Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e do Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, esta consellería asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.
A disposición adicional segunda do Real decreto 818/2021, do 28 de setembro, que regula os programas comúns das políticas activas de emprego, establece que as comunidades autónomas poderán desenvolver programas propios adaptados á realidade do seu ámbito territorial, que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén desenvolver neste caso para incentivar e favorecer a contratación de persoas desempregadas, especialmente das que teñen maiores dificultades de inserción laboral.
Corresponde, pois, á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, para o exercicio orzamentario 2025, a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as que están as medidas dirixidas por unha banda, a fomentar a creación de emprego de calidade e, por outra, a incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia europea para o emprego, do Programa nacional de reformas, do respectivo Plan anual de fomento do emprego digno (PAFED), e no eido da colaboración institucional e o diálogo social entre o Goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia.
En liña co anterior, o Goberno galego quere asegurarse de que as persoas traballadoras teñan as habilidades precisas para prosperar, por iso, seguindo as directrices europeas estase a despregar a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, co obxectivo de mellorar as capacidades das persoas traballadoras, mellorando con isto a competitividade das empresas.
As circunstancias excepcionais de crise económica resultantes da pandemia provocada polo coronavirus COVID-19 agraváronse polos importantes efectos económicos derivados da invasión de Ucraína por parte de Rusia, que está ocasionando graves consecuencias desde o punto de vista económico a nivel europeo, e produciuse un grande incremento dos custos enerxéticos, xunto co encarecemento das materias primas agrícolas e minerais, o que leva á necesidade de adoptar medidas que contribúan a paliar os efectos desta crise tamén sobre o mercado do traballo na nosa comunidade autónoma. Neste senso, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración segue apostando polo mantemento do emprego e da actividade económica das empresas, impulsando a contratación indefinida dos colectivos máis vulnerables.
Estas axudas ampáranse, segundo o sector a que pertenzan as persoas empregadoras e empresas beneficiarias e o ámbito da súa actividade, no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 15.12.2023, serie L), no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE 24.12.2013, L352/9), e no Regulamento (UE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE 28.6.2014, L190/45).
En canto ao procedemento de concesión, establécese un procedemento que non ten a consideración de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que de acordo coa finalidade e obxecto do programa non resulta necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas nun único procedemento senón que a concesión da axuda se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.
Esta orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, e o artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que queda a concesión das subvencións sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.
Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión, no Decreto 11/2009, do 9 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xuño.
Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, da Asesoría Xurídica e a Intervención Delegada, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto e finalidade
Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e convocar para o ano 2025 as axudas establecidas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que favorezan a contratación de persoas desempregadas na empresa ordinaria e en entidades sen ánimo de lucro, especialmente daquelas que teñen maiores dificultades de inserción laboral, coa finalidade de seguir paliando os prexuízos económicos sobre o mercado de traballo, derivados dos efectos da pandemia provocada pola COVID-19 e agravados pola invasión de Ucraína por parte de Rusia.
A orde regula o Plan Galicia emprega (código de procedemento TR342C) de incentivos á contratación por conta allea dos colectivos vulnerables recollidos no artigo 24.1.a), a través dunha liña de incentivos á contratación por conta allea cuxas particularidades se recollen nesta orde, e que inclúe catro modalidades de axudas:
a) Incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas.
b) Incentivos ao incremento de xornada das contratacións indefinidas, de tempo parcial a tempo completo.
c) Incentivos ao incremento da duración anual dos contratos fixos-descontinuos a un mínimo de 9 meses.
d) Axudas para a adaptación de postos de traballo de persoas con discapacidade.
Artigo 2. Marco normativo
As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; no proxecto de Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, aprobado polo Consello da Xunta o día 17 de outubro de 2024; no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.
Artigo 3. Principios de xestión
A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:
a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.
b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
Artigo 4. Orzamentos
1. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario e realizarase con cargo ás seguintes aplicacións da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais recollidas no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, aprobado polo Consello da Xunta o día 17 de outubro de 2024, por un importe total de 19.700.000 €, coa seguinte repartición:
|
Colectivo a que se dirixe a axuda |
Dotación |
Tipo de fondo |
Código |
Aplicación orzamentaria |
|
A. Persoas mozas |
2.500.000 € |
Fondo propio |
2016 00308 |
14.02.322C 470.3 |
|
1.000.000 € |
Fondo finalista |
2023 00120 |
14.02.322C 470.3 |
|
|
B. Mulleres |
7.000.000 € |
Fondo finalista |
2016 00313 |
14.02.322C 470.3 |
|
C. Persoas paradas de longa duración |
2.000.000 € |
Fondo finalista |
2016 00316 |
14.02.322C.470.4 |
|
D. Persoas de 52 anos ou máis |
||||
|
E. Persoas emigrantes retornadas e estranxeiras |
2.000.000 € |
Fondo propio |
2023 00126 |
14.02.322C 470.3 |
|
F. Mulleres en ocupacións masculinizadas (anexo II) |
1.700.000 € |
Fondo propio |
2024 00192 |
14.02.322C 470.3 |
|
G. Persoas con discapacidade ou en risco ou situación de exclusión social |
3.000.000 € |
Fondo finalista |
2016 00309 |
14.02.322C 470.9 |
Ademais, no caso de que a entidade beneficiaria sexa unha entidade sen ánimo de lucro:
|
Colectivo a que se dirixe a axuda |
Dotación de crédito |
Tipo de fondo |
Código de proxecto |
Aplicación orzamentaria |
|
A. Persoa moza B. Muller C. Persoa parada de longa duración D. Persoa de 52 anos ou máis E. Persoa emigrante retornada ou persoa estranxeira F. Mulleres en ocupacións masculinizadas G. Persoa con discapacidade ou en risco ou situación de exclusión social |
500.000 € |
Fondo finalista |
2023 00101 |
14.02.322C.481.9 |
2. Esta orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, e o artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que queda a concesión das subvencións sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución e, así mesmo, todos os actos ditados no expediente enténdense condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron.
3. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.
4. Os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais.
5. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, e dunha transferencia de crédito, ao tratarse dunha convocatoria de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do seu regulamento de desenvolvemento.
6. A distribución provincial de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde será, con carácter xeral, directamente proporcional ao número de persoas paradas e á evolución do paro rexistrado no período 2019-2023, e inversamente proporcional á evolución da poboación no citado período, e terá en conta o necesario equilibrio e solidariedade con aqueles territorios máis desfavorecidos. Ao abeiro disto, en cada unha das provincias galegas a repartición dos anteditos importes por aplicación orzamentaria realizarase en atención ás seguintes porcentaxes: A Coruña, 33 %; Lugo, 17 %: Ourense, 17 % e Pontevedra, 33 %.
Dentro de cada provincia, os créditos sobrantes dun código de proxecto poderán ser empregados noutro, logo das modificacións orzamentarias que procedan e unha vez publicada a reasignación de créditos no Diario Oficial de Galicia.
Así mesmo, de existiren remanentes nun departamento territorial, unha vez atendidas todas as solicitudes que cumpran os requisitos, poderán redistribuírse nos restantes departamentos territoriais, respectando a prelación de solicitudes.
Artigo 5. Definicións
Para os efectos de esta orde, considérase:
1. Persoa desempregada: aquela que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia e que, pola súa vez, careza de ocupación.
Considérase persoa inscrita aquela que figure como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia con anterioridade ou no mesmo día da contratación que se subvenciona.
Considérase persoa que carece de ocupación aquela que non estea en situación de alta no día anterior á contratación que se subvenciona, segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, segundo certificado da mutualidade do colexio profesional. Se o día anterior á contratación que se subvenciona coincide coa data de baixa da persoa traballadora que se contrata, considérase que non carece de ocupación.
A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego e da vida laboral realizaraa directamente o órgano xestor das axudas.
Non obstante, non se requirirá a inscrición no Servizo Público de Emprego de Galicia no caso de persoas que estean nalgún dos casos recollidos no artigo 4.1.a) do Real decreto lei 1/2023, do 10 de xaneiro, de medidas urxentes en materia de incentivos á contratación laboral e mellora da protección social das persoas artistas.
2. Persoa desempregada de longa duración: aquela que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia e que na data da súa contratación por conta allea estea sen traballo e acredite un período de inscrición como desempregada no Servizo Público de Emprego de, polo menos, doce meses durante os dezaoito meses anteriores á súa contratación. Este período de doce meses non ten que ser ininterrompido.
3. Persoa con discapacidade: aquela que teña recoñecida, pola Administración competente, unha discapacidade nun grao igual ou superior ao 33 %.
Segundo o artigo 4.2 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, modificado pola Lei 3/2023, do 28 de febreiro, de emprego, tamén se considera que presentan unha discapacidade de grao igual ou superior ao 33 % as persoas pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao total, absoluta ou grande invalidez e as persoas pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.
A comprobación da condición de persoa con discapacidade ou dependencia realizaraa directamente o órgano xestor das axudas; no caso de oposición da persoa interesada ou de que a discapacidade ou a dependencia fose recoñecida por outra Administración distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia, deberá presentar a documentación acreditativa.
4. Persoa en situación ou risco de exclusión social: para os efectos desta orde, teñen esta consideración as persoas perceptoras da renda de inclusión social de Galicia ou as persoas membros da súa unidade de convivencia e tamén as persoas que teñan o certificado emitido polos servizos sociais acreditativo da dita situación social, tras a verificación da ausencia ou déficit grave de recursos económicos e a situación de desemprego, así como a concorrencia dalgún dos factores de exclusión social recollidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.
Equiparanse ás persoas perceptoras da renda de inclusión social de Galicia as persoas perceptoras do ingreso mínimo vital.
5. Persoa emigrante retornada: de acordo co establecido nos artigos 53 e 54 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, terán a condición de galego retornado as persoas galegas e nacidas en Galicia que, residindo fóra de España, retornen á Comunidade Autónoma galega. Para os efectos previstos nesa lei, asimílanse a persoas galegas retornadas os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os fillos e fillas das persoas galegas e nacidas en Galicia con residencia no estranxeiro que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma de Galicia.
Os requisitos, con carácter xeral, para adquirir a condición de persoa galega retornada son os seguintes:
a) Ser persoa galega e nacida en Galicia.
b) Acreditar ou ter relación filial, conxugal ou análoga á conxugal.
c) Estar en posesión da nacionalidade española e estar vinculada a un concello galego no padrón de residentes no exterior antes do retorno.
d) Estar empadroado nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Para adquirir esta condición de persoa emigrante retornada non deben transcorrer máis de dous anos entre a data do seu retorno a España e a data de presentación da solicitude.
6. Persoa estranxeira: aquela que careza de nacionalidade española e estea en posesión de autorización ou permiso de residencia e traballo en España.
7. Persoa trans: persoa cuxa identidade sexual non se corresponde co sexo asignado ao nacer.
8. Persoa moza: aquela que teña menos de 30 anos. Terá a consideración de persoa moza aquela que teña menos de 30 anos, no momento do inicio da súa relación laboral.
9. Concello rural: aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada a nivel de parroquia (ZPD) segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística (https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl). Para estes efectos, considéranse concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.
10. Ocupacións con subrepresentación feminina na contratación: tomando como referencia as persoas contratadas por xénero no período 2019-2023 nos grupos ocupacionais segundo a Clasificación nacional de ocupacións (CNO-11) aprobada no Real decreto 1591/2010, do 26 de novembro, téñense en conta os grupos ocupacionais que en 2023 reflicten unha diferenza porcentual de polo menos 20 puntos entre os valores de contratación masculina e feminina, e segundo o cal se elabora a listaxe de ocupacións con subrepresentación feminina por ocupacións que figura como anexo II.
Artigo 6. Persoas e entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten persoas traballadoras por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde. Tamén poden ser entidades beneficiarias dos incentivos os centros especiais de emprego, excepto para facer contratos con persoas con discapacidade, e as empresas de inserción laboral, excepto para facer contratos con persoas en situación ou risco de exclusión social.
No caso de sociedades civís, comunidades de bens e unións temporais de empresas, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación. No suposto de unións temporais de empresas, cada empresa que forme parte desta unión deberá reunir os requisitos exixidos para acceder ás axudas.
As empresas que teñan cincuenta ou máis persoas traballadoras deberán cumprir a cota de reserva para persoas con discapacidade, conforme se dea ocupación, polo menos, ao 2 % de traballadores e traballadoras con discapacidade sobre o total das persoas traballadoras ou, na súa falta, as medidas de carácter excepcional establecidas no artigo 42 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, e reguladas no Real decreto 364/2005, do 8 de abril (BOE núm. 94, do 20 de abril). Para o cómputo do número de persoas traballadoras da empresa teranse en conta as regras previstas na disposición adicional primeira do devandito real decreto.
2. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, e as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.
3. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.
b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei concursal, sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.
c) Dar lugar, por causa da cal fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.
d) Estar incursa a persoa física, as persoas administradoras das sociedades mercantís ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.
e) Non estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.
f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.
g) Non estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.
h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.
i) Non poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, publicas ou privadas sen personalidade, cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.
j) En ningún caso poderán obter a condición de entidade beneficiaria as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos números 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, nin as asociacións respecto das cales se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por atoparse indicios racionais de ilicitude penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4 da Lei orgánica 1/2002, mentres non se dite resolución xudicial firme en cuxa virtude poida practicarse a inscrición no correspondente rexistro.
k) Non poderán obter a condición de entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde as persoas empregadoras ou empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 31 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
Esta circunstancia acreditarase no momento da solicitude mediante declaración responsable da persoa solicitante, sen prexuízo de que as sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada deberán acreditar o cumprimento dos prazos legais de pagamento mediante certificación, emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.
4. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria as persoas solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46.bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
5. No caso de que a entidade solicitante sexa unha institución sen ánimo de lucro, a xustificación de non estar incursas na prohibición contida no número 3.e) anterior poderá ser substituída por unha declaración responsable a que se refire o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 7. Incompatibilidades e concorrencia
1. As axudas establecidas nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras poidan superar o custo da actividade subvencionada, os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Respecto das axudas da liña de incentivos á contratación por conta allea sinaladas no artigo 1 establécese o seguinte réxime de incompatibilidades:
a) Son compatibles entre si cada unha das liñas de axudas sempre que a persoa traballadora pola que se solicitan os incentivos non sexa a mesma, coa excepción das axudas da letra d) de «adaptación de postos de traballo» para o caso de persoas con discapacidade, caso en que será compatible coas demais axudas indicadas no dito artigo 1 para a mesma persoa.
b) Son incompatibles con calquera outra axuda que, pola contratación das mesmas persoas traballadoras, poida outorgar calquera Administración pública como medida de fomento de emprego. Non obstante, serán compatibles, se é o caso, cos incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.
c) Os beneficios establecidos á contratación non poderán, illadamente ou en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 80 % do custo salarial de dúas anualidades correspondente ao contrato que se subvenciona, no caso das contratacións indefinidas.
d) Os incentivos establecidos para cada un dos diferentes colectivos previstos no artigo 24.1.a) son incompatibles entre si. Para o caso de que unha mesma contratación puidese dar lugar á súa inclusión en máis dun dos supostos para os cales están previstas estas axudas, correspóndelle elixir unha única opción á persoa solicitante no anexo de solicitude.
Artigo 8. Solicitudes: forma, lugar e prazo de presentación
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Deberán cubrirse, necesariamente, todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios e serán unicamente válidas as solicitudes que se presenten no modelo establecido.
As solicitudes deberán presentarse ante o departamento territorial onde teña o centro de traballo a persoa contratada. No caso de que nunha única solicitude se soliciten contratos con contas de cotización en distintas provincias da Comunidade Autónoma, a solicitude poderá presentarse ante o departamento territorial que elixa a persoa ou entidade solicitante, sempre que algunha das contas de cotización corresponda á provincia do dito departamento territorial.
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas ou entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día 31 de xaneiro de 2025 e rematará o 30 de setembro de 2025.
5. A presentación das solicitudes supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiarias da axuda, así como a aceptación da subvención, de ser persoa ou entidade beneficiaria dela.
Artigo 9. Documentación complementaria
1. As persoas ou entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Cando se actúe mediante representación, acreditación por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna, só no caso de que non estea inscrita no Rexistro Xeral de Apoderamentos de Galicia.
b) No caso de solicitar a axuda polo colectivo de persoa con discapacidade ou en risco ou situación de exclusión social, documentación acreditativa da exclusión social, da incapacidade ou discapacidade recoñecida fóra de Galicia, se for o caso, da persoa traballadora contratada.
c) No caso de solicitar a axuda polo colectivo de persoa emigrante retornada, documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa traballadora contratada e, ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, documentación que acredite o vínculo con esta.
d) No caso de solicitar a axuda polo colectivo de persoa emigrante retornada, certificado de persoa emigrante retornada, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España.
e) No caso de solicitar o incremento por persoa trans, documentación que xustifique ter obtido ante o Rexistro Civil a rectificación da mención relativa ao sexo ou ben o cambio de nome para a asignación dun diferente ao do sexo rexistrado ao nacer.
f) No caso de solicitar a axuda para a adaptación de postos, a memoria explicativa segundo o disposto na letra d) do artigo 23.2, e conforme o modelo publicado na sede electrónica da Xunta de Galicia.
g) No caso de solicitar a axuda para os incrementos da duración anual dos contratos fixos descontinuos, declaración responsable en que conste a data en que se produce o incremento.
h) No caso de que as persoas traballadoras se opuxesen á comprobación dos datos, documentos acreditativos das condicións necesarias para que o contrato sexa subvencionable.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa ou entidade interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa ou entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa ou entidade interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa ou entidade interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas ou entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas ou entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa ou entidade interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código do procedemento (TR342C) e o órgano responsable, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Artigo 10. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento o órgano xestor da axuda consultará automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa ou entidade interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) NIF da entidade representante.
d) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.
e) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia.
f) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
g) Consulta de código conta de cotización.
h) Consulta das concesións pola regra de minimis.
i) Consulta das concesións de subvencións e axudas.
j) Consulta da inhabilitación para obter subvencións.
k) DNI ou NIE da persoa traballadora contratada.
l) Informe de períodos de inscrición no Servizo Público de Emprego de Galicia da persoa traballadora contratada.
m) Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social da persoa traballadora contratada.
n) Contrato laboral da persoa traballadora pola que se solicita a subvención.
Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
a) Certificado de discapacidade recoñecida pola Xunta de Galicia da persoa traballadora contratada.
b) Consulta de datos de residencia con data de última variación padroal da persoa traballadora contratada.
2. No caso de que as persoas ou entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa ou entidade interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas ou entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
4. A persoa solicitante asinará na declaración responsable que forma parte da solicitude que dispón dos documentos asinados pola persoa ou persoas contratadas, en que autorizan ou se opoñen á comprobación dos seus datos, conforme o modelo do anexo III. O devandito documento poderá ser requirido pola Administración pública en calquera momento.
Así mesmo, no caso de que algunha persoa contratada pola que se solicita subvención se opoña á comprobación de datos, farao constar na dita declaración responsable e, consecuentemente, presentará os documentos que os acrediten.
Artigo 11. Emenda das solicitudes
A sede electrónica remitirá as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirá a persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días, indicándolle que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa solicitude, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas ou entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude, deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa ou entidade interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 13. Competencia para instruír e resolver
1. A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas e subvencións previstas nesta orde corresponderalle, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, á persoa titular do departamento territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración competente por razón do territorio.
2. O órgano competente para a instrución dos expedientes será o Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social do departamento territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración competente por razón do territorio, polas contratacións que se realicen para prestar servizos en centros de traballo radicados na respectiva provincia, e que instruirán os procedementos de acordo cos criterios establecidos para os ditos programas.
3. No caso de que nun departamento territorial se presenten solicitudes con varios traballadores dados de alta en contas de cotización de distintas provincias, serán competentes para instruír e resolver a solicitude na súa totalidade os órganos do departamento territorial onde foi presentada a solicitude, sempre que algunha das contas de cotización da solicitude corresponda á dita provincia.
Artigo 14. Procedemento de concesión, instrución e tramitación
1. O procedemento de concesión das solicitudes presentadas ao abeiro desta orde é de concorrencia non competitiva e, polo tanto, axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.
2. Entenderase que a empresa desiste da súa solicitude cando a persoa traballadora pola que se solicita subvención cause baixa na empresa solicitante en data anterior á resolución da concesión da axuda, salvo que a causa da baixa do contrato sexa a finalización da duración deste. A empresa solicitante está obrigada a comunicar esta situación ao órgano ante o cal solicitou a axuda.
3. En aplicación dos principios de eficacia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinada pola data en que se presentase a documentación completa requirida nestas bases reguladoras.
Artigo 15. Resolución e recursos
1. A resolución de outorgamento da subvención comprenderá a identificación da persoa ou entidade beneficiaria e a contía da subvención. A resolución de concesión emitirase atendendo ás manifestacións contidas nas declaracións responsables recollidas no formulario de solicitude, subscritas pola persoa que as realiza, baixo a súa responsabilidade e coas repercusións que ten a súa falsidade reguladas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Na resolución de concesión as ás persoas beneficiarias de que estas axudas se someten ao Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo a aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, e aos regulamentos (UE) nº 717/2014, do 27 de xuño de 2014 (sector pesca e acuicultura), e nº 1408/2013, do 18 de decembro (sector agrícola).
2. Toda vez que os requisitos para ser persoa ou entidade beneficiaria desta axuda se deben cumprir con anterioridade á presentación da solicitude e que as obrigas asumidas pola persoa ou entidade beneficiaria se recollen nesta orde nos artigos 20 e 26, non é necesaria a aceptación expresa ou tácita da resolución regulada no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e enténdese aceptada coa presentación da solicitude.
3. No caso de que unha solicitude de axudas comprenda varias contratacións e non exista crédito suficiente para atendelas todas, poderase estimar parcialmente a solicitude e conceder a axuda para aquelas contratacións en que exista crédito tendo en conta a orde de prelación das persoas traballadoras indicada no anexo I. Así mesmo, no caso de que o remanente de crédito existente nun proxecto sexa inferior ao importe que correspondería conceder segundo as contías establecidas no artigo 24, poderase conceder a axuda polo importe do remanente existente, logo da aceptación pola persoa ou entidade solicitante.
De producírense perdas do dereito ao cobramento noutras solicitudes ou de levárense a cabo as ampliacións ou redistribucións de créditos a que se refiren os números 4 e 5 do artigo 4, poderanse atender na súa totalidade as solicitudes concedidas segundo o exposto no punto anterior, por orde de prelación.
4. O prazo para resolver e notificar é de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Artigo 16. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 17. Modificación da resolución de concesión
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión segundo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 18. Forma de pagamento
1. O cumprimento dos requisitos acreditarase na solicitude mediante a declaración responsable da persoa beneficiaria, emitida baixo a súa responsabilidade e sen prexuízo da comprobación do seu cumprimento con posterioridade á resolución de concesión; en función desa declaración responsable resolverase a concesión da axuda e procederase ao seu pagamento, unha vez comprobado o cumprimento pola persoa ou entidade das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendentes de pagamento débedas coa Administración da Comunidade Autónoma, no número de conta, con inclusión do IBAN, indicado na solicitude.
2. O pagamento da axuda será único no momento da concesión da axuda.
Artigo 19. Devolución voluntaria da subvención
De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas ou entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta de Abanca ES82 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.
En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.
Artigo 20. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da referida Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 21. Axudas concedidas baixo as condicións do réxime de minimis
Estas axudas ampáranse, segundo o sector a que pertenzan as persoas empregadoras e empresas beneficiarias e o ámbito da súa actividade, no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 15.12.2023, serie L), no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE 24.12.2013, L352/9), e no Regulamento (UE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE 28.6.2014, L190/45).
A aplicación do réxime de minimis implica que non se poderán superar os seguintes límites máximos.
a) A axuda total de minimis concedida a unha empresa determinada, en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) nº 2023/2831, non pode ser superior a 300.000 € durante o período dos tres anos previos.
b) A axuda total de minimis concedida a unha empresa determinada, en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, non pode ser superior a 50.000 € durante o período dos tres anos previos.
c) A axuda total de minimis concedida a unha empresa determinada, en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) nº 717/2014, non pode ser superior a 40.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais.
Estes límites máximos aplícanse a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.
Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecida no artigo 2.2 do Regulamento (UE) nº 2023/2831.
Artigo 22. Seguimento e control
1. Sen prexuízo das facultades que teñen atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.
2. Os departamentos territoriais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, a persoa beneficiaria deberá cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.
3. Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios, tanto propios como alleos estean ao dispor da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.
Artigo 23. Accións subvencionables
1. Para que as contratacións, os incrementos de xornada ou os incrementos na duración anual dos contratos fixos descontinuos sexan subvencionables, deberán axustarse aos seguintes requisitos:
a) Que o contrato se realice cunha persoa que se encadre nalgún dos colectivos sinalados no artigo 24.1.a).
b) Que as contratacións se realicen dentro do período subvencionable, que comprende desde o 1 de outubro de 2024 e ata o 30 de setembro de 2025, ambas as datas incluídas. No caso de incremento de xornada ou de incremento na duración anual do contrato fixo, o dito incremento deberá realizarse igualmente no período subvencionable, do 1 de outubro de 2024 ata o 30 de setembro de 2025, ambas as datas incluídas.
c) Que as contratacións teñan lugar con anterioridade ou no mesmo día da solicitude de axudas.
d) No caso de axudas para a adaptación de postos de traballo, que o gasto estea realizado na data de presentación da solicitude.
2. Modalidades e requisitos aplicables a cada tipo de axuda:
a) Incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas.
Os contratos subvencionables deberán ser de duración indefinida e a xornada a tempo completo. Exclúense os contratos fixos descontinuos.
Exceptúanse da xornada a tempo completo as contratacións de persoas desempregadas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, que poderán ser a tempo completo ou a tempo parcial; a xornada a tempo parcial será como mínimo do 50 %.
Para ser subvencionable a contratación deberá realizarse cunha persoa desempregada, entendendo como desempregada a definición do artigo 5.1 desta orde.
As contratacións deberán estar comunicadas a través da aplicación contrat@ no prazo de 10 días hábiles desde o seu inicio.
b) Incrementos de xornada das contratacións indefinidas, de tempo parcial a tempo completo.
Os incrementos de xornada, das contratacións indefinidas iniciais a tempo parcial realizadas con calquera dos colectivos sinalados no artigo 24.1.a), serán subvencionables cando acaden o 100 % da xornada ordinaria ou da establecida no convenio colectivo de aplicación e deben producirse no período subvencionable e con anterioridade ou na mesma data da solicitude da axuda.
c) Incremento da duración anual dos contratos fixos descontinuos a un mínimo de 9 meses e a xornada completa. O incremento deberá ser de, polo menos, o 50 % sobre a duración inicial do contrato que se incrementa e debe producirse no período subvencionable e con anterioridade ou na mesma data da solicitude da axuda. Os contratos realizados con persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social poderán ser a tempo completo ou a tempo parcial.
d) Adaptación dos postos de traballo ou pola dotación de equipamentos de protección persoal necesarios para evitar accidentes laborais á persoa traballadora con discapacidade contratada, ou por eliminar barreiras ou obstáculos que impidan ou dificulten o traballo das persoas traballadoras con discapacidade cuxo contrato se subvenciona ao abeiro desta orde. A necesidade da adaptación ou dos medios especiais de protección persoal deberá contar cunha memoria da empresa en que se acredite a necesidade da adaptación ou dotación de equipamentos antes citada, así como os gastos realizados, conforme o modelo que consta na sede electrónica da Xunta.
Artigo 24. Contía dos incentivos
1. As axudas definidas no artigo anterior terán os seguintes incentivos:
a) As contratacións indefinidas iniciais de persoas desempregadas incentivaranse con distintas contías base, segundo o colectivo a que pertenza a persoa contratada, conforme as definicións establecidas no artigo 5 desta orde:
A. Persoa moza: 6.000 €.
B. Muller: 6.000 €.
C. Persoa parada de longa duración: 6.000 €.
D. Persoa de 52 anos ou máis: 6.000 €.
E. Persoa emigrante retornada ou persoa estranxeira: 6.000 €.
F. Mulleres en ocupacións masculinizadas: 10.000 €.
G. Persoa con discapacidade ou en risco ou situación de exclusión social: 10.000 €. Neste suposto, se o contrato é a tempo parcial, a contía do incentivo será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria máxima legal.
As contías indicadas anteriormente incrementaranse nun 15 % nos seguintes casos, que son acumulables entre si:
I. No suposto de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural.
II. Se a persoa contratada é maior de 45 anos (incremento non aplicable na letra D do punto anterior).
III. Persoas trans.
A contía máxima posible que se subvencionará por cada persoa contratada con carácter indefinido é de 14.500 €.
b) Incremento de xornada das contratacións indefinidas iniciais (de xornada parcial a xornada completa): incentivo de 2.000 €. Se o incremento de xornada se realiza en persoas con discapacidade, o incentivo será de 3.000 €.
c) Incremento da duración anual dos contratos fixos descontinuos a un mínimo de 9 meses e a xornada completa: incentivo de 4.000 €.
d) Adaptación dos postos de traballo ou pola dotación de equipamentos de protección persoal: axuda de 1.000 €.
Artigo 25. Exclusións
Exclúense dos beneficios regulados nesta liña de incentivos á contratación por conta allea:
a) As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de traballadores ou traballadoras para prestaren servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.
b) Os contratos de traballo realizados co cónxuxe, os ascendentes, os descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da empresaria ou empresario ou das persoas que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos. Non será aplicable esta exclusión cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea os fillos e fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con el ou cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas, e contrate un só familiar menor de 45 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.
c) Os contratos de traballo realizados coas persoas socias ou administradoras da entidade solicitante da axuda.
d) As contratacións indefinidas iniciais que se realicen con persoas traballadoras que nos 6 meses anteriores á data da contratación prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter indefinido, ou nos últimos 3 meses mediante un contrato de carácter temporal. O disposto neste parágrafo será tamén de aplicación nos casos de sucesión de empresas previsto no artigo 44 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.
e) As contratacións que se realicen con persoas traballadoras polas que a mesma empresa ou grupo de empresas obtivese axudas ao abeiro deste procedemento: TR342C. O disposto neste parágrafo será tamén de aplicación nos casos de sucesión de empresas previsto no artigo 44 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.
Artigo 26. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias
1. Son obrigas das beneficiarias destas axudas:
a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.
b) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
c) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.
d) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con fondos recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), dando publicidade á axuda concedida na páxina de inicio da web da empresa ou noutro sitio visible accesible desde a páxina de inicio, e colocar e manter durante un mínimo de 12 meses, un cartel, en cor e formato A3, nun lugar visible do espazo de traballo segundo o modelo que consta na sede electrónica da Xunta de Galicia.
e) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos casos previstos nesta orde.
f) Notificar a totalidade das axudas obtidas, dentro do réxime de minimis en que se encadra esta orde, debendo sinalar ademais cales destas foron obtidas para a mesma finalidade.
g) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.
h) Manter no seu poder o anexo III de comprobación de datos de terceiras persoas. Estes documentos poderán ser requiridos pola Administración pública en calquera momento.
Así mesmo, deberá informar as persoas cuxos contratos laborais se subvencionan ao abeiro desta orde dos seguintes aspectos:
– Da comunicación dos datos á Administración para o seu tratamento no ámbito das competencias e de acordo cos fins do procedemento administrativo.
– Da posibilidade de que a administración realice as consultas precisas para comprobar, entre outros aspectos, a súa veracidade.
– Do dereito de oposición que as asiste a que a Administración trate os seu datos, suposto en que deberá comunicar a súa oposición á Administración para os efectos oportunos.
i) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos casos establecidos neste artigo e no artigo 27.
No caso de incumprimento da obriga indicada no número 1.d) deste artigo procederá o 2 % de reintegro da axuda total percibida ao abeiro desta convocatoria.
3. Manter no seu cadro de persoal á persoa traballadora obxecto de subvención durante un período mínimo de 36 meses contados desde a data de realización da contratación, do incremento de xornada, da duración anual do contrato fixo descontinuo ou da adaptación de postos.
No suposto de extinción da relación laboral por baixa voluntaria, xubilación ou falecemento dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, ou no caso de excedencias, a entidade beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación pola que se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que cause baixa. Para cumprir esta obriga a empresa ten de prazo ata o último día do mes seguinte ao da baixa. Esta nova contratación deberá serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención.
No suposto de que, durante o período subvencionable, se produza unha suspensión do contrato de traballo por un período máximo de 6 meses, esta dará lugar á suspensión do computo do período de mantemento do emprego previsto, retomándoo desde a data de restitución da xornada completa ata completar o período de 36 meses.
No suposto de que a suspensión se produza por un período superior a 6 meses, será de aplicación o suposto de reintegro parcial establecido no artigo 27.1.a).
No caso de incentivos por incremento da xornada das contratacións indefinidas de tempo parcial a tempo completo, de producirse unha redución da xornada previamente incrementada a tempo completo do traballador polo que se concedeu a axuda, poderíase admitir como substitución, ademais, dunha nova contratación indefinida, o incremento da xornada a tempo completo doutro traballador que estivese a tempo parcial na mesma empresa.
No caso de que se produzan substitucións, a persoa beneficiaria deberá presentar os documentos asinados pola persoa ou persoas contratadas, en que autorizan ou se opoñen á comprobación dos seus datos, conforme o modelo do anexo III. No caso de que se opoñan á consulta deberán comunicalo e presentar a correspondente documentación.
Só se permitirá unha única substitución por persoa traballadora contratada.
4. As persoas ou entidades beneficiarias da subvención pola adaptación de postos de traballo deberán manter o destino dos bens subvencionados polo mesmo tempo que estean obrigados a manter o posto de traballo a cuxa adaptación aqueles bens serven, que non será inferior ao período mínimo do ben subvencionado.
5. Enviar no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da recepción da notificación de resolución de concesión, o cartel indicado no número 1.d) deste artigo.
6. As persoas ou entidades solicitantes destas axudas poderán solicitar as axudas dos Bonos Talento empresa para o desenvolvemento de proxectos formativos de curta duración, con código de procedemento TR302D, que se convocarán para o exercicio 2025.
Artigo 27. Incumprimento de obrigas e reintegro
1. Procederá o reintegro das axudas cando a entidade beneficiaria incumpra a obriga establecida no artigo 26.3 desta orde. Por cada contratación subvencionada e non substituída conforme o establecido no antedito artigo procederá o reintegro da axuda concedida pola persoa traballadora de que se trate.
Neste suposto hai que diferenciar entre o reintegro total, cando non se leve a cabo a substitución da persoa traballadora que causou baixa, agás no caso de baixa voluntaria, xubilación ou falecemento da persoa traballadora, e o reintegro parcial, que procederá nos seguintes casos:
a) Cando se produza a baixa voluntaria, xubilación ou falecemento da persoa traballadora contratada e non se efectúe a substitución ou si se efectuou a substitución, pero esta non foi feita no prazo anteriormente indicado, a contía que se reintegrará será a correspondente aos meses en que o posto estivese vacante.
O cálculo da contía que se reintegrará parcialmente farase do seguinte xeito:
i. Divídese entre 36 meses o importe da subvención concedida.
ii. Calcúlase o número de meses que o posto estivo vacante. Computarase para estes efectos o prazo que se concede para proceder á substitución. Así mesmo, o mes en que se leve a cabo a substitución considérase como mes de incumprimento, sexa cal sexa o día do dito mes en que aquela se realice.
iii. Multiplícase o importe obtido na primeira operación (i) polo número de meses en que o posto de traballo estivese vacante.
b) Cando se efectuou a substitución, pero esta foi feita cunha nova persoa traballadora pertencente a algún dos colectivos recollidos neste programa polo que se poida conceder unha subvención por importe inferior ao da persoa que causou baixa, procederá o reintegro parcial da axuda concedida pola diferenza entre a cantidade percibida e a cantidade que correspondería á nova contratación, e o cálculo da contía que se vai reintegrar farase do seguinte xeito:
Se a substitución ten lugar no prazo establecido nas bases reguladoras, descontarase ao importe concedido pola persoa que extinguiu a relación laboral, a contía correspondente ao incremento ou incrementos acumulables do 15 % sobre a contía base que non cumpre a persoa substituída.
Cando non se substitúa no prazo establecido, corresponderá tamén o reintegro parcial polos meses en que o posto estivese vacante e realizarase o calculo que se indica na alínea a) deste artigo.
Disposición adicional primeira. Delegación de competencias
Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración nos directores e directoras territoriais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas ou entidades beneficiarias, respecto das resolucións de concesión de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.
Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais para a tramitación e resolución dos expedientes de redistribución dos créditos necesarios para o financiamento desta orde.
Disposición adicional segunda. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións
De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase a información necesaria á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).
Disposición adicional terceira. Comunicación de feitos constitutivos de fraude
Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puideran ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento da Xunta de Galicia, a través da canle de denuncias da Xunta de Galicia, de comunicación de información en materia de integridade institucional, dispoñible na seguinte ligazón: https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias
Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento
Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións, instrucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2024
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
