Para os efectos previstos no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade ao acordo adoptado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, o 27 de novembro de 2024, en relación co deslindamento parcial entre as comunidades de montes veciñais en man común de Masgalán de Arriba e Noveliza (Forcarei), con respecto á estrema común dos seus montes (expediente DC22132).
Feitos:
Primeiro. O 29 de setembro de 2022 o representante da comunidade de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC) de Masgalán de Arriba presenta no rexistro electrónico da Xunta de Galicia co número de entrada 2022/2391265 unha solicitude de deslindamento entre a CMVMC de Masgalán de Arriba e a CMVMC de Noveliza, ambas no concello de Forcarei.
Os montes veciñais en man común (en diante, MVMC) afectados por este deslindamento son:
– MVMC de Masgalán de Arriba (ID Monte: 2692) da CMVMC de Masgalán de Arriba.
– MVMC de Noveliza (ID Monte: 2693) da CMVMC de Noveliza.
Segundo. Consta no expediente a seguinte documentación do deslindamento consonte o artigo 53 da Lei 7/2012:
• Acta do apeo do deslindamento o 10 de febreiro de 2022.
• Acta de conciliación X53 conciliación núm. 0000426/2022 entre as comunidades no Xulgado de 1ª Instancia núm. 1 da Estrada o 23 de novembro de 2022.
• Certificado do secretario da CMVMC de Masgalán de Arriba coa conformidade do presidente do 12 de xuño de 2022 da aprobación en Asemblea do 12 de xuño de 2022.
• Certificado do secretario da CMVMC de Noveliza coa conformidade do presidente do 11 de xullo de 2022 da aprobación en Asemblea do 20 de febreiro de 2022.
• Memoria descritiva co plano de deslindamento e a cartografía en formato dixital no Datum ETRS89/UTM zona 29N EPSG: 25829. Asinado o 12 de decembro de 2023 polo enxeñeiro técnico forestal colexiado núm. 364 do COETF de Galicia. As emendas realizadas producen a modificación desta.
• Informe de validación gráfica catastral con CSV: 57FBYFEKQGYRBPNT (para a comunicación da alteración catastral consonte o artigo 55.3 da Lei 7/2012), que polo principio de colaboración entre administracións deberá verificar a Xerencia Territorial de Catastro.
Terceiro. A liña de deslindamento proposta ten unha lonxitude de 224 metros e está composta polos seguintes puntos:
Punto 1-x: 560.038,89 y: 4.717.445,29.
Punto 2-x: 560.159,26 y: 4.717.292,96.
Punto 3-x: 560.182,86 y: 4.717.311,47.
Revisada a cartografía das resolucións de clasificación de ambos MVMC, detéctase que non existe colindancia entre ambos. A colindancia queda xustificada:
– pola revisión de esbozo da CMVMC de Masgalán de Arriba (RE24004).
– polo dereito de superficie (PO-05-DER/00) inscrito no Rexistro da propiedade.
– pola titularidade catastral das parcelas implicadas.
– e polo expediente DC22134 (deslindamento entre a CMVMC de Masgalán de Arriba e a CMVMC de Parada).
O punto 3 é coincidente co punto 9 do expediente DC22134, polo que no dito punto converxen a CMVMC de Masgalán de Arriba, a CMVMC de Noveliza e a CMVMC de Parada.
A liña do deslindamento respecta a liña de concellos do Instituto Xeográfico Nacional entre os concellos de Forcarei e Silleda. O deslindamento establécese mediante un acordo das comunidades implicadas no deslindamento.
A liña do deslindamento produce modificacións na cartografía dos bosquexos de clasificación das seguintes comunidades:
– CMVMC de Masgalán de Arriba: o expediente de revisión de bosquexo RE24004 xa considera o deslindamento actual.
– CMVMC de Noveliza: achega un axuste para que o deslindamento sexa coincidente no punto inicial e final coa planimetría existente.
O Servizo de Montes considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53, polo que propón a aprobación do deslindamento segundo a liña presentada.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. Esta resolución dítase de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que hai que seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará unha resolución, que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.
De acordo cos feitos e consideracións legais e técnicas expostos, o Xurado, por unanimidade dos seus membros,
ACORDA:
Aprobar o deslindamento parcial realizado entre a CMVMC de Masgalán de Arriba e a CMVMC de Noveliza, ambas no concello de Forcarei, respecto da súa estrema común nos termos indicados no feito terceiro.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente un recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Pontevedra, 19 de decembro de 2024
Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra
