BDNS (Identif.): 810076.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Entidades colaboradoras
Poderán ser entidades colaboradoras as entidades financeiras privadas con personalidade xurídica e plena capacidade de obrar, validamente constituídas, que cumpran os seguintes requisitos:
– Ter oficinas comerciais abertas, cando menos, nos concellos de máis de 20.000 habitantes das catro provincias galegas.
– Ter colaborado na xestión financeira da Xunta de Galicia nos últimos dous anos.
Segundo. Obxecto
O obxecto da colaboración é a entrega e distribución das axudas do programa Bono Emancípate.
Para estes efectos, subscribirase o oportuno convenio de colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, segundo o modelo que figura como anexo I da orde.
Terceiro. Criterios de selección da entidade colaboradora
Os criterios obxectivos que servirán de base para a adxudicación deste procedemento de selección son os seguintes:
• Proposta técnica que describa coa amplitude e co detalle precisos todos os elementos necesarios para a articulación da colaboración solicitada: ata 70 puntos.
• Memoria xustificativa do número e cobertura das canles habilitadas para facilitarlles ás persoas usuarias tanto a utilización das súas tarxetas (con especial incidencia respecto do número de oficinas comerciais, caixeiros automáticos e TPV instalados, así como a súa distribución ao longo dos diferentes concellos galegos) como o acceso á información relativa a elas (ata 30 puntos).
Cuarto. Bases reguladoras
Orde do 27 de decembro de 2024 pola que se convoca o procedemento de concorrencia para a selección dunha entidade colaboradora para a entrega e distribución dos fondos das axudas do programa Bono Emancípate (código de procedemento CT501A).
Quinto. Compensación económica
A compensación económica a favor da entidade colaboradora polos gastos de posta en funcionamento, seguimento e control do programa Bono Emancípate é de 60.000,00 €, financiados con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.313A.780.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.
Sexto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo máximo de presentación de solicitudes será de sete días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2024
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024; DOG nº 130, do 5 de xullo)
Elvira Mª Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
