DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Martes, 21 de xaneiro de 2025 Páx. 5850

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 23 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas destinadas á realización de certames de gando bovino selecto e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR562A).

Os certames gandeiros son concentracións de animais que teñen finalidades precisas e concretas como a exposición para a súa exhibición, a participación nun concurso, a venda e comercialización ou ben unha combinación das anteriores. Teñen un gran interese zootécnico, xa que serven, dunha parte, para poñer de manifesto os avances acadados tras a aplicación dos distintos programas de mellora gandeira, fomentando as razas criadas en pureza e, por outra, contribúen a estimular o espírito competitivo dos gandeiros expositores, á vez que se constitúen en escola de aprendizaxe para mozos gandeiros.

A participación do gando de razas puras nos certames é un compoñente primordial dos programas de difusión da mellora que, con carácter xeral, teñen que desenvolver as asociacións de criadores de gando de raza pura. Así mesmo, os certames de gando selecto son o marco idóneo para fomentar o coñecemento das razas gandeiras por medio da súa promoción, contribuíndo desta maneira na identificación dos elementos de identidade cultural relacionados con estas razas.

Para a celebración de certames gandeiros resulta imprescindible contar coa colaboración das asociacións de criadores de razas puras, xa que son elas as que manteñen nos programas de cría establecidos para cada raza a información que permite determinar a calidade xenética dos animais participantes, polo que o feito de que os animais presentes nos certames a celebrar concorran co aval das asociacións de criadores oficialmente recoñecidas en Galicia para a xestión do Libro Xenealóxico da raza correspondente ou ben a realización do control de rendementos supón un aliciente máis para garantir a súa calidade e os seus méritos.

Dentro deste marco xeral, os certames de gando selecto están definidos no Real decreto 45/2019, do 8 de febreiro, polo que se establecen as normas zootécnicas aplicables aos animais reprodutores de raza pura.

A Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, establece que os certames de gando selecto deberán estar autorizados antes da súa celebración polo órgano competente da comunidade autónoma onde se celebren, de acordo coa normativa vixente en cada momento.

O obxectivo da axuda é fomentar a celebración de certames de gando selecto a realizar en diferentes puntos da xeografía galega, onde as gandarías participantes poidan expoñer con distintos fins os animais selectos. É necesario potenciar esta actividade, xa que supoñen un incentivo para a recría de animais selectos en Galicia, facilitando o seu coñecemento para o resto das gandarías, ademais de posibilitar a súa comercialización e supoñer un estímulo para a mellora gandeira.

Por todo o exposto, a Consellería do Medio Rural considera necesaria a convocatoria destas axudas, de maneira que as entidades beneficiarias organizadoras deste tipo de eventos poidan facer fronte aos gastos correntes derivados deles.

Na súa virtude, de conformidade co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confiren o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia non competitiva, as bases reguladoras das axudas para a celebración de certames de gando bovino selecto na Comunidade Autónoma de Galicia, e proceder á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento MR562A).

2. O procedemento de concesión das axudas recollidas nesta orde, de xeito excepcional, non requirirá a comparación nin a prelación das solicitudes presentadas, senón que se tramitarán todas as solicitudes a medida que as entidades solicitantes as presenten, ata esgotar o crédito orzamentario, e en cumprimento do artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 2. Finalidade da axuda

1. A finalidade inmediata desta orde é a promoción e difusión dos certames de gando bovino selecto criado en pureza en Galicia, mediante o fomento da celebración dunha rede de eventos para realizar en diferentes puntos da xeografía galega.

2. Os obxectivos finais que se perseguen son:

– O aumento da rendibilidade das explotacións gandeiras galegas, da súa viabilidade e do nivel de vida dos gandeiros.

– A modernización do sector gandeiro galego en materia de xenética, sanidade e produción animal.

– A mellora da eficiencia dos sistemas produtivos agrarios e das calidades nas súas producións.

– A optimización na utilización das oportunidades e recursos dispoñibles.

– O apoio aos elementos de identidade cultural relacionados coas razas gandeiras.

– A formación de novos gandeiros e gandeiras.

Artigo 3. Requisitos das entidades beneficiarias e obrigas

1. Poderán acollerse ás axudas descritas nesta orde as entidades locais, as asociacións de persoas gandeiras, incluídas as xestoras dos libros xenealóxicos, asociacións de persoas empresarias e outras entidades sen ánimo de lucro que organicen certames de gando selecto e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

c) Dispoñer de instalacións axeitadas adaptadas ao tipo de certame, que garantan unhas condicións sanitarias e de benestar animal óptimas.

d) Dispoñer de medios técnicos e de persoal para a celebración deste tipo de eventos.

e) Dispoñer dun regulamento interno en que se establezan as condicións mínimas de presentación, benestar animal, sanidade e calidade xenética que deben cumprir os animais participantes.

f) Contar coa autorización previa por parte dos servizos veterinarios oficiais para a celebración do evento.

g) Contar coa colaboración da correspondente asociación de gandeiros oficialmente recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia para a xestión do Libro Xenealóxico ou a realización do control de rendementos, polo menos no relativo á acreditación de que os animais participantes nos eventos estean inscritos nos libros xenealóxicos correspondentes.

h) Os animais participantes en cada certame deben proceder polo menos de 5 explotacións distintas.

i) Ademais, no caso das entidades locais, deberán cumprir o establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

2. Para poder participar nos certames, os animais:

a) Procederán de explotacións galegas cualificadas sanitariamente, e cumprirán os requisitos sanitarios mínimos establecidos no regulamento interno.

b) Estarán inscritos nos libros xenealóxicos das razas correspondentes.

3. As entidades beneficiarias deberán facer constar na publicidade e promoción do evento que se trata de actuacións celebradas en colaboración coa Xunta de Galicia, incluíndo os símbolos de identidade corporativa.

Artigo 4. Actuacións e gastos subvencionables

1. As actuacións obxecto da axuda deberán ter sido realizadas no período comprendido entre o 1 de novembro de 2024 e o 31 de outubro de 2025, ambos incluídos.

2. As actividades subvencionables serán as seguintes:

a) A selección e preparación dos animais previas ao evento, o manexo, o coidado, a estabulación e a alimentación dos mesmos durante a celebración do certame.

b) O transporte dos animais para a celebración do evento.

c) Gastos derivados do acondicionamento para o evento do recinto onde teña lugar.

d) Os gastos administrativos de tramitación documental e de xestión do certame.

e) Os custos publicitarios e o material promocional derivados.

f) Gastos de mantemento, seguridade e limpeza do recinto.

g) Gastos de seguros relativos á celebración do evento.

h) Os honorarios e gastos do persoal técnico contratado para a súa participación no evento (xuíces recoñecidos oficialmente, directores da poxa, etc.).

i) Gastos en trofeos e escarapelas.

3. Non será en ningún caso subvencionable o cumprimento da lexislación obrigatoria en materia de ambiente, sanidade, benestar e identificación animal.

4. Non se considerarán gastos subvencionables os premios en metálico, pagamentos directos a gandeiros, nin outros gastos que non estean directamente vinculados coa celebración do certame.

5. O imposto sobre o valor engadido (IVE) non se considerará subvencionable.

6. No caso de xurdir discrepancias sobre algún dos gastos presentados será o Servizo de Producións Gandeiras e Benestar Animal o encargado de dirimir sobre a súa elixibilidade.

Artigo 5. Contía, límites e compatibilidade das axudas

1. As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra que para a mesma finalidade e obxecto puidesen establecer outras administracións públicas ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

2. O importe máximo subvencionable por evento, independentemente do tipo ou tipos de actividade que inclúa este (poxa, concurso, exposición ou combinación dos anteriores) será o seguinte:

– 4.000 € para razas de aptitude láctea e 3.500 € para razas de aptitude cárnica, se o número de animais participantes no evento é de 12 ou menos.

– 6.000 € para razas de aptitude láctea e 5.000 € para razas de aptitude cárnica, cando o número de animais participantes estea entre 13 e 30.

– 10.000 € para razas de aptitude láctea e 7.500 € para razas de aptitude cárnica, cando o número de animais participantes estea entre 31 e 60.

– 15.000 € para razas de aptitude láctea e 10.000 € para razas de aptitude cárnica, cando o número de animais participantes estea entre 61 e 100.

– 20.000 € para razas de aptitude láctea e 15.000 € para razas de aptitude cárnica, se o número de animais participantes é superior a 100.

De celebrarse nun mesmo evento un certame dunha raza de aptitude láctea e un certame dunha raza de aptitude cárnica, o importe máximo subvencionable será a suma do importe de axuda correspondente a cada certame en función da raza e do tramo en que se atope segundo o número de animais participantes.

De producirse o suposto anterior, consideraranse gastos comúns para ambos os certames os descritos nas letras c), d), e), f) e g) do artigo 4 desta orde.

O número máximo de eventos subvencionables por esta orde de axudas será de 2 por entidade solicitante.

3. A intensidade da axuda poderá chegar ao 100 % dos custos subvencionables.

4. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá superar o custo da actividade subvencionada.

Artigo 6. Solicitudes de axuda, forma de presentación e prazos

1. O procedemento de concesión das axudas iniciarase por instancia de parte, coa presentación das solicitudes de axuda por parte das persoas interesadas, e empregando o formulario que figura anexo nesta orde (MR562A).

2. O prazo para a presentación de solicitudes será de:

a) Para os certames celebrados desde o 1 de novembro de 2024 ata á data de publicación desta orde: un mes desde o día seguinte ao da súa publicación.

b) Para os certames que se celebren despois da publicación desta orde: un mes contado desde o día seguinte ao da celebración do evento e coa data límite do 31 de outubro de 2025.

De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación ou celebración, segundo o caso; se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. Recibidas as solicitudes e a súa documentación, serán examinadas polo órgano xestor que, de observar deficiencias, requirirá a súa emenda ao solicitante, concedéndolle un prazo de dez días, consonte o artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Transcorrido este prazo sen que se produza a emenda ao expediente, terase por desistido da súa petición, logo da súa resolución.

5. A falsidade do declarado na solicitude determinará a imposibilidade de percibir, de ser o caso, a axuda concedida, desde o momento en que se teña constancia da falsidade, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas que procedan.

6. No caso de que unha entidade interesada solicite a axuda para a celebración de máis dun evento, deberá presentar unha solicitude para cada un deles.

7. Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén, e que fai constar os puntos seguintes: o cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. Todas as entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) A autorización previa por parte dos servizos veterinarios oficiais para a celebración do evento.

b) Un regulamento interno en que se establezan as condicións mínimas de presentación, benestar animal, sanidade e calidade xenética que deben cumprir os animais participantes.

c) De ser o caso, certificación da asociación de gandeiros oficialmente recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia para a xestión do Libro Xenealóxico ou a realización do control de rendementos, da colaboración no certame e na cal polo menos se avale que os animais presentes nos eventos estean inscritos nos libros xenealóxicos correspondentes.

d) Documentación que acredite o cumprimento do criterio sinalado nas alíneas c) e d) do artigo 3 punto 1 desta orde. No caso de solicitarse a axuda para a celebración de varios certames, non se terá que volver presentar esta documentación.

Coa solicitude da axuda, presentarase a documentación xustificativa e económica desta, tal como se indica no artigo 17.

2. As entidades solicitantes, distintas das entidades locais, ademais deberán achegar a seguinte documentación:

a) Acreditación do acordo da xunta directiva de aprobación da realización das actuacións obxecto de subvención.

b) Acreditación da personalidade xurídica da entidade solicitante.

c) Copia dos estatutos da entidade solicitante.

d) Acreditación da representatividade do solicitante.

3. As entidades locais interesadas deberán achegar, tamén, a seguinte documentación:

a) Certificación do secretario ou secretaria da entidade local en que conste a aprobación da solicitude de subvención polo órgano competente.

b) Certificación do secretario ou secretaria da entidade local en que conste a representación que desempeña a persoa que asina a solicitude para o caso de que non se trate do representante legal.

c) Certificación do secretario ou secretaria da entidade local en que se acredite o cumprimento do criterio sinalado na alínea i) do artigo 3 punto 1 desta orde.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á consulta:

a) NIF da entidade que solicite a concesión da subvención.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).

f) Concesión de subvencións e axudas.

g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as entidades beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 11. Tramitación e resolución

1. Nas bases reguladoras desta axuda non se recolle unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas, senón que se tramitarán todas as solicitudes a medida que as persoas interesadas as presenten, ata esgotar o crédito orzamentario, sempre e cando cumpran todos os criterios e requisitos establecidos na presente orde.

2. O órgano competente para a instrución e tramitación do procedemento é a Subdirección Xeral de Gandaría. Unha vez recibidas as solicitudes e a súa documentación, serán examinadas polo órgano xestor, que, de observar deficiencias, requirirá a súa emenda ao solicitante, concedéndolle un prazo de dez días, consonte o artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Transcorrido este prazo sen se producir a emenda do expediente, terase por desistido da súa petición, logo da súa resolución.

3. Efectuadas as comprobacións e estudos pertinentes, e unha vez avaliadas as solicitudes presentadas, o Servizo de Producións Gandeiras e Benestar Animal emitirá un informe para cada solicitude de axuda en que se proporá a concesión da subvención e a contía ou, de ser o caso, a denegación da subvención solicitada. Á vista deste informe, o subdirector xeral de Gandaría elevará a proposta de resolución ao órgano administrativo competente, que resolverá as solicitudes presentadas.

4. A resolución do expediente corresponde á persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias por delegación da persoa titular da Consellería do Medio Rural. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de dous meses desde o día seguinte da finalización do prazo de presentación de solicitudes recollido no artigo 6.2.b). Transcorrido o prazo sen resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 23 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/o teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitada única a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá, de oficio, crear o enderezo indicado, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as resolucións de concesión e de denegación das axudas, e que producirá os efectos da notificación.

Artigo 14. Recursos administrativos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación; ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se transcorrido o prazo para resolver o establecido no artigo anterior non lle é notificada a resolución aos interesados, poderán entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo e caberá interpor o recurso potestativo de reposición contra a desestimación por silencio administrativo en calquera momento, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, como sinala o artigo 124 da Lei 39/2015, ou o recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. Sen prexuízo do anterior, as persoas interesadas poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 15. Seguimento e control da concorrencia e acumulación de axudas

Xunto coa xustificación, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

Artigo 16. Control da execución das actuacións

1. O control da execución das actuacións levarao a cabo a Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, realizando as comprobacións e inspeccións que considere necesarias, co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como do lóxico seguimento e control das axudas concedidas.

2. As persoas beneficiarias están obrigadas a facilitar todos os labores de inspección ao persoal técnico da Administración, achegando todos os datos que sobre o particular lles sexan solicitados.

3. A persoa beneficiaria ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida polo órgano xestor, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 17. Xustificacións e pagamento

1. A presentación das xustificacións técnicas e económicas realizarase coa solicitude de axuda. De acordo co disposto nos artigos 14.2 e 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, as xustificacións deberanse presentar a través de medios electrónicos.

A documentación xustificativa que se presentará é a seguinte:

a) Certificación expedida pola persoa física ou xurídica responsable da solicitude da axuda, co visto e prace do/a presidente/a no caso das entidades locais, ou nos casos restantes pola persoa que actúe na súa representación, relativa á aprobación polo órgano competente ou xunta directiva, segundo proceda, da conta xustificativa en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: actuación/concepto, identificación do/a acredor/a, NIF, número de factura ou documento equivalente, importe sen IVE, IVE, importe total, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

b) Unha memoria técnica da actividade realizada, indicando o obxectivo perseguido, os seus destinatarios e a súa repercusión. A memoria deberá conter o tipo de certame celebrado, a raza ou razas presentes, o código Rega das explotacións de procedencia e o número de animais participantes segundo o tipo de certame, de ser o caso, así como a descrición das instalacións, dos medios técnicos empregados, o persoal destinado aos eventos así como calquera outro aspecto relacionado co certame que se considere de interese.

c) Unha memoria económica abreviada, que incluirá, polo menos, a relación de investimentos realizados e a finalidade deles.

d) Facturas e xustificantes de gasto.

As facturas presentadas deben incluír como mínimo a seguinte información:

– Razón social e NIF da persoa emisora da factura.

– Razón social e NIF da persoa receptora.

– Número.

– Data de emisión.

– Desagregación detallada de todos os conceptos, indicando o número de unidades e o prezo unitario, base impoñible e IVE de cada un deles no caso de que conteñan máis dun concepto.

– Base impoñible.

– Tipo de IVE.

Todos os gastos virán acompañados do documento que verifique o pagamento efectivo; é dicir, un xustificante bancario do pagamento debidamente selado pola entidade, o cal pode ser un xustificante de transferencia bancaria, un xustificante bancario de ingreso de efectivo por mostrador ou unha certificación bancaria.

No xustificante de pagamento constará o número da factura obxecto de pagamento, a identificación da entidade beneficiaria que paga e da persoa destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas ao proxecto, deberase xuntar unha relación delas.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento, así como acompañarse dunha relación de todos os documentos de pagamento e importes acreditativos do pagamento desa factura.

No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, a xustificación do pagamento realizarase mediante a achega do correspondente extracto bancario, acompañado dun dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibo do provedor.

Todos os pagamentos efectuados polas entidades beneficiarias xustificaranse mediante facturas e documentos de pagamento. Cando isto non sexa posible, os pagamentos xustificaranse mediante documentos de valor probatorio equivalente.

e) Copia da documentación empregada para a publicidade e promoción do evento na que se indique que se trata de actuacións celebradas en colaboración coa Xunta de Galicia, e facendo constar os símbolos de identidade corporativa.

f) De ser o caso, os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios, e a indicación, de ser o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación que se fai referencia na letra a).

2. A contía das axudas será satisfeita unha vez realizados os investimentos previstos en cada caso, tras a súa comprobación por parte dos servizos correspondentes da Consellería do Medio Rural. O IVE non é subvencionable.

3. O incumprimento das obrigas asumidas pola entidade beneficiaria suporá a perda total ou parcial da axuda, así como a obriga de restituír as cantidades percibidas, sen prexuízo doutras responsabilidades en que puideren incorrer os beneficiarios.

4. De acordo co previsto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as entidades beneficiarias poderán subcontratar totalmente a realización das actividades subvencionadas.

No caso de subcontratación, cumpriranse, ademais, os restantes requisitos establecidos no citado artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e, en particular, o relativo ás prohibicións establecidas no punto 7 do dito artigo.

A citada subcontratación non exime da obriga de xustificar a subvención segundo o establecido no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 17 desta orde, de forma que permita acreditar que os gastos obxecto da axuda se destinaron a realizar as actividades subvencionables do artigo 4 desta orde.

Artigo 18. Modificación das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da axuda no suposto de falta de xustificación ou de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 19. Reintegro da axuda, infraccións e sancións

1. A persoa interesada ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida, xunto cos xuros de demora xerados desde o seu pagamento nos casos establecidos no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

2. No tocante a infraccións e sancións, será de aplicación o título IV, Infraccións e sancións administrativas en materia de subvención da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

Artigo 20. Financiamento

1. O financiamento das axudas recollidas na presente orde efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 15.04.713C.760.0 para o caso das axudas destinadas ás entidades locais e con cargo á aplicación orzamentaria 15.04.713C.781.0 para o caso das axudas destinadas ao restante tipo de solicitantes, do proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, nas cales existe crédito adecuado para o ano 2025 de setenta e cinco mil euros (75.000,00 €) e setenta e cinco mil euros (75.000,00 €) respectivamente.

2. Segundo o establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o crédito dispoñible para o financiamento destas axudas poderá ampliarse, previamente á resolución do expediente, se existe unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, pola existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ou dunha transferencia de crédito, se o procedemento de concesión é o previsto no artigo 19.2.

3. Así mesmo, a distribución de fondos entre as aplicacións orzamentarias sinaladas poderá axustarse segundo a evolución da concesión das axudas, á vista das solicitudes recibidas, tendo en conta a natureza xurídica das entidades beneficiarias, e sempre sen incrementar o importe total.

4. Esta convocatoria de axudas tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, e coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto. Por iso, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2025, no momento da resolución.

Disposición adicional primeira. Normativa aplicable

En todas aquelas cuestións non previstas na presente orde será de aplicación o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da citada Lei e nas súas normas de desenvolvemento, sen prexuízo da aplicación das normas de organización e procedemento dispostas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda. Base de Datos Nacional de Subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información e o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para ditar instrucións

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para ditar cantas instrucións sexan necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2024

Mª José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file