DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Venres, 24 de xaneiro de 2025 Páx. 6815

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 30 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e agrupacións forestais de xestión conxunta, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027 e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR651A).

A Consellería do Medio Rural é o departamento da Administración Autonómica ao que corresponden, entre outras, as competencias para propor e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito rural, en que se inclúen a prevención e defensa contra os incendios forestais segundo o establecido no Decreto 223/2022, do 22 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural.

A Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, establece no seu artigo 25 que a Consellería do Medio Rural daralles aos montes veciñais en man común carácter preferente nas súas actuacións de fomento e mellora do monte, na prevención e defensa contra os incendios forestais e na concesión de axudas económicas para as mesmas finalidades suxeitas a plans de viabilidade económica e ao cumprimento de instrumentos de ordenación ou xestión forestal.

A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, o Decreto 105/2006, do 22 de xuño, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais, así como a Orde do 31 de xullo de 2007 pola que se establecen os criterios para a xestión da biomasa vexetal son o réxime xurídico específico aplicable ás actuacións da orde.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establecen a regulación do réxime xurídico propio das subvencións cuxo establecemento e xestión corresponde á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, organismos e demais entidades vinculadas ou dependentes desta, así como tamén ás entidades locais de Galicia, incluídos os organismos e entidades dependentes delas. Esta lei aplícase con carácter supletorio respecto da normativa reguladora das subvencións financiadas pola Unión Europea.

Estas axudas están amparadas no Regulamento (UE) nº 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da política agrícola común (plans estratéxicos da PAC), financiada con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e polo que se derrogan os regulamentos (UE) nº 1305/2013 e (UE) nº 1307/2013, así como demais normativa comunitaria sobre axudas de estado; e enmárcase no actual Plan estratéxico da PAC (PEPAC) 2023-2027 para a axuda da Unión financiada polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2022) 6017 final, do 31 de agosto de 2022, Decisión de execución da Comisión C (2023) 5746 final, do 30 de agosto de 2023 e C(2024) 6133 final, do 30 de agosto de 2024.

Tamén se amparan no Regulamento (UE) nº 2022/2472 da Comisión, do 14 decembro de 2022, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (DOUE L 327/1, 21.12.2022), no seu artigo 43 «Axudas destinadas á prevención e reparación de danos en bosques». Estas axudas foron comunicadas polo Estado á Comisión Europea co número de axuda SA.116000.

O Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC) para Galicia recolle a intervención 68812: Investimentos forestais en prevención de danos forestais, dentro do cal está a subintervención 68812_04: Infraestrutura e silvicultura preventiva de incendios, en que se encadran estas axudas, que contribúen á consecución dos seguintes obxectivos específicos, recollidos no artigo 6 do Regulamento (UE) nº 2021/2115:

– Contribuír á adaptación ao cambio climático e á súa mitigación, tamén mediante a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e mellorando a captura de carbono, así como promover a enerxía sustentable.

– Promover o desenvolvemento sustentable e a xestión eficiente dos recursos naturais como a auga, o solo e o aire, incluíndo a redución da dependencia química.

O artigo 1.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 sobre a tramitación anticipada de expedientes de gastos, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, establece que os expedientes de gasto relativos a subvencións poderán iniciarse sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, mesmo cando a súa execución se realice nunha ou en varias anualidades; no primeiro caso, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ao exercicio orzamentario en que se vaia materializar a contraprestación, e no segundo, sempre que exista crédito para a primeira anualidade e que se cumpran os requisitos do artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Ademais, o artigo 3.3 estende expresamente esta posibilidade de tramitación anticipada aos expedientes relativos ás bases reguladoras ou convocatorias de axudas derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente de fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas da Unión Europea ou de ámbito estatal ditada en desenvolvemento ou transposición dela e existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das correspondentes medidas.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas, en consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confiren a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras da concesión de subvencións que poderán percibir as persoas titulares de montes veciñais en man común (MVMC) e agrupacións forestais de xestión conxunta para a posta en marcha das actuacións preventivas recollidas na lexislación galega sobre incendios forestais e a súa convocatoria para o ano 2025 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva.

2. A finalidade desta orde é a incentivación na colaboración dos titulares de montes veciñais en man común e as agrupacións forestais de xestión conxunta na realización de traballos de silvicultura preventiva que contribuirá a minorar as consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais poidan provocar sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e produción destes montes, de gran importancia na nosa comunidade e, en conxunto, sobre a fauna, a flora e a paisaxe de Galicia.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. O disposto nesta orde será de aplicación aos montes veciñais en man común e ás agrupacións forestais de xestión conxunta da Comunidade Autónoma de Galicia, agás aqueles montes veciñais en man común que estean consorciados coa Administración, que non solicitasen a rescisión ou transformación do dito consorcio. No caso de montes veciñais en man común consorciados coa Xunta de Galicia, poderá solicitarse subvención naquela superficie non consorciada.

2. Serán elixibles as actuacións localizadas en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co establecido no PEPAC 2023-2027.

3. As actuacións localizaranse en zonas de alto ou medio risco de incendios, conforme o disposto na Orde do 18 de abril do 2007 pola que se zonifica o territorio con base no risco espacial de incendio forestal.

4. Non se poderán solicitar subvencións para actuacións en:

a) Zonas de protección lateral do Camiño de Santiago.

b) Zonas en que existen obxectos ou restos materiais que formen parte do Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

c) Zonas incluídas en hábitats prioritarios.

d) Zonas cun procedemento de concentración parcelaria en execución, soamente serán aprobables as subvencións solicitadas en terreos en que o acordo de concentración parcelaria sexa firme.

e) Os terreos cun proceso iniciado de expropiación forzosa non poderán beneficiarse destas subvencións.

Artigo 3. Superficies forestais mínimas para solicitar subvencións

1. As superficies forestais mínimas para poder solicitar estas subvencións serán:

– Para as comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC) será de cen hectáreas (100 ha).

– Para as agrupacións forestais de xestión conxunta, a superficie mínima será de 50 ha.

2. Para acadar a superficie as CMVMC poderán formar unha agrupación, sempre que as CMVMC se localicen nunha mesma provincia e, ademais, cumpran con algún destes requisitos:

a) Localización nun mesmo concello.

b) Localización en concellos limítrofes sempre que os montes veciñais en man común sexan estremeiros.

3. Excepcionalmente, no caso de que a CMVMC, mancomunidade ou algunha das CMVMC que integren a agrupación estivese localizada nalgún concello incluído en espazos protexidos da rede Natura 2000, a superficie mínima sería de 50 ha.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas titulares de montes veciñais en man común, as súas agrupacións e mancomunidades e as agrupacións forestais de xestión conxunta, sempre que non incorran en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As CMVMC e as agrupacións forestais de xestión conxunta deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no rexistro correspondente.

3. As cotas mínimas de reinvestimento dos montes veciñais serán do 40% de todos os ingresos xerados, segundo o disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal.

4. No caso de agrupacións de montes veciñais en man común deberán facerse constar os compromisos de execución asumidos por cada persoa membro da agrupación, así como a porcentaxe de subvención que percibirá cada unha delas, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias.

5. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante ou apoderada única da agrupación de montes veciñais en man común, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como persoa beneficiaria, lle corresponden á agrupación. En caso de disolverse a agrupación antes de que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cada persoa xurídica membro da agrupación asumirá a obriga de reintegro que corresponda, de ser o caso.

6. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, segundo a definición de acordo coa definición do Regulamento (UE) nº 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. Para os efectos de cumprimento deste requisito, no anexo I consta unha declaración de que as empresas solicitantes non se atopan en situación de crise conforme a normativa comunitaria. A Subdirección Xeral de Prevención utilizará os medios que considere oportunos para a súa verificación e requiriralle ao solicitante, se for necesario, os documentos oportunos para a verificación do requisito.

7. Non poderán ser beneficiarias das axudas as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais e incompatibles co mercado común.

Artigo 5. Condicións xerais

Con carácter xeral, deberase ter en conta o seguinte:

1. Non se concederán subvencións para o control selectivo de combustible nas mesmas superficies en que se subvencionou nos tres anos anteriores.

2. Cada persoa beneficiaria só poderá obter unha subvención independentemente de que o solicite individualmente ou agrupada. Se unha persoa solicitante presenta solicitude individual e agrupadamente, comportará o arquivamento da solicitude presentada individualmente. Se presenta máis dunha solicitude entenderase como válida a presentada en primeiro lugar segundo o asento de rexistro correspondente.

3. O imposto sobre o valor engadido (IVE) só será subvencionable cando non sexa susceptible de recuperación ou compensación conforme a lexislación nacional sobre o IVE.

4. Os montes obxecto destas axudas, no momento da solicitude de axuda deben dispoñer dun instrumento de ordenación ou xestión forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados ou ben estar adheridos a un modelo silvícola conforme o establecido no Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia, e segundo a Orde de 19 de maio de 2014 pola que se establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia, así como na súa modificación mediante a Orde do 9 de febreiro de 2021 pola que se modifica o anexo I da antedita orde.

Artigo 6. Informes previos

Solicitarase un informe do servizo con competencias en materia de montes do departamento territorial correspondente, en que se indique se na data en que finaliza o prazo para a presentación das solicitudes:

– As agrupacións forestais de xestión conxunta ou as CMVMC están legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no rexistro correspondente.

– As cotas mínimas de reinvestimento dos MVMC son do 40 % de todos os ingresos xerados, segundo o disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal.

– A superficie do MVMC ou agrupación forestal de xestión conxunta, para a que se solicitan as actuacións subvencionadas, está incluída nun instrumento de ordenación ou xestión forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados ou ben está adherida a un modelo silvícola conforme o establecido no Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia, e segundo a Orde do 19 de maio de 2014 pola que se establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia, así como na súa modificación mediante a Orde do 9 de febreiro de 2021 pola que se modifica o anexo I da antedita orde.

Artigo 7. Actuacións subvencionables

1. As actuacións que se subvencionarán teñen por obxecto a prevención de incendios forestais, polo tanto, estarán encamiñadas a eliminar ou reducir os riscos que poden ser causa da súa ocorrencia ou propagación. As accións que se subvencionan consistirán no control da biomasa en áreas devasa, devasas e faixas auxiliares de pista, coa finalidade de reducir a carga de combustible existente no monte e crear zonas con descontinuidade horizontal e vertical, contribuíndo así a diminuír o risco de propagación de incendios forestais e a minimizar os danos causados por estes sinistros, en caso de se produciren. Estes traballos realizaranse sempre dentro do ámbito territorial do monte ou montes para os que a persoa beneficiaria solicite a subvención.

Serán subvencionables as seguintes accións:

a) Áreas devasa:

Subvencionarase aqueles tratamentos silvícolas preventivos que permitan reducir a carga de combustible nunha localización estratéxica do monte, de forma que se unha fronte de lume chega a ela, a área devasa ofreza unha oportunidade de extinción e de anticipar unha estratexia de defensa eficaz e segura ante un incendio forestal, ou ben que esta sirva para desactivar o mecanismo de propagación do lume ou para reducir a súa intensidade. Para poder obter a subvención, deberá quedar xustificado tecnicamente no documento descritivo a que fai referencia o artigo 12 desta orde, que a área cumpre con esta condición.

Os tratamentos que se poderán aplicar nestas áreas estratéxicas son de dous tipos:

a.1.) Áreas devasa en monte desarborizado:

Son áreas devasa que se crean en monte desarborizado ou cunha fracción de cabida cuberta inferior ao 30 %, co fin de romper a continuidade horizontal e vertical do combustible forestal. Non se inclúen nesta actuación as superficies de rexeneración forestal natural.

A actuación consistirá na roza a feito de toda a área, de forma que tras esta o mato non supere, en xeral, os 10 cm de altura.

A área devasa deberá estar deseñada de forma que, en condicións normais, deteña o lume e sirva de apoio aos medios terrestres para que nos labores de extinción realicen o ataque directo ou indirecto desde esta.

Se o deseño da área ten forma lineal, as faixas deberán ter unha anchura mínima de 16 metros.

As áreas devasa en monte desarborizado realizaranse de forma mecanizada con rozadora de cadeas ou similar.

a.2.) Áreas devasa en monte en rexeneración:

Estas áreas devasa crearanse en masas forestais procedentes de rexeneración natural que teñan un diámetro medio inferior aos 6 cm e unha densidade superior aos 3.000 pes/ha.

Nelas realizarase a roza mecanizada por faixas do arboredo en rexeneración e do mato, deseñando as faixas de forma que se reduza en dous terzos a superficie arborizada. Tras a roza, a altura do mato non deberá superar, en xeral, os 10 cm.

Nas entrefaixas, que supoñen un terzo da superficie da área cortalumes, realizarase unha roza superficial de penetración e rareo do rexenerado, deixando unha distancia media entre os pés que permanezan tras este de 2 metros como mínimo, axustándose, de ser o caso, ao modelo silvícola que proceda. Esta actuación incluirá a recollida de restos na entrefaixa e o amoreamento destes nas faixas.

Por último, realizarase a trituración dos restos da faixa con rozadora de martelos ou similar, de forma que a altura do mato logo da actuación non supere, en xeral, os 10 cm.

b) Devasas:

As devasas son infraestruturas lineais de defensa contra incendios consistentes en faixas continuas de terreo desprovistas de vexetación deseñadas para romper a continuidade horizontal e vertical das masas forestais.

As actuacións que se subvencionarán serán as de mantemento de devasas xa existentes, podendo incluír o aumento da súa anchura. Estas actuacións consistirán na eliminación de toda a vexetación coa coitela frontal do bulldozer, deixando ao descuberto o horizonte superficial do solo.

Nas zonas de pendente superior ao 20 % daranse cortes transversais á faixa, co fin de desaloxar as augas que discorran por ela e evitar a erosión. No caso de quedar cordóns entre pasadas, deberá quedar unha zona transitable para os vehículos do servizo de prevención de incendios forestais, sempre que a pendente permita o tránsito destes.

A anchura da faixa cortalumes debe ser tal que, en condicións normais e en función da altura do arboredo existente, deteña o lume e sirva de apoio aos medios terrestres para que, nos labores de extinción, realicen o ataque directo ou indirecto desde estas faixas. O mantemento de devasas será mecanizado e deberá facerse con bulldozer.

c) Faixas auxiliares de pista con ou sen roza da plataforma de rodadura:

Son faixas deseñadas ao longo das marxes das vías e camiños forestais en que se elimina biomasa co fin de crear unha descontinuidade na masa forestal que limite a propagación de potenciais incendios forestais, e transforme estas vías en zonas seguras de evacuación ou que permitan protexer o operativo de extinción nas diferentes manobras.

Será subvencionable a eliminación do estrato arbustivo e subarbustivo en cada marxe do camiño ou vía, incluirase tamén a roza de gabias e noiros cando sexa viable tecnicamente. Se for necesario, poderase incluír na actuación a roza da plataforma do camiño, mantendo sempre os importes e as porcentaxes máximas de subvención previstos no artigo 8 desta orde. A altura do mato tras a roza non deberá superar, en xeral, os 10 cm.

A roza da faixa auxiliar será mecanizada e poderá facerse con rozadora de cadeas ou similar, de brazo ou arrastrada.

2. As actuacións poderanse desenvolver de xeito manual, con rozadoras, ou apeiros similares, se for necesario, mantendo sempre os importes e as porcentaxes máximas de subvención previstos no artigo 8 desta orde.

3. Para poder solicitar as ditas actuacións, a superficie mínima será de 5 ha e a máxima será:

Para expedientes de CMVMC, mancomunidades ou agrupacións de CMVMC de menos de 1.000 ha clasificadas como MVMC:

Superficie máxima de 30 ha que pode incrementarse ata 50 ha, sempre que polo menos se inclúan 10 ha de áreas devasa en monte en rexeneración.

Para expedientes de CMVMC, mancomunidades ou agrupacións de CMVMC con 1.000 ha ou máis clasificadas como MVMC ou agrupacións forestais de xestión conxunta:

Superficie máxima de 40 ha que pode incrementarse ata 60 ha, sempre que polo menos se inclúan 20 ha de áreas devasa en monte en rexeneración.

4. A superficie mínima viable de execución para o conxunto de todas as actuacións, tras as inspeccións sinaladas nos artigos 14.3 e 25 desta orde, deberá chegar cando menos ás 5 hectáreas. Se non fose así, implicará a revogación no caso de que xa estivese concedida.

5. Non serán subvencionables os gastos anteriores á solicitude de axuda.

Artigo 8. Importes e porcentaxes das subvencións

1. A contía das subvencións estará condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

2. Os prezos que se reflicten na táboa seguinte son indicativos para a persoa titular da solicitude e obrigatorios como prezos máximos na aplicación polos SPIF para a aprobación dos orzamentos. Nesta táboa descríbense as actuacións que se poden incluír dentro de cada actividade prevista no artigo anterior. Os prezos refírense a hectáreas de actuación.

Unidade

Descrición

Prezo máximo aplicable

a) Áreas devasa

a.1) Áreas devasa en monte desarborizado:

ha

Roza mecanizada con rozadora de cadeas ou similar

587,400 €

a.2) Áreas devasa en monte en rexeneración:

ha

Rareo sistemático de rexeneración forestal con tratamento de restos

1.657,859 €

b) Devasas

ha

Mellora de faixas cortalumes xa existentes con folla de máquina

635,133 €

c) Faixas auxiliares de pista con ou sen roza da plataforma de rodadura

ha

Roza mecanizada con rozadora arrastrada de cadeas ou similar

587,400 €

ha

Roza mecanizada con rozadora de brazo ou similar

734,250 €

3. A porcentaxe que se subvencionará será do:

– 100 % do custo total subvencionable para os beneficiarios que cumpran algunha destas condicións:

a) Que a entidade solicitante sexa unha agrupación forestal de xestión conxunta e actúe en terreos da súa titularidade.

b) Que a entidade solicitante estea inscrita como silvicultor activo no rexistro regulado pola Orde do 26 de abril de 2022 pola que se desenvolve a tramitación electrónica das solicitudes para o recoñecemento como agrupación forestal de xestión conxunta e como persoa silvicultora activa e actúe en terreos da súa titularidade.

c) Actuacións en terreos forestais ocupados por formacións de Pinus pinaster e Pinus sylvestris.

– 80 % do custo total subvencionable para o resto dos beneficiarios.

Artigo 9. Criterios de selección

1. A concesión das subvencións axustarase aos principios xerais recollidos no artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en consonancia coas prioridades das medidas de fomento dispostas no artigo 121 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

2. As actuacións preventivas subvencionadas complementarán os labores de prevención desenvolvidos polos medios propios dos SPIF, de xeito que se reforcen nos lugares estratéxicos e se estendan ao máximo posible no territorio.

3. Atenderanse as solicitudes de maior a menor puntuación ata acadar o orzamento asignado segundo o baremo seguinte:

a) Expedientes con agrupacións forestais de xestión conxunta ou montes veciñais en man común situados en concellos declarados zonas de alto risco segundo o disposto na Orde do 18 de abril de 2007 pola que se zonifica o territorio con base no risco espacial de incendio forestal ou incluídos en concellos con espazos protexidos da rede Natura 2000: 7 puntos.

b) Número de comunidades que integran a agrupación e agrupación forestal de xestión conxunta, puntuación:

Dúas comunidades: 0,60 puntos.

Tres comunidades: 1,35 puntos.

Catro comunidades: 2,25 puntos.

Cinco ou máis comunidades ou agrupación forestal de xestión conxunta: 3 puntos.

c) Superficie total da CMVMC, agrupacións de CMVMC ou mancomunidade clasificada como MVMC, agrupación forestal de xestión conxunta:

Desde 500 ata 1.000 ha: 4 puntos.

Mais de 1.000 e ata 2.000 ha: 7 puntos.

Máis de 2.000 ha ou agrupación forestal de xestión conxunta: 10 puntos.

d) Expedientes que inclúan algún monte no Rexistro Galego de Montes Ordenados (artigo 126 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia): 4 puntos.

e) Expedientes con algún monte con certificación forestal con sistema PEFC ou FSC: 4 puntos.

f) Expedientes con montes protectores: 2 puntos.

4. Para todos os casos, de existir empate, prevalecerá a maior puntuación obtida no punto a) e de continuar este, será preferente a maior puntuación obtida nos puntos b), c), d), e) e f) sucesivamente.

De continuar o empate, prevalecerá a maior superficie clasificada da CMVMC, agrupacións de CMVMC, mancomunidade ou agrupación forestal de xestión conxunta e despois o maior número de comunidades que integran a agrupación.

5. De acordo co disposto no documento de Criterios de selección de operacións do PEPAC 23-27, a puntuación das solicitudes estará entre 9 e 30 puntos.

Artigo 10. Solicitudes electrónicas e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Deberán presentar obrigatoriamente solicitude electrónica correctamente completada, conforme o anexo I (código de procedemento MR651A). Os datos incluídos nestes anexos terán a consideración de declaración responsable e son esenciais para a súa aprobación polo que a inexactitude, falsidade ou omisión de calquera dos datos determinará a imposibilidade de continuar coa tramitación da subvención e dará lugar á inadmisión da solicitude. A solicitude non implica ningún dereito para a persoa peticionaria mentres non exista resolución de concesión.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As entidades solicitantes deberán achegar xunto ao anexo I (código de procedemento MR651A) a seguinte documentación:

a) Xustificación por parte da persoa beneficiaria de non suxeición ou exención do IVE emitida pola Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT). En caso de non presentarse esta xustificación ou non ser válida, considerarase que o IVE non é subvencionable para a persoa beneficiaria.

b) Xustificación de que os montes contan cun instrumento de ordenación ou xestión forestal ou, de ser o caso, copia da súa adhesión aos modelos silvícolas, segundo o previsto no artigo 5.4 desta orde.

c) No caso de agrupacións de montes veciñais en man común ou agrupacións forestais de xestión conxunta, a solicitude irá asinada pola persoa representante da agrupación de conformidade co artigo 4.5 desta orde. Na solicitude recollerase o nome de todas as CMVMC que compoñen a agrupación co seu NIF, a porcentaxe de execución que asume cada CMVMC así como a porcentaxe de subvención que percibirá cada unha delas. Neste suposto, e con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión da subvención, deberá constar no expediente a documentación que acredite a representación para os efectos de tramitación da subvención e, de ser o caso, do cobramento desta, de conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o modelo que figura no anexo II desta orde.

d) No caso de subcontratación dos traballos obxecto de subvención, deberá presentar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente a elección nunha memoria cando non recaia na proposta máis favorable economicamente. Non se admitirán as ofertas que procedan de empresas vinculadas entre elas, nos termos establecidos no artigo 42 do Código de comercio, que regula os grupos de sociedades. Así mesmo, as empresas e as persoas individuais que sexan responsables deses orzamentos deberán exercer a súa actividade vinculada á silvicultura.

e) Certificado, asinado polo secretario da CMVMC, sobre o acordo da asemblea de solicitar a subvención.

f) Memoria descritiva das actuacións que se axuste aos contidos mínimos que se indican no artigo seguinte desta orde.

g) No caso de sociedades, para dar cumprimento ao establecido no artigo 4.6 desta orde, copia dos balances e das contas de explotación dos tres últimos anos.

h) Acreditación, de ser o caso, de que o monte conta con certificación forestal con sistema PEFC ou FSC.

i) No caso de solicitar actuacións sobre terreos que teñan afeccións distintas das forestais, segundo a lexislación sectorial aplicable e segundo os datos do visor http://mapas.xunta.gal/visores/aproveitamentos/, as persoas solicitantes deberán achegar as autorizacións, declaracións responsables ou informes a que estean obrigados en función das anteditas afeccións ou xustificante de telos solicitados.

j) Acreditación, de ser o caso, da inscrición no rexistro como persoa silvicultura activa, ou, na súa falta, xustificante de ter solicitado a dita inscrición antes de que remate o prazo de solicitude da axuda.

Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderase requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para continuar coa tramitación do procedemento.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Contido da memoria descritiva das actuacións

1. A memoria descritiva das actuacións deberá estar asinada dixitalmente por unha persoa titulada en enxeñaría de montes, enxeñaría técnica forestal ou titulada universitaria de grao ou posgrao en materia forestal e conterá, como mínimo:

a) Estado legal dos predios obxecto de subvención: superficie, localización, estremeiros, accesos, etc.

Deben indicar, segundo o visor http://mapas.xunta.gal/visores/aproveitamentos/ se existe algunha afectación, de que afectación se trata e localización das parcelas afectadas. En particular, deberá reflectirse se as actuacións se atopan en:

1º. Montes xestionados pola Xunta de Galicia.

2º. Rede Natura 2000.

3º. Zonas de protección lateral do Camiño de Santiago.

4º. Zonas en que existen obxectos ou restos materiais que formen parte do Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

5º. Terreos cun proceso de concentración parcelaria iniciado.

6º. Terreos cun proceso iniciado de expropiación forzosa.

b) Descrición das actuacións que se levarán a cabo. As actuacións describiranse por zona de actuación ou mouteira (zona de actuación/mouteira 1, 2...), detallando a relación de parcelas Sixpac correspondentes ás zonas de actuación.

Para as actuacións de creación de áreas devasa, tanto se son en monte desarborizado como se está en rexeneración, deberá incluírse unha xustificación do lugar elixido para localizala e o seu deseño, así como da efectividade desta actuación en relación coa defensa contra os incendios forestais que se pretende alcanzar.

Nas actuacións de roza de faixas auxiliares de pista, deberase indicar e xustificar cal será a anchura da faixa a ambos os lados da pista, no caso de incluír a roza da plataforma de rodadura, deberase sinalar tamén a súa anchura.

c) No caso de agrupacións de MVMC, incluirase nos planos unha referencia que permita coñecer cal é a superficie con que participa cada monte veciñal da agrupación.

d) Cartografía: planos sobre mapas oficiais preferentemente a escala 1:5.000, ou na súa falta, a escala 1:10.000. Estes planos reflectirán onde se localizan as distintas actuacións para cada zona. As lendas incluirán para cada unha destas: a súa identificación (zona de actuación/mouteira 1, 2...), os tipos de actuación e as superficies de actuación. As actuacións en áreas devasa en monte desarborizado marcaranse en cor ciano, as de áreas devasa en monte arborizado en cor maxenta, as melloras de devasas en cor amarela e as de faixas auxiliares de pista en cor vermella.

2. Ademais dos planos mencionados, a información que fai referencia ás actuacións previstas no parágrafo anterior terá que ser achegada en soporte dixital en formato vectorial. Os arquivos estarán xeorreferenciados sobre o datum ETRS89 en coordenadas UTM sobre o fuso 29N e en formato shape (shp). Teñen que aparecer na correspondente táboa de atributos os datos de tipo e a superficie de actuación de cada polígono.

3. A táboa de atributos do shape terá un formato dbf e a estrutura deberá seguir obrigatoriamente o modelo que se amosa abaixo, tanto nos títulos dos campos como na posición destes na táboa.

4. Co fin de asegurar unha homoxeneidade na información vectorial subministrada, detállase a continuación o modelo de datos e a codificación alfanumérica das entidades vectoriais (polígonos).

a) Formato: shapefile (a información subministrarase nun arquivo zip comprimido co conxunto dos arquivos que compoñen o formato shapefile).

b) Nome do arquivo: coincidente co CIF da persoa solicitante seguindo de guión baixo e o ano da convocatoria, sen espazos nin puntos entre os díxitos (tanto arquivos do shapefile como nome do arquivo de compresión).

c) Datum e proxección: ETRS89 en coordenadas UTM sobre o fuso 29N.

d) Entidade vectorial: Polígono.

5. A información alfanumérica asociada á entidade vectorial deberá seguir as seguintes características:

Nome do campo

Características

Observacións

Código

Alfanumérico (varchar) de 13 díxitos

Código formado polo CIF da entidade solicitante ou representante seguido de guión baixo e as cifras do ano 2024. Exemplo: 11111111A_2024

Prov

Numérico enteiro curto de 2 díxitos

Segundo códigos Sixpac 2024

Muni

Numérico enteiro curto de 5 díxitos

Segundo códigos Sixpac 2024 (provincia + municipio)

Agre

Numérico enteiro curto de 3 díxitos

Agregado segundo Sixpac 2024

Zona

Numérico enteiro curto de 3 díxitos

Zona segundo Sixpac 2024

Polig

Numérico enteiro de 6 díxitos

Polígono segundo Sixpac 2024

Parc

Numérico enteiro de 11 díxitos

Parcela segundo Sixpac 2024

Rec

Numérico enteiro de 11 díxitos

Recinto segundo Sixpac 2024

Sup_rec

Numérico decimal dobre de 7 díxitos, 3 díxitos na parte enteira e 4 díxitos na decimal

En hectáreas

Mouteira

Alfanumérico (varchar) de 5 díxitos

Identificación da mouteira: 1, 2... (posibilidade de incluír letras, nunca acentuadas)

Act

Alfanumérico (varchar) de 40 díxitos

Código segundo cadro adxunto. Incluiranse unha ou varias actuacións. No caso de ser varias, separaranse os códigos mediante un guión medio (-) sen espazos e a serie comezará co código menor de forma ascendente ata o código de máis valor.

Sup_moutei

Numérico decimal dobre de 7 díxitos, 3 díxitos na parte enteira e 4 díxitos na decimal

En hectáreas

Esta información deberá ser plenamente coincidente cos datos dispostos no documento de descrición das actuacións que se levará a cabo (punto 1.b) deste artigo).

6. Táboa coa codificación do campo «Actuación»:

Código

Categoría

Actuación

1

Áreas devasa en monte desarborizado

Roza mecanizada con rozadora de cadeas ou similar

2

Áreas devasa en monte en rexeneración

Rareo sistemático de rexeneración forestal con tratamento de restos

3

Devasas

Mellora de faixas cortalumes xa existentes con folla de máquina

4

Faixas auxiliares de pista con ou sen roza da plataforma de rodadura

Roza mecanizada con rozadora arrastrada de cadeas ou similar

5

Roza mecanizada con rozadora de brazo ou similar

A continuación, xúntase un exemplo ilustrativo da información alfanumérica asociada á entidade vectorial (polígono):

Cod_expdte

Prov

Muni

Agre

Zona

Polig

Parc

Rec

Sup_rec

Moutei

Act

Sup_moutei

11111111A_2024

36

36017

0

0

284

2

1

0,0412

1

1

0,0301

11111111A_2024

36

36017

0

0

282

16

4

0,1002

2

4-5

0,0912

11111111A_2024

36

36017

0

0

284

55

1

0,0721

3

3

0,0721

---

---

---

---

---

---

---

---

---

---

---

---

7. Deberá indicarse de forma expresa se a subvención se vai executar con medios propios ou con medios externos.

No caso de que a subvención se vaia desenvolver con medios propios, deberá figurar adicionalmente no documento descritivo:

• A vontade da persoa beneficiaria de empregar medios propios.

• Orzamento completo da obra, detallando a cantidade de horas das diferentes categorías profesionais que interveñan na execución de cada unha das distintas unidades de obra.

• Informe en que se describa en que vai consistir a actuación dos medios propios, diferenciando se se trata dunha actuación para toda a obra ou ben para unidades de obra concretas.

Artigo 13. Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración pública actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa cesionaria, de ser o caso.

d) NIF da entidade cedente e cesionaria, de ser o caso.

e) DNI/NIE da persoa representante da persoa cesionaria, de ser o caso.

f) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa AEAT da entidade solicitante, e de ser o caso, da persoa ou entidade cesionaria e a entidade cedente.

g) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social da entidade solicitante e, de ser o caso, da persoa ou entidade cesionaria e a entidade cedente.

h) Certificado de estar ao día do pagamento de débedas coa Administración pública da comunidade autónoma da entidade solicitante e, de ser o caso, da persoa ou entidade cesionaria e a entidade cedente.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos datos indicados, a Consellería do Medio Rural deberá solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 14. Instrución dos expedientes e resolución

1. O órgano competente para levar a cabo a tramitación desta orde de subvencións é a Subdirección Xeral de Prevención.

2. Unha vez presentada a solicitude, o órgano instrutor revisará que conteña toda a documentación requirida e que cumpre coas obrigas establecidas nesta orde, na normativa da Unión Europa, a lexislación nacional e autonómica.

No caso de que a solicitude e a documentación complementaria presentada non reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano instrutor requirirá ao solicitante que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, nos termos previstos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, coa indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa solicitude, despois da resolución que deberá ditase nos termos previstos no citado artigo. O requirimento de emenda de erros practicaranse só por medios electrónicos.

3. Unha vez constatado que a solicitude cumpre os requisitos para ser beneficiaria desta subvención, realizarase unha inspección para verificar as superficies propostas de traballo e a súa viabilidade. Esta inspección realizarase no campo por persoal funcionario da Consellería do Medio Rural, antes da resolución de concesión da subvención.

4. Tras a realización das devanditas inspeccións, e unha vez verificadas as superficies propostas de traballo e a súa viabilidade, o órgano instrutor proporá ao órgano colexiado composto polas persoas titulares da xefatura do Servizo de Xestión de Fondos, da xefatura do Servizo de Actuacións Preventivas, e dunha xefatura de sección da Dirección Xeral de Defensa do Monte, que actuará como secretaria, a relación das solicitudes presentadas que cumpran todos os requisitos desta orde.

5. O órgano colexiado valorará as solicitudes de subvención segundo os criterios de prioridade establecidos nesta orde e emitirá un informe á persoa titular da Subdirección Xeral de Prevención que, pola súa vez, elevará a proposta de concesión á persoa titular da Dirección Xeral de Defensa do Monte.

6. A persoa titular da Dirección Xeral de Defensa do Monte, por delegación da persoa titular da Consellería do Medio Rural, resolverá sobre a aprobación das subvencións solicitadas en réxime de concorrencia competitiva axustándose aos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

7. O prazo máximo para resolver será de 5 meses desde o día seguinte a que remate o prazo de presentación de solicitudes. No caso de non ditarse a resolución expresa no prazo indicado, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude, sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto nos artigos 21 e 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos, agás as que se refiren no punto 6 deste artigo, practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Malia o establecido nos anteriores números, as notificacións das resolucións de estimación e de desestimación destas axudas realizaranse mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45, punto 1, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, a persoa beneficiaria, o custo total subvencionable e a porcentaxe deste concedida, e a finalidade da subvención outorgada, así como a indicación das causas da desestimación e expresaranse, ademais, os recursos que contra a resolución procedan, órgano administrativo ou xudicial ante o que deben presentarse e o prazo para interpolos. Tamén figurará a puntuación de todas as solicitudes que entran no procedemento de concorrencia competitiva.

7. Na notificación de concesión da axuda informarase ás persoas beneficiarias de que se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado polo Feader e se enmarca dentro do PEPAC 2023-2027 de Galicia, na intervención 68812.

8. De ser o caso, tamén figurará unha lista de todos os expedientes aprobados que non teñan a autorización ou informe sectorial de afeccións distinta da forestal nos cales se dará un prazo de 1 mes, contado desde a publicación da resolución de aprobación, para a súa presentación. No caso de que a autorización ou informe sexa desfavorable ou sexa entregada fóra do prazo dado, procederase á tramitación do correspondente expediente de perda do dereito ao cobramento da axuda.

Artigo 17. Recursos

As resolucións de subvención ditadas ao abeiro desta orde, así como a desestimación presunta de solicitudes, poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que venza o prazo para resolver previsto no artigo 14.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución e, no caso de que a resolución non sexa expresa, poderase interpoñer desde o día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 18. Execución da subvención

1. Despois de notificada a resolución definitiva, as persoas beneficiarias disporán dun prazo de dez (10) días para renunciar, comunicándoo por escrito á Consellería do Medio Rural. Transcorrido este prazo sen que se producise manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada, de acordo co parágrafo segundo do artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Unha vez publicada a resolución de estimación das axudas no Diario Oficial de Galicia e, de ser o caso, sempre que sexan favorables os informes a que se refire o artigo 6 desta orde, poderán comezar os traballos.

3. Se durante a execución dos traballos aparece algunha dificultade técnica que impida actuar da forma prevista no documento descritivo, a entidade deberá solicitar unha nova inspección por persoal funcionario da Consellería do Medio Rural, que deberán redactar un informe que indique se existe ou non a dita dificultade e as posibles unidades que se ven afectadas.

Só neste caso, cando dentro do terreo propiedade dos solicitantes exista outra zona en que poder executar os traballos que non é posible realizar, poderán presentar un modificado do documento descritivo que inclúa o mesmo número de unidades de actuación que as que foron aprobadas no momento da resolución de concesión da axuda. Antes de aceptarse o modificado, deberá realizarse unha nova inspección de campo para comprobar novamente as superficies propostas e a viabilidade dos traballos.

4. Se por causas sobrevidas, no caso de subcontratación dos traballos, estes non poden ser realizados pola empresa adxudicataria no momento da concesión da axuda, as entidades beneficiarias deberán comunicalo antes de que comecen os traballos obxecto de subvención. Esta comunicación indicará os datos completos da nova empresa que realizará os traballos xunto co seu orzamento, e irá acompañada da comunicación da empresa concesionaria en que indique os motivos polos que non realizará os traballos obxecto de subvención.

En calquera caso, a aceptación dunha nova empresa adxudicataria non suporá un aumento da cantidade da axuda concedida.

Artigo 19. Perda do dereito á subvención

Serán motivo de perda do dereito da subvención as seguintes causas:

a) Os informes desfavorables do servizo con competencias en materia de patrimonio natural, do servizo con competencias en materia de montes ou do SPIF do departamento territorial correspondente.

b) A entrega fóra de prazo dos informes sinalados no artigo 16.8.

c) A notificación da resolución pola que se dea por transcorrido o prazo do requirimento de emenda da documentación.

d) No caso de que nos controis administrativos sobre a solicitude de pagamento, controis sobre o terreo e a posteriori se verifique que non se cumpren as condicións para obter a puntuación aplicada na concorrencia competitiva para a aprobación dos expedientes e non se acada a puntuación mínima exixida para esa aprobación, suporá un incumprimento dos compromisos da aprobación e igualmente levará como consecuencia a perda do dereito ou o reintegro da axuda, de ser o caso.

Artigo 20. Subcontratación dos traballos

1. A persoa beneficiaria poderá subcontratar total ou parcialmente a actividade subvencionada, conforme o previsto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas a diferentes provedores e achegalas coa documentación complementaria da solicitude de axuda, segundo o establecido no artigo 11. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis favorable.

3. As persoas contratistas quedarán obrigadas só fronte á persoa beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade subvencionada fronte á Consellería do Medio Rural.

4. Cando a actividade subcontratada con terceiros exceda o 20 % do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 €, a subcontratación estará sometida a que o contrato se subscriba por escrito e que esta a autorice previamente a Consellería do Medio Rural.

5. Non poderá fraccionarse un contrato co obxecto de diminuír a súa contía e eludir o cumprimento dos requisitos exixidos no punto anterior.

6. No suposto de subcontratación non serán subvencionables os custos relativos aos seguintes subcontratos:

a) Os que aumenten o custo da execución da operación sen un valor engadido.

b) Os celebrados con intermediarios/as ou asesores/as en que o pagamento consista nunha porcentaxe do pagamento total da operación, a non ser que a persoa beneficiaria xustifique o dito pagamento por referencia ao valor real do traballo realizado ou aos servizos prestados.

Artigo 21. Alteración de condicións

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 22. Responsabilidade

1. A organización e a materialización das actividades subvencionadas será responsabilidade exclusiva da persoa beneficiaria.

2. A actuación da Consellería do Medio Rural quedará limitada ao outorgamento da correspondente subvención e a garantir o cumprimento da normativa en materia de subvencións.

Artigo 23. Xustificacións

1. A persoa beneficiaria deberá comunicar o remate das obras á Subdirección Xeral de Prevención da Consellería do Medio Rural.

2. O prazo máximo para o remate e a xustificación dos traballos remata o 30 de outubro para a anualidade 2025 e o 30 de xuño para anualidade 2026.

3. A xustificación presentarase de forma electrónica ante á Subdirección Xeral de Prevención da Consellería do Medio Rural, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e do disposto no artigo 10 da presente orde.

4. A Consellería do Medio Rural poderá solicitar das persoas peticionarias toda a información e as xustificacións técnicas e económicas que considere necesarias, co obxecto de comprobar a realización das actuacións subvencionables e os custos derivados.

5. Para os efectos do disposto no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e dado que existen custos de referencia para cada unidade de obra que supoñen que, en ningún caso, o custo de execución dos traballos subvencionados poida ser superior ao valor de mercado, considérase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

Artigo 24. Solicitude de pagamento

As solicitudes de pagamento realizaranse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia e segundo o anexo IV.

Coa solicitude de pagamento, en que figurará a data de remate dos traballos, realizarase a declaración doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia, e achegarase a seguinte documentación:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Unha memoria económica xustificativa que conterá, como mínimo, os seguintes aspectos:

i. Acreditación sobre o número de unidades físicas executadas.

ii. Contía da subvención calculada sobre a base das actividades cuantificadas na memoria de actuación, os prezos das unidades de obra previstos nesta subvención e a porcentaxe da axuda concedida.

c) Facturas e xustificantes de gasto. O gasto xustificado deberá ser igual ou superior ao custo máximo subvencionable.

Os xustificantes de gasto consistirán, de forma xeral, nas facturas acreditativas dos investimentos que cumpran as exixencias que establece a AEAT (Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación).

As facturas deberan incluír unha descrición das operacións, en que se consignarán todos os datos necesarios para a determinación da base impoñible do imposto correspondente a aquelas e o seu importe, e en que se inclúa o prezo unitario sen imposto das ditas operacións, así como calquera desconto ou rebaixa que non estea incluída no dito prezo unitario.

Non se admitirán como xustificantes de gasto albarás, notas de entrega, facturas pro forma, tíckets, recibos nin as facturas que non conteñan todos os requisitos citados para a súa consideración como tales ou cuxa data non se axuste aos prazos citados.

d) Xustificantes do pagamento efectivo. A xustificación do pagamento realizarase mediante a presentación dalgún dos documentos que se relacionan a seguir:

i. A persoa beneficiaria presentará o xustificante bancario do pagamento (xustificante de transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo na entidade, certificación bancaria, etc.), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa beneficiaria que paga e da persoa destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura. No caso de que o xustificante bancario sexa transferencia bancaria, deberá ser orixinal ou copia auténtica e estará selado pola entidade bancaria.

ii. Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, nota promisoria, letra de cambio, etc.), achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañado da documentación bancaria (extracto da conta da persoa beneficiaria, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto etc.) en que conste claramente que o dito efecto foi efectivamente pagado dentro do prazo de xustificación.

iii. No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas ao proxecto, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas obxecto del.

iv. No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento, e irá xunto cunha relación de todos os documentos de pagamento e importes acreditativos do pagamento desa factura.

v. No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, deberá identificarse claramente no documento de pagamento a factura ou facturas cuxo pagamento se imputa ao proxecto.

vi. No caso de facturas en moeda estranxeira, deben xuntarse os documentos bancarios de cargo en que conste o cambio utilizado.

vii. No caso de cesión do dereito de cobramento da axuda a unha terceira persoa, establecido no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considérase efectivamente pagado o gasto coa cesión do dereito de cobramento da subvención a favor das persoas cesionarias, presentada coa seguinte documentación:

1º. Comunicación outorgando o dereito de cobramento, conforme o modelo que figura no anexo III desta orde.

2º. Documento público ou privado orixinal polo cal se formalizou a cesión.

3º. Copia do xustificante de pagamento ou de exención do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, cando proceda.

4º. Certificado da persoa secretaria da CMVMC en que conste o acordo da asemblea da cesión do dereito de cobro á persoa cesionaria.

e) Plano final coa delimitación das actuacións realizadas así como arquivo gráfico en soporte dixital e formato vectorial tipo shape no datum ETRS89 e coordenadas UTM sobre o fuso 29N coa superficie afectada polos traballos, coas características descritas no artigo 10.2, 10.3, 10.4, 10.5 e 10.6 desta orde.

f) No caso de empregar medios propios achegaranse, ademais:

• Nóminas correspondentes ao tempo dedicado polas persoas traballadoras á execución do traballo, certificando especificamente a porcentaxe de tempo que cada persoa traballadora dedicou á obra.

• Documentación acreditativa do pagamento das nóminas, cargas sociais e retención do IRPF.

• No caso doutros gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada (compra de materiais etc.) as facturas acreditativas deses gastos e os xustificantes de pagamento destes.

• A persoa beneficiaria poderá imputar ao proxecto os custos de amortización dos medios materiais propios, sempre que se calculen de conformidade coas normas de contabilidade, para o que deberá achegar a documentación acreditativa do sistema de cálculo empregado.

Artigo 25. Comprobacións

1. A subvención definitiva será a resultante da comprobación final realizada por persoal funcionario da Consellería do Medio Rural, distinto do que realizou a inspección previa (no caso de que a inspección previa fore asinada por dúas persoas, polo menos unha delas será distinta nesta comprobación). Con esta comprobación final poderase modificar á baixa a cantidade aprobada inicialmente, no caso de que se realizase un menor número de unidades de obra das aprobadas. Esta comprobación final consistirá nun certificado en que se indique se as actuacións realizadas foron executadas conforme a solicitude e a memoria inicial ou modificada de acordo co previsto no artigo 18.3, presentada pola entidade beneficiaria, especificando o número de unidades realizadas e a súa localización.

2. Ademais das comprobacións establecidas no punto anterior, o órgano xestor examinará a solicitude de pagamento e a documentación que deberá acompañala segundo o establecido no artigo anterior, e determinará os importes subvencionables.

3. Despois das comprobacións dos puntos 1 e 2, o órgano xestor determinará:

a) O importe pagadeiro á persoas beneficiaria en función da solicitude de pagamento e a decisión da concesión. No caso de que o primeiro sexa superior ao segundo, o importe solicitado axustarase ao límite da concesión.

b) O importe pagadeiro á persoa beneficiaria tras o exame da subvencionalidade dos gastos que figuren na solicitude de pagamento e o certificado emitido na comprobación final.

No caso de que o importe fixado consonte a letra a) supere o importe fixado na legar b) en máis dun 10 %, aplicarase unha penalización ao importe fixado conforme a letra a). O importe da penalización será igual á diferenza entre eses dous importes, pero non irá máis alá do importe solicitado.

Esta penalización mencionada no punto anterior aplicarase mutatis mutandis, aos gastos non subvencionables durante os controis sobre o terreo.

Artigo 26. Pagamento

1. O pagamento será satisfeito unha vez realizada a obra preventiva.

2. Non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto a persoa beneficiaria non se atope ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non teña pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, ou sexa debedora por resolución de procedencia de reintegro.

3. Non procederá o pagamento das subvencións nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente, nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) No caso de que algunha persoa agrupada non execute a porcentaxe de traballos prevista e isto supoña que a agrupación non cumpre co disposto no artigo 3 desta orde, en relación coas superficies forestais mínimas por expediente, non se procederá ao seu pagamento.

c) Execución de menos do 70 % das accións viables sen autorización previa por imposibilidade técnica xurdida durante a execución dos traballos ou causa de forza maior.

Artigo 27. Procedemento de reintegro

1. O incumprimento dalgunha das obrigas desta orde, así como a concorrencia dalgunha das causas de reintegro as recollidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dará lugar ao reintegro total ou parcial da axuda recibida e/ou á perda do dereito ao cobramento das contías non percibidas.

2. Consonte o artigo 10 da Lei 30/2022, do 23 de decembro, pola que se regula o sistema de xestión da política agrícola común e outras materias conexas, o cálculo dos xuros farase en función do tempo transcorrido entre a expiración do prazo de pagamento para a persoa beneficiaria indicado na resolución do procedemento de reintegro e a data de reembolso ou dedución. O prazo de devolución indebido non poderá ser superior en máis de dous meses desde a data de resolución.

3. Consideraranse causas de forza maior e circunstancias excepcionais as previstas no artigo 1105 do Código civil e as do artigo 3 do Regulamento (UE) nº 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021.

Sen prexuízo de que se poidan establecer outras causas de forza maior e circunstancias excepcionais, en todo caso consideraranse como tales as que se establecen a continuación:

a) Falecemento do/da beneficiario/a ou desaparición deste/a.

a) Incapacidade laboral de longa duración do/da beneficiario/a.

b) Catástrofe natural grave ou fenómeno climatolóxico adverso asimilable a catástrofe natural que afectase seriamente as terras agrarias.

c) Praga ou enfermidade vexetal causada por microorganismos patóxenos ou factores ambientais, recoñecida pola autoridade competente, que afectasen unha parte importante ou a totalidade dos cultivos.

d) A expropiación da totalidade ou dunha parte dos terreos, se esta expropiación non era previsible o día en que se presentou a solicitude.

e) A perda da produción nunha parte ou na totalidade do cultivo por danos producidos pola fauna silvestre que fosen recoñecidos pola autoridade competente.

En todo caso, estas causas deberán ser comunicadas por escrito e xustificadas polo/a beneficiario/a ou o seu representante legal xuntando as probas pertinentes á Dirección Xeral de Defensa do Monte, nun prazo de 15 días hábiles desde que se atope en condicións de facelo.

4. Así mesmo, procederase ao reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou outras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a persoa beneficiaria ou, se é o caso, á porcentaxe máxima do investimento subvencionable que se estableza.

Artigo 28. Controis

1. A Consellería do Medio Rural realizará os controis administrativos sobre o 100 % das solicitudes de axuda e de pagamento.

2. A Consellería do Medio Rural realizará os controis sobre o terreo, así como as comprobacións e as inspeccións que considere oportunas coa finalidade de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das subvencións concedidas.

3. A entidade beneficiaria someterase ás actuacións de comprobación e control financeiro dos investimentos subvencionados por parte da Consellería do Medio Rural, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas, e as instancias de control comunitarias.

4. Seralles de aplicación ás subvencións recollidas nesta orde o réxime de controis establecido no plan de controis aprobado pola Dirección Xeral de Defensa do Monte, no Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común, no plan galego de controis das Intervencións PEPAC 2023-2027 –réxime Feader non SIXC–, na Circular de coordinación do FEGA 37/2023: plan nacional de controis das intervencións de desenvolvemento rural non establecidas no ámbito do sistema integrado do período 2023/2027 incluídas no Plan estratéxico da política agrícola común e na circular de coordinación do FEGA 5/2024: criterios para a aplicación de penalizacións nas intervencións de desenvolvemento rural non establecidas no ámbito do sistema integrado do período 2023/2027.

5. Respecto das ofertas presentadas a que se fai referencia no artigo 11.1.d) desta orde, de acordo co artigo 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas provedoras desas ofertas estarán obrigadas a prestar colaboración e facilitar canta documentación lle sexa requirida e, sobre todo, a necesaria para verificar a posible vinculación entre esas persoas provedoras.

Artigo 29. Financiamento

1. As subvencións que deriven da aplicación desta orde financiaranse, nos exercicios 2025 e 2026, con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.551B.770.0 do proxecto de lei de orzamentos da comunidade autónoma para o ano 2025, por un importe de 3.900.000,00 € (2.500.000,00 € no ano 2025, e 1.400.000,00 € no ano 2026), cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) nunha porcentaxe do 80 %, pola Administración xeral do Estado nun 16 % e pola Xunta de Galicia nun 4 %, respecto ao gasto público total.

A presente orde tramitarase e financiarase ao abeiro da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes de 27 de novembro de 2000 e 25 de outubro de 2001 que regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que a resolución da concesión das axudas queda condicionada á efectiva existencia de crédito axeitado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2025 aprobados polo Consello da Xunta, na aplicación orzamentaria 15.02.551B.770.0, co código de proxecto 2024 00115, do orzamento de gastos da Xunta de Galicia.

2. A Consellería do Medio Rural, chegado o caso, poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta orde, de conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito e, se é o caso, unha vez aprobada a modificación orzamentaria que proceda.

A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que esta publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 30. Compromisos das persoas beneficiarias e coordinación co SPIF

1. Os medios humanos e materiais a que se refire esta orde observarán o disposto no artigo 47 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

2. A persoa beneficiaria comprométese en todo momento a facilitar as tarefas de inspección ao persoal adscrito á Consellería do Medio Rural, así como a outras instancias autonómicas ou comunitarias.

3. Os medios humanos e materiais que executen as obras deberán cumprir coa normativa laboral, en particular coa de prevención de riscos laborais.

Artigo 31. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Segundo o Regulamento (UE) nº 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, establécese no artigo 131 que a persoa beneficiaria se compromete a proporcionar á autoridade de xestión, aos/ás avaliadores/as designados/as, ou a outros organismos en que a dita autoridade delegase a realización deste tipo de tarefas toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e a avaliación do programa, en particular, en relación co cumprimento de determinados obxectivos e prioridades.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Acreditar, con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión, que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

Deberase levar un sistema de contabilidade específica Feader, ou ben un código contable axeitado, onde se rexistren as transaccións relativas á operación, tal e como exixe o artigo 123.2.b).i do Regulamento (UE) nº 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da política agrícola común (plans estratéxicos da PAC), financiada con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas de difusión contidas no número 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso das agrupacións de montes veciñais en man común, se se disolve a agrupación antes de que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cada persoa xurídica membro da agrupación asumirá a obriga de reintegro que corresponda.

j) Cumprir cos requisitos en materia de información, publicidade e visibilidade relacionados coas axudas da Unión e o Plan estratéxico da PAC recollidos no Regulamento de execución (UE) nº 2022/129 da Comisión, do 21 de decembro de 2021. En particular:

• Todas as actividades de información e publicidade que leven a cabo as persoas beneficiarias deberán destacar o apoio dos fondos á operación incorporando:

a. O logo da Xunta de Galicia.

b. O emblema da Unión Europea e, xunto con el, a declaración «Financiado pola Unión Europea» ou «Cofinanciado pola Unión Europea», que figurará sen abreviar.

c. O logotipo xeral oficial do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA).

d. Referencia á axuda do Feader a través do PEPAC, indicando o cofinanciamento pola Unión Europea, a porcentaxe de cofinanciamento e o montante total da axuda.

• Cando a persoa beneficiaria dispoña dun sitio web e/ou contas oficiais nas redes sociais, deberá incorporar, ademais do disposto no punto anterior, unha breve descrición da operación que recibe os fondos europeos, de maneira proporcionada ao nivel da axuda, e indicará os seus obxectivos e resultados.

• As intervencións que reciban unha axuda pública total superior a 10.000 euros deberán colocar, polo menos, un panel de tamaño A3 (300×450 mm) nun lugar ben visible no terreo onde se realicen as actuacións obxecto de subvención, que fará referencia clara e inequívoca á axuda concedida con expresión dos datos identificativos desta orde, acompañados polo logotipo da Xunta de Galicia e da Consellería de Medio Rural, e o do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, destacando a axuda financeira recibida pola Unión.

Artigo 32. Infraccións e sancións

En materia de infraccións e sancións será de aplicación o disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no título II da Lei 30/2022, do 23 de decembro, pola que se regulan o sistema de xestión da política agrícola común e outras materias conexas, así como o Real decreto 147/2023, do 28 de decembro, polo que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións nas intervencións contempladas no Plan estratéxico da política agrícola común, e modifícanse varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da política agrícola común para o período 2023-2027.

Artigo 33. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional primeira

As subvencións contidas nesta orde son incompatibles con outras subvencións de calquera Administración pública e con calquera outro réxime de subvencións comunitarias para a mesma finalidade.

Disposición adicional segunda

Nos aspectos non previstos nesta orde observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Regulamento (UE) nº 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da política agrícola común (plans estratéxicos da PAC), financiada con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e no Regulamento de execución (UE) nº 2022/1173 da Comisión, do 31 de maio, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control da política agrícola común.

Disposición adicional terceira

De conformidade co establecido nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, tramitarase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na antedita base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional cuarta

A resolución e xestión desta orde está condicionada á aprobación pola autoridade rexional de xestión, logo de consulta ao Comité de seguimento rexional, da modificación dos criterios fixados para a subintervención 68812_04 Infraestrutura e silvicultura preventiva de incendios.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2024

Mª José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file