DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Venres, 20 de decembro de 2024 Páx. 66898

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

EXTRACTO da Orde do 3 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MT809B).

BDNS (Identif.): 802781.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán acollerse a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras do tipo de gando que se especifica no anexo I e que fose afectado por ataques de lobos dentro da Comunidade Autónoma.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor das persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras afectadas polos ataques do lobo ás reses das súas explotacións, coa finalidade de compensar os danos ocasionados no seu gando, e proceder á súa convocatoria para o ano 2025 (código do procedemento MT809B).

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 3 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MT809B).

Cuarto. Contía

O importe asignado é de novecentos once mil douscentos sesenta e oito euros (911.268 €).

1. O importe das axudas por morte do gando figura no anexo I da convocatoria, para cuxo cálculo se tivo en conta tanto o dano emerxente como o lucro cesante.

Este importe incrementarase nun 10 % no caso daquelas explotacións en que se comprobase a aplicación de medidas preventivas fronte aos ataques do lobo (cans para a protección e defensa do gando, cerrumes de malla electrificada, valados fixos electrificados e valados fixos con malla gandeira ou cinexética), e que fosen avaliadas como axeitadas pola Comisión de Valoración correspondente.

2. No caso de animais feridos, a axuda estimarase en función dos gastos veterinarios producidos e acreditados (enténdese por gasto veterinario tanto a actuación do persoal profesional como o tratamento prescrito), nunha contía que, en ningún caso, poderá exceder o límite das contías previstas no anexo I desta orde.

No caso de animais que tras o tratamento prescrito morran como consecuencia das feridas producidas polo acto de depredación, a axuda poderá superar o límite das contías previstas no anexo I da convocatoria. Nestes casos, a axuda estimarase en función das contías previstas no anexo I desta orde por animal, e mais gastos veterinarios producidos e acreditados ata un máximo do 10 % das anteditas contías.

No caso de reses afectadas polo ataque de lobo que sobrevivan ao acto de depredación e como consecuencia deste sufran un aborto, que precisará dunha certificación veterinaria que o acredite, a cantidade compensatoria por cada aborto corresponderá a un 75 % do valor da clase e idade máis baixa, segundo as contías previstas no anexo I desta orde. En caso de parto múltiple, compensarase por cada un dos animais abortados.

3. Os gastos de eutanasia producidos e acreditados serán compensables. O importe máximo da compensación dos gastos de eutanasia por animal establécese en 75 €. No caso de que os gastos excedan este importe, a persoa beneficiaria terá dereito á axuda máxima, é dicir, 75 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

a) Para os danos comunicados entre o 1 de outubro de 2024 e a entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será dun mes contado a partir da entrada en vigor desta orde.

É requisito imprescindible que se teña previamente comunicado o ataque do xeito e no prazo previsto na Orde do 19 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2024.

b) Para os danos ocasionados a partir da entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será de 1 mes contado desde o día seguinte ao da comunicación do dano.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2024

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático