DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Venres, 24 de xaneiro de 2025 Páx. 6928

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2024, do Departamento Territorial da Coruña, pola que se acepta a desistencia dunha solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, dunha liña de instalación de distribución eléctrica.

Expediente: IN407A 2023/58-1.

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: instalación de telecontrol na LMT PAD816 apoio 9TDXCDJT//84-A1.

Concello: Rianxo.

Feitos:

1. A empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa, de construcción e a declaración de utilidade pública ademais da aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica o 13 de febreiro de 2023.

2. O día 21 de abril de 2023, este departamento territorial resolveu autorizar o acordo polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, á dita instalación de distribución eléctrica cun prazo de execución dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación do acordo no Diario Oficial de Galicia.

3. O día 27 de abril de 2023, enviáronse as separatas a todos os organismos afectados no proxecto de execución, isto é, o Servizo do Patrimonio Cultural da Coruña que o 29.5.2023 achega a resolución de autorización de obras a cal foi notificada a UFD Distribución Electricidad, S.A. o 1.6.2023 e que acepta o dito condicionado o 7.6.2023; o Servizo de Montes da Coruña o cal achega informe o 9.5.2023 e dálle traslado á empresa promotora que acepta o condicionado do dito organismo o 21.5.2023 e ao Concello de Rianxo.

4. O dito acordo foi publicado nos diarios oficiais correspondentes:

• DOG núm. 94: 19 de maio de 2023.

• BOP núm. 81: 28 de abril de 2023.

• Xornal La Voz de Galicia: 15 de maio de 2023.

• Portal de transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía e Industria no período que estivo aberta a consulta desde o 22.5.2023 ata o 3.7.2023.

• Concello de Ribeira: certificación da súa exposición pública do 4 de xullo de 2023 polo persoal administrativo das oficinas xerais do concello.

5. Resólvese a autorización administrativa previa e de construción e a declaración de utilidade pública o 30 de agosto de 2023 e notifícase a todos os organismos afectados polas separatas e á CMVMC Asados 188 como entidade afectada na RBDA.

6. Esta resolución foi publicada nos diarios oficiais correspondentes:

• DOG núm. 180: 21 de setembro de 2023.

• BOP núm. 169: 5 de setembro de 2023.

7. O 20.2.2023, UFD Distribución Electricidad, S.A. solicita o trámite de prevalencia e dá traslado ao Servizo de Infraestruturas Enerxéticas e ao Servizo de Montes. O 10.4.24 dáse traslado do informe do Servizo de Montes á empresa promotora.

8. O 16.9.2023, a CMVMC presenta recurso de alzada o cal foi notificado á empresa promotora o 15.3.2024 e responde en defensa dos seus intereses o 4.4.2024.

9. O 15.10.2024 concédeselle trámite de audiencia á CMVMC Asados 188 no trámite de compatibilidade de utilidades públicas, de acordo co establecido no artigo 53 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, para que comuniquen as súas alegacións. Presentan escrito o 5.11.2024 .

10. A Secretaría Xeral Técnica estima parcialmente o recurso o 12.12.2024, anula a resolución impugnada e retrotrae o expediente ao momento anterior á concesión de trámite de audiencia do procedemento de compatibilidade de utilidades públicas.

11. O día 18 de decembro de 2024, a empresa promotora solicitou a desistencia de todos os trámites do procedemento relacionado con este expediente referente ás autorizacións outorgadas, segundo o artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Consideracións legais e técnicas:

– O director territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).

– Lexislación de aplicación:

a) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

b) Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

c) Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

d) Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

e) Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).

f) Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

O artigo 21.1 da dita Lei 39/2015 establece que «a Administración está obrigada a ditar resolución expresa e a notificala en todos os procedementos calquera que sexa a súa forma de iniciación. Nos casos de prescrición, renuncia do dereito, caducidade do procedemento ou desistencia da solicitude, así como de desaparición sobrevida do obxecto do procedemento, a resolución consistirá na declaración da circunstancia que concorra en cada caso, con indicación dos feitos producidos e as normas aplicables».

O artigo 94.1 da mesma lei establece que: «Toda persoa interesada poderá desistir da súa solicitude ou, cando iso non estea prohibido polo ordenamento xurídico, renunciar aos seus dereitos».

E pola súa banda, o punto 4 do mesmo artigo sinala que: «A Administración aceptará de plano a desistencia ou a renuncia, e declarará concluso o procedemento salvo que, despois de comparecer no mesmo terceiras persoas interesadas, instasen estas a súa continuación no prazo de dez días desde que foron notificadas da desistimencia».

Á vista dos preceptos citados e unha vez analizado o expediente, considerando que non existen terceiras interesadas ou afectadas, este departamento territorial entende que non existe inconveniente ningún en aceptar de plano a desistencia solicitada.

De acordo con todo o sinalado,

RESOLVO:

Aceptar a solicitude de desistencia formulada pola empresa promotora, declarar concluso o procedemento e dispoñer o seu arquivamento.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 do outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que considere axeitado.

Mediante este documento notifícaselle a resolución correspondente ao expediente que se sinala, segundo o exixido no artigo 40 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

A Coruña, 19 de decembro de 2024

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña