DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Venres, 27 de decembro de 2024 Páx. 67754

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 12 de decembro de 2024 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a continuidade de casas do maior, en réxime de concorrencia non competitiva, para o ano 2025, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS212B).

BDNS (Identif.): 804130.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas para a continuidade do funcionamento das casas do maior as persoas físicas que se estableceron como empresarias autónomas ou que constituíron cooperativas de traballo asociado que, durante o ano 2023, puxesen en marcha unha casa do maior.

Segundo. Obxecto e finalidade

Esta orde ten como obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria de subvencións destinadas, para o ano 2025, a persoas físicas ou cooperativas de traballo asociado para a continuidade e o mantemento das casas do maior postas en marcha no ano 2023.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 12 de decembro de 2024 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a continuidade de casas do maior, en réxime de concorrencia non competitiva, para o ano 2025, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS212B).

Cuarto. Tipos de axudas e contías

A axuda polo mantemento da casa do maior consistirá nunha achega económica de 24.800 €/ano en forma de prima destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora, que se liquidará nos termos previstos no artigo 20.

Adicionalmente, no caso de que as persoas físicas ou cooperativas de traballo asociado promotoras, como beneficiarias das axudas desta orde, optasen por asumir o desprazamento das persoas usuarias, poderán percibir un máximo de 10 € por persoa usuaria e día. Para estes efectos, a persoa beneficiaria da axuda deberá acreditar o número de persoas usuarias deste servizo mediante a cobertura do anexo V.

Nos casos de baixa por maternidade ou permiso de paternidade da persoa encargada do desenvolvemento da actividade, aboarase un complemento da prima de 150 € semanais durante o período que dure a dita baixa.

Quinto. Financiamento

A contía total máxima destinada ás axudas reguladas na presente orde é de 779.700 €.

A partida 08.05.312E.470.0 destinarase ao financiamento destas axudas.

De acordo co previsto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderase ampliar excepcionalmente a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ou dunha transferencia de crédito. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, de ser o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2024

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade