Mediante Resolución do 17 de decembro de 2024 modifícase e prorrógase a encomenda ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para a execución dun servizo de transporte aos centros públicos competencia da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social e Igualdade.
Coa finalidade dar cumprimento ao disposto no artigo 9.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia, procédese a publicar no Diario Oficial de Galicia o contido mínimo da dita resolución:
– Actividade. Servizo consistente no traslado dos usuarios do Centro Ocupacional O Saiar, do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Redondela e do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Sarria, para o desenvolvemento das actividades propias dos centros.
O servizo consistente na modalidade de carácter regular (dez desprazamentos por semana de ida e volta, de luns a venres, que supoñen un total de 252 desprazamentos anuais) das persoas usuarias do centro ocupacional O Saiar e os centros de Atención a Persoas con Discapacidade de Redondela e Sarria, aboarase en función do prezo por vehículo/día.
O servizo de carácter puntual (dous desprazamentos por semana de ida e volta na fin de semana) das persoas usuarias de servizos residenciais dos centros de Atención a Persoas con Discapacidade de Redondela e Sarria aboarase en función do prezo por servizo/día.
– Natureza e alcance da xestión encomendada. Esta encomenda ao Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e Benestar ten natureza intersubxectiva. Consonte o previsto polos artigos 47 e 95 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico, e para os efectos previstos nos artigos 6.3 e 32 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar ten a consideración de medio propio e servizo técnico da Consellería de Política Social e Igualdade.
– Prazo de vixencia. A prórroga comeza o 1 de xaneiro de 2025 e rematará o 31 de decembro de 2025.
– Finalización anticipada: esta encomenda resolverase anticipadamente nos seguintes casos:
• Cumprimento do seu obxecto antes da data establecida para a súa finalización.
• Imposibilidade de realización das actividades encomendadas.
• Incumprimento dalgunha das obrigas ou actividades encomendadas ou dos prazos previstos.
• Revogación por resolución motivada do órgano encomendante.
• As demais previstas na lexislación vixente.
Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2024
A conselleira de Política Social e Igualdade
P.D. (Orde do 4.6.2024; DOG nº 111, do 10 de xuño)
María Francisca Gómez Santos
Secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social e Igualdade
