O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.
A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, regula o dito sistema, con respecto á autonomía universitaria, no marco do Sistema universitario español e do Espazo Europeo de Educación Superior.
A dita lei, na súa exposición de motivos, cualifica a mobilidade coma un dos piares en que se asenta o concepto de Espazo Europeo de Educación Superior, que leva consigo unha maior riqueza e a apertura a unha formación de máis calidade. Por iso, fomentar a mobilidade do alumnado permite acadar unha dimensión internacional dos estudos e un enriquecemento dos itinerarios curriculares. Así mesmo, serve como factor de estímulo para a competitividade do sistema universitario e permite ao alumnado participar en novos sistemas académicos integrándose nunha comunidade internacional e multicultural que mellorará a súa cualificación e os seus coñecementos profesionais e lingüísticos.
No artigo 108.1 da referida lei establécese que, sen prexuízo das competencias do Estado, a Xunta de Galicia articulará unha política en materia de axudas e bolsas ao estudo e á investigación, mediante convocatorias anuais, para garantir que todo o estudantado que cumpra as condicións para cursar estudos universitarios con aproveitamento poida acceder, en condicións de igualdade, aos estudos universitarios e poida desenvolvelos sen ser excluído por razóns económicas.
Mediante o Regulamento (UE) 2021/817 do Parlamento Europeo e do Consello, do 20 de maio de 2021, establécese Erasmus+, o programa da Unión para a educación a formación, a xuventude e o deporte para o período 2021-2027.
Neste marco, e co obxecto de seguir impulsando a mobilidade do alumnado das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a través da Secretaría Xeral de Universidades, considera conveniente convocar esta orde de axudas que complementan o financiamento das axudas de mobilidade en países que teñen a condición de países do programa no programa Erasmus+, xestionadas polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación.
Esta orde axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións, e ao establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus+, destinadas ao alumnado das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia que participa en Erasmus Estudos durante o curso 2024/25 en países que teñen a condición de países do programa (código de procedemento ED417A).
Artigo 2. Orzamento
Expediente de tramitación anticipada de gasto, condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, conforme o proxecto de Lei de orzamentos para o exercicio 2025, que foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o día 17 de outubro de 2024, e ao abeiro do establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, xunto co artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Na súa virtude, a concesión das subvencións condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión e, así mesmo, todos os actos de trámite ditados no expediente de gasto se entenderán condicionados a que no momento de ditarse a resolución, unha vez aprobado o orzamento, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional financiará estas axudas con cargo á aplicación orzamentaria 07.02.422C.480.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2025, cunha contía global de 1.653.530,00 €, sen prexuízo de poder ser incrementada de acordo coas dispoñibilidades económicas da consellería, de conformidade cos supostos recollidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.
Artigo 3. Requisitos das persoas solicitantes
1. Poderá solicitar estas axudas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:
a) Estar matriculado no curso 2024/25 en calquera das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia para realizar estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao.
b) Participar no programa de mobilidade universitaria con fins de estudos, en países que teñen a condición de países do programa, con autorización da universidade de orixe e ser beneficiario da axuda do programa Erasmus+ xestionada polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación.
c) Non ter desfrutado desta axuda complementaria en convocatorias anteriores.
2. Queda excluído desta convocatoria o alumnado que, con nacionalidade distinta á española ou con dobre nacionalidade, realice a mobilidade nos seus países de orixe ou nalgún de que é nacional.
3. Así mesmo, queda excluído da convocatoria o alumnado que non se desprace ao país de destino.
Artigo 4. Duración e contía das axudas
1. O programa de mobilidade para o cal se solicita a bolsa será realizado durante o curso académico 2024/25.
2. As axudas concederanse para estadías dun máximo de nove meses e dun mínimo de dous meses, nos países que teñen a condición de países do programa.
3. As axudas terán a seguinte contía, en función dos grupos de países que teñen a condición de países do programa Erasmus+:
a) De 195 euros/mes para un país de destino do grupo 1.
b) De 165 euros/mes para un país de destino do grupo 2.
c) De 125 euros/mes para un país de destino do grupo 3.
A listaxe de países por cada un dos tres grupos é a seguinte:
|
Grupo 1 Países do programa con custos de vida superiores |
Alemaña, Austria, Bélxica, Dinamarca, Finlandia, Francia, Irlanda, Islandia, Italia, Liechtenstein, Luxemburgo, Noruega, Países Baixos, Suecia |
|
Grupo 2 Países do programa con custos de vida medios |
Chequia, Chipre, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Grecia, Letonia, Malta, Portugal |
|
Grupo 3 Países do programa con custos de la vida inferiores |
Bulgaria, Croacia, Lituania, Hungría, Polonia, Romanía, Serbia, Macedonia, Turquía |
Artigo 5. Forma e prazo de presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Unha vez formalizada a solicitude, deberá ser asinada pola persoa interesada con calquera dos sistemas de sinatura admitidos pola sede electrónica e enviarase polo procedemento electrónico establecido; quedará así presentada para todos os efectos. Non se terán en conta aquelas solicitudes formalizadas por vía telemática que non completen o proceso de presentación establecido e obteñan o xustificante de solicitude, que deberá conservar a persoa solicitante para acreditar, no caso de que resulte necesario, a presentación da súa solicitude no prazo e forma establecidos.
2. As solicitudes subscribiraas electronicamente a persoa interesada ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.
3. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda, que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal
Se as dúbidas están relacionadas con esta convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es
4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.
Artigo 6. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
Acreditación da representación por calquera medio válido en dereito no caso de actuar por medio de representante.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Artigo 7. Comprobación de datos
1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante, só no caso de actuar por medio de representante
c) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).
d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 9. Obrigas das universidades
1. As oficinas de relacións internacionais das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia remitirán á Secretaría Xeral de Universidades unha certificación en que conste:
a) Unha listaxe completa do alumnado solicitante que participa en Erasmus Estudos, nos países que teñen a condición de países do programa, que sexa beneficiario da axuda do programa Erasmus+ xestionada polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación.
b) Nome e apelidos do/da estudante e número do DNI, NIE.
c) País de destino, duración da estadía por meses e fin da mobilidade.
d) Titulación en que está matriculado/a o/a alumno/a no curso 2024/25.
e) Nota media do seu expediente académico en data do 30 de setembro de 2024 a catro decimais, obtida de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito con data do 27 de xuño de 2011, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, para a valoración dos expedientes académicos, cuxa publicación no DOG foi acordada pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG do 30 de setembro).
2. Para os efectos desta orde, a duración das estadías que figuren nas respectivas certificacións non poderá ser ampliada. As reducións das estadías deberán ser comunicadas á Secretaría Xeral de Universidades.
3. Así mesmo, unha vez finalizado o período de estadía, as oficinas de relacións internacionais das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia remitirán unha certificación do órgano competente onde conste unha relación de todo o alumnado que realizou o programa de intercambio e a súa duración en meses completos e días.
Artigo 10. Publicación dos actos
Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a listaxe definitiva das persoas beneficiarias das axudas, a contía destas e a listaxe das solicitudes denegadas.
Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, www.edu.xunta.gal, tanto as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas, como as listaxes definitivas.
Artigo 11. Instrución do procedemento e exposición de listaxes provisionais para a emenda de solicitudes e documentación
1. O órgano instrutor do procedemento será o Servizo de Apoio e Orientación ao Alumnado Universitario.
O órgano instrutor, rematado o prazo de presentación de solicitudes e tras examinar estas e a documentación presentada polas persoas solicitantes, exporá as listaxes provisionais de solicitudes admitidas e as excluídas e os motivos de exclusión, na páxina web da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, www.edu.xunta.gal/, na epígrafe de Ensino/Universidade.
2. As persoas interesadas disporán dun prazo de reclamación de dez días. Durante ese prazo poderán emendar erros e a falta de documentación a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada e achegarán, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que a persoa interesada desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Artigo 12. Criterios de avaliación
1. Todas as persoas solicitantes que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria, e teñan a documentación completa no prazo sinalado, recibirán a axuda económica establecida no artigo 4.3 desta orde, comezando desde os expedientes con maior nota media ata esgotar o crédito orzamentario.
En caso de empate na nota media do expediente académico, establecida en catro decimais, entre varias persoas solicitantes, procederase ao desempate de acordo coa seguinte orde de prelación:
1ª. Maior número de matrículas de honra.
2ª. Maior número de sobresalientes.
3ª. Maior número de notables.
4ª. Maior número de aprobados.
2. No caso de existir remanente de crédito, unha vez distribuída a contía prevista no dito artigo 4.3, adxudicarase unha contía uniforme de 500 euros entre as persoas solicitantes que realicen unha estadía igual ou superior a 6 meses, comezando desde os expedientes con maior nota media ata esgotar o crédito orzamentario.
En caso de empate na nota media do expediente académico entre varios solicitantes, establecida en catro decimais, procederase ao desempate seguindo a orde de prelación prevista no punto 1.
Artigo 13. Proposta de resolución
Unha vez efectuada a selección segundo os criterios establecidos no artigo anterior, o órgano instrutor elevará, un informe-proposta á persoa titular da Secretaria Xeral de Universidades, que resolverá, por delegación do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a adxudicación das axudas mediante a correspondente resolución.
Artigo 14. Resolución
1. A resolución terá o seguinte contido:
a) Listaxe das persoas beneficiarias das axudas e a súa contía.
b) Listaxe de solicitudes denegadas por non reuniren algún ou algúns dos requisitos exixidos nesta convocatoria.
2. O prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de cinco meses, e comezará a contar desde o día seguinte á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.
3. A resolución de concesión das bolsas publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, www.edu.xunta.gal, pola que se entenderán notificados para todos os efectos os solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
4. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas afectadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Artigo 15. Pagamento
O aboamento das axudas farase efectivo mediante libramento único e directo na conta bancaria indicada pola persoa beneficiaria da cal deberá ser titular.
Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias
A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria e a obriga de:
a) Informar o órgano que concede a bolsa da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública, ente público ou privado.
b) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, así como da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Acreditar mediante certificación que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, só no caso de que a persoa interesada se opoña á consulta. Esta certificación poderá ser substituída pola declaración responsable que figura dentro do anexo I desta orde, segundo se regula no artigo 11 do Regulamento da Lei 9/2007.
d) Realizar as actividades previstas nos programas de mobilidade e cumprir os obxectivos destes con aproveitamento.
Artigo 17. Compatibilidade, modificación e reintegro das axudas
1. Estas axudas son compatibles con outras axudas e subvencións concedidas para a mesma finalidade, calquera que sexa a súa natureza ou entidade que a conceda.
2. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que supere o custo da actividade subvencionada de conformidade co establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas para a mesma finalidade por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. O incumprimento total ou parcial por parte da persoa beneficiaria de calquera das condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais normas aplicables, poderá constituír causa determinante de revogación da axuda e do reintegro total ou parcial das cantidades percibidas xunto cos xuros de demora que lle poidan corresponder en cada caso, en aplicación do disposto no artigo 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. Procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obteña a axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falseen ou oculten feitos ou datos que motivaron a súa concesión.
6. Cando no certificado final de estadías remitido, segundo o previsto no artigo 9.3, haxa reducións na súa duración que repercuten na contía adxudicada, procederá a devolución do importe proporcional das cantidades que se correspondan cos meses e días en que se reduciu a estadía e dos 500 euros previstos no artigo 12.2, se os houber, cando a estadía quede reducida en menos de 6 meses.
Artigo 18. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 19. Información sobre a xestión de subvencións
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Disposición adicional primeira. Réxime sancionador
As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Disposición adicional segunda. Impugnación da orde
Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Disposición adicional terceira. Delegacións de atribucións
Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional na persoa titular da Secretaría Xeral de Universidades para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde.
Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo
Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Universidades para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2024
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024; DOG núm. 114, do 13 de xuño)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación,
Ciencia, Universidades e Formación Profesional
