DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Venres, 27 de decembro de 2024 Páx. 67837

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ANUNCIO do 9 de decembro de 2024, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se acorda someter novamente ao trámite de información pública o proxecto de decreto polo que se modifican os límites do monumento natural Costa de Dexo e se aproba o Plan de xestión do monumento natural Costa de Dexo.

O espazo natural da Costa de Dexo, no concello de Oleiros (provincia da Coruña), foi declarado monumento natural mediante o Decreto 101/2000, do 31 de marzo.

O día 24 de xullo de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Anuncio da Dirección Xeral de Patrimonio Natural polo que se acorda someter ao trámite de información pública o proxecto de decreto polo que se aproba o Plan de xestión do monumento natural da Costa de Dexo.

O proxecto de decreto quedou á disposición do público para a súa consulta na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, podendo realizar suxestións desde o día 25 de xullo ata o 24 de agosto. Como resultado do trámite recibíronse 8 escritos con propostas e suxestións e 11 informes, dos cales 5 foron emitidos fóra do prazo establecido.

A maior parte das alegacións facían mención á revisión cartográfica do espazo; tendo en conta estas alegacións optouse pola elaboración dunha nova proposta baseada nos seguintes criterios:

– Para o axuste do límite terrestre empregouse o límite entre parcelas catastrais ou con outros compoñentes xeográficos catastrais como camiños ou pistas. No caso daquelas parcelas que resultasen atravesadas polo límite do espazo protexido, a directriz aplicada para o axuste é a de incluír o total da parcela no espazo cando a porcentaxe desta actualmente dentro sexa igual ou superior ao 50 %, e excluíla cando esta porcentaxe sexa inferior.

– Para o límite de costa tomouse como referencia a liña de preamar da capa «liña de costa», determinada polo Instituto Hidrográfico da Mariña.

Con este axuste a superficie do monumento natural sería de 262,628 ha, o que implica unha diferenza de 4,13 ha en relación cos límites do Decreto 101/2000, do 31 de marzo, polo que se declarou monumento natural a Costa de Dexo.

Dada esta nova proposta de axuste de límites, considérase necesario volver a someter o proxecto de Decreto a un novo trámite de información pública.

Visto o anterior, e en virtude do establecido no artigo 40.5 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, no artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, así como no artigo 9 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro,

ACORDO:

Primeiro. Abrir un período de información pública do proxecto de decreto polo que se modifican os límites do monumento natural Costa de Dexo e se aproba o Plan de xestión do monumento natural Costa de Dexo, durante o prazo dun (1) mes, contado o dito período desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. Durante o citado prazo poderase consultar o proxecto de decreto na seguinte ligazón do portal de transparencia da Xunta de Galicia:

https://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/normativa-en-tramitacion/en-prazo-de-envio-de-suxestions

Así como na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, entrando na subsección de documentos en información pública do portal de conservación da natureza:

https://medioambiente.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Conservacion?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Participacion_publica/seccion.html&std=Participacion_publica.html

Terceiro. As persoas interesadas poden enviar as súas alegacións:

1. A través do formulario disposto para este fin na ligazón do portal de transparencia da Xunta de Galicia indicado no punto segundo deste anuncio.

2. Mediante correo electrónico ao seguinte enderezo: planificacion.conservacion@xunta.gal poñendo no asunto «Plan de xestión monumento natural da Costa de Dexo».

3. Mediante a presentación de escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2024

María Sol Díaz Mouteira
Directora xeral de Patrimonio Natural