DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Luns, 27 de xaneiro de 2025 Páx. 7470

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

EXTRACTO da Resolución do 9 de xaneiro de 2025, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se arquiva o expediente do parque eólico Acevedal e se cancela a garantía económica depositada por Greenalia Power, S.L. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte (IN408A 2018/021).

De conformidade co previsto no artigo 42.4, letras a) e b), da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, procede publicar o extracto da Resolución do 9 de xaneiro de 2025, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se arquiva o expediente do parque eólico Acevedal e se cancela a garantía económica depositada por Greenalia Power, S.L. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte.

Primeiro. Contido da resolución e condicións que a acompañan

A dita Resolución do 9 de xaneiro de 2025 dispón o seguinte:

1. Denegar a solicitude de autorización administrativa previa e de construción das instalacións do parque eólico Acevedal, sito no concello da Pastoriza (Lugo) e promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U., por mor da declaración de impacto ambiental desfavorable formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 7.11.2023.

2. Arquivar o expediente do parque eólico Acevedal (expediente IN408A 2018/021).

3. Cancelar a garantía depositada o 29.5.2018, por importe de 210.000 € e número de rexistro 656/2018, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico Acevedal.

Segundo. Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución

1. O 29.5.2018, Greenalia Power, S.L. (actual Greenalia Wind Power, S.L.U.) depositou unha garantía económica por importe de 210.000 € e número de rexistro 656/2018, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico Acevedal.

2. O 1.6.2018, Greenalia Power, S.L.U. (actual Greenalia Wind Power, S.L.U.) presentou telematicamente, ao abeiro do procedemento IN408A, a solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica para o proxecto denominado parque eólico Acevedal, sito no concello da Pastoriza (Lugo), ao abeiro da Lei 8/2009, a cal foi admitida a trámite pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas) o 23.1.2019.

3. O 17.12.2019, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, no cal se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no Psega respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

4. Polo Acordo do 2 de decembro de 2022, a Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto de execución do parque eólico Acevedal, no concello da Pastoriza (expediente IN408A 2018/021). O dito acordo foi publicado no Diario Oficial de Galicia o 12.12.2022 (DOG núm. 234).

5. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Deputación Provincial de Lugo, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Retegal, Viesgo, UFD Distribución Electricidad, S.A., Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Vodafone, Telefónica, Orange, Cellnex Telecom, S.A., así como ao Concello da Pastoriza.

6. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Instituto de Estudos do Territorio e Sociedade Galega de Historia Natural.

O 7.11.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou unha declaración de impacto ambiental (DIA) desfavorable relativa ao parque eólico Acevedal, que fixo pública por Anuncio do 8 de novembro de 2023 (DOG núm. 221, do 21 de novembro).

7. O 11.3.2024, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas) notificoulle ao promotor o inicio do procedemento de arquivamento do expediente, abrindo o trámite de audiencia do artigo 82 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

8. O 16.5.2024, Greenalia Wind Power, S.L.U. presentou ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas) unha solicitude de cancelación e devolución da garantía co número de rexistro 656/2018, por valor de 210.000 euros, mencionada no antecedente de feito primeiro.

9. Transcorrido o prazo de 15 días comunicado coa notificación de apertura do trámite de audiencia mencionado no antecedente de feito sétimo, esta dirección xeral non recibiu oposición por parte do promotor ao arquivamento do expediente.

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2025

Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático