DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Martes, 28 de xaneiro de 2025 Páx. 7740

III. Outras disposicións

Instituto Galego do Consumo e da Competencia

EXTRACTO da Resolución do 30 de decembro de 2024 pola que se establecen, mediante a tramitación anticipada de gasto, as bases reguladoras para a concesión dunha bolsa de formación en materia de promoción e defensa da competencia e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CO400F).

BDNS (Identif.): 810701.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias de esta bolsa de formación as persoas que estean en posesión dalgún título universitario de licenciado/a ou de grao en dereito, en económicas ou en administración e dirección de empresas, sempre que cumpran os demais requisitos e condicións establecidos nas bases reguladoras.

Segundo. Obxecto

Bolsa de formación, en réxime de concorrencia competitiva, que ten por obxecto contribuír á formación práctica de titulados superiores en materia de defensa da competencia. A bolsa desenvolveranse dentro do programa de traballo da Comisión Galega da Competencia, con suxeición ao programa de formación e coas indicacións que transmita o titor asignado.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 30 de decembro de 2024 pola que se establecen, mediante a tramitación anticipada de gasto, as bases reguladoras para a concesión dunha bolsa de formación en materia de promoción e defensa da competencia e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CO400F).

Cuarto. Importe e duración

A duración máxima será de dez meses contados desde a data da incorporación da persoa bolseira e ata o 31 de decembro de 2025.

A bolsa estará dotada cun importe máximo de 11.000 euros brutos, distribuídos en pagamentos mensuais, a razón de 1.100 euros por mes.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2024

Gabriel Alén Castro
Director do Instituto Galego do Consumo e da Competencia