DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Martes, 24 de decembro de 2024 Páx. 67328

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 13 de decembro de 2024, da Dirección Xeral de Administración Local, sobre clasificación do posto de traballo de Tesouraría do Concello de Caldas de Reis como posto reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional.

Á vista da solicitude formulada polo Concello de Caldas de Reis, relativa á clasificación do posto de traballo de Tesouraría como reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, PFHN), emítese resolución con base nos seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro e único. O Concello de Caldas de Reis achegou a través do Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia (núm. 2024/3454398 e 2024/3481670) a solicitude relativa á clasificación do posto de traballo de Tesouraría reservado a PFHN e xuntou a esta petición a seguinte documentación:

– Memoria económica e xurídica xustificativa para a clasificación do posto de Tesouraría do Concello de Caldas de Reis como reservado a PFHN.

– Certificación relativa aos recursos do orzamento do Concello de Caldas de Reis para o exercicio económico 2024 polo importe de 8.197.267,81 euros.

– Certificación relativa á cifra do último padrón municipal do Concello de Caldas de Reis segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística, que ascende a un total de 9.620 habitantes.

– Certificado da secretaria municipal relativo ao Acordo plenario do 30.11.2023 polo que se aproba inicialmente a modificación da relación de postos de traballo do concello, no cal acredita que, logo de realizar a súa publicación no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra núm. 241, do 18 de decembro de 2023, non se achegaron alegacións, polo que se aproba definitivamente a modificación da relación de postos de traballo do concello, que se publicou no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra núm. 231, do 27 de novembro de 2024.

Polo que pode considerarse completado o expediente para os efectos de continuar coa súa tramitación.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A creación e a clasificación do posto de Tesouraría no Concello de Caldas de Reis como reservado a PFHN veñen impostas polo preceptuado no artigo 14 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, Real decreto 128/2018), ao sinalar que nas corporacións locais cuxa secretaría estea clasificada en clase primeira ou segunda existirá un posto de tesouraría reservado a PFHN da subescala de intervención-tesouraría.

A Secretaría do Concello de Caldas de Reis está clasificada como de clase segunda, polo que resulta imperativa a creación e clasificación do dito posto de traballo reservado, ao cal lle corresponde a responsabilidade administrativa das funcións de tesouraría e recadación numeradas no artigo 5 do Real decreto 128/2018, e ten que ser desempeñado por persoal da subescala de Intervención-Tesouraría, calquera que sexa a súa categoría.

Segundo. O Real decreto 128/2018 atribúe ás comunidades autónomas, no seu respectivo ámbito territorial, a competencia para clasificar os postos reservados ao PFHN, e o artigo 10 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, regula as normas xerais para clasificación de postos de traballo reservados a PFHN.

A Dirección Xeral de Administración Local é competente para a adopción deste acordo, segundo o establecido no artigo 29.3.g) do Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e no artigo 1.5 da Orde do 12 de xuño de 2024 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

En virtude do anteriormente exposto, e tendo en conta o informe emitido pola subdirectora xeral de Réxime Xurídico Local,

RESOLVO:

Primeiro. Clasificar o seguinte posto de traballo como reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional no Concello de Caldas de Reis, coas seguintes características:

Entidade local: Concello de Caldas de Reis.

Posto: Tesouraría.

Subescala: Intervención-Tesouraría.

Categoría: sen distinción de categoría.

Forma de provisión: concurso de méritos.

Nivel de complemento de destino: 28.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e remitir a publicación á Dirección Xeral da Función Pública do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, os interesados poderán interpoñer recurso administrativo de reposición, ante este órgano directivo, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015. Así mesmo, a entidade local poderá presentar previamente requirimento no prazo de dous meses conforme o disposto no artigo 44 da dita Lei 29/1998.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2024

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local