Con data do 19 de decembro de 2024, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes e a directora xeral da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda, subscribiron a prórroga do Convenio de encomenda de xestión entre a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia e a Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda, para a fabricación e a entrega de tarxetas de tacógrafo dixital e tarxetas de cualificación de condutores.
Por iso e en aplicación do disposto no artigo 9.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, procede dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Na súa virtude,
RESOLVO:
Dispoñer a publicación no Diario Oficial de Galicia da prórroga do Convenio de encomenda de xestión entre a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia e a Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda, para a fabricación e a entrega de tarxetas de tacógrafo dixital e tarxetas de cualificación de condutores.
Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2025
Judit Fontela Baró
Directora xeral de Mobilidade
Prórroga do convenio de encomenda de xestión entre a Consellería de
Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia e a Fábrica Nacional
de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda, para a fabricación e a entrega de tarxetas de tacógrafo dixital e tarxetas de cualificación de condutores
REUNIDOS:
Diego Calvo Pouso, conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, en nome e representación da Xunta de Galicia, segundo a designación efectuada polo Decreto 44/2024, do 14 de abril, polo que se nomean os titulares das consellerías da Xunta de Galicia (publicado non Diario Oficial de Galicia núm. 73, do 14 de abril), e en uso das atribucións que lle corresponden de acordo con o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.
María Isabel Valldecabres Ortiz, como directora xeral, cargo para o que foi nomeada polo Real decreto 726/2021, do 3 de agosto, (BOE núm. 185), en nome e representación da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda Entidade Pública Empresarial Medio Propio (en diante, FNMT-RCM), segundo resulta do artigo 19 do seu estatuto, e esta entidade ten o seu domicilio institucional en Madrid, rúa Jorge Juan, número 106 e código de identificación Q28/26004-J.
As partes recoñécense a capacidade xurídica necesaria para subscribir esta encomenda de xestión e na súa virtude
EXPOÑEN:
Primeiro. O 28 de decembro de 2020, a entón Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia e a FNMT-RCM asinaron un convenio de encomenda de xestión para a fabricación e a entrega de tarxetas de tacógrafo dixital e tarxetas de cualificación de condutores.
Segundo. A cláusula sexta –prazo de vixencia– establece que a dita encomenda entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2021 e estenderá a súa vixencia ata o 31 de decembro de 2024, e as partes por unanimidade poderán acordar a súa prórroga por outros catro (4) anos adicionais.
Manténdose as circunstancias que respecto da imposibilidade de promover concorrencia na prestación do servizo obxecto de encomenda concorrían no convenio orixinal, e no marco desta previsión, as partes consideran oportuno subscribir unha prórroga do Convenio de encomenda de xestión inicialmente subscrito e estender os seus efectos para o exercicio 2025.
De conformidade con todo o exposto, é vontade das partes relacionadas no cabezallo aprobar esta prórroga, de conformidade coas seguintes condicións:
Primeira. Prórroga da vixencia do convenio de encomenda
Prorrógase a vixencia do Convenio de encomenda de xestión formalizado o 28 de decembro de 2020 entre a Xunta de Galicia e FNMT-RCM, para a fabricación e a entrega de tarxetas de tacógrafo dixital e tarxetas de cualificación de condutores.
Segunda. O gasto máximo estimado é de 284.843,00 € IVE incluído, que se aboará con cargo á partida orzamentaria 35.08.512A.221.23 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.
Terceira. No non establecido expresamente neste acordo de prórroga resultarán de plena aplicación as cláusulas e disposicións do Convenio formalizado o 28 de decembro de 2020.
E para que conste, e en proba de conformidade, os comparecentes asinan esta prórroga de convenio na data da sinatura electrónica.
|
Diego Calvo Pouso |
María Isabel Valldecabres Ortiz |
