BDNS (Identif.): 808285.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):
Primeiro. Persoas beneficiarias
As empresas do sector de automoción cun centro de traballo en Galicia no que se desenvolva o proxecto subvencionado.
Consideraranse industrias de automoción aquelas cuxa actividade principal se desenvolva nos CNAE 29 e 30, en calquera dos seus subepígrafes e tamén aquelas empresas que, non estando dadas de alta en actividades deses CNAE, estean asociadas á Fundación Clúster de Empresas de Automoción de Galicia.
Segundo. Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto apoiar á industria da automoción galega dentro do Plan de Apoio á Descarbonización e Transición ao Vehículo Eléctrico do Sector da Automoción de Galicia, mediante apoios aos investimentos para o desenvolvemento de proxectos relacionados coa enerxía procedente de fontes renovables e co hidróxeno de orixe renovable.
Terceiro. Bases reguladoras
Resolución do 13 de xaneiro de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas a proxectos que impulsen e reforcen a transición á cadea de valor do vehículo eléctrico e á descarbonización do sector de automoción en Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 para o ano 2025, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IN422P (liña 3).
Cuarto. Importe
Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741.A.7700 por un importe de 7.000.000 €, coa seguinte distribución plurianual: 500.000 € no ano 2025 e 6.500.000 € no ano 2026.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computarse 5 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia ás 9.00 horas e rematará o 30 de abril de 2025 ás 14.00 horas, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.
Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2025
Patricia Villajos Grande
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica
