DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Martes, 7 de xaneiro de 2025 Páx. 425

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 19 de decembro de 2024 pola que se revoga a autorización para impartir determinadas titulacións universitarias oficiais do Sistema universitario de Galicia para o curso académico 2024/25.

No ámbito estatal, a extinción de titulacións recóllese ao longo do articulado do Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a organización das ensinanzas universitarias e do procedemento de aseguramento da calidade.

No ámbito autonómico, esta materia está regulada pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, e pola Orde do 20 de marzo de 2012 pola que se desenvolve o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

De acordo co recollido no artigo 18 da Orde do 20 de marzo, son causas de revogación da autorización de implantación dunha ensinanza oficial o incumprimento dos requisitos e compromisos adquiridos ao solicitar a autorización de implantación, a non impartición da titulación oficial autorizada, a extinción do plan de estudos ou a supresión da ensinanza oficial.

Nestes casos, e na salvagarda dos dereitos do estudantado, as universidades adoptarán as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos dos estudantes que se encontren cursando os estudos que inician o proceso de revogación.

O Pleno do Consello Galego de Universidades, na súa sesión do 11 de decembro de 2024, no exercicio das competencias previstas no artigo 3.2.h) do Decreto 98/2014, do 17 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Consello Galego de Universidades, acordou emitir informe favorable sobre a revogación da autorización ás universidades do Sistema universitario de Galicia para impartiren as ensinanzas universitarias oficiais dos títulos que se relacionan a continuación.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Que se revogue a autorización á Universidade da Coruña para impartir as ensinanzas universitarias oficiais de:

• Máster Universitario en Enxeñaría en Deseño Industrial pola Universidade da Coruña, autorizado pola Orde do 13 de xuño de 2018 (DOG do 29 de xuño) e que figura inscrito no RUCT co código 4316464.

• Máster Universitario en Materiais Complexos: Análise Térmica e Reoloxía pola Universidade da Coruña, autorizado pola Orde do 6 de xuño de 2013 (DOG do 18 de xuño) e que figura inscrito no RUCT co código 4313646.

Artigo 2

Que se revogue a autorización á Universidade de Santiago de Compostela para impartir as ensinanzas universitarias oficiais de:

• Grao en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, autorizado pola Orde do 19 de xuño de 2020 (DOG do 1 de xullo) e que figura inscrito no RUCT co código 2504140.

• Grao en Bioquímica pola Universidade de Santiago de Compostela, autorizado pola Orde do 19 de xuño de 2020 (DOG do 1 de xullo) e que figura inscrito no RUCT co código 2504170.

• Grao en Biotecnoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, autorizado pola Orde do 13 de xuño de 2018 (DOG do 29 de xuño) e que figura inscrito no RUCT co código 2503766.

• Grao en Empresa e Tecnoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, autorizado pola Orde do 19 de xuño de 2020 (DOG do 1 de xullo) e que figura inscrito no RUCT co código 2504171.

• Grao en Enxeñaría Química pola Universidade de Santiago de Compostela, autorizado polo Decreto 150/2010, do 16 de setembro (DOG do 23 de setembro) e que figura inscrito no RUCT co código 2502237.

• Grao en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, autorizado polo Decreto 385/2009, do 27 de agosto (DOG do 16 de setembro) e que figura inscrito no RUCT co código 2501097.

• Grao en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, autorizado polo Decreto 385/2009, do 27 de agosto (DOG do 16 de setembro) e que figura inscrito no RUCT co código 2500974.

• Máster Universitario en Dirección de Proxectos pola Universidade de Santiago de Compostela, autorizado polo Decreto 53/2008, do 13 de marzo (DOG do 28 de marzo) e que figura inscrito no RUCT co código 4310354.

• Máster Universitario en Enxeñaría Agronómica pola Universidade de Santiago de Compostela, autorizado pola Orde do 5 de decembro de 2013 (DOG do 20 de decembro) e que figura inscrito no RUCT co código 4314243.

• Máster Universitario en Enxeñaría de Montes pola Universidade de Santiago de Compostela, autorizado pola Orde do 5 de decembro de 2013 (DOG do 20 de decembro) e que figura inscrito no RUCT co código 4314244.

• Máster Universitario Erasmus Mundus en Lexicografía (European Master in Lexicography), título conxunto pola Universidade de Santiago de Compostela; Friedrich-Alexander-Universität Erlangen-Nürnberg (Alemaña); Károli Gáspár Református Egyetem (Hungría); Stellenbosch University (República Surafricana); Universidade do Minho (Portugal); Università degli Studi di Roma Tre (Italia); Université de Lorraine (Francia) e Uniwersytet Slaski w Katowicach (Polonia), autorizado pola Orde do 28 de xuño de 2016 (DOG do 13 de xullo) e que figura inscrito no RUCT co código 4316053.

• Máster Universitario en Investigación en Ciencias da Visión, título conxunto pola Universidade Complutense de Madrid; a Universidade de Alcalá; a Universidade de Murcia; a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Valladolid, autorizado pola Orde do 5 de agosto de 2019 (DOG do 14 de agosto) e que figura inscrito no RUCT co código 4316947.

• Máster Universitario en Nanociencia e Nanotecnoloxía, título conxunto pola Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo, autorizado pola Orde do 19 de xuño de 2020 (DOG do 1 de xullo) e que figura inscrito no RUCT co código 4317355.

• Máster Universitario en Servizos Culturais pola Universidade de Santiago de Compostela, autorizado pola Orde do 4 de xuño de 2015 (DOG do 17 de xuño) e que figura inscrito no RUCT co código 4315430.

• Máster Universitario en Xornalismo e Comunicación Multimedia: Novas Tendencias en Produción, Xestión e Difusión do Coñecemento pola Universidade de Santiago de Compostela, autorizado pola Orde do 8 de xullo de 2021 (DOG do 16 de xullo) e que figura inscrito no RUCT co código 4317746.

Artigo 3

Que se revogue a autorización á Universidade de Vigo para impartir as ensinanzas universitarias oficiais de:

• Máster Universitario en Nanociencia e Nanotecnoloxía, título conxunto pola Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo, autorizado pola Orde do 19 de xuño de 2020 (DOG do 1 de xullo) e que figura inscrito no RUCT co código 4317355.

Artigo 4. Garantías académicas

As universidades adoptarán as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos dos/das estudantes que se encontren cursando os estudos que inician o proceso de revogación, de acordo co establecido no artigo 16 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2024

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional