En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do concello do Corgo para a delimitación do núcleo rural de Uzal, na parroquia de San Pedro de Farnadeiros, mediante Resolución da Dirección Xeral de Urbanismo, do 10 de decembro de 2024, que figura como anexo.
Unha vez inscrita a devandita modificación puntual no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a súa documentación íntegra, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:
https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo/buscador
Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:
https://medioambiente.xunta.gal/busca-por-palabra-clave?p_p_id=aaeKeyword_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeKeyword_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2469&_aaeKeyword_WAR_aae_id=2469
Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2024
María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo
ANEXO
Resolución de aprobación definitiva da modificación puntual do PXOM do concello do Corgo para a delimitación do núcleo rural de Uzal, parroquia de San Pedro de Farnadeiros (expediente PTU-LU-22/003).
O 2.10.2024, o Concello do Corgo enviou á Dirección Xeral de Urbanismo a documentación correspondente ao expediente de referencia para a súa aprobación definitiva. A Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), establece no artigo 83.6 que as modificacións dos instrumentos de planeamento urbanístico que teñan por obxecto a delimitación de solo de núcleo rural se tramitarán segundo o procedemento establecido no artigo 78.
Unha vez analizada a documentación datada en setembro de 2023, redactada por DVEGA, S.L., e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resultan:
I. Antecedentes
1. O Concello do Corgo dispón dun Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente o 19.5.2015, que clasifica e delimita os solos de núcleo rural do termo municipal.
O núcleo de Uzal non consta delimitado nel, pois non contaba con topónimo no nomenclátor, foi incluído nel no ano 2015.
2. O 27.12.2021, o Concello achega a solicitude de iniciar a avaliación ambiental estratéxica simplificada da DSNR de Uzal, xuntando o borrador do planeamento e o documento ambiental estratéxico.
3. O 10.1.2022, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental inicia o trámite de consultas no procedemento (expediente núm. 2021AAE2638), e o 23.2.2022 resolveu non someter a DSNR ao procedemento de avaliación estratéxica ordinaria. Non obstante, formuláronse unha serie de determinacións relativas ao informe da Dirección Xeral de Urbanismo (16.2.2022) e do IET.
4. O 23.11.2022, o Concello Pleno aprobou inicialmente a delimitación de solo de núcleo rural de Uzal e someteu o expediente á información pública de acordo co artigo 78.2.a) da LSG. O Concello obtivo informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (28.2.2023) e da AXI (15.3.2023).
5. O Pleno do Concello do Corgo aprobou provisionalmente a delimitación do núcleo rural de Uzal o 16.6.2024, de acordo co previsto no artigo 78.2.b) da LSG.
II. Aspectos xerais
1. O obxectivo da delimitación é recoñecer como solo de núcleo rural un asentamento de poboación existente, que permitirá dotalo de infraestruturas de abastecemento e saneamento.
2. O solo atópase clasificado no PXOM vixente como solo rústico de especial protección forestal, agropecuaria e de infraestruturas. O asentamento está atravesado pola estrada provincial LU-P1608 e no extremo norte sitúase o enlace coa vía de alta capacidade CG2.2 Nadela-Monforte de Lemos.
3. Existen dentro do ámbito nove vivendas non tradicionais e outras edificacións de tipo agrario, dispersas entre fincas agrícolas e zonas arboradas (principalmente con piñeiro).
III. Análise e consideracións
1. Unha vez analizado o proxecto de delimitación, púidose comprobar que se emendaron as observacións formuladas no informe desta DXU do 16.2.2022 e que se integraron as condicións sinaladas nos informes sectoriais preceptivos recadados.
2. En todo caso, cómpre subliñar que debe entenderse que as aliñacións establecidas na DSNR coinciden coas liñas das vías municipais e provinciais grafadas no plano de ordenación 3, ao non se conter o concepto de aliñación na lenda.
IV. Resolución
Visto canto antecede e en virtude do establecido no artigo 78.2.c) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,
RESOLVO:
a) Aprobar definitivamente a modificación puntual do PXOM do Concello do Corgo para a delimitación de solo do núcleo rural de Uzal, parroquia de San Pedro de Farnadeiros, con suxeición á interpretación sinalada no punto III.2 anterior.
b) De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual (MP) no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.
c) Notifíquese ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.
d) De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar a normativa da modificación puntual (MP) aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita esta no Rexistro de Planeamento Urbanístico.
e) Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
