acción puntual

Prioridade: M

Custo estimado: 2.000 €

Responsable da actuación: Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Concello, Axencia de Turismo de Galicia.

Posibles fontes de financiamento: Xunta de Galicia, Concello, Feader.

2.D. Establecemento de colaboracións con outras administracións públicas, así como con asociacións e cidadanía para actividades de conservación, mantemento e divulgación do espazo protexido

Dando un paso cara á gobernanza participativa, tentaranse levar a cabo diversas actuacións coas distintas administracións con competencias no espazo, así como coa cidadanía mediante fórmulas coma o voluntariado, a custodia do territorio, etc.

Periodicidade: acción continua

Prioridade: CT

Custo estimado: 1.000 €/ano

Responsable da actuación: Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Posible fonte de financiamento: Xunta de Galicia, Concello, Feader, FSE.

O.X. 3

3.A. Mantemento da parcela destinada a aparcadoiro do monumento natural

Roza e limpeza da parcela con referencia catastral 32068A086002460000PW.

Periodicidade: semestral

Prioridade: CT

Custo estimado: 1.500 €/ano

Responsable da actuación: Concello.

Posible fonte de financiamento: Concello.

3.B. Renovación da cartelaría e actualización dos contidos

Renovación do panel informativo e dos sinais que indican a localización do monumento.

Periodicidade: acción puntual

Prioridade: M

Custo estimado: 2.500 €

Responsable da actuación: Concello, Axencia de Turismo de Galicia, Deputación de Ourense, Dirección Xeral de Patrimonio Natural

Posibles fontes de financiamento: Xunta de Galicia, Deputación, Feader, Feder.

3.C. Execución de actuacións para mellorar a calidade paisaxística no monumento natural

Actuacións cuxa finalidade sexa a corrección de impactos paisaxísticos, tanto no monumento natural coma na súa contorna máis próxima. Esta actuación poderá executarse a través das subvencións convocadas polo Instituto de Estudos do Territorio. Tamén mediante a orde de axudas prevista na actuación 4M.

Periodicidade: acción puntual

Prioridade: M

Custo estimado: 15.000 €

Responsable da actuación: Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio.

Posibles fontes de financiamento: Xunta de Galicia, Feader, Feder

3.D. Realización da tramitación necesaria para a inclusión do monumento natural dentro das liñas de axudas para estudos e investimentos vencellados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica

Coa finalidade de axudar ás persoas titulares dos terreos, levarase a cabo a tramitación que resulte necesaria para a inclusión deste espazo natural protexido na liña de axudas actualmente vixente.

Esta orde conta con 4 liñas de actuacións para as seguintes finalidades:

• Conservación, restauración e mellora da biodiversidade.

• Mellora da conectividade ecolóxica de especies de flora e fauna.

• Recuperación de elementos históricos, patrimoniais ou culturais.

• Creación e mellora de infraestruturas de xestión e ordenación de usos recreativos.

Periodicidade: unha vez instaurada a liña de axudas esta convocarase cada 2 anos.

Prioridade: A

Custo estimado: a tramitación non leva custo asociado. O custo no monumento natural dependerá do número de solicitudes aprobadas. A cantidade anual das axudas actualmente está en 1.400.000 €.

Responsable da actuación: Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Posible fonte de financiamento: Xunta de Galicia, Feder, Feader.

3.E. Estudo sobre as repercusións de xénero que ten a xestión e planificación do espazo natural protexido

Este estudo deberá ter en conta as diversas necesidades de homes e mulleres respecto dos servizos necesarios segundo os roles que se realicen. Debe estudar como ter en conta a perspectiva de xénero para a correcta planificación das diversas actuacións propostas no plan e nos usos e actividades sometidos a autorización. En especial, terase en conta a xestión de coidados das persoas visitantes e participantes na romaría, xa sexa como vendedor/a, figurante da festa de mouros e cristiáns, etc., a necesidade de urinarios ou aseos, a participación en eventos deportivos ou de lecer, os usos e aproveitamentos permitidos ou as accións das persoas propietarias.

Periodicidade: acción puntual

Prioridade: M

Custo estimado: 15.000 €

Responsable da actuación: Dirección Xeral de Promoción da Igualdade

Posible fonte de financiamento: Xunta de Galicia

TÍTULO V

Seguimento e avaliación

Artigo 13. Seguimento: indicadores de cumprimento do plan de xestión

Para avaliar o cumprimento do plan de xestión e a evolución do estado de conservación do monumento natural, establécense unha serie de indicadores vencellados aos obxectivos de conservación. Estrutúranse con base nas seguintes categorías:

1. Indicadores para acadar o obxectivo xeral 1: conservación do patrimonio natural e do patrimonio cultural asociado

a) Realización de informes sobre o estado fitosanitario, actuacións fitosanitarias, rozas, podas e/ou actuacións para corrixir deficiencias estruturais das árbores que conforman o monumento natural:

• Unidade de medida: número informes/ano. Elaborarase, como mínimo, un informe por ano.

• Fonte de datos: órgano xestor.

• Actualización: quinquenal.

b) Actuacións de seguimento e eliminación de EEI, así como de especies alóxenas:

• Unidade de medida: número de actuacións executadas.

• Fonte de datos: órgano xestor.

• Actualización: quinquenal.

c) Adquisición das parcelas que conforman o monumento natural:

• Unidade de medida: número de parcelas.

• Fonte de datos: órgano xestor.

• Actualización: anual, ata finalización do procedemento.

d) Elaboración do plan de acción da paisaxe para o monumento natural:

• Unidade de medida: elaboración do plan.

• Fonte de datos: órgano xestor.

• Actualización: puntual.

e) Seguimento do número de queixas recibidas ou denuncias interpostas por infraccións cometidas no espazo:

• Unidade de medida: número de escritos de queixas ou número de actas de inspección.

• Fonte de datos: órgano xestor.

• Actualización: quinquenal.

f) Realización de estudos encamiñados á posta en valor do patrimonio cultural vencellado ao monumento natural:

• Unidade de medida: número de estudos realizados.

• Fonte de datos: órgano xestor.

• Actualización: puntual.

2. Indicadores para acadar o obxectivo xeral 2: fomento do coñecemento, investigación e educación

a) Realización de estudos científicos centrados no espazo protexido e os seus valores naturais; elaboración de novo material divulgativo:

• Unidade de medida: número de estudos ou novo material elaborados.

• Fonte de datos: órgano xestor.

• Actualización: quinquenal.

b) Realización de actividades divulgativas en centros escolares, xornadas de sensibilización ambiental para a poboación xeral:

• Unidade de medida: número de actividades realizadas/ano.

• Fonte de datos: órgano xestor.

• Actualización: quinquenal.

c) Colaboracións establecidas con outras administracións:

• Unidade de medida: número de reunións ou comunicacións realizadas/ano.

• Fonte de datos: órgano xestor.

• Actualización: quinquenal.

3. Indicadores para acadar o obxectivo xeral 3: fomento dun desenvolvemento sustentable e da relación entre as persoas habitantes e as persoas visitantes

a) Execución de actuacións ou autorizacións encamiñadas á renovación da sinalética do espazo protexido:

• Unidade de medida: número de actuacións realizadas/ano.

• Fonte de datos: órgano xestor.

• Actualización: quinquenal.

b) Actuacións de mellora da calidade paisaxística:

• Unidade de medida: actuación executada.

• Fonte de datos: órgano xestor.

• Actualización: quinquenal.

c) Expedición de autorizacións de usos e aproveitamentos, así como de uso público:

• Unidade de medida: número de autorizacións/ano emitidas.

• Fonte de datos: órgano xestor.

• Actualización: quinquenal.

d) Recompilación do número de autorizacións expedidas, desagregadas por sexos, no marco do desenvolvemento deste plan de xestión.

• Unidade de medida: número de persoas solicitantes, desagregadas por sexo.

• Fonte de datos: órgano xestor.

• Actualización: bianual.

Artigo 14. Avaliación das actuacións realizadas e consecución dos obxectivos xerais

O Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático de Ourense levará a cabo a xestión do espazo tendo en conta o establecido neste plan, agás aquelas actuacións que pola presenza da árbore senlleira correspondan á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, que tamén será a competente para a autorización dos usos e actividades, agás os silvícolas.

Dentro desta xestión, o Departamento Territorial avaliará, cunha periodicidade quinquenal, a efectividade das medidas propostas, da normativa en vigor, así como da correcta execución do plan de actuacións, analizando fundamentalmente os seguintes aspectos:

– A eficacia e eficiencia na execución das diversas actuacións.

– O progreso na consecución dos obxectivos propostos.

Esta avaliación entregaráselle á Dirección Xeral de Patrimonio Natural nun informe que inclúa unha actualización dos cambios no diagnóstico do espazo e unha proposta, se é o caso, de modificación da normativa ou de novas medidas de actuación.

ANEXO II

Cartografía

missing image file

Imaxe 1. Esquerda: delimitada en branco, superficie ocupada polo monumento natural A Carballa da Rocha. Indicada cun punto de cor verde, A Carballa da Rocha. Dereita: Carballa da Rocha, cunha persoa ao seu pé para dar idea do seu tamaño.

missing image file

Imaxe 2. Xeolocalización das árbores presentes dentro do monumento natural. A Carballa aparece sinalada cunha estrela verde, as árbores acompañantes sinálanse con puntos de distintas cores en función da especie de que se trata e, indicada con raiado gris, a superficie ocupada por bosquetes de Ilex aquifolium.

missing image file

Imaxe 3. Situación do monumento natural da Carballa da Rocha respecto á ZEPA A Limia (en parte, superficie raiada en negro) e a ZEC Veiga de Ponteliñares (superficie sombreada en verde).