DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Martes, 17 de decembro de 2024 Páx. 65973

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 4 de decembro de 2024 pola que se dá publicidade á revogación da encomenda á Axencia Galega de Infraestruturas da xestión das actuacións para a redacción do proxecto e a execución das obras de reforma do centro de saúde da Milagrosa (Lugo).

Mediante a Resolución da Consellería de Sanidade, do 14 de marzo de 2022, encomendouse á Axencia Galega de Infraestruturas a xestión das actuacións para a redacción do proxecto e a execución das obras de reforma do centro de saúde da Milagrosa (Lugo). A dita resolución foi obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia núm. 55, do 21 de marzo de 2022.

Mediante escrito do 12 de xullo de 2024, da Axencia Galega de Infraestruturas, solicítase a desistencia da dita encomenda xa que, debido á carga de traballo na Área de Contratación da Axencia, hoxe en día non foi posible licitar a execución das obras.

Estas circunstancias sobrevidas determinan a necesidade de que a xestión das actuacións para a execución das obras de reforma inicialmente encomendadas á Axencia Galega de Infraestruturas sexa asumida directamente polo Servizo Galego de Saúde.

De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, por medio desta dáse publicidade á Resolución da Consellería de Sanidade, do 27 de novembro de 2024, pola que se revoga e deixa sen efecto a encomenda á Axencia Galega de Infraestruturas da xestión das actuacións para a redacción do proxecto e a execución das obras de reforma do centro de saúde da Milagrosa (Lugo).

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2024

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade