DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Venres, 24 de xaneiro de 2025 Páx. 6904

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2024, do tribunal designado para cualificar o proceso selectivo, pola quenda de promoción interna e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, convocado pola Resolución do 16 de novembro de 2023 (Diario Oficial de Galicia número 222, do 22 de novembro), pola que se fan públicos a data, a hora e o lugar de realización do primeiro exercicio do proceso selectivo.

En sesión que tivo lugar o día 19 de decembro de 2024, o tribunal nomeado pola Resolución do 7 de novembro de 2024 (DOG núm. 220, do 14 de novembro), modificada pola Resolución do 22 de novembro de 2024 (DOG núm. 229, do 27 de novembro), para cualificar o proceso selectivo, pola quenda de promoción interna, para o ingreso no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, convocado pola Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública do 16 de novembro de 2023 (DOG núm. 222, do 22 de novembro), acordou, de conformidade co disposto na base II.1.2.6 da convocatoria, que o primeiro exercicio da oposición terá lugar o día 2 de febreiro de 2025, ás 9.00 horas no pavillón 1 da Feira Internacional Abanca en Silleda.

As persoas aspirantes deberán ir provistas de DNI ou de documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal, lapis do número 2 e goma de borrar.

Non se permitirá o acceso ás aulas en que se realice o exercicio con teléfonos móbiles, reloxos intelixentes, axendas electrónicas ou calquera outro material ou instrumento de que se poidan valer as persoas aspirantes para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará ningún servizo de recollida de teléfonos móbiles.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2024

Laura Suárez Fernández
Presidenta do tribunal