DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Mércores, 8 de xaneiro de 2025 Páx. 813

IV. Oposicións e concursos

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2024 pola que se anuncia a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante nesta entidade (código IN.IGAPE.00.001.4050118).

De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (DOG núm. 82, do 4 de maio), e no artigo 16 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, e en uso das atribucións conferidas pola Resolución do 17 de outubro de 2023 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) de delegación de facultades, esta dirección xeral

DISPÓN:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, o posto de traballo vacante que se indica no anexo I desta resolución.

Segundo. Poderá concorrer a ela o/a funcionario/a de carreira da Xunta de Galicia e o persoal laboral que reúna os requisitos sinalados no anexo I.

Terceiro. As solicitudes dirixiranse ao Instituto Galego de Promoción Económica e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, no prazo de quince (15) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, conforme o modelo que se inclúe como anexo II. Para achegar a dita solicitude, na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal está dispoñible o formulario normalizado correspondente ao procedemento administrativo PR004A, e para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Cuarto. As persoas aspirantes deberán unir á petición un curriculum vitae xustificando documentalmente os méritos que aleguen.

Quinto. A resolución desta convocatoria farase pública no DOG e poderá declararse deserto o posto de traballo, de considerarse oportuno.

Sexto. O prazo de toma de posesión será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia, de sete días hábiles se comporta cambio de residencia, ou de vinte días hábiles se comporta o reingreso ao servizo activo, conforme o establecido no artigo 14 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, modificado polo Decreto 166/2013, do 14 de novembro.

O prazo de toma de posesión empezará a contarse a partir do día seguinte ao do cesamento, que deberá producirse dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución no DOG.

Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión empezará a contarse a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG.

Sétimo. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2024

Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO I

Código: IN.IGAPE.00.001.4050118

Consellería: Consellería de Economía e Industria

Denominación do posto: subdirector/a de Recursos Humanos e Xestión Administrativa

Dependencia: Instituto Galego de Promoción Económica. Xerencia.

Localidade: Santiago de Compostela.

Forma de provisión: libre designación.

Grupo/subgrupo: A1/I-04.

Retribución anual: 59.168,87 €

Tipo de adscrición: persoal funcionario e persoal laboral da Xunta de Galicia/persoal laboral fixo do Igape.

missing image file