DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Venres, 24 de xaneiro de 2025 Páx. 6812

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

EXTRACTO da Orde do 27 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras do Plan Galicia emprega de incentivos á contratación na empresa ordinaria, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento TR342C).

BDNS (Identif.): 810051.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas que contraten persoas traballadoras por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde. Tamén poden ser beneficiarios dos incentivos os centros especiais de emprego, excepto para subscribir contratos con persoas con discapacidade, e as empresas de inserción laboral, excepto para subscribir contratos con persoas en situación ou risco de exclusión social.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e convocar para o ano 2025 as axudas establecidas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que favorezan a contratación de persoas desempregadas na empresa ordinaria e en entidades sen ánimo de lucro, especialmente daquelas que teñen maiores dificultades de inserción laboral, coa finalidade de seguir paliando os prexuízos económicos sobre o mercado de traballo, derivados dos efectos da pandemia provocada pola COVID-19 e agravados pola invasión de Ucraína por parte de Rusia.

A orde regula o Plan Galicia emprega (código de procedemento TR342C) de incentivos á contratación por conta allea dos colectivos vulnerables recollidos no artigo 24.1.a), a través dunha liña de incentivos á contratación por conta allea cuxas particularidades se recollen nesta orde, e que inclúe catro modalidades de axudas:

a) Incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas.

b) Incentivos ao incremento de xornada das contratacións indefinidas, de tempo parcial a tempo completo.

c) Incentivos ao incremento da duración anual dos contratos fixos-descontinuos a un mínimo de 9 meses.

d) Axudas para a adaptación de postos de traballo de persoas con discapacidade.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 27 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras do Plan Galicia emprega de incentivos á contratación na empresa ordinaria, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento TR342C).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínanse dezanove millóns setecentos mil euros (19.700.000 €), distribuídos do seguinte xeito:

– Persoas mozas: 3.500.000 €.

– Mulleres: 7.000.000 de €.

– Persoas paradas de longa duración e/ou persoas de 52 ou máis anos: 2.000.000 de €.

– Persoas emigrantes retornadas e estranxeiras: 2.000.000 de €.

– Mulleres en ocupacións masculinizadas: 1.700.000 €.

– Persoas con discapacidade e/ou en risco ou situación de exclusión social: 3.000.000 de €.

– Para todos os colectivos anteriores, no caso de que a entidade beneficiaria sexa una entidade sen ánimo de lucro: 500.000 €.

Quinta. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día 31 de xaneiro de 2025 e rematará o 30 de setembro de 2025.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2024

José González Vázquez
Conselleira de Emprego, Comercio e Emigración