A consellería competente en materia de educación nomea os membros da Comisión Interuniversitaria de Galicia, en virtude do disposto no convenio asinado, o 12 de marzo de 2001, polos reitores das universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG) en presenza do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, e na Orde do 24 de marzo de 2011.
O 8 de novembro de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 29 de outubro de 2024, pola que se nomean os membros da Comisión Interuniversitaria de Galicia e se fan públicos os parámetros de ponderación de materias para o acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao do Sistema universitario de Galicia no curso 2025/26, aprobados nos respectivos consellos de goberno das universidades públicas de Galicia.
O 7 de xaneiro de 2025, o reitor da Universidade da Coruña comunica á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional que, actuando de conformidade co establecido no artigo 36.1 dos estatutos da dita universidade, designou como delegada da Universidade da Coruña para a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), a María Elisa Beceiro González en substitución de Pedro Ramón Armas Diéguez, con efectos do 1 de xaneiro de 2025.
De conformidade co exposto,
DISPOÑO:
Artigo único
Noméase a María Elisa Beceiro González, membro da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) para o curso 2024/25, como delegada da Universidade da Coruña en substitución de Pedro Ramón Armas Diéguez.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2025
Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
