DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Luns, 27 de xaneiro de 2025 Páx. 7434

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 16 de xaneiro de 2025 pola que se anuncia a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante nesta consellería.

De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e nos artigos 5 a 8 e 25 ao 28 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, e no uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da citada lei, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo que se detalla no anexo I desta orde.

Segundo. Poderá concorrer a ela o persoal funcionario de carreira que reúna os requisitos que se exixen para o desempeño do posto e que se especifican no anexo I desta orde.

Terceiro. Todos os trámites relacionados con este procedemento se efectuarán a través de medios electrónicos. As solicitudes dirixiranse á Axencia Tributaria de Galicia e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos no prazo de quince días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, conforme o modelo que se inclúe como anexo II. Para achegar a dita solicitude, na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal está dispoñible o formulario normalizado correspondente ao procedemento administrativo PR004A. Poderase empregar para a presentación electrónica calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Cuarto. As persoas aspirantes deberán presentar coa petición un currículo e xustificar, mediante certificación ou copia electrónica auténtica dos documentos acreditativos, os méritos que aleguen.

Conforme o previsto na Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ditan instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais (DOG núm. 237, do 15 de decembro), e concretamente na súa instrución cuarta.2, referida ao emprego dos datos do expediente persoal electrónico na tramitación dos procesos de provisión de postos de traballo, cando as persoas aspirantes sexan ou fosen no pasado persoal empregado público coa condición de persoal funcionario ou laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia enunciadas na letra a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, estas poderán indicar neste proceso de provisión que a información relativa ao seu currículo e méritos é a que figura como validada no seu expediente persoal electrónico, accesible na canle do emprego público de Galicia (Fides), para o cal deberán achegar coa solicitude de participación o informe dos méritos validados no expediente electrónico, dispoñible no enderezo https://fides.xunta.gal

Os méritos alegados e non probados segundo se indica no parágrafo anterior non se terán en conta.

Quinto. Esta convocatoria resolveraa a Consellería de Facenda e Administración Pública no prazo máximo de dous meses, contados desde a data da súa publicación. No caso de non se resolver no dito prazo, declararase a caducidade do procedemento. A resolución da convocatoria, coa adxudicación do posto a calquera das persoas funcionarias de carreira solicitantes que reúnan os requisitos exixidos para o seu desempeño, ou a súa declaración como deserta, por considerar que ningunha das persoas candidatas reúne as características adecuadas para o posto de traballo ou non reúne a idoneidade necesaria para o seu desempeño, ou se non se presentase ningunha solicitude, farase pública no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. O prazo para tomar posesión do novo destino será de tres días hábiles, se non implica cambio de residencia, ou de sete días hábiles, se comporta cambio de residencia. Cando a persoa adxudicataria do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será dun mes.

O prazo da toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá producir dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, ou desde a data en que se comunique a resolución do traslado á Comunidade Autónoma para o caso de persoal doutras administracións públicas. Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberá computarse a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sétimo. Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, conforme a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2025

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 15.12.2021; DOG núm. 246, do 24 de decembro)
David Cabañó Fernández
Secretario xeral técnico e do Tesouro
da Consellería de Facenda e Administración Pública

ANEXO I

Denominación: Xefatura do Departamento de Planificación do Control Tributario.

Código do posto: FC.A20.00.001.15770.014.

Nivel: 28.

Complemento específico: 19.120,64 euros.

Subgrupo: A1-A2.

Corpo ou escala: XSF-XMF (xeral, escala superior de finanzas e escala técnica de finanzas).

Tipo de adscrición: (AXG) adscrición exclusiva a persoal funcionario da Xunta de Galicia.

Centro directivo ou dependencia: Área de Inspección Tributaria da Axencia Tributaria de Galicia.

Localidade: Santiago de Compostela.

missing image file