DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Venres, 20 de decembro de 2024 Páx. 66901

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ORDE do 17 de decembro de 2024 pola que se publica a ampliación do crédito da Orde do 19 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento MT809B).

No Diario Oficial de Galicia do 17 de xaneiro de 2023 publicouse a Orde do 19 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento MT809B).

No artigo 21 da dita orde establécese a posibilidade de ampliar o orzamento dispoñible para o financiamento da orde.

Este incremento de crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo; no suposto previsto no artigo 25.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, ou no suposto dunha transferencia de crédito.

Na data actual, dado o volume de solicitudes recibidas que non poden ser atendidas co crédito inicialmente asignado e tendo en conta que, á vista do incremento experimentado das afeccións provocadas por esta especie, resulta imprescindible garantir aos gandeiros a compensación dos danos ocasionados polo lobo que posibiliten a viabilidade das explotacións gandeiras e conciliar o interese pola pervivencia da especie co das actividades gandeiras, faise necesario incrementar a dotación orzamentaria da convocatoria coa finalidade de reparar estes danos ao maior número de beneficiarios posibles.

En consecuencia, ao existir outras dotacións que poden ser empregadas para este fin, resulta conveniente ampliar o crédito inicial consignado no artigo 21 da referida Orde do 19 de decembro de 2023.

Segundo o establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, a ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Por todo o exposto, e no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo único

Amplíase a dotación orzamentaria asignada para a concesión das axudas establecidas Orde do 19 de decembro de 2023 p pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento MT809B), que ten por obxecto apoiar as persoas titulares de explotacións gandeiras afectadas polo lobo establecendo as bases reguladoras dunha liña de axudas coa finalidade de compensar estes danos.

O importe de 612.724 € inicialmente destinado á axuda en 2024 incrementarase na contía de 300.000 €, polo que o importe total destinado para esta liña de axudas, unha vez ampliada a dotación orzamentaria, é de 912.724 €.

As axudas concedidas ao abeiro desta orde serán financiadas pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático con cargo á aplicación orzamentaria 36.04.541.B.470.1, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

Disposición adicional única

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2024

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático