BDNS (Identif.): 805022.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións os clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas (liña I), así como os núcleos de adestramento deportivo especializados (liña II) xestionados por algunha das entidades anteriores, inscritos, en todos os casos, no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.
No caso dos núcleos de adestramento deportivo especializados, deberán estar recoñecidos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.
Segundo. Obxecto
Esta orde ten por obxecto aprobar a convocatoria do ano 2025 de subvencións da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, en réxime de concorrencia competitiva, para o desenvolvemento de actividades deportivas (código de procedemento PR945C).
Terceiro. Bases reguladoras
As bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria de subvencións son as aprobadas a través da Orde do 17 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos de adestramento deportivo especializado de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento PR945C).
Cuarto. Importe
Para conceder estas subvencións destinaranse 2.000.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 05.02.441A.481.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, en función das seguintes liñas de actuación subvencionables:
|
Liñas de actuación |
Aplicación |
Importe |
|
Liña I: desenvolvemento de actividades deportivas |
05.02.441A.481.0 (modalidade 1010) |
1.790.007 € |
|
Liña II: núcleos de adestramento deportivo especializado |
05.02.441A.481.0 (modalidade 1010) |
209.993 € |
Para a liña de actuación I establécese a contía de axuda máxima por entidade beneficiaria en 10.000 €.
Para a liña de actuación II establécese a contía de axuda máxima por entidade beneficiaria en 29.999 €.
Quinto. Actuacións subvencionables e compatibilidade
5.1. Na liña de actuación I serán subvencionables os gastos derivados da participación en competicións de carácter oficial en 2024.
5.2. Na liña de actuación II serán subvencionables os gastos derivados da participación en competicións de carácter oficial e os gastos correntes do núcleo de adestramento deportivo especializado no período comprendido entre o 1 de decembro de 2024 e o 30 de novembro de 2025.
5.3. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases poderán ser concorrentes con subvencións doutras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, incluídas as axudas ás sociedades anónimas suxeitas ao réxime de minimis, sen prexuízo da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a súa obtención. O importe total das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, ingresos ou recursos, supere o gasto realizado pola entidade beneficiaria. Esta circunstancia deberá ser acreditada pola entidade beneficiaria conforme o establecido no artigo 15 destas bases.
5.4. As axudas desta orde reguladas nas liñas I e II son compatibles entre si, polo que unha mesma entidade poderá optar á subvención pola participación en competicións de carácter oficial e, de ser o caso, como núcleo de adestramento deportivo especializado.
Sexto. Prazo para presentar as solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2024
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
