DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Mércores, 8 de xaneiro de 2025 Páx. 521

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 6/2024, do 27 de decembro, de estatística de Galicia

Exposición de motivos

I

A estatística pública é unha actividade estreitamente vencellada á democracia. Non se trata só de gobernar cun sólido soporte informativo, senón de que este se xere de acordo con padróns científicos e se transmita con obxectividade e de xeito imparcial. O sistema estatístico público debe permitir ás persoas con responsabilidades políticas atinaren nas súas decisións e á cidadanía exercer plenamente os seus dereitos.

Baixo estas premisas, o artigo 27.6 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á Comunidade Autónoma competencia exclusiva na materia, previsión que se desenvolveu coa Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, na que se establecen o marco normativo básico, a estrutura organizativa e os instrumentos de planificación da estatística para os fins da Comunidade Autónoma galega. Os anos transcorridos desde a súa aprobación aconsellan revisala, á luz da experiencia propia e tendo en conta a achega de regulamentación, o desenvolvemento das tecnoloxías da información e a potencialidade das novas fontes de datos.

Detrás da experiencia está a aprendizaxe acumulada logo de avaliar cinco plans aprobados polo Parlamento e executados pola organización estatística da Comunidade Autónoma, establecida no título II da Lei 9/1988, do 19 de xullo, e da que forman parte o Instituto Galego de Estatística, os órganos estatísticos sectoriais e o Consello Galego de Estatística. En cumprimento do previsto no referido título, ditáronse o Decreto 173/2007, do 30 de agosto, polo que se establece a forma de designación dos membros que integran o Consello Galego de Estatística; o Decreto 24/2008, do 21 de febreiro, polo que se regulan os órganos estatísticos sectoriais e se establece o procedemento de designación, e o Decreto 60/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Estatuto do organismo autónomo Instituto Galego de Estatística, este último acorde coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Coa Lei 12/1992, do 9 de novembro, de creación de determinadas escalas de persoal funcionario ao servizo da Xunta de Galicia, e a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, créanse e tipifícanse as escalas superior e técnica de estatística. Isto, xunto coa dotación de prazas de persoal entrevistador-enquisador do Instituto Galego de Estatística, permitiu achegar á organización estatística os recursos humanos necesarios para cumprir as súas funcións.

Entre a lexislación autonómica que convén considerar están a Lei 2/2011, do 16 de xuño, de disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira; a Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, e a Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia. As responsabilidades do Instituto Galego de Estatística na planificación orzamentaria e a introdución das perspectivas de xénero e idade na estatística son consecuencias delas.

En relación cos principios de accesibilidade, de coordinación e de cooperación que deben presidir a estatística pública cómpre considerar a Lei 37/2007, do 16 de novembro, sobre reutilización da información do sector público; a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, aprobadas polas Cortes Xerais. Na difusión de información teranse en conta as previsións da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, do Parlamento de Galicia, e da Directiva (UE) 2016/2102 do Parlamento Europeo e do Consello, do 26 de outubro de 2016, sobre a accesibilidade dos sitios web e as aplicacións para dispositivos móbiles dos organismos do sector público.

A este marco normativo cómpre engadir o Regulamento (CE) nº 223/2009 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de marzo de 2009, relativo á estatística europea, e, con carácter supletorio, a Lei 12/1989, do 9 de maio, da función estatística pública, que limita o seu ámbito de actuación ás estatísticas para fins estatais desenvolvidas pola Administración xeral do Estado, o Banco de España e o Consello Xeral do Poder Xudicial, sen aspirar, tal e como se reflicte na súa parte expositiva, a regular un sistema estatístico xeral que inclúa a actividade do Estado e das comunidades autónomas, cuxa conexión só pode daquela resultar da cooperación. Baixo estas premisas, a Lei 12/1989, do 9 de maio, crea o Comité Interterritorial de Estatística, órgano con representación dos servizos estatísticos central e autonómicos, mais que non está facultado para tomar decisións vinculantes nin está a ser capaz de sustentar un esquema eficaz de cooperación. Esta situación perdura logo de se modificar a Lei 12/1989, do 9 de maio, dentro da Lei 13/2022, do 7 de xullo, xeral de comunicación audiovisual, en prol de reforzar o papel da estatística pública e adaptala á regulamentación europea.

A estatística galega tivo que madurar neste marco potencialmente integrado por dezaoito sistemas estatísticos en España, obrigados a cooperaren para xerar ofertas estatísticas acordes coas necesidades propias de información e coas boas prácticas europeas e internacionais na materia. Un fito que resultou chave neste percorrido foron os denominados Acordos de Carmona de 2008, asumidos polo Instituto Nacional de Estatística e polos órganos centrais de estatística das comunidades autónomas para compartiren información. Antes, no ano 2005, un grupo de persoas expertas independentes elaborara o informe titulado «A organización da estatística pública en España. Situación actual e propostas de mellora». As súas reflexións e conclusións continúan a achegar luz sobre o presente e o futuro da estatística pública en España.

No tocante ao tratamento de datos persoais, observarase o disposto no Regulamento  (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), así como na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Dentro desta normativa, o ámbito da función estatística pública recibe un trato especial, por considerar que os fins estatísticos, xunto cos de investigación científica e histórica, son compatibles cos fins determinados, explícitos e lexítimos cos cales se recollen datos persoais. No entanto, esta excepción á limitación sobre finalidade puntualízase coa previsión de que a comunicación e o tratamento de datos persoais con fins estatísticos serán lícitos se a estatística para a que se requiren viñer exixida por unha norma de dereito da Unión Europea ou estiver incluída nos instrumentos de programación estatística legalmente previstos. Esta excepcionalidade tamén modula as solicitudes de exercicio dos dereitos das persoas afectadas.

O Cadro común europeo de calidade, cuxa pedra angular é o Código de conduta adoptado no ano 2017 polo Comité do Sistema Estatístico Europeo, foi introducido expresamente como instrumento autorregulador nas leis dos plans galegos de estatística aprobadas para o decenio 2017-2026 e deberá continuar a guiar no futuro a actividade sometida a esta lei. Dos dezaseis principios do código, que abranguen o contorno institucional, os procesos estatísticos e a produción estatística, esta lei afondará particularmente nos vencellados ao emprego de procedementos axeitados, cooperación, carga de resposta, rendibilidade, actualidade, puntualidade e comparabilidade. A razón é que todos achegan mencións expresas e indicadores sobre a necesidade de considerar os rexistros e os sistemas de información como recursos estratéxicos dos sistemas estatísticos e figuras chave para aproveitar os avances tecnolóxicos e o desenvolvemento exponencial que está a experimentar a información dispoñible. Cómpre, cando menos, conseguirmos incorporar plenamente os de orixe administrativa, garantindo por norma que estean á disposición do sistema estatístico público, para integralos en bases de datos e aumentar os estándares de calidade.

Rexistros estables e convenientemente actualizados deberían sustentar non só desagregacións territoriais non asumibles mediante enquisas, senón tamén temporais, de xeito que as series diarias ou as estimacións en tempo real deixen de ser meras aspiracións. Sensibilizar os responsables da información administrativa sobre a utilidade externa que pode chegar a ter, aumentar a precisión das previsións para deseñar e avaliar políticas públicas ou dispor de datos para afrontar o reto ambiental e o perfeccionamento do sistema de contas serían outros logros.

Como contrapartida, a lei introduce unha regulamentación máis precisa sobre o segredo estatístico e reforza o papel do Instituto Galego de Estatística como organismo coa capacidade técnica e coa cobertura xurídica necesarias para acceder á información administrativa e integrala en bases de datos de finalidade estatística.

A lei incorpora disposicións de adecuación á normativa mencionada e a outras, para ir axustando a estatística galega aos cambios que previsiblemente terán lugar nos vindeiros anos.

II

Na súa parte dispositiva, a lei ten un título preliminar, catro títulos, seis disposicións adicionais, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

No título preliminar determínanse o seu obxecto e o seu ámbito de aplicación, as definicións, os principios xerais e o compromiso coa calidade da estatística galega. O título I, sobre gobernación estatística, divídese en catro capítulos, nos cales se establece o modelo organizativo, integrado polo Instituto Galego de Estatística, polos órganos estatísticos sectoriais e polo Consello Galego de Estatística. Os tres capítulos do título II refírense á produción estatística desde as súas dimensións de planificación, obtención de información e publicación de resultados. Por último, nos títulos III e IV regúlanse o segredo estatístico e o réxime sancionador.

A disposición adicional primeira establece o rexistro de poboación como base estatística e canle para facilitar a comunicación da administración coas persoas residentes. A segunda vincula a estatística e a planificación pública. A terceira refírese aos órganos de goberno do Instituto Galego de Estatística. Por último, a cuarta regula o plan anual de actuación deste, concibido como instrumento complementario e de apoio das responsabilidades que lle correspondan na programación estatística anual. Nas disposicións adicionais quinta e sexta prevense o acceso ás bases de datos de persoas xurídicas e a revisión das contías das sancións por infraccións en materia estatística. A lei conclúe cunha disposición de derrogación normativa e dúas disposicións derradeiras sobre o desenvolvemento regulamentario e a entrada en vigor.

Para finalizar, cómpre mencionar a Estratexia europea de datos e a recente normativa establecida no Regulamento (UE) 2022/868 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de maio de 2022, relativo á gobernanza europea de datos, e no Regulamento (UE) 2023/2854 do Parlamento Europeo e do Consello, do 13 de decembro de 2023, sobre normas harmonizadas para un acceso xusto aos datos e a súa utilización.

O texto do anteproxecto de lei foi sometido aos trámites de consulta pública previa e de información pública. Tendo en conta a materia regulada, tamén foi consultado o Consello Galego de Estatística e solicitouse o ditame do Consello Económico e Social.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome do rei a Lei de estatística de Galicia.

TÍTULO PRELIMINAR

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Esta lei regula a estatística para os fins da Comunidade Autónoma galega, entendida como a produción e a difusión de información, mormente cuantitativa, que representa un fenómeno colectivo referido ás realidades demográfica, social, cultural, económica, financeira e ambiental de Galicia e, en xeral, a calquera cuestión relativa ás competencias da Comunidade Autónoma.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. Esta lei será aplicable á estatística para os fins da Comunidade Autónoma galega (en diante, estatística galega) realizada directamente polo sector público autonómico de Galicia ou ben realizada indirectamente polos entes locais, polas universidades ou por calquera outra entidade de dereito público ou privado mediante acordo, convenio ou contrato.

Para os efectos desta lei, considérase sector público autonómico o definido no artigo 3.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. Exclúense do ámbito de aplicación desta lei as enquisas de opinión e as sondaxes e enquisas electorais a que se refire o artigo 69 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, de réxime electoral xeral.

Artigo 3. Definicións

Para os efectos desta lei entenderase por:

a) Estatística: actuación concreta que se pode programar como operación ou como actividade estatística. A primeira execútase consonte un proxecto técnico aprobado polo Consello Galego de Estatística e coa participación dunha entidade pública galega nalgunha fase anterior á súa difusión. A segunda realízase a partir dunha metodoloxía orientada a aproveitar a información existente para elaborar e difundir resultados estatísticos que amplíen os dispoñibles sobre Galicia.

b) Operación nova: operación programada no estado de en implantación para comprobar a viabilidade do seu proxecto técnico, ou programada no estado de en reestruturación para modificar o seu proxecto técnico.

c) Operación corrente: operación programada nos estados de en curso ou de en cumprimento, segundo quen deseñase orixinariamente o seu proxecto técnico, unha administración galega ou outra administración, respectivamente.

d) Actuación de interese estatístico: labor auxiliar ou incipiente que, na súa orixe, non persegue ampliar a información dispoñible sobre Galicia. Os labores auxiliares englóbanse en actividades de interese estatístico.

e) Dato individual: dato sobre unha persoa física ou xurídica identificada ou identificable. Considerarase identificable toda persoa física ou xurídica cuxa identidade se poida determinar directa ou indirectamente. Para determinar a identificabilidade indirecta teranse en conta aqueles medios que razoablemente unha terceira persoa puider empregar para recoñecela.

f) Dato identificativo: dato individual que permite identificar directamente unha persoa física ou xurídica; en particular, o nome, os apelidos, o domicilio ou un número de identificación publicamente accesible.

g) Metainformación: información usada para describir as características das series e dos datos estatísticos, detallando conceptos e metodoloxías relevantes implicados na súa produción e o seu emprego.

h) Datos administrativos: datos recollidos por entidades do sector público ou por persoas privadas que presten servizos públicos, incluíndo os baseados en actuacións ou en procedementos que non teñen un fin primario estatístico.

i) Informante: persoa física ou xurídica que fornece datos.

j) Declaración ou comunicación: dato fornecido pola persoa informante.

k) Observación: dato público captado directamente.

l) Recolla de datos: enquisas ou outros procedementos de conseguir información de diversas fontes, mesmo das administrativas.

m) Tratamento estatístico: conxunto de accións relacionadas coa recolla, a almacenaxe, a elaboración e a ordenación necesarias para realizar estatísticas.

n) Difusión: conxunto de accións para pór os resultados estatísticos á disposición das persoas usuarias.

ñ) Proxecto técnico: documento en que se recollen os procedementos para elaborar e difundir unha operación.

o) Ficheiro de datos: conxunto organizado de datos, calquera que sexa a forma empregada para a súa creación, a súa almacenaxe, a súa ordenación ou o seu acceso.

p) Estatística de síntese: estatística que se elabora combinando diversas fontes de información. Enténdese por combinación non a compilación das devanditas fontes, senón a elaboración contable ou matemática da información mediante estatísticos derivados.

Artigo 4. Principios estatísticos

A estatística galega adecuarase aos seguintes principios:

a) Autoridade: a estatística galega desenvolverase consonte a normativa emanada dos poderes competentes na materia e de acordo cos estándares, as prácticas e os principios científicos que aseguren a súa corrección técnica, o que supón recorrer a normas profesionais e éticas e garantir a transparencia para as persoas informantes e usuarias.

b) Independencia profesional: as estatísticas débense preparar, elaborar e difundir de xeito independente, sobre todo no que concirne á selección de técnicas, definicións, metodoloxías e fontes utilizadas, así como ao calendario e á forma e o contido da difusión.

c) Imparcialidade: as estatísticas débense preparar, elaborar e difundir de xeito neutral, tratando por igual todas as persoas ou entidades informantes e usuarias.

d) Segredo estatístico: para salvagardar a privacidade das persoas físicas e xurídicas e garantir a confianza na estatística galega, os datos individuais obtidos polos órganos estatísticos estarán debidamente protexidos, de maneira que quedan prohibidos o seu uso con fins non-estatísticos e a súa revelación ilegal.

e) Rendibilidade: os recursos deben ser ben empregados e cómpre minimizar a carga de resposta. Utilizar como fonte prioritaria de información a dispoñible nos ficheiros de datos administrativos, estatísticos ou doutro tipo e promover o seu enlace con fins estatísticos están en liña con este principio.

f) Coordinación e cooperación: a estatística galega seguirá prácticas de estrita coordinación interna e de fomento da cooperación externa. Os convenios e acordos en materia estatística con outras administracións públicas ou entes privados permitirán aproveitar os labores de interese común e non duplicar as solicitudes de información.

g) Proporcionalidade: no desenvolvemento da estatística galega aplicarase o criterio de correspondencia entre a contía da información que se solicita e os resultados que se pretenden obter do seu tratamento.

Artigo 5. Calidade estatística

1. Para garantir a calidade dos resultados, a estatística galega desenvolverase conforme normas uniformes e métodos harmonizados. A este respecto, aplicaranse e mediranse os seguintes criterios de calidade:

a) Pertinencia: as estatísticas deseñaranse en función das necesidades das persoas ou das entidades usuarias e mais do interese do conxunto da sociedade galega.

b) Precisión: as estatísticas deben reflectir con fidelidade os fenómenos ou as características para os cales foron deseñadas.

c) Actualidade e puntualidade: as estatísticas deben minimizar o prazo transcorrido entre a dispoñibilidade da información e o fenómeno descrito e deben difundirse segundo un calendario, respectando as datas sinaladas nos instrumentos de programación.

d) Accesibilidade e claridade: as estatísticas difundiranse, garantindo o acceso neutral e doado das persoas ou das entidades usuarias e achegando información complementaria para facilitar o seu uso e a súa interpretación.

e) Coherencia e comparabilidade: as estatísticas realizaranse sobre a base de normas comúns con respecto ao alcance, as definicións, as unidades e as clasificacións e procurarase a comparabilidade entre as estatísticas propias e as dos outros sistemas estatísticos da nosa contorna.

2. Correspóndelle ao Instituto Galego de Estatística a iniciativa sobre o control da calidade da estatística galega.

TÍTULO I

Gobernación estatística

CAPÍTULO I

Organización estatística galega

Artigo 6. Definición

A organización estatística galega é o conxunto de órganos que actúan de xeito coordinado para desenvolver a estatística galega, mediante a execución, a avaliación e o seguimento da súa planificación, prevista no título II desta lei.

CAPÍTULO II

Instituto Galego de Estatística

Artigo 7. Composición

Forman parte da organización estatística galega:

a) O Instituto Galego de Estatística.

b) Os órganos estatísticos sectoriais.

c) O Consello Galego de Estatística.

Artigo 8. Natureza e adscrición

1. O Instituto Galego de Estatística é o órgano central da organización estatística e ten como principal misión a de dirixir e coordinar a estatística galega.

2. O Instituto Galego de Estatística é un organismo autónomo dos regulados na sección 2ª do capítulo II do título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

3. O Instituto Galego de Estatística adscríbese organicamente á consellaría competente en materia de facenda.

4. No desenvolvemento das competencias técnicas e na aplicación do segredo estatístico, o Instituto Galego de Estatística gozará da autonomía funcional necesaria para garantir a súa neutralidade operativa. Son competencias técnicas o deseño de conceptos, definicións, unidades, clasificacións, nomenclaturas, códigos e outros estándares, para ordenar datos e presentar resultados, así como as que versen sobre fórmulas, algoritmos, procedementos de recolla, tratamento e difusión de información.

5. O Instituto Galego de Estatística rexerase polo disposto nesta lei e nas outras normas que lle sexan aplicables. En particular, como entidade do sector público autonómico de Galicia, rexerase pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico.

Artigo 9. Funcións

1. No ámbito da estatística galega, correspóndelle ao Instituto Galego de Estatística:

a) Representar oficialmente o sector público autonómico de Galicia en materia estatística e canalizar as relacións externas nesa materia.

b) Coordinar os órganos estatísticos sectoriais regulados no capítulo III.

c) Elaborar o anteproxecto de lei do Plan galego de estatística e os proxectos de decreto dos programas que o desenvolven, en colaboración cos órganos estatísticos sectoriais.

d) Analizar as necesidades e a evolución da demanda de estatísticas para Galicia.

e) Relacionarse con organismos estatais, europeos e internacionais con competencias estatísticas e proporlle ao Consello da Xunta integrarse neles.

f) Realizar as estatísticas e as outras actuacións que se lle encomenden nos instrumentos de planificación previstos no título II desta lei.

g) Colaborar nas estatísticas de interese estatal e supraestatal promovidas polos organismos competentes.

h) Coordinar as peticións en materia estatística dos órganos ou das entidades do sector público autonómico galego dirixidas a outros órganos ou entidades públicas.

i) Promover a aplicación de normas e requisitos técnicos unitarios para a estatística galega e aprobar conceptos, definicións, unidades, clasificacións, nomenclaturas, códigos e outros estándares de interese propio, procurando que se adapten e integren cos homólogos de uso obrigatorio nos ámbitos estatal, europeo e internacional.

j) Realizar, promover e divulgar a investigación, o desenvolvemento, a innovación e o coñecemento no ámbito da estatística galega.

k) Promover a formación e o perfeccionamento profesional do persoal estatístico.

l) Prestar servizos de asistencia técnica aos órganos estatísticos sectoriais, para realizar as actuacións que lles sexan encomendadas nos instrumentos de planificación estatística.

m) Desenvolver bases de datos e prestar servizos de recompilación e de almacenaxe da información estatística dispoñible.

n) Asegurar a difusión dos resultados estatísticos sobre Galicia e estender as certificacións previstas no artigo 28.3.

ñ) Velar polo cumprimento das normas técnicas aprobadas e pola aplicación dos principios e garantías necesarios para que se respecten o segredo estatístico e as outras condicións xurídicas a que se debe cinxir a estatística galega.

o) Desenvolver modelos de predición e de análise socioeconómica para a planificación no medio e no longo prazo.

p) Elaborar anualmente e difundir unha memoria sobre a actividade da organización estatística galega.

q) As demais funcións previstas nesta lei e as que se lle atribúan legalmente.

2. Os órganos ou as entidades do sector público autonómico consultarán con carácter previo o Instituto Galego de Estatística sobre:

a) A creación e a reforma de rexistros administrativos e sistemas de información de posible tratamento estatístico, así como das modificacións que puideren implicar mudanzas en tal tratamento.

b) A creación e a reforma de procedementos administrativos que puideren ter consecuencias sobre a produción de información de posible aproveitamento estatístico.

c) Os convenios e os acordos en materia estatística que subscribiren.

d) Os plans de carácter xeral por abrangueren varios ámbitos ou sectores, cando puideren precisar información elaborada ao abeiro dos instrumentos de planificación estatística.

3. Os órganos ou as entidades do sector público autonómico enviarán ao Instituto Galego de Estatística unha copia de todos os ficheiros de datos para fins estatísticos que remitiren a outra administración.

Artigo 10. Dirección

1. A persoa titular da Dirección do Instituto Galego de Estatística é a máxima autoridade da Comunidade Autónoma no ámbito da estatística galega e actuará con total independencia nas materias técnica e científica relacionadas con tal función.

2. A persoa titular da Dirección do Instituto Galego de Estatística terá a condición de alto cargo, será nomeada mediante decreto do Consello da Xunta entre persoas idóneas e reunirá requisitos de solvencia académica, profesional, técnica ou científica, en materia estatística.

3. Correspóndelle á persoa titular da Dirección do Instituto Galego de Estatística:

a) Representar legalmente o Instituto Galego de Estatística.

b) Exercer a xefatura do persoal do Instituto Galego de Estatística.

c) Representar a Comunidade Autónoma nos órganos de participación institucional en materia estatística.

d) Dirixir as relacións cos servizos estatísticos doutras administracións públicas e das organizacións europeas e internacionais.

e) Coordinar os órganos que integran a organización estatística galega.

f) Todas as demais funcións que lle compitan ao Instituto Galego de Estatística e que non fosen atribuídas expresamente a outros órganos deste.

CAPÍTULO III

Órganos estatísticos sectoriais

Artigo 11. Finalidade

Co obxectivo de desenvolver a estatística galega e, en particular, para aproveitar no máximo posible as fontes administrativas, a Presidencia da Xunta de Galicia e as consellarías contarán con órganos estatísticos sectoriais, que coordinarán a súa actividade co Instituto Galego de Estatística.

Tamén poderán contar con órganos estatísticos sectoriais as entidades públicas instrumentais do artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, en cuxos réximes orgánico, funcional e financeiro non estiver prevista a participación de entidades privadas e cando os seus obxectivos e finalidades se puideren atender cos instrumentos de planificación establecidos nesta lei.

A designación dos órganos estatísticos sectoriais realizarase consonte o procedemento que se determinar regulamentariamente.

Artigo 12. Funcións

1. Os órganos estatísticos sectoriais terán as seguintes funcións:

a) Elaborar e difundir as estatísticas propias da Presidencia da Xunta de Galicia e as das consellarías e entidades públicas instrumentais de que dependan.

b) Elaborar e difundir as estatísticas ou as fases delas que lles sexan encomendadas na planificación estatística.

c) Colaborar co Instituto Galego de Estatística na elaboración do anteproxecto do Plan galego de estatística e dos proxectos dos seus programas, ben como na súa avaliación e o seu seguimento.

d) Analizar as necesidades estatísticas do órgano de que dependan.

2. Os órganos estatísticos sectoriais poderán obter do Instituto Galego de Estatística os datos estritamente necesarios para executaren as operacións programadas baixo a súa responsabilidade.

CAPÍTULO IV

Consello Galego de Estatística

Artigo 13. Natureza

1. O Consello Galego de Estatística é o máximo órgano consultivo da estatística galega, para asegurar a participación dos axentes sociais e económicos e a relación entre a administración e as persoas usuarias, alén de para promover o seu entendemento e facilitar a coordinación e o uso de metodoloxías comúns.

2. O Consello Galego de Estatística rexerase polo disposto para os órganos colexiados na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, por esta lei e mais polo seu regulamento interno de funcionamento.

Artigo 14. Funcións

1. O Consello Galego de Estatística poderá elaborar propostas e recomendacións sobre as necesidades da Comunidade Autónoma en materia estatística, que deberán ser analizadas polo Instituto Galego de Estatística de cara á súa incorporación na planificación estatística.

2. O Consello Galego de Estatística será consultado sobre:

a) O anteproxecto de lei do Plan galego de estatística e os proxectos de decreto dos programas estatísticos anuais.

b) Os proxectos técnicos das operacións.

c) A aplicación concreta da lexislación vixente sobre o segredo estatístico, nos casos en que se presentaren diferentes interpretacións.

d) Os anteproxectos de lei ou os proxectos de disposicións de carácter xeral distintos dos previstos na letra a) que sexan de materia estatística.

e) A adecuación e a utilización dos conceptos, definicións, unidades, clasificacións, nomenclaturas, códigos e outros estándares utilizados pola organización estatística galega.

f) O contido das bases de datos estatísticas consideradas no artigo 25.3.

g) Os eventuais conflitos de competencia entre órganos estatísticos da Comunidade Autónoma ou con outros alleos a ela.

h) A memoria sobre a actividade da organización estatística galega establecida no artigo 9.1.p).

i) Calquera outra cuestión que lle presentaren o Consello da Xunta ou o Instituto Galego de Estatística.

3. Correspóndelle ao Consello Galego de Estatística aprobar o seu regulamento interno de funcionamento.

Artigo 15. Composición

1. Farán parte do Consello Galego de Estatística:

a) A persoa titular da Presidencia, que será a titular da consellaría de adscrición do Instituto Galego de Estatística.

b) A persoa titular da Vicepresidencia, que será a titular da Dirección do Instituto Galego de Estatística e que substituirá a titular da Presidencia no caso de ausencia.

c) As seguintes persoas vogais:

1º. Unha pola Presidencia da Xunta de Galicia e unha por cada consellaría, por proposta da persoa titular do órgano.

2º. As titulares da Secretaría Xeral e das subdireccións do Instituto Galego de Estatística.

3º. Dúas designadas polo Consello Galego de Cámaras.

4º. Tres designadas pola asociación empresarial intersectorial máis representativa de Galicia.

5º. Unha designada por cada unha das tres organizacións sindicais intersectoriais máis representativas de Galicia.

6º. Tres designadas polo Consello Agrario Galego.

7º. Dúas designadas pola Federación Galega de Confrarías de Pescadores.

8º. Dúas designadas polo Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

9º. Dúas designadas pola Federación Galega de Municipios e Provincias.

10º. Unha designada por cada universidade de Galicia.

11º. Tres de relevancia profesional no campo da estatística, designadas pola persoa titular da Presidencia.

12º. Unha designada por cada grupo parlamentario con presenza no Parlamento de Galicia.

13º. A titular da Presidencia da Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións.

14º. Dúas en representación da Administración xeral do Estado; unha designada polo Instituto Nacional de Estatística e outra pola Delegación do Goberno na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A Secretaría do Consello Galego de Estatística poderá ser exercida por unha persoa membro do propio órgano ou por unha persoa funcionaria do Instituto Galego de Estatística. No segundo suposto, actuará con voz e sen voto.

3. Aplicaranse neste órgano as previsións sobre composición de xénero equilibrada da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, e da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Artigo 16. Funcionamento e medios

1. O Consello Galego de Estatística actuará en pleno e en comisións. As xuntanzas do pleno poderán ser ordinarias e extraordinarias e serán convocadas pola Presidencia. As extraordinarias realizaranse por iniciativa da Presidencia ou por pedimento da maioría dos membros do pleno ou dos membros da súa comisión permanente.

2. No Consello Galego de Estatística funcionarán unha comisión de coordinación e unha comisión permanente, que serán presididas pola persoa titular da Vicepresidencia do Consello. A persoa titular da Secretaría do Consello Galego de Estatística asumirá a secretaría de ambas as comisións.

3. Alén diso, farán parte da comisión de coordinación as persoas previstas no artigo 15.1.c).1º e 2º. A comisión permanente estará integrada por once persoas do Consello designadas polo pleno coa finalidade de seguir a realización dos programas e de debater e informar sobre cuestións semellantes.

4. Para desenvolver as súas funcións, o Consello Galego de Estatística poderá crear grupos de traballo coa participación de persoas non pertencentes a el. A secretaría destes grupos de traballo, que deixarán de existir cando rematar a misión para a que fosen creados, será cuberta por unha persoa funcionaria do Instituto Galego de Estatística nomeada pola persoa titular da súa Dirección.

5. Os acordos do pleno e das comisións tomaranse por maioría simple. En caso de empate, será dirimente o voto da persoa que os presidir.

6. O Consello Galego de Estatística reunirase en pleno cando menos dúas veces ao ano. Unha destas xuntanzas poderase substituír pola reunión da súa comisión permanente.

7. Os medios que precisar o Consello para o seu funcionamento serán cubertos polo Instituto Galego de Estatística, con cargo ao seu orzamento.

TÍTULO II

Produción estatística

CAPÍTULO I

Planificación da estatística galega

Artigo 17. Plan galego de estatística

1. O Plan galego de estatística é o instrumento de ordenación e de planificación da estatística galega.

2. O Plan galego de estatística será aprobado polo Parlamento de Galicia mediante unha lei e terá unha vixencia de cinco anos, agás que nel se establecer outra diferente, e quedará prorrogado ata a entrada en vigor do seguinte.

3. O Instituto Galego de Estatística elaborará, en colaboración cos órganos estatísticos sectoriais, o anteproxecto do Plan galego de estatística.

4. O Plan galego de estatística recollerá os obxectivos informativos, instrumentais, de calidade ou doutro tipo que se pretenderen acadar no seu período de vixencia. Os primeiros abranguerán, cando menos, as metas de información, as perspectivas de xénero, de idade ou doutra natureza e mais as liñas de actuación salientables.

5. O Plan galego de estatística recollerá as estatísticas consolidadas, entendidas como aquelas que foron executadas de acordo cos criterios de calidade do artigo 5.

Artigo 18. Avaliación do Plan galego de estatística

O Instituto Galego de Estatística elaborará, en colaboración cos órganos estatísticos sectoriais, un informe de avaliación do Plan galego de estatística, que someterá á consideración do Consello Galego de Estatística e porá en coñecemento do Parlamento de Galicia.

De ser o caso, e por petición do Parlamento, a persoa titular da Dirección do Instituto Galego de Estatística dará conta do antedito informe mediante unha comparecencia específica.

Artigo 19. Programa estatístico anual

1. Para desenvolver e executar o Plan galego de estatística, o Consello da Xunta, por proposta da persoa titular da consellaría a que estea adscrito o Instituto Galego de Estatística, aprobará mediante decreto o programa estatístico anual, cuxa vixencia coincidirá co ano natural, sen prexuízo da súa prórroga respectando as estatísticas que, pola súa natureza, for necesario continuar.

2. O Instituto Galego de Estatística elaborará, en colaboración cos órganos estatísticos sectoriais, o proxecto de programa estatístico anual.

3. O Programa incluirá as estatísticas, así como as outras actuacións de interese estatístico vinculadas cos obxectivos do Plan galego de estatística.

4. Nas estatísticas programadas especificaranse, cando menos e seno caso de procederen, os seguintes datos:

a) Os organismos responsables.

b) As metas de información e outros obxectivos informativos.

c) Os obxectivos concretos.

d) Os ámbitos de investigación.

e) A periodicidade.

f) O orzamento aproximado.

g) As formas e os prazos de difusión.

Nas operacións figurarán tamén o estado e, se proceder, as persoas ou as entidades obrigadas a forneceren información, así como as posibles compensacións establecidas no artigo 23.4.

5. Os órganos da Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico executarán cada programa directamente ou en colaboración con outras entidades públicas ou privadas mediante acordos, convenios ou contratos. Todas as persoas implicadas quedarán obrigadas a cumpriren o segredo estatístico, mesmo despois de finalizaren os acordos, convenios ou contratos.

6. O Instituto Galego de Estatística será, con carácter xeral, o organismo responsable das estatísticas cuxo ámbito de investigación implique varios sectores económicos ou ámbitos sociais e participará na elaboración e na execución das estatísticas de síntese relacionadas co sistema integrado de contas económicas, das demográficas e das que se realicen mediante enquisa.

7. Excepcionalmente, por razón de urxencia e para cubrir necesidades de información sobrevidas, o Consello da Xunta poderá decidir mediante decreto que se elaboren estatísticas non incluídas no programa anual, do cal será informado con posterioridade o Consello Galego de Estatística. Tamén se informará o Parlamento da elaboración das devanditas estatísticas cando non estiveren vinculadas con algún obxectivo informativo do Plan galego de estatística. Estas estatísticas gozarán dos beneficios recoñecidos nesta lei.

8. O contido de cada programa e mais a súa execución estarán suxeitos ás dispoñibilidades orzamentarias e organizativas.

Artigo 20. Seguimento do programa estatístico anual

O Instituto Galego de Estatística elaborará, en colaboración cos órganos estatísticos sectoriais, un informe de seguimento do programa estatístico anual, que someterá á consideración do Consello Galego de Estatística e porá en coñecemento do Parlamento de Galicia. Neste informe analizarase o cumprimento dos obxectivos do programa e, en particular, dos vencellados aos criterios de calidade do artigo 5.

Artigo 21. Inventario

1. O inventario é o marco de actuación da organización estatística galega e recolle de xeito sistemático, estruturado e homoxéneo as principais características das estatísticas programadas. Tamén serán inventariadas as establecidas no artigo 19.7.

2. O Instituto Galego de Estatística será o organismo responsable da súa elaboración, o seu mantemento e a súa difusión.

3. Os órganos e as entidades do sector público autonómico facilitarán ao Instituto Galego de Estatística información sobre as actuacións estatísticas que realizaren, para contribuír a un maior coñecemento destas e, se for procedente, inventarialas.

Artigo 22. Proxecto técnico

1. As operacións executaranse consonte un proxecto técnico, aprobado polo Consello Galego de Estatística e de carácter público.

2. Os proxectos técnicos sistematizarán os procedementos de execución das operacións, especificando os seus obxectivos informativos e como se abordarán as perspectivas que formaren parte deles; detallarán a captación ou o soporte que se utilizará para recoller os datos e incluirán o plan de difusión.

3. Os proxectos técnicos elaboraranse de acordo coas instrucións e as recomendacións establecidas polo Instituto Galego de Estatística.

CAPÍTULO II

Obtención de información

Artigo 23. Colaboración cidadá

1. Será obrigatoria a colaboración cidadá nas operacións dos programas. A información que se forneza axustarase ao establecido nos correspondentes proxectos técnicos.

2. A obriga de fornecer información esténdese a todas as persoas físicas e xurídicas, públicas ou privadas, calquera que sexa a súa nacionalidade, que teñan ou tivesen o seu domicilio ou residencia no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia ou ben que desenvolvan ou desenvolvesen algunha actividade nel. Esta obriga poderase estender a actividades que se desenvolvan fóra de Galicia cando for axeitado á finalidade da operación e estiver previsto no seu proxecto técnico.

3. As persoas físicas e xurídicas, ben como as entidades que fornezan datos, tanto se a súa colaboración é obrigatoria como voluntaria, deben responder ás preguntas ordenadas polos órganos estatísticos de xeito veraz, exacto, completo e dentro do prazo establecido. Tamén facilitarán aos órganos estatísticos o contacto coas persoas designadas por elas para responderen á estatística.

4. O programa estatístico anual poderá establecer as compensacións polos gastos extraordinarios que derivaren de fornecer información para unha operación.

Artigo 24. Solicitude de información

1. As solicitudes de información feitas desde a organización estatística deberanse limitar aos datos estritamente necesarios para cumprir as finalidades estatísticas perseguidas.

2. A información seralles solicitada ás persoas ou ás entidades que procederen, empregando calquera medio que asegure a correcta recepción da solicitude e a comunicación cos servizos estatísticos. Ningunha delas será discriminada á hora de ser elixible para participar nunha estatística.

3. Na solicitude de datos deberase proporcionar información sobre a natureza, as características e a finalidade da estatística. Nela indicarase se é obrigatoria total ou parcialmente, cal é a protección que dispensa o segredo estatístico, o prazo de resposta, se for procedente, e cales serían as sancións que corresponderían por incumprir as obrigas recollidas nesta lei.

4. As entidades públicas ou privadas que teñan a consideración de informantes están autorizadas a cederen ao órgano responsable de realizar unha operación os datos persoais previstos no correspondente proxecto técnico sen necesidade de solicitaren o consentimento das persoas interesadas nin de informalas, xa que estes datos quedarán protexidos polo segredo estatístico.

5. Os gastos ocasionados ás persoas informantes polos envíos e as comunicacións sufragaranse con cargo aos orzamentos dos órganos estatísticos.

Artigo 25. Aproveitamento da información dispoñible

1. Para reducir a carga de resposta e mellorar a eficiencia da produción estatística utilizarase como fonte prioritaria de información a contida nos ficheiros de datos estatísticos, administrativos ou doutro tipo.

2. Baixo este principio, e para executar a planificación estatística, o Instituto Galego de Estatística terá dereito a solicitar e obter dos órganos e das entidades do sector público os datos contidos nos ficheiros de datos estatísticos, administrativos ou doutro tipo. As súas persoas titulares prestaranlle a colaboración máis rápida e áxil no proceso. Os ficheiros de datos postos á disposición do Instituto Galego de Estatística irán acompañados da metainformación pertinente. No caso de conteren datos identificativos, os citados ficheiros de datos só se poderán solicitar para desenvolver, para elaborar ou para difundir operacións.

3. Como ferramentas estatísticas de base, o Instituto Galego de Estatística poderá desenvolver e manter bases de datos a partir do enlazamento de ficheiros de datos estatísticos, administrativos ou doutro tipo. A súa finalidade será programar estatísticas, de modo que se garanta o cumprimento da normativa sobre o segredo estatístico.

CAPÍTULO III

Publicidade de resultados

Artigo 26. Difusión

1. A difusión das estatísticas deberase realizar de xeito integrado, obxectivo, oportuno e puntual, acompañada da metainformación e doutra información de apoio á interpretación de resultados.

2. Os resultados das estatísticas serán difundidos principalmente por medios electrónicos, polo organismo responsable da súa elaboración e de acordo cos principios e os criterios de calidade establecidos nesta lei; en particular, coa salvagarda do segredo estatístico e a garantía da igualdade de acceso. O Instituto Galego de Estatística poderá solicitar estes resultados para a súa recompilación, a súa almacenaxe e a súa difusión.

3. As persoas responsables de elaboraren ou de difundiren estatísticas gardarán reserva sobre os seus resultados ata se publicaren. Esta reserva non será aplicable á comunicación baixo embargamento ás autoridades estatísticas e, nas materias da súa competencia, aos órganos estatísticos sectoriais.

4. O acceso aos resultados das estatísticas cuxa difusión estiver prevista nos programas anuais será gratuíto.

5. Após a contraprestación económica que corresponder, e sempre que non se alterar de xeito significativo o seu funcionamento normal, os órganos estatísticos poderán facilitar a quen o solicitar outras elaboracións diferentes dos resultados das estatísticas xa difundidas, que deberán reunir as garantías técnicas suficientes e respectar o segredo estatístico.

6. Poderanse difundir microdatos como ficheiro de datos de uso público, integrado por rexistros anónimos e respectuosos co segredo estatístico. Cando a información for transmitida por outra entidade pública, solicitarase a súa autorización.

7. As estatísticas difundidas deberán ser reutilizables nos termos previstos na normativa aplicable.

8. O Instituto Galego de Estatística potenciará a interoperabilidade na difusión das estatísticas, fomentando medidas informáticas, tecnolóxicas, organizativas e de seguridade para compartir datos.

9. A web do Instituto Galego de Estatística é o portal da estatística galega, desde o que se accederá á información producida pola organización estatística galega.

10. As webs da Presidencia da Xunta de Galicia, das consellarías e, de ser o caso, das entidades públicas instrumentais disporán dunha sección específica de estatística para recoller os resultados das súas actuacións dentro dos programas anuais.

Artigo 27. Conservación

1. Os órganos estatísticos deberán conservar e custodiar a información obtida como consecuencia da súa actividade, aínda que se difundisen os correspondentes resultados. Na conservación da antedita información respectarase o segredo estatístico.

2. A conservación da información non implicará necesariamente a dos soportes orixinais desta, sempre que o seu contido se trasladase a soportes informáticos ou doutra natureza.

3. Cando os órganos estatísticos apreciaren que a conservación dalgún tipo de documentación sometida ao segredo estatístico resultar innecesaria, procederán á súa destrución.

4. Os resultados difundidos na web do Instituto Galego de Estatística permanecerán almacenados con carácter indefinido, sen prexuízo da posibilidade de reestruturación da información ou de cambios nos formatos de almacenaxe.

Artigo 28. Réxime

1. Os resultados das operacións programadas son oficiais logo de se publicaren segundo os seus proxectos técnicos.

2. Os resultados correspondentes ás operacións oficiais aplicaranse con preferencia sobre calquera outro nas relacións e situacións xurídicas respecto das cales a Comunidade Autónoma de Galicia teña competencia para os impor.

3. O Instituto Galego de Estatística é o único organismo habilitado para emitir certificacións oficiais en relación cos resultados das estatísticas elaboradas ao abeiro dos instrumentos de planificación estatística da Comunidade Autónoma.

TÍTULO III

Segredo estatístico

Artigo 29. Obxecto

1. Serán obxecto de protección e quedarán amparados polo segredo estatístico os datos individuais obtidos polos órganos estatísticos, tanto directamente dos informantes coma a través doutras fontes. Esta protección esténdese aos datos cuxo segredo estiver amparado por normas específicas.

2. Para os efectos desta lei, enténdese por segredo estatístico o vinculado co coñecemento que unha persoa posúe como consecuencia da función estatística ou por acceder á información derivada dela. As persoas sometidas ao segredo estatístico quedan obrigadas a non divulgaren, comunicaren nin actuaren sobre a base deste coñecemento.

3. Os datos sometidos ao segredo estatístico só poderán ser coñecidos polas persoas que deban empregalos para realizar estatísticas ou outras actuacións previstas nesta lei e exclusivamente para tal finalidade.

4. Os datos individuais obtidos polos servizos estatísticos mediante observación, declaración ou comunicación non producirán efectos noutro ámbito diferente ao estatístico.

5. O dereito das persoas físicas e xurídicas a que se cumpra o deber de segredo estatístico é renunciable mediante unha manifestación expresa realizada nun documento escrito.

6. O segredo estatístico será aplicado nas mesmas condicións establecidas neste título fronte a todas as administracións e organismos públicos, calquera que for a natureza destes, agás o establecido nos artigos 12.2, 14.2.c), 31 e 32 e mais na disposición adicional primeira.

7. Co fin de preservar o segredo estatístico, antes de procesar calquera información separaranse dela os datos identificativos, que se gardarán baixo contrasinais, precintos ou depósitos especiais e se destruirán cando non foren precisos para desenvolver estatísticas.

8. As entidades que participaren nos labores previstos nesta lei adoptarán as medidas de índole técnica, funcional e organizativa necesarias para garantir a protección dos datos amparados polo segredo estatístico.

Artigo 30. Ámbito de aplicación

1. Non quedarán amparados polo segredo estatístico:

a) Os datos de coñecemento público, que abranguen os individuais procedentes de fontes públicas e postos legalmente á disposición do público e mais os publicados licitamente.

b) As enumeracións de establecementos, naves, empresas, explotacións ou organismos de calquera clase, cando aludiren á súa denominación, localización, actividade, enderezo electrónico e teléfono corporativos. As persoas interesadas terán dereito de acceso a estes datos non protexidos polo segredo estatístico e a obteren a rectificación dos erros que contiveren. O indicador de tamaño poderase difundir, agás manifestación en contra da correspondente unidade.

c) O colectivo da alínea anterior incluirá as persoas físicas só no que respecta á súa actividade empresarial ou profesional e cando tal actividade sexa obxecto de publicidade.

d) Os datos sobre o sector público e os servizos públicos xestionados por persoas privadas, agás que houber unha disposición lexislativa en contra.

2. Nun principio, os resultados difundidos consonte os proxectos técnicos das operacións de síntese non están amparados polo segredo estatístico. No entanto, se unha persoa xurídica interesada manifestar a posibilidade de identificación indirecta de datos individuais, o Instituto Galego de Estatística someterá esta cuestión ao Consello Galego de Estatística, por se for pertinente a revisión do correspondente proxecto técnico.

3. O deber de manter o segredo estatístico esténdese a todo o persoal estatístico e a cantas persoas, organismos ou institucións de calquera natureza coñezan datos amparados por el con ocasión de participaren de xeito eventual nunha fase do proceso estatístico, en virtude dun contrato, un acordo ou un convenio de calquera tipo. O segredo estatístico tamén obriga as persoas que, sen participaren nos procesos estatísticos, coñezan datos protexidos por el.

4. O deber de segredo estatístico manterase logo de que as persoas obrigadas a preservalo concluíren as súas actividades profesionais ou a súa relación cos órganos estatísticos.

5. Incumprir o deber de segredo estatístico poderá dar lugar a unha indemnización polos danos e perdas causados, con independencia das responsabilidades penais, administrativas ou disciplinarias que resultaren exixibles de acordo co previsto nesta lei e no resto do ordenamento xurídico.

6. O segredo estatístico iníciase desde que se obteñen ou coñecen os datos protexidos e esténdese indefinidamente, con independencia da publicación dos resultados das estatísticas. Exceptúanse desta regra os datos protexidos respecto dos cales a persoa interesada manifestase por escrito a súa renuncia á protección do segredo estatístico e os datos protexidos de persoas xurídicas unha vez transcorrido o prazo de quince anos.

7. Para os efectos desta lei, ademais do persoal do Instituto Galego de Estatística e dos órganos estatísticos sectoriais, terán a condición de persoal estatístico as persoas empregadas públicas que interviñeren na estatística galega.

Artigo 31. Comunicación de datos para fins estatísticos

1. O Instituto Galego de Estatística poderá facilitar aos órganos estatísticos sectoriais establecidos no capítulo III do título I a información suxeita ao segredo estatístico que precisaren para desenvolver operacións programadas baixo a súa responsabilidade. Cando for unha terceira persoa a titular da información, solicitarase a súa autorización.

2. A comunicación por parte do Instituto Galego de Estatística a outras administracións e organismos públicos de datos protexidos polo segredo estatístico só será posible no caso de se cumpriren as seguintes condicións:

a) Que os organismos destinatarios teñan expresamente prevista a función estatística na súa norma de creación e dispoñan dos medios necesarios para preservaren o segredo estatístico.

b) Que o destino dos datos sexa exclusivamente estatístico e as correspondentes actuacións estean previstas nos seus instrumentos estatísticos de planificación e programación.

3. A partir de solicitudes debidamente motivadas e cando concorreren razóns graves de saúde, o Consello Galego de Estatística poderá, analizando caso por caso, autorizar a comunicación de datos individuais entre órganos ou servizos estatísticos competentes, sempre que se utilizaren exclusivamente con fins estatísticos e baixo o compromiso expreso de absoluta confidencialidade sobre os datos comunicados. No caso de persoas xurídicas, ás razóns de saúde sumaranse as razóns graves que afecten a planificación e coordinación económica e a protección do medio.

4. A información fornecida mencionada nos puntos anteriores deste artigo será de uso exclusivo do receptor e realizarase na forma máis agregada que for compatible coa finalidade para a que se demandar.

Artigo 32. Acceso a datos con fins científicos

1. Para favorecer a investigación, e no marco dun proxecto científico específico e de interese público, as universidades e os outros centros de investigación recoñecidos poderán acceder a datos protexidos polo segredo estatístico que non permitiren identificar directamente as persoas.

2. A institución solicitante deberá presentar unha instancia en que se indique e se motive cales son os datos aos cales solicita acceder. Non se dará acceso a ningún dato que non for estritamente necesario para cumprir os obxectivos da institución solicitante.

3. No caso de que a información solicitada for cedida con fins estatísticos por outro organismo, requirirase a aprobación previa deste.

4. As institucións e as persoas investigadoras que tiveren acceso a datos individuais estarán obrigadas a gardaren reserva absoluta sobre eles e a non difundiren información identificable ningunha nos mesmos termos previstos para o persoal estatístico. Tampouco poderán almacenalos nin empregalos para outras finalidades.

5. O Instituto Galego de Estatística establecerá as normas técnicas sobre as modalidades e as condicións deste acceso.

TÍTULO IV

Réxime sancionador

Artigo 33. Infraccións en materia estatística

Son infraccións administrativas en materia estatística as accións ou as omisións tipificadas nesta lei.

Artigo 34. Clasificación

1. As infraccións ao preceptuado nesta lei clasifícanse en leves, graves ou moi graves.

2. Son infraccións leves:

a) Fornecer información obrigatoria para os efectos estatísticos fóra do prazo establecido, cando esta conduta non producise un prexuízo grave aos órganos estatísticos.

b) Non fornecer información obrigatoria para os efectos estatísticos ou facelo con datos inexactos ou incompletos, cando esta conduta non producise un prexuízo grave aos órganos estatísticos.

3. Son infraccións graves:

a) Fornecer información obrigatoria para os efectos estatísticos fóra do prazo establecido, cando esta conduta producise un prexuízo grave aos órganos estatísticos.

b) Non fornecer información obrigatoria para os efectos estatísticos ou facelo con datos inexactos ou incompletos, cando esta conduta producise un prexuízo grave aos órganos estatísticos.

c) Non cumpriren as persoas responsables de elaboraren ou de difundiren estatísticas a obriga de gardar reserva sobre os resultados destas ata a súa publicación.

4. Son infraccións moi graves:

a) Incumprir o deber de segredo estatístico.

b) Utilizar os datos obtidos polos órganos estatísticos para finalidades distintas das propiamente estatísticas.

c) Fornecer datos falsos aos órganos estatísticos.

d) Exixir información para elaborar estatísticas sen ter a condición de persoal ou de axente estatístico.

Artigo 35. Responsables das infraccións

1. Son responsables das infraccións as persoas físicas e xurídicas que incorreren a título de dolo ou de culpa nas accións ou nas omisións tipificadas nesta lei.

2. As persoas xurídicas responderán do pagamento das sancións impostas como consecuencia das infraccións en materia estatística cometidas polas persoas titulares dos seus órganos, polo persoal empregado ou por axentes no desenvolvemento das súas funcións como tales.

Artigo 36. Prescrición das infraccións

1. As infraccións leves prescribirán aos seis meses, as graves prescribirán aos dous anos e as moi graves prescribirán aos tres anos.

2. No tocante ao prazo de prescrición das infraccións, observarase o disposto no artigo 30.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 37. Sancións

1. As infraccións en materia estatística tipificadas nesta lei serán sancionadas con multas das seguintes contías:

a) As leves, desde 60 a 300 euros.

b) As graves, desde 301 a 3.000 euros.

c) As moi graves, desde 3.001 a 30.000 euros.

2. As infraccións nas cales a persoa infractora obtiver un beneficio económico superior aos 30.000 euros sancionaranse con multa, que pode chegar ata o dobre do beneficio obtido.

Artigo 38. Gradación das sancións

Na imposición das sancións observarase a debida idoneidade e necesidade da sanción que cumpra impoñer e a súa adecuación á gravidade do feito constitutivo da infracción. A gradación da sanción considerará especialmente os seguintes criterios:

a) O grao de culpabilidade ou a existencia de intencionalidade.

b) A continuidade ou a persistencia na conduta infractora.

c) A natureza dos prexuízos causados.

d) A reincidencia por comisión no termo dun ano de máis dunha infracción da mesma natureza, cando así fose declarado por resolución firme en vía administrativa.

Artigo 39. Prescrición das sancións

1. As sancións impostas por infraccións leves prescribirán ao ano, as impostas por infraccións graves prescribirán aos dous anos e as impostas por infraccións moi graves prescribirán aos tres anos.

2. Canto ao prazo de prescrición das sancións, observarase o disposto no artigo 30.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 40. Competencia para exercer a potestade sancionadora e procedemento

1. Correspóndelle á persoa titular da Dirección do Instituto Galego de Estatística impor as sancións polas infraccións previstas nesta lei.

2. As infraccións tipificadas nesta lei serán obxecto das sancións administrativas correspondentes, logo da instrución do oportuno procedemento conforme os principios establecidos na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e a regulación procedemental contida na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Cando as infraccións tipificadas nesta lei foren cometidas por persoal empregado público aplicarase o procedemento e as sancións establecidas na normativa reguladora do procedemento disciplinario que resultar aplicable.

4. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución do procedemento sancionador será dun ano, que se contará desde a data do acordo de incoación. No caso de transcorrer o prazo sen se ditar e se notificar a resolución, producirase a caducidade do procedemento.

5. De acordo co disposto no artigo 95.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a caducidade non producirá por si soa a prescrición das accións da persoa particular ou da administración, mais os procedementos caducados non interromperán o prazo de prescrición.

Disposición adicional primeira. Rexistro de poboación de Galicia

O Instituto Galego de Estatística poderá crear e manter un rexistro de poboación de Galicia cos datos do nome, os apelidos, o domicilio, o sexo, a data de nacemento e o número do DNI —ou do documento que o substitúa, no caso de persoas estranxeiras— que consten nos padróns municipais de habitantes de todos os concellos galegos.

En función das previsións sobre transmisións de datos entre administracións públicas establecidas no artigo 155 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, os datos do rexistro de poboación de Galicia seranlle solicitados ao Instituto Nacional de Estatística, ao cal a Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, lle atribúe a coordinación de todos os padróns municipais.

Os datos do rexistro de poboación de Galicia poderán ser utilizados pola organización estatística galega para executar a planificación estatística de acordo co previsto nesta lei. Os datos do rexistro de poboación de Galicia tamén se poderán ceder aos órganos da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia sen o consentimento previo das persoas interesadas cando se precisaren para exercer unha competencia atribuída por unha norma con rango de lei e exclusivamente para asuntos nos cales a residencia ou o domicilio foren datos relevantes.

En relación con esta segunda finalidade, establecida expresamente no artigo 16.3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e de acordo co Regulamento (UE) 2016/679, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos) e coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, as persoas interesadas poderán exercer perante o Instituto Galego de Estatística os dereitos de acceso, de rectificación, de supresión, de limitación do tratamento, de portabilidade e de oposición que en cada caso corresponderen.

Disposición adicional segunda. Estatística e planificación pública

Os órganos estatísticos deben impulsar e facilitar o emprego de información estatística para mellorar a avaliación das políticas do sector público autonómico e para programar futuras políticas por emprender. O Instituto Galego de Estatística, a través dos órganos estatísticos sectoriais ou mediante un acordo coa Presidencia da Xunta de Galicia ou coas consellarías, poderá realizar análises e estudos estatísticos dirixidos ao seguimento e á avaliación de plans, programas, proxectos ou outros aspectos organizativos ou funcionais de interese dos mencionados órganos ou das entidades públicas instrumentais dependentes deles, que deberán cumprir os principios e normas establecidos nesta lei e nas disposicións que a desenvolvan.

Disposición adicional terceira. Órganos de goberno do Instituto Galego de Estatística

De acordo coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, os órganos de goberno do Instituto Galego de Estatística son a Presidencia e o Consello Reitor. A Presidencia correspóndelle á persoa titular do departamento de adscrición do Instituto, que tamén presidirá o Consello Reitor. A este último órgano correspóndelle aprobar as contas anuais, o anteproxecto de orzamentos, a contratación de obrigas de carácter plurianual e a proposta de relación de postos de traballo. O Consello Reitor e o Consello Galego de Estatística supervisarán os resultados da actividade do Instituto Galego de Estatística dentro dos seus respectivos ámbitos competenciais.

Disposición adicional cuarta. Plan anual de actuación do Instituto Galego de Estatística

O Plan anual de actuación do Instituto Galego de Estatística, previsto no artigo 70 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, recollerá un extracto dos obxectivos que se lle atribúan ao Instituto no programa estatístico do mesmo ano e detallará outros que se pretendan acadar, xunto cos recursos persoais e orzamentarios precisos. O Plan anual de actuación será aprobado mediante unha orde da consellaría de adscrición do Instituto Galego de Estatística e os seus resultados someteranse ao Consello Reitor.

Disposición adicional quinta. Bases de datos de persoas xurídicas

Para realizar as funcións que se lle atribuíren na planificación estatística, o Instituto Galego de Estatística poderá obter das persoas xurídicas os datos ou as informacións que tiveren almacenados en calquera das súas bases de datos, coa correspondente compensación, se proceder.

Disposición adicional sexta. Revisión das contías das sancións

O Consello da Xunta poderá actualizar mediante un decreto a contía das sancións previstas nesta lei tendo en conta a variación do índice de prezos de consumo, por proposta da persoa titular da consellaría de adscrición do Instituto Galego de Estatística.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas expresamente a Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, e as disposicións de igual ou de inferior rango que se opoñan ao previsto nesta lei.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento regulamentario

Autorízase o Consello da Xunta para ditar as disposicións necesarias para desenvolver esta lei.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de decembro de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente