O 29 de xaneiro de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 28 de decembro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas, en réxime de concorrencia non competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento PR905A).
O artigo 2 desta resolución establece que para o financiamento destas axudas se destinará un crédito de dous millóns de euros (2.000.000 euros) con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024 (crédito que, logo da reestruturación administrativa dos decretos 48/2024 e 49/2024, do 22 de abril, foi traspasado á partida orzamentaria 44.05.312C.480.2).
Así mesmo, este artigo dispón que este crédito poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na devandita aplicación.
Tendo en conta que o crédito inicialmente destinado a esta convocatoria resulta insuficiente debido ao volume de solicitudes recibidas, considérase necesario ampliar o importe establecido inicialmente.
En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 147/2024, do 20 de maio, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da referida Lei 9/2007; nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e demais normativa de aplicación,
RESOLVO:
Artigo único. Ampliación da dotación orzamentaria
1. Ampliar a dotación orzamentaria prevista na Resolución do 28 de decembro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, na contía dun millón cincocentos cincuenta mil euros (1.550.000 €), con cargo á aplicación orzamentaria 44.05.312C.480.2.
2. Esta ampliación orzamentaria non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na resolución de convocatoria nin o resto do seu articulado.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2024
Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración
