DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Luns, 27 de xaneiro de 2025 Páx. 7330

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Resolución do 30 de decembro de 2024 pola que se regula o procedemento de concesión de subvencións directas destinadas a compensar os prexuízos económicos producidos pola enfermidade hemorráxica epizoótica en Galicia (código de procedemento MR558A).

BDNS (Identif.): 810523.

Primeiro. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto regular o procedemento de concesión directa de axudas destinadas a compensar os prexuízos económicos producidos nas explotacións galegas de gando vacún como consecuencia da EHE, para o ano 2025.

2. Este procedemento está recollido na sede electrónica da Xunta de Galicia co código de procedemento MR558A.

Segundo. Persoas e entidades beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas as persoas físicas ou xurídicas, ou as entidades sen personalidade xurídica, titulares de explotacións de gando bovino inscritas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia, calquera que sexa a súa clasificación conforme o Real decreto 1053/2022, do 27 de decembro, polo que se establecen normas básicas de ordenación das granxas bovinas, a excepción das explotacións do tipo centros de concentración e as explotacións ou centros de corentena. As explotacións beneficiarias deberán estar en estado de alta no rexistro e manter animais localizados nelas, na data desta resolución.

2. Só poderán percibir estas axudas as persoas titulares de explotacións localizadas en Galicia e que declarasen, conforme o Real decreto 779/2023, do 10 de outubro, polo que se establece a comunicación de enfermidades dos animais de declaración obrigatoria e se regula a súa notificación, casos de EHE desde o mes de setembro de 2023, e nos cales ou ben os resultados de laboratorio confirmaron a enfermidade, ou ben os servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural determinaron a existencia dela, e ata a data do 5.12.2024.

Unicamente se terán en conta aquelas declaracións da existencia da enfermidade que se producisen inmediatamente tras detectarse esta.

3. Para identificar estas explotacións utilizarase o rexistro elaborado pola Subdirección Xeral de Gandaría, que contén todos os casos declarados da enfermidade.

Terceiro. Bases do procedemento de concesión directa

Resolución do 30 de decembro de 2024 pola que se regula o procedemento de concesión de subvencións directas destinadas a compensar os prexuízos económicos producidos pola enfermidade hemorráxica epizoótica en Galicia (código de procedemento MR558A).

Cuarto. Importe

– As contías destas axudas directas atópanse recollidas no punto quinto da resolución:

1. Contías para as mortes producidas pola EHE:

a) – Bovinos de idade menor a 4 meses: 400 euros.

– Bovinos de idade maior ou igual a 4 meses, e menor de 18 meses: 900 euros.

– Bovinos de idade maior ou igual a 18 meses, e menor de 120 meses: 1.600 euros.

– Bovinos de idade 120 meses ou máis: 1.000 euros.

b) No caso de persoas titulares das explotacións afectadas que xa recibisen axudas polas mortes producidas a través da Orde do 13 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento MR553C), tramitaráselles, en aplicación desta resolución, unha axuda complementaria para cada animal morto, nunha contía que será a diferenza entre os baremos establecidos na anterior alínea a) e os importes xa recibidos a través da dita orde.

2. Contía para os custos dos tratamentos veterinarios para os animais afectados pola EHE:

A contía será de 100 euros por animal afectado.

3. Contía para os custos de uso de desinsectantes en animais e nas instalacións das explotacións afectadas:

A contía será de 20 euros por animal censado na explotación, cun máximo de 4.000,00 euros por explotación.

Neste caso, os censos de animais das explotacións, para os efectos de aplicar este número 3, serán obtidos das bases de datos oficiais da Consellería do Medio Rural, o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras, e o Rexistro de Identificación Individual dos Animais.

Tanto para aquelas explotacións que estiveron afectadas pola EHE no ano 2023, como para aquelas afectadas no ano 2024, obterase o censo de animais das bases de datos oficiais na data do 12 de xuño de 2024, data da declaración oficial neste ano do primeiro foco da enfermidade en Galicia.

No caso de que algunha explotación afectada se dese de alta no rexistro con posterioridade á data indicada, o censo obterase na data en que se declarase a enfermidade nela por parte da persoa titular da explotación.

– Dado o carácter destas axudas directas, e con base no sinalado no artigo 3.3 do Real decreto 961/2024, do 24 de setembro, polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións directas destinadas a compensar os prexuízos económicos producidos pola enfermidade hemorráxica epizoótica, no caso de que o crédito dispoñible non sexa suficiente para facer fronte ás contías establecidas nestas axudas directas para todas as persoas beneficiarias, aboaranse prioritariamente as establecidas no número 1, posteriormente as establecidas no número 2 e, finalmente, as establecidas no número 3. No caso de que o crédito se esgote nas axudas establecidas no número 2 ou,, se é o caso no número 3, procederase ao rateo nel, segundo o establecido no artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación das comunicacións de aceptación das axudas

1. As persoas incluídas na relación provisional de persoas beneficiarias disporán dun prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para aceptar a axuda. De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. A non aceptación da axuda no prazo indicado suporá a renuncia a ela.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2024

A conselleira do Medio Rural
P.D. (Orde do 17.11.2015; DOG núm. 223, do 23 de novembro)
Silvestre José Balseiros Guinarte
Director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias