Ao abeiro do disposto na Orde do 13 de xuño de 2023, pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2023-2025 e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento de accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas, para o exercicio 2023, convócase a terceira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento de novas accións formativas con compromiso de contratación para o exercicio 2025.
Así mesmo, atendendo as disposicións normativas da Unión Europea e da Agencia Española de Protección de Datos sobre tratamento de datos de control de presenza mediante sistemas biométricos, modifícase a Orde do 13 de xuño de 2023 para os efectos de adaptar os ditos sistemas de control á nova regulación.
A presente orde concreta os criterios que rexerán a execución da terceira convocatoria de concesión de axudas para impartir accións formativas de formación no traballo que impliquen compromiso de contratación para as empresas e entidades beneficiarias das mesmas.
A Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, regula a planificación e o financiamento do Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, a programación e execución das accións formativas, o control, o seguimento e o réxime sancionador, así como o sistema de información, a avaliación, a calidade e a gobernanza do sistema.
A Lei 30/2015 estableceu un marco normativo que trata de consolidar no sistema produtivo unha cultura de formación profesional favorecedora da formación de emprego estable e de calidade, garantindo o exercicio do dereito á formación das persoas traballadoras.
Entre as iniciativas de formación para o emprego que regula a Lei 30/2015 considérase, no seu artigo 8.1.c), a oferta formativa das administracións competentes para persoas traballadoras desempregadas, que inclúe, entre outros, os programas formativos con compromiso de contratación. Nesta liña, a lei, no seu artigo 11.2, recolle os programas formativos que inclúan compromiso de contratación como un dos piares da oferta formativa para persoas traballadoras desempregadas.
No seu artigo 33, a Lei 3/2023, do 28 de febreiro, de emprego, establece como fins da formación no traballo, entre outros, o da mellora das competencias profesionais das persoas traballadoras, a mellora da produtividade e competitividade das empresas e a mellora da empregabilidade.
O Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, recolle nos seus artigos 27 e 28 os programas formativos que inclúen compromiso de contratación.
Así mesmo, a Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, en relación coa oferta formativa das administracións competentes e o seu financiamento, e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento, recolle, no seu artigo 1.3, os programas formativos con compromiso de contratación.
A finalidade destes programas formativos consiste en financiar as empresas para a impartición de accións formativas dirixidas a formar persoas traballadoras desempregadas naquelas competencias, habilidades e perfís laborais específicos demandados polo sistema produtivo para a cobertura dun posto de traballo.
O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado mediante a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, no seu artigo 29 atribúelle á Comunidade Autónoma galega a execución da lexislación do Estado en materia laboral e de fondos de ámbito nacional e de emprego.
A Comunidade Autónoma de Galicia, en aplicación do Decreto 69/1993, do 10 de marzo, asume as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado en materia de formación profesional ocupacional.
O orzamento destinado a impartir as accións formativas subvencionadas ao abeiro desta terceira convocatoria está financiado por fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.
O Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración atribúelle á Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego as competencias relativas á formación no traballo.
De acordo co disposto na Orde de bases reguladoras do 13 de xuño de 2023, a concesión das axudas realizarase polo procedemento de concesión directa, en réxime de concorrencia non competitiva. A adopción deste criterio ten como obxectivo o financiamento de actividades formativas que non requiren dunha valoración comparativa con outras propostas, polo que as resolucións de concesión se ditarán en orde de presentación das solicitudes, unha vez verificado o cumprimento dos requisitos exixidos, e ata o esgotamento do orzamento dispoñible na convocatoria.
O obxectivo desta orde consiste en axilizar o proceso de concesión de subvencións e axustar ao máximo posible o momento en que xorden as necesidades de contratación a que vai dirixida a formación. Facilítase así a creación de emprego de xeito inmediato mediante a contratación directa dunha porcentaxe das persoas desempregadas formadas e permite crear postos de traballo especializados e sustentables.
A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dispón no seu artigo 5.2 que a concesión de axudas e subvencións se axustará aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, aos cales se axusta esta disposición. Tamén será de aplicación o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
A concesión e xustificación da subvención realizarase a través do réxime de módulos previsto nos artigos 3 e 4 da Orde TMS/368/2019. Para os efectos de aplicar o dito réxime, os módulos económicos determinaranse aplicando criterios obxectivos en atención aos valores medios de mercado dos distintos compoñentes dos custos directos e indirectos da actividade formativa e en función da familia ou área profesional, e/ou a especialidade formativa.
Esta terceira convocatoria tramítase ao abeiro do disposto no artigo 25 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia e no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expediente de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, polo que a concesión das subvencións queda sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.
Consecuentemente con todo o anterior e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia
DISPOÑO:
CAPÍTULO I
Modificación da Orde do 13 de xuño de 2023, publicada no DOG núm. 113, do 15 de xuño, pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2023-2025 e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento de accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas de empresas para o exercicio 2023
Artigo 1. Modificación da Orde do 13 de xuño de 2023
Un. Modificación do artigo 5.4 da Orde do 13 de xuño de 2023, relativo ao contido da memoria técnica do compromiso de contratación, que queda redactado do seguinte modo:
«Na memoria técnica do compromiso de contratación, a que fai referencia o artigo 9.1.e) desta orde, deberá incluírse a seguinte información:
• Exposición de motivos da necesidade de realizar o proxecto formativo e descrición das necesidades laborais e as accións formativas que se van impartir dirixidas a capacitar o alumnado para desempeñar os postos de traballo que se pretenden cubrir.
• Descrición dos perfís profesionais das persoas traballadoras que se pretenden contratar, así como do proceso de selección do alumnado previo á formación.
• Tipo e número de contratos laborais comprometidos, con indicación da súa duración, das ocupacións e categorías profesionais, así como das localidades e centros de traballo en que se localizarán estes.
• Número de persoas empregadas no cadro laboral da empresa ou entidade contratante na data de presentación da solicitude de subvención.
Para estes efectos, no compromiso de contratación deberá priorizarse o alumnado aprobado sobre o alumnado formado, definida cada unha destas categorías de acordo co criterio establecido no artigo 38.4.II desta orde».
Dous. Modificación do artigo 6.5 da Orde do 13 de xuño de 2023, relativo ás entidades beneficiarias, que queda redactado do seguinte modo:
«5. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, as empresas públicas nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.
Tampouco poderán ser beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde de bases as empresas e entidades que, nos seis meses anteriores á data de solicitude da subvención, reducisen o seu cadro de persoal nunha porcentaxe igual ou superior ao 15 %. Para estes efectos, só se terán en conta as persoas con contrato indefinido, e non serán computables as extincións de contrato por causas obxectivas ou despedimentos disciplinarios declarados ou recoñecidos como procedentes, nin as baixas producidas por vontade propia da persoa traballadora, dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez».
Tres. Supresión do punto 1.j) do artigo 8 da Orde do 13 de xuño de 2023, sobre declaración responsable que forma parte da solicitude, relativo á equivalencia das pegadas dixitais.
Catro. Modificación do artigo 9.1 da Orde do 13 de xuño de 2023, relativo á documentación complementaria, ao que se engade unha nova letra, i), que queda redactada do seguinte modo:
«i) Solicitude xustificada de autorización para impartir accións formativas de duración superior ás 300 horas, de ser o caso».
Cinco. Modificación do artigo 21.2 da Orde do 13 de xuño de 2023, relativo á información e documentación para a xestión das accións formativas, que queda redactado do seguinte modo:
«2. Como mínimo tres días hábiles antes do inicio de cada acción formativa deberá incorporarse ao sistema informático SIFO a seguinte información:
a) A relación nominal do alumnado seleccionado, con indicación do seu DNI.
Nunha acción formativa non se poderán compaxinar os perfís de persoa alumna e persoal docente, nin o de persoa alumna co de persoal de apoio.
b) Os instrumentos de avaliación válidos e fiables que se van aplicar, cun sistema de puntuación e corrección obxectivo.
c) A relación de persoal docente, con especificación dos seus DNI, que vai impartir a acción formativa, coa relación dos contidos que impartirá cada docente, e farase constar a súa formación metodolóxica e a documentación acreditativa da súa formación e experiencia cando esta non estea en poder da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
d) A identificación, con especificación do DNI, do persoal de preparación de clases e titorías para o reforzo formativo e a impartición da docencia.
e) A identificación do persoal, con especificación dos seus DNI, que asuma as tarefas de administración e dirección estritamente necesarias para a preparación, xestión e execución da acción formativa.
f) As datas de inicio e remate da acción formativa, así como o horario de impartición.
g) A planificación temporal da acción formativa, incluídos os módulos transversais. Indicarase, así mesmo, a previsión de visitas didácticas para realizar ao longo do curso.
h) O compromiso verificable de calidade na xestión, transparencia e eficiencia na utilización de recursos públicos. Este compromiso estará referido ao seguimento da impartición e asistencia de todas as persoas que participan na acción, á súa satisfacción co desenvolvemento da acción formativa, aos seus contidos, aos seus resultados e á calidade do profesorado.
i) O seguro de accidentes das persoas participantes».
Seis. Modificación do artigo 21.4 da Orde do 13 de xuño de 2023, relativo á información e documentación para a xestión das accións formativas, que queda redactado do seguinte modo:
«4. No momento da incorporación do alumnado á acción formativa deberá requirirlle ás persoas participantes a seguinte documentación, que se deberá incluír no expediente electrónico do aplicativo SIFO:
a) Ficha individual na cal, para os efectos de posibles notificacións, envío de diplomas ou remisión de certificados emitidos por solicitude da persoa interesada, deberá incluír o seu enderezo de correo electrónico.
b) Asociada a cada participante, deberá incorporarse ao expediente electrónico de SIFO a seguinte documentación:
• No marco da normativa vixente en materia de protección de datos persoais, documento asinado polo alumnado participante de que foi informado, conforme o exixido nos artigos 13 e 14 do Regulamento (UE) nº 216/179 xeral de protección de datos, do tratamento dos seus datos persoais para a xestión, control e seguimento das accións formativas.
• Na aplicación informática SIFO estará dispoñible para a súa descarga o modelo normalizado, que lle deberán facilitar as entidades ao alumnado.
• Para o seguimento da acción formativa, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración consultará automaticamente os datos do DNI/NIE do alumnado en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta. No caso de opoñerse á consulta, que deberá manifestarse por escrito, as persoas alumnas deberán facilitarlle unha copia do seu DNI/NIE á entidade de formación para a súa incorporación ao expediente.
• Documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos de acceso para realizar a formación ou, de ser o caso, de ter iniciado e pendente de resolución un proceso de homologación de títulos estranxeiros que se corresponda cos requisitos exixidos para poder asistir á actividade de formación.
• Documentación acreditativa necesaria para a exención dun módulo transversal incluído na acción formativa, de ser o caso.
• Documento informativo sobre dereitos e obrigas a que entregará a entidade ao alumnado debidamente asinado polas persoas participantes.
• Na aplicación informática SIFO estará dispoñible para a súa descarga o modelo normalizado que lle deberán facilitar os centros de formación ao alumnado».
Sete. Modificación do artigo 21.5.a) da Orde do 13 de xuño de 2023, relativo á información e documentación para a xestión das accións formativas, que queda redactado do seguinte modo:
«a) De terse producido incidencias nos sistemas de control de asistencia debidamente acreditadas ante o equipo de soporte informático, partes diarios e mensuais de asistencia no modelo xerado pola aplicación informática SIFO asinados polo alumnado participante e polo persoal formador ao inicio e ao final de cada xornada, así como da persoa responsable da beneficiaria».
Oito. Modificación do artigo 23.9 da Orde do 13 de xuño de 2023, relativo ás obrigas das empresas na execución das accións formativas, que queda redactado do seguinte modo:
«9. As entidades deberán aplicar un sistema de control de presenza para verificar a asistencia do alumnado e do persoal docente participante na acción formativa. Para estes efectos, serán de aplicación os seguintes criterios:
a) O control de asistencia realizarase mediante o uso dun sistema de identificación seguro e unívoco baseado en código QR e/ou DNI-e que identifique as persoas participantes ou, subsidiariamente e como consecuencia dun fallo do sistema ou por imposibilidade acreditada de utilizar os medios de control citados, mediante partes de asistencia firmados.
O control deberá realizarse diariamente ao inicio e ao remate de cada sesión, de ser a acción formativa en horario de mañá ou de tarde, e catro veces ao día, de impartirse a acción formativa en xornada partida, ao inicio e ao fin da sesión de mañá e ao inicio e ao remate da sesión de tarde.
Tanto o conxunto do alumnado como o persoal docente estarán obrigados a efectuar o referido control de presenza.
No caso de utilizar partes firmados, os datos de asistencia do alumnado e persoal docente deberán ser mecanizados na aplicación informática Cobipe, no prazo improrrogable de 3 días hábiles desde a data de impartición da sesión a que se refiran. O incumprimento da obriga de mecanización en prazo suporá a perda ao dereito a percibir a liquidación correspondente á sesión non mecanizada para aquelas persoas participantes para as cales non se rexistraron os datos en prazo.
A utilización dun código QR ou dun DNI-e por unha persoa distinta á titular do código ou do documento identificativo, ou a existencia de irregularidades na sinatura dos partes de firma, dará lugar, de acordo co procedemento establecido no artigo 24.5.b) da Orde de bases reguladoras do 13 de xuño de 2023, á expulsión da acción formativa da persoa infractora. Sen prexuízo de que as citadas incidencias podan ser detectadas a través das actuacións de seguimento e control que vai realizar a Administración, as ditas anomalías deberán ser comunicadas pola entidade ao órgano administrativo competente no momento da súa detección.
b) Na formación presencial desenvolvida mediante aula virtual, no caso de que esta se autorice na correspondente convocatoria, os datos de asistencia do alumnado e persoal docente deberán ser mecanizados no sistema informático Copibe, no prazo e coas consecuencias descritas na letra a) desta epígrafe, en relación co uso de partes de firma.
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración poderá en calquera momento, dentro do período de vixencia desta orde de bases reguladoras, e mediante a oportuna instrución, que será comunicada ás entidades beneficiarias, substituír a obriga de mecanización establecida no parágrafo anterior por unha carga automática en Copibe do tempo de conexión que para cada sesión, persoa alumna e acción formativa consten no campus virtual».
Nove. Modificación do artigo 23 da Orde do 13 de xuño de 2023, relativo ás obrigas das empresas na execución das accións formativas, polo que se engaden dous novos números, numerados como 22 e 23, que quedan redactados do seguinte modo:
«22. As empresas beneficiarias da subvención non poderán tratar os datos persoais que lles poidan ser facilitados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para fins propios fóra do ámbito de xestión das accións formativas subvencionadas, en particular, con fins publicitarios ou de mercadotecnia, nin poderán comunicalos a ningún terceiro fóra dos casos legalmente previstos.
23. Respecto das persoas participantes en cada unha das accións formativas, as entidades beneficiarias obríganse a informalas conforme o exixido nos artigos 13 e 14 do Regulamento (UE) nº 216/179 xeral de protección de datos, e en particular que os datos persoais tratados para a participación na correspondente actividade formativa, incluídos, de ser o caso, os de categoría especial definidos no artigo 9.1 do Regulamento xeral de protección de datos, así como aqueles cuxo tratamento poida derivar do sistema de identificación baseado en código QR e/ou DNI-e, serán tratados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, na súa condición de responsable do tratamento, coa finalidade de levar a cabo a xestión, control e seguimento das accións formativas reguladas nesta orde.
Da comunicación desta información ao alumnado deberá quedar a constancia escrita á que se refire o artigo 21.4.b) da Orde de bases reguladoras do 13 de xuño de 2023».
Dez. Modificación do artigo 24.3 da Orde do 13 de xuño de 2023, relativo aos dereitos e deberes do alumnado, que queda redactado do seguinte modo:
«3. O alumnado que resulte seleccionado para unha acción formativa regulada por esta orde non poderá asistir simultaneamente a ningunha outra subvencionada con fondos públicos.
Será excepción a este criterio a asistencia a cursos de formación non formal, suposto en que poderá asistir simultaneamente ata a un máximo de dúas accións formativas, sempre que exista compatibilidade horaria entre ambas as actividades e que a convocatoria da programación de formación non formal permita a dita simultaneidade.
Tampouco poderá causar baixa nunha acción formativa financiada dentro desta programación para acceder a outra diferente financiada con fondos públicos, salvo autorización expresa previa da persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego e por causas excepcionais debidamente xustificadas e acreditadas».
Once. Modificación do artigo 24.5.b) da Orde do 13 de xuño de 2023, relativo aos dereitos e deberes do alumnado, que queda redactado do seguinte modo:
«b) Por causas disciplinarias:
I. Atentar contra os dereitos das persoas alumnas, do persoal docente ou da entidade formadora.
II. A falta de aproveitamento da acción formativa ou mostrar unha actitude indebida que dificulte ou impida o seu normal desenvolvemento e/ou prexudique o resto das persoas participantes.
III. Negarse a efectuar os controis de asistencia que procedan.
IV. Non entregar a documentación requirida pola entidade formadora ou a unidade administrativa correspondente para dar cumprimento á normativa aplicable.
V. Non cumprir nin respectar as medidas de seguridade e saúde establecidas polas autoridades competentes para facer fronte, de ser o caso, a emerxencias sanitarias, así como as debidas normas de hixiene e salubridade.
VI. Simultanear, coas excepcións establecidas nesta orde, accións formativas de formación profesional para o emprego. Neste caso, a exclusión aplicarase ás accións formativas ás que se incorporase máis recentemente a persoa alumna.
VII. A utilización dun código QR ou dun DNI-e por unha persoa distinta á titular do código ou do documento identificativo, ou a existencia de irregularidades na sinatura dos partes de sinatura.
O procedemento que se deberá seguir para dilucidar se procede a expulsión por causas disciplinarias será o seguinte:
• O proceso iniciarase mediante solicitude debidamente motivada presentada pola beneficiaria.
• No prazo de 5 días hábiles desde a presentación da solicitude, a persoa proposta para expulsión será obxecto de audiencia polo órgano instrutor, a Subdirección Xeral de Formación para o Emprego, logo da cal esta unidade formulará a súa proposta de resolución.
• A resolución corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.
• Durante a tramitación do procedemento a persoa alumna que o motiva poderá ser suspendida de asistencia á acción formativa ata a notificación da resolución definitiva, que non pon fin á vía administrativa, contra a cal as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada.
As persoas alumnas que resulten expulsadas por causas disciplinarias dunha acción formativa non poderán ser seleccionadas para ningunha outra acción formativa que se imparta ao abeiro da convocatoria do procedemento TR301P en que resultaron excluídas».
Doce. Modificación do artigo 28.1 da Orde do 13 de xuño de 2023, relativo ás persoas destinatarias da formación e a definición de persoa alumna, que queda redactado do seguinte modo:
«As accións formativas obxecto de financiamento dirixiranse ás persoas traballadoras desempregadas. Para tal efecto, a consideración de persoa desempregada virá determinada pola súa inscrición como demandante no Servizo Público de Emprego de Galicia e a súa situación laboral como non ocupada, na data de validación da acta de selección polas oficinas de emprego.
Non será precisa a inscrición como demandante de emprego cando unha norma específica así o determine e, en particular, no suposto de persoas mozas inscritas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil».
Trece. Modificación do artigo 37.1 da Orde do 13 de xuño de 2023, relativo ao pagamento da subvención, que queda redactado do seguinte modo:
«1. Unha vez ditada e notificada a resolución de concesión, as entidades, unha vez que conste a aceptación tácita ou expresa da subvención, poderán solicitar o pagamento dun anticipo con carácter previo ao inicio da acción formativa por un importe máximo do 25 % da subvención concedida».
Catorce. Modificación do artigo 37.8 da Orde do 13 de xuño de 2023, relativo ao pagamento da subvención, que queda redactado do seguinte modo:
«8. Conforme o previsto no artigo 65.4, sobre réxime xeral de garantías, do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as institucións sen ánimo de lucro están exoneradas de constituír garantía para a percepción dos anticipos.
Así mesmo, en aplicación do artigo 67.4 do citado Decreto 11/2009, sobre a obriga de constituír garantías en pagamentos anticipados e a conta, as entidades con ánimo de lucro quedan eximidas da obriga de constituír garantías para a realización e cobramento dos anticipos».
Quince. Modificación do punto 4.II.f) do artigo 38 da Orde do 13 de xuño de 2023, relativo á xustificación da subvención, que queda redactado do seguinte modo:
«f) Caso de terse producido incidencias no sistema de control de presenza debidamente acreditadas ante o equipo de soporte informático, partes diarios de asistencia no modelo xerado pola aplicación SIFO asinados polo alumnado participante e o persoal formador ao inicio e ao final de cada xornada, así como da persoa responsable da entidade beneficiaria. Nos ditos partes deberanse identificar de maneira veraz as persoas participantes e expresar as horas realizadas diariamente por cada unha delas, reflectiranse expresamente o número de horas e minutos de ausencia».
CAPÍTULO II
Terceira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento de accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas para o exercicio 2025
Artigo 2. Obxecto e ámbito de aplicación
1. Esta orde ten por obxecto efectuar, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a terceira convocatoria de subvencións de accións formativas para o emprego en unidades formativas das empresas con compromiso de contratación para o exercicio 2025 (código de procedemento TR301P).
Enténdese por unidade formativa da empresa a formación con compromiso de contratación impartida con medios propios da beneficiaria, ou a través dunha entidade contratada nos termos desta orde, que teña por obxecto a realización das accións formativas solicitadas e relacionadas coa súa actividade empresarial.
2. As subvencións que se concedan ao abeiro do disposto nesta orde terán como finalidade o financiamento de programas de formación con compromiso de contratación destinados á cualificación profesional das persoas traballadoras desempregadas, e estarán dirixidos á adquisición e mellora das competencias profesionais necesarias para o desempeño dos postos de traballo obxecto da contratación.
3. As bases reguladoras desta convocatoria están recollidas na Orde do 13 de xuño de 2023 (DOG núm. 113, do 15 de xuño), pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2023-2025 e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento de accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas, para o exercicio 2023, e no artigo 1 desta orde polo que se modifica parcialmente a Orde do 13 de xuño de 2023.
Artigo 3. Procedemento de concesión das subvencións
A concesión das axudas realizarase polo procedemento de concesión directa en réxime de concorrencia non competitiva.
Artigo 4. Financiamento
1. Destínase a esta terceira convocatoria, correspondente á anualidade 2025, un crédito por un importe total de oito millóns de euros (8.000.000,00 €), que se imputarán con cargo ás aplicacións orzamentarias que a seguir se relacionan, ou aquelas que as substitúan de conformidade coa normativa orzamentaria aplicable, con código de proxecto 2013 00545. Estas aplicacións están financiadas con fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.
|
Aplicación orzamentaria |
Anualidade 2025 |
|
14.03.323A.471.0 |
6.000.000,00 € |
|
14.03.323A.481.0 |
2.000.000,00 € |
|
Total |
8.000.000,00 € |
Este crédito orzamentario está recollido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 17 de outubro de 2024.
Esta convocatoria, dado o seu carácter de tramitación anticipada, queda sometida á condición suspensiva da existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.
2. Os créditos orzamentarios a que se refire este artigo poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de formación para o emprego.
Poderá ampliarse a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento de crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación, incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.
Calquera modificación ou ampliación dos créditos dispoñibles estará condicionada ao cumprimento dos supostos e condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións de Galicia.
3. O módulo económico aplicable a esta convocatoria de subvencións é o que figura cuantificado, para cada área profesional, no anexo III.
4. Para os custos adicionais de adaptación da acción formativa á participación do alumnado con discapacidade, establécese un custo unitario de 16 € por hora lectiva.
Artigo 5. Entidades beneficiarias
1. Poderán ser entidades beneficiarias as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, e as agrupacións temporais de empresas que presenten solicitude conxunta, mediante un convenio que acredite a correspondente agrupación, que adquiran, no marco da actividade subvencionada, o compromiso de contratación das persoas traballadoras aprobadas e/ou formadas ao que se refire esta orde.
Así mesmo, poderán ser beneficiarias da subvención as asociacións de empresas que teñen a cualificación de entidades sen ánimo de lucro.
2. Entenderase por agrupación temporal de empresas, para os efectos desta orde, o suposto en que distintas empresas pertencentes a un sector ou actividade acrediten a correspondente agrupación mediante un acordo ou convenio entre elas.
Nas agrupacións temporais de empresas que presenten solicitude conxunta, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude de subvención coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, o período de vixencia da agrupación, que como mínimo deberá ser o do tempo de duración da acción ou accións formativas, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias.
Todas as empresas agrupadas deberán cumprir todos os requisitos da convocatoria para seren beneficiarias. Así mesmo, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación.
Calquera modificación dos compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación deberá ser previamente solicitada, mediante documento asinado por todos os seus membros, á Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego para a súa autorización, e estará suxeita ao disposto neste artigo e no número 7 do artigo 17 da Orde de bases do 13 de xuño de 2023. Os ditos cambios non poderán en ningún caso minorar o compromiso de contratación adquirido pola agrupación.
3. Sen prexuízo do disposto no número anterior, poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións as empresas que sexan entidades de formación e que sexan titulares de centros ou entidades de formación inscritos para impartir formación profesional para o emprego no ámbito laboral da Comunidade Autónoma de Galicia naquelas especialidades formativas para as cales soliciten subvención.
Neste caso será a entidade de formación beneficiaria a que se faga cargo da responsabilidade da execución da acción formativa subvencionada e do cumprimento do compromiso de contratación, e poderá asumir o dito compromiso mediante acordos ou convenios con outras empresas que efectuarán a contratación laboral.
Con anterioridade á execución do compromiso de contratación do alumnado e logo de solicitude motivada da entidade, a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego poderá autorizar a subscrición de novos acordos ou convenios, que deberán, en todo caso, cumprir coas obrigas asumidas na memoria técnica explicativa do compromiso de contratación presentada xunto coa solicitude de subvención.
As entidades de formación, coa excepción establecida no número 4 deste artigo, deberán estar inscritas con carácter previo á presentación da solicitude de subvención. As empresas que non teñan a consideración de entidades de formación non estarán suxeitas á obriga de inscrición previa.
4. As beneficiarias deberán dispor, ben por si mesmas ou mediante acordo cunha entidade de formación, do equipamento e instalacións no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para impartir as especialidades formativas solicitadas no seu programa formativo, así como dos recursos humanos requiridos de acordo coa normativa reguladora.
As empresas beneficiarias desenvolverán as accións formativas utilizando os medios de execución propios ou contratados establecidos no artigo 20 da Orde de bases do 13 de xuño de 2023.
Cando, atendendo ao disposto no artigo 10.1.h) desta orde de convocatoria, se soliciten especialidades formativas ou itinerarios formativos non incluídos no Catálogo de especialidades formativas, a inscrición deberá formalizarse, no caso de que se autorice a solicitude, con anterioridade ao comezo da acción formativa.
5. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, as empresas públicas nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.
Tampouco poderán ser beneficiarias das subvencións as empresas e entidades que, nos seis meses anteriores á data de solicitude de subvención, reducisen o seu cadro de persoal nunha porcentaxe igual ou superior ao 15 %. Para estes efectos, só se terán en conta as persoas con contrato indefinido e non serán computables as extincións de contrato por causas obxectivas ou despidos disciplinarios declarados ou recoñecidos como procedentes, nin as baixas producidas por vontade propia da persoa traballadora, dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez.
6. Non poderán obter a condición de entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde aquelas nas cales concorran algunhas das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 6.7 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo.
A xustificación polas entidades solicitantes de non estar incursas en ningunha das anteditas circunstancias realizarase mediante unha declaración responsable incluída no modelo de solicitude definido no anexo I, cuxo contido deberá respectar o que establece o artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Coa finalidade de garantir o cumprimento das exixencias deste punto poderán realizarse comprobacións por mostra estatística durante calquera das fases do procedemento por parte do persoal técnico da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, das cales poderán derivar, de ser o caso, as consecuencias sinaladas no artigo 9.2 desta orde para os supostos de falseamento do contido das declaracións responsables.
De ser o caso, estas actuacións de comprobación poderán efectuarse por outra entidade, pública ou privada, se así se lle encomenda a través do instrumento xurídico correspondente.
7. En aplicación do disposto no artigo 82 da Lei 4/2023, do 28 de febreiro, para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI, non poderán ser beneficiarias aquelas entidades que cometan, inciten ou promocionen LGTBIfobia, incluíndo a promoción ou realización de terapias de conversión.
Artigo 6. Especialidades formativas subvencionables
1. Serán subvencionables, ao abeiro do disposto nesta orde e na Orde de bases do 13 de xuño de 2023, e nos termos establecidos no artigo 28 do Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, as accións formativas para o emprego con compromiso de contratación na Comunidade Autónoma de Galicia que garden relación coa actividade empresarial das entidades solicitantes e se correspondan con especialidades de formación no traballo incluídas no Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal.
Non serán obxecto de subvención as ofertas formativas do Sistema de formación profesional reguladas pola Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, e polo Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de formación profesional.
2. De non existiren, por non estaren dadas de alta no catálogo, especialidades formativas que respondan ás necesidades específicas de formación, as empresas poderán solicitar impartir especialidades que, no momento de presentar a solicitude de subvención, non estean incluídas nel. Neste caso, deberá presentarse xunto coa solicitude de subvención a proposta de alta da nova especialidade formativa e achegarase, para estes efectos, a documentación que se indica no artigo 10.1.h desta orde.
Artigo 7. Compromiso de contratación
Cada acción formativa incluirá un compromiso de contratación, regulado e formalizado de acordo co disposto no artigo 5 da Orde de bases do 13 de xuño de 2023, dun mínimo do 60 % do alumnado aprobado e/ou formado en contratos cunha duración mínima de 6 meses, ou dun mínimo do 40 % se a contratación é por un período igual ou superior aos 12 meses, arredondado, en ambos os casos, ao enteiro superior se a primeira cifra decimal é igual ou superior a 5.
Non se poderán combinar ambos os tipos de contratos nunha mesma acción formativa.
Artigo 8. Forma e lugar de presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na aplicación SIFO, anexo I, accesible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal ou no enderezo directo https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude ou a documentación presencialmente, será requirida para que a emende mediante a súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados nas bases reguladoras e na correspondente convocatoria, ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase a persoa solicitante para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.
No caso de que o requirimento afecte só algunha das accións formativas da solicitude, entenderanse como desistidas unicamente estas, e continuarase coa tramitación do resto do expediente.
Non se admitirán a trámite, e por conseguinte non existirá a posibilidade de emenda, as solicitudes presentadas fóra de prazo.
3. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
As empresas ou entidades de formación poderán formular unha única solicitude de subvención e incluirán nela, dentro da súa capacidade real de execución, conforme os límites e requisitos que se determinan na presente convocatoria, e de acordo co compromiso de contratación a que se obrigan, todas e cada unha das accións formativas para as que solicitan subvención.
Para os posibles efectos de superación, de ser o caso, do límite máximo do importe de subvención para conceder que se estableza en cada convocatoria, ou de esgotamento do orzamento dispoñible, as accións formativas para as cales se solicita subvención deberán ir ordenadas en función da prioridade de impartición que lles outorgue a entidade solicitante, de xeito que estas figuren ordenadas segundo criterio de maior a menor preferencia.
4. A solicitude, que incluirá a ficha das accións formativas que se pretenden impartir (anexo II), deberá presentarse xunto coa documentación complementaria relacionada no artigo 10 desta orde.
Artigo 9. Declaración responsable que forma parte da solicitude
1. Forma parte da solicitude a declaración responsable que se contén nela e na cal se farán constar os aspectos seguintes:
a) Que, en relación con outras axudas concedidas ou solicitadas:
• Non se solicitou nin se concedeu ningunha outra axuda para este mesmo proxecto e conceptos para os cales se solicita esta subvención.
• De se solicitaren e/ou concederen outras axudas para este mesmo proxecto e conceptos para os cales se solicita esta subvención, deberán relacionarse estas.
b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se xuntan son certos.
c) Que coñece as estipulacións da orde de bases reguladoras e da orde de terceira convocatoria, que cumpre cos requisitos sinalados nelas e que se compromete a destinar o importe da axuda ao obxecto da subvención indicada.
d) Que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
e) Que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 6.7 da orde TMS/368/2019, do 28 de marzo.
f) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
g) Que as dotacións, equipamentos, medios materiais e instalacións en que se desenvolverán as accións formativas serán as adecuadas para tal fin e, no caso das entidades de formación, aquelas para as cales están inscritas, nos termos do artigo 15 da Lei 30/2015, do 9 de setembro, e do artigo 6 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, que son aptos para impartir a formación e que cumpren e manterán durante todo o período de impartición das accións formativas as condicións e requisitos que exixe a normativa aplicable á correspondente especialidade formativa.
h) Que conta con capacidade suficiente, en termos económicos, técnicos, de recursos humanos, materiais e organizativos, así como, de ser o caso, con aulas, talleres e instalacións en xeral, para asumir na súa totalidade a execución completa das accións formativas que solicita.
i) Que dispón da documentación que acredita o cumprimento dos anteriores aspectos e que a porá á disposición da Administración cando lle sexa requirida, ademais de que se compromete a manter os ditos requisitos durante todo o período de tempo inherente ao recoñecemento de tal dereito.
2. A presentación dunha declaración responsable que falsee ou oculte circunstancias que impidan ou limiten a concesión da subvención ou o seu pagamento terá a consideración dunha infracción moi grave nos termos do artigo 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas posibles consecuencias sancionadoras que se recollen na dita norma e no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
Artigo 10. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Ficha da acción formativa (anexo II).
b) Acreditación da capacidade legal suficiente para asinar a solicitude (escritura notarial de poderes ou calquera outro medio válido en dereito).
c) Acreditación da capacidade legal suficiente para asinar a solicitude no nome e representación da agrupación, no caso de agrupacións temporais de empresas.
d) Copia da documentación de constitución da entidade solicitante ou dos estatutos sociais debidamente legalizados.
e) Memoria técnica explicativa do compromiso de contratación do alumnado, asinado pola persoa ou persoas representantes da empresa ou empresas vencelladas ao proxecto presentado, que deberá incluír a información detallada no artigo 5.4 da Orde de bases do 13 de xuño de 2023, modificada polo artigo 1.Un da presente orde.
Este compromiso, de conformidade co artigo 28.1 do Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, deberano adquirir a/as empresa/s beneficiaria/s con respecto a si mesmas, salvo que se trate de entidades de formación, suposto en que serán estas as que asumirán a responsabilidade do cumprimento do compromiso da contratación, así como da execución da actividade formativa subvencionada.
f) Para todas as especialidades, agás no caso de que a formación se desenvolva en centros xa inscritos para impartir a especialidade formativa, relación detallada de dotacións, equipamentos e medios materiais que se van utilizar no seu desenvolvemento, así como unha descrición das aulas e talleres, con indicación dos seus metros cadrados e xuntando planos oficiais das instalacións onde estea previsto impartir a formación.
g) No caso de solicitudes conxuntas de agrupacións temporais de empresas, deberá achegarse:
• Documento de constitución da agrupación, en que deberá constar a persoa designada como representante dela.
• Convenio entre as partes que fan a solicitude conxunta, que incluirá os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, o período de vixencia da agrupación, que, como mínimo, deberá ser o do tempo de duración da acción ou das accións formativas, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias.
• Documentación acreditativa da capacidade legal suficiente para asinar o convenio, en nome e representación da entidade, para cada unha das entidades que formen parte da agrupación.
• Comprobación de datos para pluralidade de solicitantes (anexo IV).
h) Cando se soliciten especialidades formativas non incluídas no Catálogo de especialidades formativas a que se refire o artigo 20.3 da Lei 30/2015, do 9 de setembro, as entidades solicitantes deberán achegar a documentación que a seguir se indica, nos termos recollidos na Orde TMS/283/2019, do 12 de marzo, pola que se regula o Catálogo de especialidades formativas no marco do Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral.
• Solicitude de alta da nova especialidade formativa.
• Proposta de programa formativo.
• Ficha coa proposta da nova especialidade formativa.
• Informe motivado da necesidade de dar de alta a nova especialidade formativa no Catálogo de especialidades formativas.
Para estes efectos, a actualización do citado catálogo e as correspondentes altas e baixas de especialidades serán realizadas polo Servizo Público de Emprego Estatal.
Na páxina web https://empregoeigualdade.xunta.gal/formacion/especialidades-formativas, está dispoñible para a súa consulta unha guía informativa coas actuacións que se van realizar para dar de alta novas especialidades formativas no Catálogo de especialidades formativas.
O informe motivado e os programas que se citan na guía deberán ser remitidos en soporte informático editable para os efectos, nos termos do artigo 6 da Orde TMS/283/2019, da correspondente xestión e tramitación dos procesos de alta, modificación e reactivación, segundo proceda, da especialidade ou itinerario formativo.
As accións formativas obxecto de financiamento non poderán en ningún caso iniciarse con carácter previo á finalización favorable do proceso de alta, modificación ou reactivación que corresponda.
i) Solicitude xustificada de autorización para impartir accións formativas de duración superior ás 300 horas, de ser o caso.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.
A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
6. De existir discrepancia entre a información contida na solicitude (anexo I) e/ou na ficha da acción formativa (anexo II), en relación coa información achegada no resto de documentación que se vai presentar, será considerada como correcta, para os efectos de tramitar e revisar a solicitude, a alegada nos citados anexos I e II, con independencia, de ser o caso, de que para ter validez esta deba acreditarse documentalmente.
Artigo 11. Comprobación de datos
1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) NIF da entidade representante.
e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
g) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.
h) Concesións de subvencións e axudas.
i) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos oportunos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Artigo 12. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde o día de entrada en vigor da orde, establecido na disposición derradeira segunda, ata o día 30 de setembro de 2025 ou, de ser o caso, ata que se esgote o crédito orzamentario dispoñible.
Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.
Artigo 13. Trámites posteriores á presentación da solicitude e documentación complementaria
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban efectuar tras a presentación da solicitude deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática SIFO, se deberá adecuarse a presentación de documentación derivada das notificacións efectuadas pola Administración ao disposto no artigo 14.6 da presente orde.
Artigo 14. Réxime das notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos realizaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal
Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación realizada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico.
En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear o citado enderezo de oficio, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda a el.
5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico realizará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
6. A presentación de documentación derivada das notificacións efectuadas será realizada exclusivamente mediante o programa informático SIFO ou, de ser o caso, a través do programa de notificación xenérico do aplicativo Forman, https://emprego.xunta.es/forman, que disporá dun punto único para efectuar todos os envíos de documentación á Administración.
Unicamente no caso de que non for posible, por problemas técnicos acreditados que imposibilitasen a presentación de documentación polos medios establecidos no parágrafo anterior, o interesado podería realizar a súa presentación por medio dos trámites comúns da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), a través do procedemento PR004A.
Artigo 15. Prazos de resolución e notificación
A resolución dos expedientes de axudas corresponderalle, unha vez fiscalizada a proposta pola Intervención competente, á persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, por delegación da persoa titular da consellería.
O prazo para resolver e notificar será dun mes, contado desde a data de presentación da solicitude de subvención.
O dito prazo suspenderase cando deba requirírselle á entidade interesada a emenda de deficiencias ou a achega de documentos e elementos de xuízo necesarios, polo tempo que medie entre a notificación do requirimento e o seu efectivo cumprimento por parte da entidade interesada.
Transcorrido o prazo dun mes para resolver sen que se notifique resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Artigo 16. Recursos
As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes desde a súa notificación, se o acto fose expreso, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, se o acto non fose expreso, de conformidade co que preceptúan os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Artigo 17. Publicidade das subvencións
1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as empresas e entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
2. Así mesmo, e tal como se recolle no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os órganos administrativos concedentes publicara no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas, con indicación da convocatoria, programa e crédito orzamentario á que se imputan, persoa beneficiaria, cantidade concedida e finalidade ou finalidades da subvención.
3. Igualmente, publicaranse na páxina web oficial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, nos termos previstos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.
Artigo 18. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
3. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación coas accións formativas financiadas no marco da Orde de bases reguladoras do 13 de agosto de 2024 e da orde de terceira convocatoria poderá, a través da canle de denuncias da Xunta de Galicia, de comunicación de información en materia de integridade institucional, dispoñible na ligazón https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias, pór os ditos feitos en coñecemento desta Administración.
Artigo 19. Medios de execución das accións formativas
1. Os medios de execución das accións formativas serán os establecidos no artigo 20 da Orde de bases reguladoras do 13 de xuño de 2023.
2. As empresas beneficiarias desenvolverán as accións formativas a través de medios propios ou poderán recorrer á súa contratación, por unha soa vez, sempre que resulten adecuados para tal fin, nos termos da letra a) do número 2 do artigo 14 da Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral.
No caso de que as empresas beneficiarias opten pola contratación para impartir a formación, que poderá ser do 100 % da actividade formativa subvencionada, deberán comunicarllo á Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego con anterioridade ao comezo da acción formativa e subscribir un contrato por escrito cunha entidade de formación inscrita para impartir a formación.
3. No suposto de que a empresa beneficiaria sexa unha entidade de formación, non poderá subcontratar con terceiros a execución da actividade formativa.
4. A contratación de persoal docente para impartir a formación subvencionada por parte da empresa beneficiaria non se considerará subcontratación; enténdese para estes efectos por contratación de persoal docente a contratación de persoas físicas.
Artigo 20. Accións formativas
Para os efectos desta norma, enténdese por acción formativa a dirixida á adquisición e mellora das competencias e capacidades profesionais necesarias para o desempeño dos postos de traballo obxecto da contratación.
A acción formativa está constituída polo contido específico das especialidades formativas a que fai referencia o artigo 6 desta orde e, de acordo co disposto no artigo 31 da Orde de bases reguladoras do 13 de xuño de 2023, polos módulos transversais.
As especialidades formativas programaranse completas.
Artigo 21. Módulos formativos transversais
1. En todas as accións formativas subvencionadas ao abeiro da presente orde será obrigatorio impartir os módulos transversais establecidos no artigo 31.1 da Orde de bases reguladoras do 13 de xuño de 2023.
2. Excepcionalmente, ademais dos módulos transversais a que se refire o número 1 deste artigo, as entidades poderán solicitar a impartición dun módulo de formación complementaria de entre os que a seguir se especifican, sempre que a súa impartición estea xustificada polo contido da especialidade formativa solicitada.
A súa impartición será autorizada ou denegada na resolución de concesión da subvención.
|
Código |
Denominación |
Horas |
|
FCOM01 |
Manipulador de alimentos |
10 |
|
FCOXXX26 |
Básico de prevención de riscos laborais |
60 |
3. De ser o caso, a superación da formación impartida no módulo de prevención de riscos laborais garantirá o nivel de coñecementos necesarios para desempeñar as funcións de nivel básico en prevención de riscos laborais, de acordo co establecido no artigo 35 do Regulamento dos servizos de prevención, aprobado polo Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro (RSP). Esta formación impartiraa persoal cualificado e co contido mínimo do programa de formación establecido no anexo IV do RSP.
Este módulo, que unicamente poderá impartirse na modalidade presencial, requirirá para a súa superación a asistencia á totalidade das sesións presenciais da formación e a superación dunha proba final de aptitude.
Naqueles sectores en que o seu respectivo convenio colectivo regule a formación en prevención de riscos laborais de nivel básico, deberá impartirse de acordo co indicado nel. A superación do módulo requirirá, ademais dos requisitos establecidos nesta orde, a asistencia por parte do alumnado á totalidade das sesións presenciais da formación e a superación da proba final de aptitude.
4. A modalidade de impartición do módulo formativo transversal non poderá ser obxecto de modificación con respecto á establecida na resolución de concesión da subvención.
5. A impartición dos módulos formativos transversais requirirá que o alumnado participante supere unha proba final de aptitude.
Artigo 22. Modalidade de impartición
As especialidades formativas impartiranse na modalidade presencial e non está autorizado o uso de aula virtual.
Os módulos transversais poderán, coa excepción recollida no artigo 21.3 desta orde, impartirse na modalidade de teleformación.
Artigo 23. Persoas destinatarias da formación
As accións formativas obxecto de financiamento dirixiranse ás persoas traballadoras desempregadas. Para tal efecto, a consideración de persoa desempregada virá determinada pola súa inscrición como demandante no Servizo público de emprego de Galicia e pola súa situación laboral como non ocupada, na data de validación da acta de selección polas oficinas de emprego.
Non será precisa a inscrición como demandante de emprego cando unha norma específica así o determine e, en particular, no suposto de persoas mozas inscritas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil.
Artigo 24. Número de participantes por acción formativa
O número máximo de participantes por acción formativa, nos casos en que as instalacións cumpran os requisitos que posibiliten esta capacidade e a especialidade formativa o permita, será de 15 persoas.
O número mínimo de participantes estará determinado polo que, de ser o caso, estableza o programa formativo da especialidade que se vai impartir.
Artigo 25. Contratación do alumnado
A contratación comprometida realizarase, de acordo co disposto na Orde de bases reguladoras do 13 de xuño de 2023, no prazo de dous meses desde o remate da acción formativa.
Por solicitude da beneficiaria e por causas excepcionais debidamente acreditadas e motivadas, este prazo poderá ampliarse en dous meses, logo de resolución ao respecto da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.
Artigo 26. Límites e criterios particulares de aplicación na terceira convocatoria
1. As persoas interesadas poderán presentar unha única solicitude, que incluirá todas aquelas accións formativas para as cales solicitan subvención.
Unha vez iniciados un mínimo do 50 % das accións formativas concedidas, a beneficiaria poderá presentar unha nova solicitude de subvención de acordo co criterio establecido no parágrafo anterior.
2. Unha mesma empresa ou entidade de formación non poderá ser beneficiaria dunha subvención que supere, para cada expediente presentado na convocatoria, o 25 % do crédito orzamentario dispoñible.
3. Cada acción formativa que se vai subvencionar poderá ter unha duración máxima de 300 horas. Excepcionalmente, logo de petición xustificada da beneficiaria, poderá autorizarse un número superior de horas formativas, sen que este incremento de horas supoña un aumento da subvención.
Artigo 27. Prazos de execución das accións formativas da terceira convocatoria
As accións formativas correspondentes á presente convocatoria non poderán comezar ata que transcorrida un mínimo de cinco días hábiles desde a aceptación por parte da beneficiaria da resolución de concesión.
A data límite para o remate das accións formativas será o 28 de novembro de 2025.
Artigo 28. Prazos de xustificación das accións formativas da terceira convocatoria
1. A xustificación das accións formativas deberá realizarse a través da aplicación informática SIFO nos prazos establecidos no artigo 38.2 da Orde de bases reguladoras do 13 de xuño de 2023. A data límite para presentar a xustificación será a do 12 de decembro de 2025.
2. Se a documentación presentada for insuficiente para considerar correctamente xustificada a subvención concedida, a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego porá en coñecemento da beneficiaria afectada as insuficiencias detectadas para a súa emenda no prazo de 10 días hábiles.
Artigo 29. Anexos
Son anexos desta orde de terceira convocatoria os seguintes:
• Anexo I: modelo de solicitude.
• Anexo II: ficha da acción formativa.
• Anexo III: importe dos módulos económicos por área profesional, hora e persoa alumna.
• Anexo IV: pluralidade de empresas solicitantes.
Disposición adicional primeira. Resolucións adicionais
Poderán ditarse resolucións adicionais cando existan fondos provenientes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas, da asignación ou redistribución de fondos ou de incrementos das cantidades asignadas á Comunidade Autónoma pola Administración do Estado.
Disposición adicional segunda. Modificación da resolución no caso de alteración das condicións
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, poderá dar lugar á modificación ou revogación da resolución de concesión e ao reintegro da subvención percibida.
Disposición adicional terceira. Delegación de atribucións
Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego para tramitar e resolver os expedientes de redistribución dos créditos necesarios para o financiamento desta orde, para resolver a concesión, denegación, modificación e reintegro das subvencións, asi como para a autorización, disposición, recoñecemento da obriga e proposta de pagamento ou outras incidencias das subvencións reguladas nesta orde.
Disposición adicional cuarta. Normativa de aplicación supletoria
En todo o non disposto nesta orde de terceira convocatoria será de aplicación o establecido na Orde do 13 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2023-2025 e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento de accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas para o exercicio 2023.
Asimesmo, será de aplicación o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no que sexa de aplicación, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, que a desenvolve.
Será igualmente de aplicación o establecido na Lei 3/2023, do 28 de febreiro, de emprego, na Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, e no Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, que a desenvolve. Ademais, resultarán de aplicación a Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, en relación coa oferta formativa das administracións competentes e o seu financiamento, e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento, así como o resto da normativa regulamentaria que desenvolve as ditas normas.
Disposición derradeira primeira. Autorización para ditar resolucións e instrucións
Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta disposición.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor aos 7 días naturais seguintes ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2024
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
