A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, establece como un dos fins do sistema educativo español a capacitación para a comunicación na lingua oficial e cooficial, se a houber, e nunha ou máis linguas estranxeiras. Así mesmo, dispón como un dos recursos para a mellora das aprendizaxes e apoio ao profesorado o establecemento de programas de reforzo da aprendizaxe das linguas estranxeiras.
A Estratexia galega de linguas estranxeiras 2030 (EDUlingüe) pretende, entre outros obxectivos, ofrecer un novo impulso cualitativo e cuantitativo ao ensino en linguas estranxeiras para que o alumnado poida rematar os seus estudos tendo un dominio completo polo menos, dunha primeira lingua estranxeira con aprendizaxe integral e dominio extensivo. Para favorecer unha maior adquisición de destrezas lingüísticas por parte do alumnado dos centros educativos, a Estratexia galega de linguas estranxeiras 2030 (EDUlingüe), na súa liña 7 Programa de inmersión lingüística activa, desenvolve programas formativos de inmersión lingüística activa.
Por este motivo, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional organiza o programa de inmersión lingüística activa en lingua inglesa, Spring Week, que se desenvolverá durante o curso escolar nun centro residencial situado na Comunidade Autónoma de Galicia en réxime de internado. O presente programa baséase en obxectivos como a estimulación da práctica oral da lingua inglesa e a súa utilización en contextos comunicativos máis amplos que os que permite a contorna escolar enfocados cara á mellora da comunicación oral co apoio de profesorado nativo en lingua inglesa, así como a contextualización en temáticas de interese cultural, social, artístico e ambiental.
O programa procurará a inmersión activa en lingua inglesa do alumnado de xeito que lle permita desenvolverse nunha contorna real, así como o fomento da convivencia e o respecto polas diferenzas individuais.
En consecuencia, de conformidade co exposto e por proposta da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, como conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional,
ACORDO:
Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación
Esta orde ten como obxecto convocar e regular o procedemento de solicitude e concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a centros docentes privados concertados dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para participar no programa de inmersión lingüística activa en lingua inglesa, Spring Week, durante o curso 2024/25 (código de procedemento ED531F).
Esta convocatoria, para os efectos da súa identificación e acceso polas persoas interesadas na sede electrónica da Xunta de Galicia, conta co formulario de solicitude (anexo I), denominado «Axudas a centros docentes privados concertados para participar no programa Spring Week», código de procedemento ED531F.
Non poderán ter a condición de centros beneficiarios das axudas previstas nesta orde os centros privados concertados en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 2. Destinatarios
Poderán presentar solicitudes aqueles centros docentes privados concertados dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, en que se imparta 6º de educación primaria ou educación secundaria obrigatoria durante o curso 2024/25.
Cada centro poderá participar cun máximo de 25 alumnos e/ou alumnas, do mesmo nivel educativo.
Artigo 3. Obxectivos e características das actividades
O programa de inmersión lingüística activa, Spring Week, desenvolverase de acordo co obxectivo e características que se especifican a continuación:
1. O obxectivo principal deste programa é proporcionar ao alumnado participante unha actividade de inmersión lingüística activa en lingua inglesa que lle permita desenvolver actividades comunicativas nesta lingua, nunha contorna de comunicación real, ao mesmo tempo que afondan en coñecementos relevantes doutras áreas e materias do currículo do seu nivel e etapa educativa. Así mesmo, contará con actividades que fomenten a actividade física, a socialización e o coñecemento cultural cunha metodoloxía adecuada ao seu nivel e etapa educativa.
2. O contido deste programa inclúe actividades académicas, de tempo libre e obradoiros cuxa finalidade é promover a convivencia entre o alumnado e a motivación pola comunicación en lingua inglesa, facendo uso de medios tecnolóxicos que favorezan a devandita aprendizaxe.
3. A metodoloxía será activa, lúdica e cooperativa e promoverá aprendizaxes significativas por parte do alumnado, incidindo na educación en valores democráticos e nos aspectos relacionados coa sustentabilidade e o coñecemento da contorna, segundo se recolle nos Obxectivos de desenvolvemento sustentable da Axenda 2030. (Enerxías renovables, produción e consumo responsable, cidades sustentables, acción polo clima).
Artigo 4. Duración e datas de celebración das actividades
1. Estas actividades realizaranse en réxime de internado nun centro residencial situado na Comunidade Autónoma de Galicia, en quendas semanais de domingo pola tarde ata o sábado seguinte pola mañá.
2. Levaranse a cabo na primavera, durante os meses de maio e xuño de 2025, de acordo co seguinte calendario e distribución por niveis:
|
Centros |
Quenda |
Datas 2025 |
Cursos |
Alumnado |
|
Centros privados concertados |
1ª quenda |
Do 25 ao 31 de maio |
3º e 4º de ESO |
125 |
|
2ª quenda |
Do 1 ao 7 de xuño |
1º e 2º de ESO |
125 |
|
|
3ª quenda |
Do 8 ao 14 de xuño |
6º Educación primaria |
150 |
Artigo 5. Organización das actividades
1. A xestión e organización das actividades levarase a cabo por medio de empresas coa debida cualificación, xestionadas para o efecto pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional (en diante, a consellería). A empresa ou empresas ocuparanse dos recursos materiais e humanos necesarios para o seu desenvolvemento, así como da contratación da oportuna póliza de seguros para a cobertura das persoas asistentes.
2. Os centros que resulten seleccionados enviarán á consellería a listaxe de alumnado participante antes do comezo da actividade en cada quenda, segundo o modelo que se lles facilite con anterioridade.
3. Os centros educativos seleccionados solicitarán e custodiarán as autorizacións dos pais, nais ou persoas titoras legais do alumnado, segundo o modelo que se lles facilite para tal fin antes do inicio da actividade. Así mesmo, entregarán aos pais, nais ou persoas titoras legais do alumnado a documentación de participación relativa ao desenvolvemento da actividade que lle será facilitada pola consellería con anterioridade ao inicio de cada quenda para que sexa presentada, debidamente cuberta e asinada, no momento da entrega do alumnado no centro residencial o primeiro día de cada quenda.
4. As familias ou, de ser ocaso, os centros educativos encargaranse da organización do traslado do alumnado ao centro residencial en que se celebrarán as actividades, así como da súa recollida ao remate destas. A consellería e os centros educativos non asumirán os gastos derivados destes desprazamentos.
5. O alumnado estará acompañado por un profesor/a de inglés ou outro/a profesor/a do centro cun coñecemento da lingua inglesa adecuado para participar no devandito programa de inmersión nesta lingua durante o desenvolvemento da actividade. Este profesorado responsabilizarase da adecuada participación do seu grupo na actividade.
Na medida que sexa posible, o persoal docente dos centros educativos participantes poderá contar durante a súa estadía cunha formación complementaria para mellora da súa competencia lingüística en lingua inglesa. As horas da dita formación non serán certificadas.
6. O alumnado que contraveña calquera das normas da residencia será expulsado inmediatamente. No caso de expulsión, serán os pais, nais ou titores legais os que se fagan cargo do traslado do ou da menor.
Artigo 6. Financiamento e contía das axudas
1. A contía das axudas a que se refire a presente orde aboarase directamente á empresa que resulte adxudicataria da licitación pública convocada para tal efecto e será financiada con cargo á partida orzamentaria 07.03.423A.780.3 por un importe máximo de 165.700,00 €.
2. O custo total de cada actividade inclúe:
a) As persoas docentes e monitoras que acompañarán o alumnado en cada un dos grupos durante a actividade.
b) Os gastos de docencia e o material escolar.
c) As actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos.
d) Os gastos de mantemento e aloxamento do alumnado e do profesorado acompañante.
e) O certificado de realización da actividade.
f) Seguro de accidentes e de responsabilidade civil.
3. Esta convocatoria tramítase como expediente de tramitación anticipada de gasto, condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, conforme o proxecto de Lei de orzamentos para o exercicio 2025, que foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o día 17 de outubro de 2024, e ao abeiro do establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, xunto co artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Segundo o establecido no dito artigo 25, a concesión das axudas queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión. Así mesmo, todos os actos de trámite ditados no expediente de gasto se entenderán condicionados a que, no momento de ditarse a resolución, unha vez aprobado o orzamento, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron.
4. A contía individualizada da subvención determinarase a partir dos prezos unitarios por alumnado e profesorado e o número de alumnos/as e docentes que o centro inscribe na actividade.
Artigo 7. Condición de realización do programa
A realización do programa de inmersión lingüística activa en lingua inglesa, Spring Week, durante o curso 2024/25, polo que se convocan as presentes axudas, queda condicionada á adxudicación do procedemento de licitación polo que se seleccionarán e contratarán as empresas referidas no artigo 5.
Artigo 8. Procedemento e prazo de solicitude
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.
5. Así mesmo, e co fin de axilizar o proceso de solicitude, os centros educativos participantes nesta convocatoria deberán rexistrar os datos de participación completando o formulario electrónico dispoñible na aplicación a que se accede na ligazón https://www.edu.xunta.gal/programaseducativos, seleccionando Programas de éxito educativo e a continuación o programa Spring Week-centros concertados.
6. Para a valoración das solicitudes, de acordo cos criterios de selección recollidos no artigo 12. Criterios de selección dos centros, consultaranse os datos correspondentes que constan nesta administración.
Artigo 9. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar, coa solicitude, a seguinte documentación:
a) Certificación de que o consello escolar foi informado da participación neste programa, segundo o modelo do anexo II.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica.
Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 11. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa representante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselle solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 12. Criterios de selección dos centros
Os centros serán seleccionados conforme os seguintes criterios e puntuación:
1. Participación en programas de internacionalización:
a) Contar cun proxecto europeo activo en eTwinning no curso 2024/25, fundado por unha persoa docente do centro: 0,5 puntos.
b) Ter un proxecto Erasmus+ durante o curso 2024/25: 1 punto.
2. Por formar parte da Rede de centros plurilingües: 1,5 puntos.
3. Por participar no Programa de Seccións Bilingües: ata 1,5 puntos; 0,10 puntos por cada sección bilingüe que estea en funcionamento durante o curso 2024/25 e activadas no prazo de solicitude.
4. Non ter participado na Spring Week en edicións anteriores: 1,5 puntos.
5. Non ter participado na Digitalweek en edicións anteriores: 1,5 puntos.
6. Centros situados en concellos rurais, ata 1 punto, segundo o establecido a seguir:
a) Concellos de menos de 1.000 habitantes: 1 punto.
b) Concellos de entre 1.000 e 3.000 habitantes: 0,75 puntos.
c) Concellos de entre 3.001 e 5.000 habitantes: 0,50 puntos.
d) Concellos de entre 5.001 e 10.000 habitantes: 0,25 puntos.
Artigo 13. Instrución e Comisión de Valoración
1. O procedemento de concesión das subvencións será o de concorrencia competitiva.
2. O órgano instrutor do procedemento será o Servizo de Innovación e Programas Educativos.
3. Durante a instrución do procedemento, constituirase como órgano colexiado unha Comisión de Valoración que, de acordo cos criterios establecidos no artigo 12, avaliará as solicitudes e emitirá o correspondente informe coa valoración acadada.
4. A valoración das solicitudes será realizada por unha comisión integrada polos seguintes membros:
a) Presidente/a: a persoa titular da Subdirección Xeral de Inclusión e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue.
b) Vogais:
• A persoa titular da Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo ou persoa en quen delegue.
• A persoa titular do Servizo de Apoio Económico ou persoa en quen delegue.
• A persoa titular del Servizo de Innovación e Programas Educativos ou persoa en quen delegue.
• Dúas persoas asesoras da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, unha delas que actuará como secretario/a, con voz e sen voto.
5. A percepción de asistencias desta Comisión de Selección atenderá á categoría correspondente, segundo o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razóns do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.
6. Unha vez avaliadas as solicitudes e emitido o informe da Comisión de Valoración, esta comunicarallo ao órgano instrutor, que formulará as resolución provisionais que correspondan.
7. Por último, tras o informe final da Comisión de Valoración, esta comunicarallo ao órgano instrutor, que formulará a proposta de resolución definitiva e a elevará ao conselleiro para resolver.
Artigo 14. Procedemento de selección dos centros
1. A Comisión de Selección realizará unha preselección dos centros docentes solicitantes segundo a puntuación obtida conforme os criterios que figuran no artigo 12 desta orde. En caso de empate entre os centros, dirimirase atendendo sucesivamente aos seguintes criterios:
a) Maior puntuación no criterio 1 do artigo 12.
b) Maior puntuación no criterio 4 do artigo 12.
c) Maior puntuación no criterio 5 do artigo 12.
d) Maior puntuación no criterio 6 do artigo 12.
De manterse o empate, terá preferencia o centro que teña maior número total de alumnado matriculado no curso 2024/25.
Artigo 15. Resolución provisional
1. Valoradas as solicitudes, o órgano instrutor fará pública a resolución provisional, que se difundirá no portal educativo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia http://www.edu.xunta.gal
2. Nesta resolución figurarán os centros seleccionados e a quenda que lles corresponde, os centros que quedan como suplentes, os centros excluídos e os motivos de exclusión.
3. No caso de non cubrirse o número de prazas nalgunha das quendas, por proposta motivada da Comisión de Selección, a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa poderá acordar a redistribución das prazas entre outras quendas, modificar o nivel ao que vai dirixida algunha destas quendas e/ou ofertar prazas vacantes a centros suplentes.
4. Logo da publicación da resolución provisional, as persoas interesadas disporán de un prazo de dez días para efectuar reclamacións ou renuncias ante a persoa que exerza a presidencia da Comisión. Durante ese prazo poderán emendar erros e a falta de documentación a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada e achegarán, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que a persoa interesada desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Artigo 16. Resolución definitiva
1. Transcorrido este prazo, unha vez estudadas e, se é o caso, atendidas as mencionadas reclamacións e renuncias, o órgano instrutor elevará á persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, que resolverá por delegación do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional a proposta definitiva na cal se sinalará a concesión ou a denegación das axudas, así como, se é o caso, a exclusión daqueles centros docentes que non reúnan algún dos requisitos da convocatoria. No caso de non cubrirse o número de prazas nalgunha das quendas, por proposta motivada da Comisión de Selección, a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa poderá acordar a redistribución das prazas entre outras quendas, así como modificar o nivel destas e/ou ofertar prazas vacantes a centros suplentes co fin de resultar as mínimas vacantes desertas.
2. A resolución definitiva será ditada pola persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, por delegación do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e publicarase no portal educativo (http://www.edu.xunta.gal) e no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de tres meses, contado desde o remate do prazo de solicitude.
3. Se transcorre o prazo máximo que se sinala no parágrafo segundo deste artigo sen que se publique a resolución definitiva, os centros solicitantes poderán entender desestimadas, por silencio administrativo, as súas solicitudes, para os efectos de interpoñer os recursos que proceda.
Artigo 17. Modificación da resolución de concesión
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, conforme o artigo 17.4 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
En particular, poderá modificarse a resolución da concesión á petición dos centros seleccionados, sempre e cando existan prazas vacantes e non se prexudiquen os dereitos de terceiros, para adxudicar as ditas prazas vacantes a alumnos matriculados no curso seleccionado para participar nas actividades con posterioridade á data de presentación de solicitudes. En calquera caso, o número máximo de alumnos por centro e nivel educativo non poderá ser superior a 25 alumnos e deberán cumprirse os demais requisitos establecidos na convocatoria.
Artigo 18. Recurso
Contra a resolución definitiva, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Artigo 19. Prazo, forma de xustificación e certificación
1. Para efectos de xustificación, os centros seleccionados a través desta convocatoria deberán presentar unha memoria de actividades ante a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, con data límite do 30 de xuño de 2025, completando o formulario electrónico dispoñible na aplicación a que se accede na ligazón https://www.edu.xunta.gal/programaseducativos, seleccionando Programas de éxito educativo, programa Spring Week-centros concertados e, a continuación, memorias, que contará coas seguintes epígrafes:
a) Relación nominal (DNI e posto de traballo) do docente que asistiu á actividade.
b) Número de alumnos e alumnas asistentes do seu centro docente.
c) Repercusión da actividade na mellora da competencia lingúística en lingua inglesa do alumnado.
d) Grao de participación e implicación da persoa docente e do alumnado nas actividades.
e) Adecuación do programa e das actividades programadas á consecución dos obxectivos.
f) Avaliación dos aspectos técnicos e organizativos da actividade.
g) Suxestións e propostas de mellora.
2. Despois da avaliación positiva desta memoria, o profesorado que participa neste programa recibirá certificación de innovación educativa, cunha equivalencia de 20 horas de formación permanente do profesorado.
Artigo 20. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 21. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 22. Fiscalización e control
1. Os centros beneficiarios quedarán obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e de control do destino das axudas.
2. Así mesmo, a consellería poderá realizar, en calquera momento e ata transcorridos tres anos a partir da resolución de concesión das axudas, as comprobacións e avaliacións que considere oportunas sobre as actuacións realizadas e a xustificación.
3. Os centros beneficiarios darán a axeitada publicidade do carácter público do financiamento das actividades que foron obxecto de subvención
Artigo 23. Compatibilidade das axudas a centros concertados
Esta subvención é compatible con calquera outra para a mesma finalidade. De concedérselle outra subvención para esta mesma finalidade no prazo de vixencia desta convocatoria, a entidade terá que comunicalo á Administración, segundo dispón artigo 11.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, para que, en aplicación do seu artigo 17.3, o importe da subvención se minore, co fin de que, illadamente ou en concorrencia coas subvencións concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, non supere o 100 % do investimento.
Artigo 24. Base de datos nacional de subvencións
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Disposición adicional primeira. Recursos
Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Disposición adicional segunda. Réxime sancionador
As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Disposición adicional terceira. Delegacións de atribucións
Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional na persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde.
Disposición adicional cuarta. Habilitación para o desenvolvemento normativo
Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2024
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024; DOG núm.114, do 13 de xuño)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional
