BDNS (Identif.): 810276.
De conformidade co previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Obxecto, finalidade e ámbito de aplicación
1. Esta orde ten por obxecto efectuar, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a terceira convocatoria de subvencións de accións formativas para o emprego en unidades formativas das empresas con compromiso de contratación para o exercicio 2025 (código de procedemento TR301P), así como realizar unha modificación parcial das bases reguladoras establecidas na Orde do 13 de xuño de 2023, publicada no DOG núm. 113, do 15 de xuño.
2. As subvencións que se concedan ao abeiro do disposto nesta orde terán como finalidade o financiamento de programas de formación con compromiso de contratación destinados á cualificación profesional das persoas traballadoras desempregadas, e estarán dirixidas á adquisición e mellora das competencias profesionais necesarias para o desempeño dos postos de traballo obxecto da contratación.
Segundo. Entidades beneficiarias
1. Poderán ser entidades beneficiarias as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, e as agrupacións temporais de empresas que presenten solicitude conxunta, mediante un convenio que acredite a correspondente agrupación, que adquiran, no marco da actividade subvencionada, o compromiso de contratación das persoas traballadoras aprobadas e/ou formadas a que se refire esta orde. Así mesmo, poderán ser beneficiarias da subvención as asociacións de empresas que teñen a cualificación de entidades sen ánimo de lucro.
Entenderase por agrupación temporal de empresas, para os efectos desta orde, cando distintas empresas pertencentes a un sector ou actividade acrediten a correspondente agrupación mediante un acordo ou convenio entre elas.
2. Así mesmo, poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións a que se refiren estas bases as empresas que sexan entidades de formación e que sexan titulares de centros ou entidades de formación inscritos para impartir formación profesional para o emprego, no ámbito laboral da Comunidade Autónoma de Galicia, naquelas especialidades formativas para as cales soliciten subvención.
Terceiro. Persoas destinatarias da formación
As accións formativas obxecto de financiamento dirixiranse ás persoas traballadoras desempregadas.
Cuarto. Accións formativas
1. Para os efectos desta norma, enténdese por acción formativa a dirixida á adquisición e mellora das competencias e capacidades profesionais necesarias para o desempeño dos postos de traballo obxecto da contratación.
A acción formativa está constituída polo contido específico das especialidades formativas a que fai referencia o artigo 6 da orde de terceira convocatoria e, de acordo co disposto no artigo 31 da Orde de bases reguladoras do 13 de xuño de 2023, polos módulos formativos transversais.
2. Serán subvencionables, ao abeiro do disposto nesta orde, e nos termos establecidos no artigo 28 do Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, as accións formativas para o emprego con compromiso de contratación na Comunidade Autónoma de Galicia que garden relación coa actividade empresarial das entidades solicitantes e se correspondan con especialidades de formación no traballo incluídas no Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal.
3. De non existiren, por non estaren dadas de alta no catálogo, especialidades formativas que respondan ás necesidades específicas de formación, as empresas poderán solicitar impartir especialidades que, no momento de presentar a solicitude de subvención, non estean incluídas nel.
4. Non serán obxecto de subvención as ofertas formativas do Sistema de formación profesional reguladas pola Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, e o Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de formación profesional.
Quinto. Réxime de concesión
A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, mediante concesión directa.
Sexto. Determinación da subvención
O réxime de concesión e xustificación da subvención será a través de módulos económicos, segundo o previsto no Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Para os efectos do previsto nesta orde, enténdese por módulo económico o custo por participante e hora de formación que poderá ser obxecto de financiamento público.
Sétimo. Compromiso de contratación
Cada acción formativa subvencionada incluirá un compromiso de contratación dun mínimo do 60 % do alumnado aprobado e/ou formado en contratos cunha duración mínima de 6 meses, ou dun mínimo do 40 % se a contratación é por un período igual ou superior aos 12 meses.
Non se poderán combinar ambos os tipos de contratos nunha mesma acción formativa.
Oitavo. Financiamento
Destínase a esta terceira convocatoria, correspondente á anualidade 2025, un crédito por importe total de oito millóns de euros (8.000.000,00 €), que se imputarán con cargo ás aplicacións orzamentarias que a seguir se relacionan, ou a aquelas que as substitúan de conformidade coa normativa orzamentaria aplicable, con código de proxecto 2013 00545.
|
Aplicación orzamentaria |
Anualidade 2025 |
|
14.03.323A.471.0 |
6.000.000,00 € |
|
14.03.323A.481.0 |
2.000.000,00 € |
|
Total |
8.000.000,00 € |
Estas aplicacións están financiadas con fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.
Noveno. Entrada en vigor e prazo de presentación de solicitudes
A orde de terceira convocatoria entrará en vigor aos 7 días naturais seguintes ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
O prazo de presentación estará aberto desde o día da entrada en vigor da orde ata o 30 de setembro de 2025 ou, de ser o caso, ata que se esgote o crédito orzamentario dispoñible.
Décimo. Forma e lugar de presentación das solicitudes
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na aplicación SIFO, accesible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal ou no enderezo directo https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes
Décimo primeiro. Prazo de execución das accións formativas
A data límite para o remate das accións formativas da terceira convocatoria será o 28 de novembro de 2025.
Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2024
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
