DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Martes, 7 de xaneiro de 2025 Páx. 419

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 23 de decembro de 2024 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Estaleiros Fra Carpinteiro de Ribeira.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Estaleiros Fra Carpinteiro de Ribeira, con domicilio na rúa do Cobo número 1, en San Cibrao, Cervo (Lugo).

Feitos:

1. O 7 de xuño de 2024, Francisco Fra Rico, presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Estaleiros Fra Carpinteiro de Ribeira constituíuna Francisco Fra Rico, mediante escritura pública outorgada o 28 de maio de 2024, ante o notario de Burela (Lugo) Francisco Manuel Mariño Pardo, co número de protocolo 823.

Tras os requirimentos do 10 de xullo e do 16 de outubro de 2024, a Fundación achegou dúas escrituras, outorgadas o 29 de agosto e o 30 de outubro de 2024, no mesmo lugar e ante o mesmo notario indicado no anterior parágrafo, cos números de protocolo 1.290 e 1.629, respectivamente, que emendan a escritura de constitución, de conformidade co indicado nos citados requirimentos.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto «a promoción, fomento, recuperación, conservación e desenvolvemento da carpintería de ribeira, principalmente en Galicia, impulsándoa e desenvolvéndoa cara ao futuro».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Francisco Fra Rico, como presidente; Fernando Fra Rico, como vicepresidente; María Perfecta Fra Rico, como secretaria; Filomena Fra Rico e Samuel Fra Colomina, como vogais; e a entidade Pontecorrea, S.L., representada por Fernando Fra Rico, como administradora.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevou ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Estaleiros Fra Carpinteiro de Ribeira, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo a proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece a competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 17 de decembro de 2024,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Estaleiros Fra Carpinteiro de Ribeira, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; poderase interpoñer, no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2024

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes