DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Mércores, 29 de xaneiro de 2025 Páx. 8245

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ACORDO do 16 de xaneiro de 2025, da Dirección Xeral de Mobilidade, polo que se somete a información pública o proxecto de interese autonómico (PIA) do aparcadoiro de vehículos pesados na ligazón de Balsa, da VG-20, coa PO-010, no concello de Vigo.

O artigo 55 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia (DOG núm. 8, do 14 de xaneiro), regula o procedemento de aprobación dos instrumentos de ordenación do territorio que deban someterse a avaliación ambiental estratéxica simplificada.

Para os efectos do establecido no artigo 55.5 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, sométense a información pública, durante o período dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, os seguintes documentos:

– O proxecto de interese autonómico do aparcadoiro de vehículos pesados na ligazón de Balsa, da VG-20, coa PO-010, presentado polo Consorcio da Zona Franca de Vigo o 27.11.2023 e elaborado por Proyfe, S.L. Asinárono David Pardiñas Lamas (enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos) e María de las Mercedes Hermida Feal (arquitecta).

– O acordo de aprobación inicial do proxecto de interese autonómico do aparcadoiro de vehículos pesados na ligazón de Balsa, da VG-20, coa PO-010, no Concello de Vigo (Pontevedra).

Para que calquera persoa interesada poida consultalos e, de ser o caso, formular no citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere oportunas, o documento estará á súa disposición, en horario de atención ao público, na seguinte dependencia:

– Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, situada en San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña.

Ademais, poderán acceder a esta información na páxina web da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes:

https://conselleriadepresidencia.xunta.gal/transparencia/procedementos-informacion-publica

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2025

Judit Fontela Baró
Directora xeral de Mobilidade

ANEXO

Memoria resumo do proxecto de interese autonómico

Solicitante: Consorcio da Zona Franca de Vigo (NIF V36611580).

Enderezo: rúa Areal, 46, 36201 Vigo, Pontevedra.

Localización: concello de Vigo.

Actividade: aparcadoiro de vehículos pesados.

Descrición: o Consorcio da Zona Franca de Vigo é unha entidade de dereito público que depende do Ministerio de Facenda. O Consorcio é propietario do polígono industrial de Balaídos, onde se localiza o Centro de Vigo de Stellantis, a factoría de Vigo do Grupo GKN Driveline e outras empresas.

O polígono, situado practicamente no centro da cidade, supón un motor industrial do sector da automoción en Galicia, pero ten importantes limitacións derivadas da súa localización, como a imposibilidade de aparcadoiro dentro do recinto de todos os camións dos provedores ás multinacionais que están alí situadas. Por iso, os camións que temporalmente non teñen acceso ao recinto teñen que esperar nas súas inmediacións, na vía que conecta a ligazón de Balsa, desde a VG-20, ata a entrada do recinto. Esta circunstancia supón un evidente risco para a seguridade viaria, polo que é necesario unha superficie que conte coas mínimas condicións de seguridade e servizos para os transportistas en espera.

O aparcadoiro proxéctase na marxe dereita da VG-20, ao sur desta, á altura da ligazón de Balsa, a superficie total do solo en que se pretende actuar é de 15.642 m2 e proxéctanse ao redor de 70 prazas de aparcadoiro para vehículos pesados, incluída a dotación dunha zona de servizos para os usuarios, iluminación, peche do perímetro e control de accesos.