O día 22 de xaneiro publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 15 a Orde do 2 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á mellora das estruturas de produción das explotacións agrarias, no marco do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o ano 2024 (códigos de procedemento MR404A, MR404B, MR405D, MR405E, MR405F e MR405G).
O punto 3 do artigo 25 prevé que no suposto de existir remanente na liña de axudas aos investimentos nas explotacións agrarias, este podería utilizarse para financiar as solicitudes da liña de axudas ao desenvolvemento de pequenas explotacións, e viceversa.
Unha vez vistas as solicitudes de axuda, co obxectivo de dar cabida ao máximo posible de solicitudes e de optimizar a eficiencia e a distribución dos fondos, establécese a necesidade de modificar a Orde do 2 de xaneiro de 2024 para incorporar a posibilidade de empregar o remanente en calquera das liñas de axuda convocadas.
En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo único. Modificación da Orde do 2 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á mellora das estruturas de produción das explotacións agrarias, no marco do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o ano 2024 (códigos de procedemento MR404A, MR404B, MR405D, MR405E, MR405F e MR405G)
A Orde do 2 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á mellora das estruturas de produción das explotacións agrarias, no marco do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o ano 2024 (códigos de procedemento MR404A, MR404B, MR405D, MR405E, MR405F e MR405G), queda redactada como segue:
Modifícase o punto 3 do artigo 25, que queda redactado como segue:
«3. No suposto de existir remanente nalgunha das liñas de axudas, este poderíase utilizar para financiar as solicitudes doutras liñas».
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2024
María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural
