Na sesión realizada polo xurado provincial o día 30.10.2024, figura o seguinte acordo:
MVMC Penas do Caldeiro, Travesa, Raiola, Pedrafita e Pedreiras, pertencente aos veciños da parroquia de Adai, no concello de Lugo.
O 11.3.2024, o xurado ditou a resolución de aprobar a revisión de esbozo do monte veciñal en man común da comunidade de Adai. O acordo foi publicado no Diario Oficial de Galicia do 15.4.2024
O 15.5.2024 tivo entrada un recurso potestativo de reposición, presentado por Mª Carmen Arias López, Mª Carmen López Abel, Pedro e Mª Carmen Núñez Trigo, no cal alegan, en síntese, que a parcela catastral 27900A287000010000ZA é propiedade dos reclamantes; que antes da revisión do esbozo estaba parcialmente dentro do monte e coa revisión aprobada pasa a estar totalmente incluída; que outras superficies quedaron fóra do esbozo sen estar debidamente xustificado; achegan documentación relativa ao tracto sucesivo da propiedade. Solicitan a exclusión da citada parcela ou, na súa falta, que se manteña o esbozo previo coa afectación parcial.
Tras dar audiencia á comunidade de Adai, o 21.8.2024 presentou un escrito no cal expón que a parcela catastral 27900A287000010000ZA corresponde ao monte veciñal de acordo coa certificación catastral descritiva e gráfica; que a documentación achegada polos alegantes non é título acreditativo suficiente de propiedade particular; que a parcela reclamada atopábase na súa maior parte dentro do perímetro do esbozo previo á revisión e que só se incluíu totalmente para facer un axuste cartográfico; que outros terreos deixáronse fóra do perímetro, ben porque se trataba de superficies ínfimas que requirían dun mero axuste delimitador, ou ben porque non constaban catastralmente a nome da comunidade de Adai.
Examinado o recurso de reposición, o xurado, por unanimidade, acorda estimalo de conformidade cos fundamentos que se recollen na correspondente resolución. O anterior implica deixar a 27900A287000010000ZA tal e como estaba representada no esbozo inicial, e deberá dilucidarse a súa propiedade na vía xurisdicional civil.
Contra esta resolución, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.
Lugo, 11 de decembro de 2024
Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de
Montes Veciñais en Man Común de Lugo
