Mediante a Resolución do 15 de xaneiro de 2024, da Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras (DOG núm. 17, do 24 de xaneiro), convocouse para a súa provisión, polo procedemento de concurso de méritos, un posto vacante de coordinador/a de persoal técnico superior sanitario en imaxe para o diagnóstico.
De acordo co disposto nas bases da convocatoria, logo da actuación da Comisión de Avaliación, a que se fai referencia na base sexta, e á vista dos méritos achegados e da defensa do proxecto técnico de xestión polos/as aspirantes, que constan nas actas da devandita comisión.
Esta xerencia, de conformidade co establecido no Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde (DOG núm. 145, do 29 de xullo), na Orde do 24 de maio de 2006 pola que se establecen as bases do procedemento para a provisión dos postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde (DOG núm. 106, do 5 de xuño), en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 145/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde (DOG núm. 101, do 27 de maio), na Orde do 22 de abril de 2020 sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (DOG núm. 82, do 29 de abril), e no Decreto 134/2019, do 10 de outubro, polo que se regulan as áreas sanitarias e os distritos sanitarios do Sistema público de saúde de Galicia (DOG núm. 204, do 25 de outubro),
ACORDA:
Primeiro. Resolver a convocatoria pública para a provisión dun posto vacante de coordinador/a de persoal técnico superior sanitario en imaxe para o diagnóstico.
Segundo. Adxudicar o posto de traballo convocado ao/a aspirante que obtivo a maior puntuación, nos termos previstos no anexo desta resolución.
Terceiro. O/a profesional nomeado/a deberá cesar na praza que desempeñe dentro dos tres días hábiles seguintes ao da súa publicación.
Cuarto. A toma de posesión do posto de traballo adxudicado deberá efectuarse dentro dos dous días hábiles seguintes ao do cesamento, se a praza desempeñada e o posto adxudicado son da mesma área de saúde, ou no prazo de sete días, se son de distinta área de saúde, ou dun mes, se a praza desempeñada corresponde a outro servizo de saúde. Para estes efectos, entenderase por praza desempeñada a efectivamente ocupada, con independencia de que sexa en condición de destino definitivo, adscrición ou destino provisorio ou comisión de servizos.
Se así o permiten as necesidades do servizo, e por petición motivada da persoa interesada, os prazos a que se refiren os parágrafos anteriores poderán ser prorrogados pola Xerencia da Área Sanitaria.
O prazo de toma de posesión, e a súa prórroga, terán a consideración de servizo activo, e percibiranse os correspondentes haberes de conformidade co que estableza a orde sobre confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica.
Entenderase que solicita a excedencia voluntaria, por interese particular, e será declarado/a nesa situación, polo órgano competente, quen non se incorpore ao posto adxudicado no prazo establecido.
Quinto. Os/as profesionais nomeados/as serán avaliados/as antes de que transcorran catro anos desde o seu nomeamento, para os efectos de prorrogar o desempeño do posto, por idéntico período de tempo, ou proceder á súa remoción do posto de traballo. A remoción virá precedida dun procedemento que garanta a audiencia do interesado. A omisión da avaliación non suporá a consideración do nomeamento como definitivo.
Sexto. Contra esta resolución poderá interpoñerse recurso de alzada, ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, nos termos previstos no artigo 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Ourense, 13 de decembro de 2024
José Santiago Camba Bouzas
Xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras
ANEXO
Posto: coordinador/a de persoal técnico superior sanitario en imaxe para o diagnóstico.
Número de prazas: 1.
Nome e apelidos: María de los Ángeles Castillo Arribas.
DNI: ***1241**.
(*) Ocúltase parcialmente o número do documento nacional de identidade para preservar os datos de carácter persoal, de conformidade coa disposición adicional sétima da Lei orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
