DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Martes, 28 de xaneiro de 2025 Páx. 7782

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 10 de xaneiro de 2025, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a resolución relativa á solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común Valdegolado, con propiedades particulares, no concello de Manzaneda.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do MVMC Valdegolado, pertencente á CMVMC de Langullo e Cimadevila, no concello de Manzaneda, con propiedades particulares, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 30.9.2022, a CMVMC de Langullo e Cimadevila presentou un escrito (Rexel 2022/2414230), en que solicitan a aprobación dun deslindamento coas propiedades particulares.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Certificacións dos acordos da asemblea xeral.

– Planos da proposta de deslindamento.

Segundo. O 30.3.2023, o Servizo de Montes de Ourense emitiu un informe favorable ao considerar que non existe unha afección significativa sobre a integridade territorial do monte.

Terceiro. O 4.10.2023 publicouse no DOG o anuncio polo que se facía pública a proposta de deslindamento e se abría o período de alegacións; este anuncio tamén se lle remitiu ao Concello de Manzaneda para os efectos da súa publicación no taboleiro de anuncios.

Cuarto. A CMVMC de Pedrosa presentou o 5.2.2024 un escrito complementario (Rexel 2024/360604), co que se reafirmaba na proposta de deslindamento inicial, expoñendo que non lle constaba alegación ningunha á liña presentada.

Quinto. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 8 de febreiro de 2024 en relación coa citada solicitude.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. Esta resolución dítase ao abeiro do artigo 54 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. O artigo 54 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento de montes veciñais con propiedades particulares e establece que no caso de informe favorable, unha vez ratificado o deslindamento provisional pola asemblea xeral, darase traslado ao xurado provincial dos acordos alcanzados e, cando menos, da seguinte documentación: acta do deslindamento, memoria descritiva con planos topográficos, acta de conciliación levantada no xulgado de paz ou de primeira instancia correspondente e certificacións de aprobación por parte da comunidade. O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común ditará resolución aprobatoria do deslindamento e notificarálla ás persoas interesadas. A dita resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 8 de febreiro de 2024, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 16 de decembro de 2024:

Aprobar o acto de conciliación acadado entre o MVMC Valdegolado, pertencente á CMVMC de Langullo e Cimadevila, no concello de Manzaneda, con propiedades particulares.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso- administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 10 de xaneiro de 2025

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense