Mediante a Orde da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional do 20 de xuño de 2019, autorizouse ao centro privado estranxeiro Coruña British School, da Coruña, para impartir ensinanzas do currículo nacional de Inglaterra, para alumnado español e estranxeiro, prorrogada mediante distintas ordes desta consellería.
A titularidade do centro educativo solicita a modificación da autorización e achega un certificado de acreditación do British Council, en que consta que reúne os requisitos para impartir de Year 7 (de 11 a 12 anos de idade) a Year 9 (de 13 a 14 anos de idade) válido ata o 12 de xuño de 2027; e Year 10 (de 14 a 15 anos de idade) válido ata o 12 de xuño de 2025, do Currículo Nacional de Inglaterra, para 125 postos escolares.
Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España, así como no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,
DISPOÑO:
Artigo 1. Modificación da autorización
Modificar a autorización do centro privado estranxeiro Coruña British School, conforme coa seguinte configuración:
Denominación xenérica: Centro privado estranxeiro (CPREX).
Denominación específica: Coruña British School.
Código do centro: 15032984.
Titular: O Castro British School A Coruña, S.L.
Enderezo: r/ Roma nº 1.
Localidade: A Coruña.
Concello: A Coruña.
Código postal: 15008.
Provincia: A Coruña.
Ensinanzas que se autorizan do sistema educativo do Reino Unido a alumnado español e estranxeiro, para un total de 500 postos escolares:
• Nursery (de 3 a 4 anos de idade) a Year 6 (de 10 a 11 anos de idade), ata o 26 de abril de 2025.
• Year 7 (de 11 a 12 anos de idade) a Year 9 (de 13 a 14 anos de idade), ata 12 de xuño de 2027.
• Year 10 (de 14 a 15 anos de idade) ata o 12 de xuño de 2025.
Artigo 2. Ensinanzas de lingua e cultura
O centro deberá complementar as ensinanzas autorizadas, de niveles equivalentes aos obrigatorios do sistema educativo español con ensinanzas de lingua española e de lingua galega, que deberán impartirse co mesmo deseño e horario establecidos nos correspondentes decretos da Comunidade Autónoma de Galicia.
Así mesmo, a cultura española deberá desenvolver os contidos esenciais da correspondente área de coñecemento, recollidos na norma reguladora das ensinanzas.
Artigo 3. Requisitos do profesorado
O profesorado que imparta as ensinanzas mencionadas no artigo 2 deberá reunir os requisitos de titulación requiridos pola lexislación española para o nivel educativo, e terá os dereitos e obrigas que determina o artigo 12 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España.
O Departamento Territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Coruña, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta estas materias.
Artigo 4. Validez da autorización
A autorización a que fai referencia o artigo 1 desta orde terá validez ata a próxima inspección por parte do British Council, que terá lugar non máis tarde das seguintes datas: de Nursery a Year 6, ata o 26 de abril de 2025; de Year 7 a Year 9 ata o 12 de xuño de 2027; e Year 10 ata o 12 de xuño de 2025.
Artigo 5. Inscrición no rexistro
Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 6. Obrigas do centro
O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e sometido á inspección educativa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, de conformidade co establecido no artigo 9 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, así como a solicitar unha nova autorización e inscrición no caso de que se produza calquera variación nos elementos e circunstancias que dan lugar a esta autorización.
Disposición derradeira primeira. Recursos
Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2024
Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
