DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Xoves, 23 de xaneiro de 2025 Páx. 6328

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

EXTRACTO da Orde do 26 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas nas universidades do SUG, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2024 (código de procedementos ED431C, IN607A, ED431B, IN607B, ED431F e IN607D).

BDNS (Identif.): 809942.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdns/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

As seguintes entidades: a) as universidades públicas do SUG; b) os organismos públicos de investigación de Galicia; c) as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación pública Galega, Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica INIBIC e Fundación Pública Galega Biomédica Galicia Sur). No caso dos institutos de investigación sanitaria IDIS, INIBIC, IISGS e dos centros do ámbito do Servizo Galego de Saúde que xestionen as súas actividades de investigación mediante as citadas fundacións, poderán solicitar as axudas da presente convocatoria a través destas entidades; d) os centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados en Galicia, segundo os requisitos establecidos nos anexos I, II e III para cada caso.

Segundo. Obxecto

Axudas para consolidar, estruturar e especializar as unidades de investigación máis competitivas do Sistema galego de I+D+i mediante as seguintes modalidades:

– Modalidade A: grupos de referencia competitiva (GRC). Axudas para a consolidación de grupos de investigación das entidades solicitantes que pola súa produción científica e a súa actividade de I+D constitúan unha referencia no Sistema galego de I+D+i.

– Modalidade B: grupos con potencial de crecemento (GPC). Axudas para a consolidación de grupos de investigación das entidades solicitantes que pola súa produción científica e a súa actividade de I+D amosen potencial de crecemento ata converterse en grupos de referencia do sistema de I+D+i galego.

– Modalidade C: proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente. Axudas para a realización de proxectos de investigación a investigadores/as individuais que, contando cunha traxectoria excelente consolidada ou en formación, teñen que afianzar unha liña de traballo baseada en proxectos de alto impacto, fundamentalmente nos ámbitos nacional e internacional. Estas axudas adoptarán, segundo as características dos investigadores ou investigadoras, dúas modalidades: 1. Liña de reforzo da traxectoria investigadora consolidada e 2. Liña de reforzo de traxectorias emerxentes.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

O importe total da convocatoria é de 29.120.000 €.

– Modalidade A (GRC).

As axudas terán unha duración máxima de catro anos. O importe global da axuda virá determinado por un módulo estrutural anual composto dun fixo dunha contía máxima de 55.000 € e un módulo variable anual de 20.000 € ou 30.000 € ou 50.000 €, acumulable ao anterior, en función dos ingresos anuais medios do grupo no período comprendido desde o 1 de xaneiro de 2022 ata o 31 de decembro de 2024.

– Modalidade B (GPC).

As axudas serán de aplicación por un período de 3 anualidades. O importe total de cada unha das axudas virá determinado por un módulo estrutural composto dun fixo dunha contía máxima de 31.500 € en cada anualidade e un módulo variable, acumulable ao anterior, composto dunha contía de ata 10.000 € en cada anualidade para aqueles grupos que xa desfrutasen dunha axuda nesta modalidade desde a convocatoria de 2016 e que non estea activa neste momento e cumpran, polo menos, dúas das seguintes condicións no período comprendido desde o 1 de xaneiro de 2022 ata o 31 de decembro de 2024: dispor, polo menos, de 5 investigadores/as durante todo o período de referencia, ter uns ingresos medios anuais superiores a 80.000 €, traxectoria do grupo en transferencia de coñecemento.

– Modalidade C (proxectos de excelencia).

No caso dos proxectos que se acollan á liña de traxectoria investigadora consolidada, as axudas serán de aplicación por un período de ata 4 anualidades, mediante o pagamento anual á institución a que pertenza a persoa que lidere o proxecto dunha contía máxima anual de 50.000 €. No caso dos proxectos que se acollan á liña de traxectoria investigadora emerxente, as axudas serán de aplicación por un período máximo de ata 5 anualidades, mediante o pagamento anual á institución a que pertenza a persoa que lidere o proxecto dunha contía máxima anual de 15.000 € para o ano 2025 e de 25.000 € para os anos 2026, 2027, 2028 e 2029.

Para que se poidan atender gastos nunha anualidade é necesario que a persoa investigadora que lidera o proxecto manteña a vinculación laboral durante un mínimo de catro meses nese ano.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde no DOG.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades
e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación,
Ciencia, Universidades e Formación Profesional