DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Martes, 17 de decembro de 2024 Páx. 65972

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 4 de decembro de 2024 pola que se dá publicidade á revogación da encomenda á Axencia Galega de Infraestruturas da xestión das actuacións para a redacción do proxecto e a execución das obras de construción do novo centro de saúde no concello de Boborás (Ourense).

Mediante a Resolución da Consellería de Sanidade, do 14 de xullo de 2022, encomendouse á Axencia Galega de Infraestruturas a xestión das actuacións para a redacción do proxecto e a execución das obras de construción do novo centro de saúde no Concello de Boborás (Ourense). A dita resolución foi obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia núm. 205, do 27 de outubro de 2022.

Mediante escrito do 30 de outubro de 2024, a Axencia Galega de Infraestruturas solicita a desistencia de dita encomenda, xa que, debido á carga de traballo sobrevida na Área de Contratación da Axencia, hoxe en día non foi posible licitar a execución das obras.

Estas circunstancias sobrevidas determinan a necesidade de que a xestión das actuacións para a execución das obras de construción, inicialmente encomendadas á Axencia Galega de Infraestruturas, sexa asumida directamente polo Servizo Galego de Saúde.

De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, por medio desta dáse publicidade á Resolución da Consellería de Sanidade, do 27 de novembro de 2024, pola que se revoga e deixa sen efecto a encomenda á Axencia Galega de Infraestruturas da xestión das actuacións para a redacción do proxecto e a execución das obras de construción do novo centro de saúde no concello de Boborás (Ourense).

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2024

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade