O Regulamento (UE) 2021/2115, do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da política agrícola común (plans estratéxicos da PAC), financiada con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e polo que se derrogan os regulamentos (UE) nº 1305/2013 e (UE) nº 1307/2013, establece o marco das axudas comunitarias ao desenvolvemento rural.
O Plan estratéxico da política agrícola común de España para o período 2023- 2027, aprobado pola Decisión de execución da Comisión Europea C(2022) 6017 final, do 31 de agosto de 2022, e modificado pola Decisión de execución da Comisión Europea C(2023) 5746 final, do 30 de agosto de 2023, e C(2024) 6133 final, do 30 de agosto de 2024, recolle no seu número 5.3, Intervencións sobre o desenvolvemento rural, a intervención 6502.1 «Compromisos forestais de xestión».
O artigo 70 do Regulamento (UE) 2021/2115, do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, establece que os Estados membros incluirán compromisos ambientais, climáticos e outros compromisos de xestión entre as intervencións do seus plans estratéxicos da PAC. Os ditos compromisos poderán dar lugar a pagamentos ás entidades beneficiarias sempre que os compromisos de xestión se consideren beneficiosos para alcanzar un ou varios dos obxectivos específicos que menciona o artigo 6, entre os cales se atopan:
– Contribuír á adaptación ao cambio climático e á súa mitigación, tamén mediante a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e mellorando a captura de carbono, así como promover a enerxía sustentable.
– Promover o desenvolvemento sustentable e a xestión eficiente dos recursos naturais como a auga, o chan e o aire, incluíndo a redución da dependencia química.
– Contribuír a deter e reverter a perda de biodiversidade, potenciar os servizos relacionados cos ecosistemas e conservar os hábitats e as paisaxes.
As axudas aos compromisos para xestión de terreos forestais fomentan determinadas prácticas voluntarias de xestión que contribúen á conservación e estabilidade dos montes, de maneira que poidan seguir prestando servizos ecosistémicos tales como captura e almacenamento de carbono, regulación hidrolóxica, cantidade e calidade da subministración de auga, servizos culturais e de recreo, protección de solos, conservación da biodiversidade, incluíndo os hábitats, e mantemento da paisaxe.
Os montes son capaces de proporcionar múltiples bens e servizos de modo simultáneo pois teñen un carácter protector (solo e auga), desempeñan funcións ecolóxicas e prestan servizos ecosistémicos e ambientais esenciais para a vida silvestre e humana, á vez que desempeñan funcións sociais, económicas e produtivas que poden proporcionar servizos e beneficios socioeconómicos, procurando actividades produtivas, que xeran emprego inducido e cumprindo o seu rol ancestral como provedores de materias primas procedentes de recursos naturais renovables, sen prexuízo da prestación dos seus servizos ambientais e sociais.
A intervención 6502.1 «Compromisos forestais de xestión» encádrase nas axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control (SIXC) o que implica que a xestión do pagamento se realiza a través da solicitude única da PAC de cada ano, de acordo coa orde anual que regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control.
Esta iniciativa está aliñada coa primeira revisión do Plan forestal de Galicia 2021-2040 (en diante, 1ª revisión do PFG), cara á neutralidade carbónica, aprobado polo Decreto 140/2021, do 30 de setembro, que se estrutura en distintos eixes estratéxicos de intervención para o deseño e a execución da política forestal galega. Así, os compromisos forestais de xestión (intervención 6502.1) encaixan na medida I.1.5 «Medidas de fomento da multifuncionalidade e doutros valores do monte» e na medida VI.2.2 «Promoción da certificación forestal dos montes galegos».
Estas axudas ampáranse no Regulamento (UE) 2022/2472, da Comisión, do 14 de decembro de 2022, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (DOUE L 327/1, 21.12.2022), no seu artigo 46 «axudas destinadas a servizos silvoambientais e climáticos e á conservación dos bosques», que foron comunicadas polo Estado á Comisión Europea co número de axuda SA.116243.
En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas relativas aos compromisos forestais de xestión de servizos ecosistémicos, en réxime de concorrencia non competitiva, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR670E).
A finalidade de esta orde é conceder no ano 2025 unha axuda consiste nun pagamento anual, durante un quinquenio (anos 2025, 2026, 2027, 2028 e 2029), dunha prima sobre a base dos custos adicionais incorridos e do lucro cesante resultante dos compromisos forestais de xestión de servizos ecosistémicos.
2. Esta orde encádrase na Intervención 6502.1–Compromisos forestais de xestión-Subintervención 65021_05_06–Certificación de servizos ecosistémicos, contidas no Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027 (PEPAC) e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).
Artigo 2. Ámbito de aplicación
1. Esta orde será de aplicación aos montes ou terreos forestais, segundo a definición do artigo 2 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, terreo), do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan ou estean en condición de obter un certificado de servizos ecosistémicos expedido por algún sistema de certificación forestal recoñecido e validado polos mercados nacionais e internacionais. As declaracións de servizos do ecosistema poderán ser: conservación da biodiversidade (SE1), servizos das bacías hidrográficas (SE2), conservación do solo (SE3) ou servizos recreativos (SE4).
2. Quedan excluídos do ámbito de aplicación:
a) Os bosques ou outras superficies forestais que sexan propiedade da Administración central ou autonómica.
b) Os bosques que pertenzan a empresas públicas.
c) Os bosques propiedade de persoas xurídicas, cando polo menos o 50 % do seu capital pertenza a algunha das institucións anteriormente citadas.
Artigo 3. Entidades beneficiarias
1. Serán entidades beneficiarias as entidades locais, as comunidades de montes veciñais en man común, as agrupacións forestais de xestión conxunta inscritas no correspondente rexistro e os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo.
2. As entidades beneficiarias deben cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha clase de inhabilitación de axudas previstas no seu artigo 10. Ademais, non deben estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
3. As comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC) para poder acceder a estas axudas deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal, como moi tarde, o día en que remate o prazo de presentación da solicitude da axuda.
4. As agrupacións forestais de xestión conxunta deberán estar inscritas, con data límite do día en que remate o prazo de presentación da solicitude de axuda, no Rexistro de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta, regulado na Orde do 26 de abril de 2022 pola que se desenvolve a tramitación electrónica das solicitudes para o recoñecemento como agrupación forestal de xestión conxunta e como persoa silvicultora activa.
5. Os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo deben cumprir co estipulado no artigo 126 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 16/2024, do 18 de xaneiro, polo que se regula o réxime xurídico e o rexistro de montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo.
6. Non poderán ser persoas beneficiarias as empresas en crise ou as que teñan unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.
Artigo 4. Compromisos forestais de xestión dos servizos ecosistémicos certificados
1. A entidade beneficiaria asume os seguintes compromisos:
– Adhesión voluntaria a sistemas de certificación de xestión forestal sustentable con certificación de servizos ecosistémicos non remunerado polo mercado, por calquera dos sistemas acreditados.
– Realizar as prácticas de xestión sustentable exixidas polo sistema de certificación.
2. A adhesión aos compromisos de servizos ecosistémicos por parte das entidades beneficiarias implicará o cumprimento das seguintes obrigas:
– Manter o certificado de servizos ecosistémicos un mínimo de 5 anualidades (durante as seguintes anualidades: 2025-2029) e será motivo de reintegro do importe total da prima segundo o establecido no artigo 15.
– Realizar as tarefas e prácticas de xestión sustentable necesarias para conservar o certificado de servizos ecosistémicos e indicados polo sistema de certificación.
– Informar a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal de calquera cambio na certificación de servizos ecosistémicos.
3. A superficie mínima de adhesión voluntaria a sistemas de certificación de xestión forestal sustentable con certificación de servizos ecosistémicos non remunerado polo mercado será de unha (1) hectárea.
Artigo 5. Importe da axuda
1. O importe da axuda ao compromiso de servizos ecosistémicos será a suma resultante de:
• As primeiras 10 hectáreas de terreo co certificado de servizos ecosistémicos asígnaselle unha axuda de 167,42 euros.
• As restantes hectáreas de terreo co certificado de servizos ecosistémicos asígnaselle unha axuda de 129,92 euros.
2. O importe da axuda por entidade beneficiaria ten un límite de 15.000 euros.
Artigo 6. Condicións técnicas xerais
1. Nos terreos adheridos a sistemas de certificación de xestión forestal sustentable con certificación de servizos ecosistémicos deberase cumprir, en todo caso, o disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia; na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia; os artigos 12 número 1.e), 15 números 2 ao 8 e 17 do Decreto 105/2006, do 22 de xuño, que regula as medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais, e na Orde do 31 de xullo de 2007 pola que se establecen os criterios para a xestión da biomasa vexetal, e na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
2. No caso de existiren valores singulares de tipo xeolóxico, edáfico, botánico, faunístico, histórico e paisaxístico a entidade beneficiaria debe proceder segundo a lexislación sectorial aplicable.
3. Os terreos adheridos a sistemas de certificación de xestión forestal sustentable con certificación de servizos ecosistémicos, antes do remate do prazo de presentación da solicitude da axuda convocada, deberán contar cun instrumento de ordenación ou xestión forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados, ou deberán estar adheridos aos modelos silvícolas consonte o establecido no Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia (procedemento MR627D), e na Orde do 19 de maio de 2014 pola que se establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia, así como na súa modificación mediante a Orde do 9 de febreiro de 2021 pola que se modifica o anexo I da antedita orde.
4. O sistema de identificación das parcelas para as que se solicita e concede o compromiso de mantemento é o SIXPAC segundo o establecido no artigo 68 do Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021.
Artigo 7. Solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible (anexo I) na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. A entidade interesada deberá presentar unha solicitude, dirixida ao Departamento Territorial da Consellería do Medio Rural da provincia onde radique o terreo obxecto de compromiso, axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I (solicitude), que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 8.
3. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 8. Documentación complementaria
1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Documentación que acredite, por calquera medio válido en dereito, a representación coa que actúa a persoa que asina a solicitude.
b) Acreditación da dispoñibilidade dos terreos, que se adhiren aos compromisos de servizos ecosistémicos, por calquera documentación xustificativa da propiedade admisible en dereito.
En particular, as CMVMC, as organizacións inscritas no Rexistro de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta (incluídas as Sofor) e montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo: mediante declaración responsable e de acordo cos datos que figuren no correspondente rexistro administrativo.
c) Memoria descritiva da certificación de servizos ecosistémicos, asinada dixitalmente pola persoa solicitante ou representante, que conterá como mínimo:
• Datos da unidade de manexo: nome, localización, tenza legal, etc.
• Tipo de servizo ecosistémico: as declaracións de servizos do ecosistema poderán ser de conservación da biodiversidade, servizos das bacías hidrográficas, conservación do solo ou servizos recreativos.
• Superficie forestal que se incluirá na certificación de servizos ecosistémicos: número de hectáreas, relación de referencias Sixpac coa súa superficie.
• Importe da prima solicitada segundo os importes do artigo 5.
d) Cartografía: planos sobre mapas oficiais. A planimetría presentarase xeorreferenciada en coordenadas UTM, fuso 29 N, con referencia ao datum ETRS89 (EPSG 25829), e terá que ser achegada en soporte dixital e vectorial (segundo o establecido no anexo IV), no formato shape (arquivos, dbf, shp, shx e prj), obtido a partir dun plano de escala mínima 1:10.000, e preferentemente 1:5.000. Indicarase claramente o ano do Sixpac respecto do cal se toman os datos. Tamén se remitirán os planos en pdf.
e) Toma de razón dos compromisos e obrigas (anexo II).
f) Certificado/información da adhesión ao compromiso:
• As CMVMC: certificado do acordo que autoriza o/a presidente/a da CMVMC a presentar a solicite dos compromisos de mantemento, adoptado en asemblea xeral e asinado polo secretario/a co visto e prace do/da presidente/a.
• Os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo: certificado do acordo que autoriza a persoa representante da xunta xestora ou da asemblea de copropietarios do monte a presentar a solicite do compromisos de mantemento, tomado en asemblea de copropietarios ou pola xunta xestora.
• As organizacións inscritas no Rexistro de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta (incluídas as Sofor) presentarán o anexo III (acordo de toma de razón).
• Entidades locais: certificado do/da secretario/a da entidade local conforme se informou o órgano colexiado de representación (xunta veciñal, xunta de goberno local ou, no seu defecto, pleno, xuntas de mancomunidade...) da solicitude do compromisos de mantemento.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola entidade interesada a calquera Administración. Neste caso, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da entidade interesada. De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á entidade interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se deben presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 10. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante (se for o caso).
c) Estar ao día no pagamento de obrigas coa Seguridade Social a persoa solicitante.
d) Estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria a persoa solicitante.
e) Estar ao día no pagamento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia a persoa solicitante.
f) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.
g) Concesións de subvencións e axudas.
2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan á consulta deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 11. Instrución, resolución e recursos
1. Os órganos competentes para tramitar esta orde de axudas son a Subdirección Xeral de Recursos Forestais da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural e os servizos de montes dos departamentos territoriais da Consellería do Medio Rural (en diante, servizos provinciais de montes).
2. O órgano instrutor examinará as solicitudes presentadas e requirirá as entidades solicitantes que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, acheguen a documentación non presentada e, no caso de que as solicitudes conteñan defectos ou omisións, as emenden, conforme se establece no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Neste requirimento indicarase ademais que, se non se fixer, se terá a solicitante por desistida da súa petición, logo de notificación nos termos que se recollen no artigo 21 da citada Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3. Unha vez tramitadas as solicitudes, o órgano instrutor proporá a relación de solicitudes que cumpren os requisitos da convocatoria e as que non os cumpren ou non se axustan, indicará a súa causa de incumprimento e remitirá esa información á Subdirección Xeral de Recursos Forestais.
4. Posteriormente, a persoa titular da Subdirección Xeral de Recursos Forestais formulará a proposta de resolución e finalmente resolverá a persoa titular da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal por delegación da persoa titular da Consellería do Medio Rural.
5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución á entidade interesada será de tres meses, contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo para a presentación de solicitudes. Este prazo poderase ampliar segundo o indicado no artigo 23 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
No caso de non se ditar resolución expresa no prazo indicado, a interesada poderá entender desestimada a súa solicitude, sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto nos artigos 21 e 25 da mesma lei.
6. As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición ante a conselleira do Medio Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución.
b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución.
Artigo 12. Notificación
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos, agás as que se refiren no artigo seguinte, practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 13. Publicación dos actos
1. As notificacións das resolucións de aprobación e denegación destas axudas realizaranse mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, dos actos administrativos e das correspondentes resolucións deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación.
Nesta publicación especificaranse a data da convocatoria, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como a indicación das causas da desestimación e expresaranse, ademais, os recursos que contra a resolución procedan, órgano administrativo ou xudicial ante o cal deben presentarse e o prazo para interpoñelos.
2. Na notificación de concesión da axuda informaranse as entidades beneficiarias que a intervención subvencionada está recollida no marco do Plan estratéxico da política agrícola común de España para o período 2023-2027 e é cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).
Artigo 14. Solicitude de pagamento
1. A solicitude de pagamento presentarase coa solicitude única da PAC de cada ano, de acordo coa orde anual que regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control.
2. Coa solicitude de pagamento deberá presentarse:
a) Declaración doutras axudas que financien a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia, en que deberán figurar o número de expediente e a sinatura da entidade solicitante ou representante.
b) Certificado, expedido polo obstentador do certificado e con data comprendida no período de presentación da solicitude de pagamento, de que os terreos adheridos aos compromisos de servizos ecosistémicos da entidade beneficiaria da prima contan cun certificado de servizos ecosistémicos expedido por algún sistema de certificación forestal recoñecido e validado polos mercados nacionais e internacionais. O certificado recollerá, como mínimo, os seguintes datos: nome da unidade de manexo, tipo de servizo ecosistémico certificado, número de hectáreas certificadas, relación de parcelas Sixpac coa súa superficie, data de vixencia e data de expedición, código de licenza e código de certificado.
c) Documento de certificación de servizos ecosistémicos (DCSE) validado pola entidade auditora e listaxe de montes do obstentador do certificado.
Artigo 15. Reintegro e penalizacións
1. Procederá o reintegro total ou parcial das axudas concedidas ao abeiro desta orde e dos intereses de demora correspondentes no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, dos requisitos establecidos no articulado desta orde e, en xeral, nos casos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Sen menoscabo do establecido no primeiro parágrafo, as entidades beneficiarias das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de reintegro previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Procederá a penalización establecida no artigo 18 do Real decreto 147/2023, do 28 de decembro, polo que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións nas intervencións recollidas no Plan estratéxico da política agrícola común, e modifícanse varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da política agrícola común para o período 2023-2027. Non obstante, non se imporán penalizacións nos supostos relacionados no artigo 5 do mencionado real decreto.
Artigo 16. Controis
1. As entidades beneficiarias destas subvencións están obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación e control que realice a Consellería do Medio Rural para o seguimento dos compromisos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, á autoridade de control e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas da Unión Europea.
2. A maiores, ao tratarse de axudas cofinanciadas cos fondos do Feader, deberán someterse aos específicos controis administrativos, sobre o terreo e a posteriori, segundo o recollido no Regulamento de execución (UE) 2022/128 da Comisión, do 21 de decembro de 2021, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello sobre os organismos pagadores e outros órganos, a xestión financeira, a liquidación de contas, os controis, as garantías e a transparencia, e o Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común.
3. Ademais, deberán proporcionar á autoridade de xestión, aos avaliadores designados ou a outros organismos en que a dita autoridade delegue a realización deste tipo de tarefas toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e a avaliación do programa, en particular en relación co cumprimento de determinados obxectivos e prioridades, de conformidade co disposto no Regulamento (UE) nº 2021/2115, do 2 de decembro de 2021.
Artigo 17. Financiamento
1. As accións previstas nesta orde financiaranse como segue:
|
Aplicación orzamentaria |
15.03.713B.770.0 2024 00101 (entidades beneficiarias distintas das entidades locais) |
|||||
|
Ano |
2025 |
2026 |
2027 |
2028 |
2029 |
Total |
|
Consignación orzamentaria |
100.000 |
100.000 |
100.000 |
100.000 |
100.000 |
500.000 |
|
Aplicación orzamentaria |
15.03.713B.760.0 2024 00101 (só entidades locais) |
|||||
|
Ano |
2025 |
2026 |
2027 |
2028 |
2029 |
Total |
|
Consignación orzamentaria |
24.962,60 |
24.962,60 |
24.962,60 |
24.962,60 |
24.962,60 |
124.813 |
2. Esta orde tramítase conforme o establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.
3. Sen prexuízo das contías indicadas anteriormente, existe a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Neste caso, o órgano concedente procederá a publicar esta ampliación nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.
4. A distribución de fondos e aplicacións orzamentarias sinalados son unha previsión que, de acordo co artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se deberá axustar, tras a valoración das solicitudes, para adecuarse á proposta elaborada pola subdirección xeral responsable dos recursos forestais recollida no artigo 11 da orde. Será posible incluso a incorporación de novas aplicacións sen incrementar o crédito total, tendo en conta a natureza xurídica das entidades beneficiarias.
5. Os compromisos correspondentes a esta orde, cofinanciados con fondos Feader no marco do PEPAC 2023-2027 nun 80 %, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación nun 16 % e a Xunta de Galicia nun 4 %, mediante a Intervención 65021-Compromisos forestais de xestión, encadrada na Subintervención 65021_05–Certificación servizos ecosistémicos 01 e na Subintervención 65021_06–Certificación servizos ecosistémicos 02.
Artigo 18. Infraccións e sancións
En materia de infraccións e sancións será de aplicación o disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no título II da Lei 30/2022, do 23 de decembro, pola que se regulan o sistema de xestión da política agrícola común e outras materias conexas, así como o Real decreto 147/2023, do 28 de decembro, polo que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións nas intervencións recollidas no Plan estratéxico da política agrícola común, e se modifican varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da política agrícola común para o período 2023-2027.
A maiores, ao tratarse de axudas cofinanciadas cos fondos do Feader, será de aplicación o Regulamento delegado (UE) 2022/1172 da Comisión, do 4 de maio de 2022, polo que se complete o Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta ao sistema integrado de xestión e control da política agrícola común e a aplicación e o cálculo das sancións administrativas no marco da condicionalidade.
Así mesmo, tamén serán de aplicación as circulares de coordinación do Fondo Español de Garantía Agraria relativas ao plan nacional de controis das intervencións de desenvolvemento rural no ámbito do sistema integrado do período 2023/2027 establecidas no Plan estratéxico da política agrícola común.
Artigo 19. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 20. Réxime xurídico
1. As axudas reguladas nesta orde nas intervencións contidas no Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027 (PEPAC) e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), polo que o marco normativo básico é o seguinte:
– Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da política agrícola común (plans estratéxicos da PAC), financiada con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e polo que se derrogan os regulamentos (UE) 1305/2013 e (UE) 1307/2013.
– Regulamento (UE) 2021/2116, do 2 de decembro de 2021, sobre o financiamento, a xestión e o seguimento da política agrícola común e polo que se derroga o Regulamento (UE) 1306/2013.
– Regulamento de execución (UE) 2022/129 da Comisión, do 21 de decembro de 2021, polo que se establecen normas para os tipos de intervención relativos ás sementes oleaxinosas, ao algodón e aos subprodutos da vinificación en virtude do Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, así como para os requisitos en materia de información, publicidade e visibilidade relacionados coa axuda da Unión e os plans estratéxicos da PAC.
– Regulamento delegado (UE) 2022/1172 da Comisión, do 4 de maio de 2022, polo que se completa o Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta ao sistema integrado de xestión e control da política agrícola común e a aplicación e o cálculo das sancións administrativas no marco da condicionalidade.
– Regulamento de execución (UE) 2022/1173 da Comisión, do 31 de maio de 2022, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta ao sistema integrado de xestión e control da política agrícola común.
– Plan estratéxico da PAC 2023_2027 (PEPAC) de España para a axuda da Unión financiada polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2022) 6017 final, do 31 de agosto de 2022, e as súas modificacións, que deron lugar á versión vixente do PEPAC aprobada pola Decisión de execución da Comisión C (2024) 6133 final, do 30 de agosto de 2024.
– Lei 30/2022, do 23 de decembro, pola que se regulan o sistema de xestión da política agrícola común e outras materias conexas.
– Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común.
– Real decreto 147/2023, do 28 de febreiro, polo que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións nas intervencións recollidas no Plan estratéxico da política agrícola común, e modifícanse varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da política agrícola común para o período 2023-2027.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
– Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
– Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
– Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
– Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
– Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.
– Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
– Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
– Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
– Decreto 167/2019, do 5 de decembro, polo que se crea e se regula o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas.
– Orde do 19 de maio de 2014 pola que se establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia modificada pola Orde do 9 de febreiro de 2021 pola que se modifica o anexo I da Orde do 19 de maio de 2014.
2. Sen prexuízo das normas específicas de aplicación para os fondos Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e para a execución do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027 (PEPAC) que se poidan establecer, e en defecto do previsto nesta normativa, aplicaranse as normas de dereito administrativo, incluídas as sectoriais, así como as normas de dereito privado ou outras de ámbito nacional ou europeo que puidesen resultar aplicables.
Disposición adicional primeira. Compatibilidade
As primas concedidas son incompatibles coas axudas ao primeiro piar da PAC e as intervencións agrícolas do artigo 70 do Regulamento (UE) 2021/2115, do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021.
Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións
De conformidade co establecido nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Disposición adicional terceira. Protección de datos das persoas físicas
De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
Disposición adicional cuarta
O pagamento desta orde está condicionada á aprobación, por parte da Comisión Europea, da proposta de modificación da ficha da Intervención 65021-Compromisos forestais de xestión do Plan estratéxico da PAC 2023_2027 (PEPAC) de España.
Disposición derradeira primeira. Habilitación competencial
Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para a aplicación ou o cumprimento do establecido nesta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2024
María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural
ANEXOS
1. ANEXO I. Solicitude
2. ANEXO II. Toma de razón dos compromisos e obrigas
3. ANEXO III. Acordo de toma de razón
4. ANEXO IV. Instrución de remisión de información
