DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Mércores, 29 de xaneiro de 2025 Páx. 8247

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 14 de xaneiro de 2025 pola que se acorda unha nova concesión demanial outorgada de forma directa ao Club Deportivo Lugo sobre as instalacións do campo de fútbol Anxo Carro.

Conforme o establecido no Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril (BOE do 28 de abril), a Comunidade Autónoma galega asume a competencia exclusiva na materia da promoción do deporte (artigo 27.22), competencia que é desenvolvida pola Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia (DOG do 13 de abril).

A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia é titular do campo de fútbol Anxo Carro, consonte ao Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración xeral do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura.

A Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, atribúe, no seu artigo 5.1.r), á Administración autonómica o exercicio, entre outras, da competencia para ordenar e, de ser o caso, xestionar as instalacións e os centros deportivos que teña adscritos. Así mesmo, e de conformidade co artigo 5.2 da mesma norma, as competencias indicadas na alínea anterior exerceranas, nos termos establecidos nesta lei e, se é o caso, nas súas normas de desenvolvemento, os órganos administrativos que determinen as normas de organización e funcionamento da Xunta de Galicia.

O Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, atribúe á Secretaría Xeral para o Deporte a elaboración, proposta e execución da política do Goberno galego en materia de deporte.

Pola súa banda, segundo o artigo 48.1 da Lei 6/2023, do 2 de novembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, a competencia para outorgar autorizacións e concesións sobre bens e dereitos do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia que non veña especificamente determinada por unha norma con rango de lei correspóndelle á persoa titular da consellería a que se encontren adscritos ou ao órgano unipersoal de goberno da entidade pública instrumental titular ou á cal se encontren adscritos os bens ou dereitos.

A Orde do 12 de xuño de 2024 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos desta consellería, no seu artigo 4 delega na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica as competencias en materia de xestión patrimonial.

Desde o 6 de setembro de 1974, en virtude dun contrato de alugamento asinado entre o club e a Delegación Nacional de Educación Física e Deportes, o Club Deportivo Lugo vén utilizando as instalacións e os servizos propios do campo de fútbol Anxo Carro para o desenvolvemento da súa práctica deportiva. A partir do decreto de traspaso de transferencias (Real decreto lexislativo 2334/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura; BOE núm. 235, do 1 de outubro), a titularidade das instalacións do Anxo Carro pasaron a ser da Comunidade Autónoma de Galicia, pero mantivéronse as condicións do citado contrato de alugamento co Club Deportivo Lugo.

No ano 2011, o Club ascendeu á segunda categoría da Liga de Fútbol Española (competición profesional), o que comportou ter que cumprir cunha serie de condicións técnico-deportivas en canto ás instalacións en que os clubs desenvolven as súas prácticas deportivas, segundo os requirimentos establecidos no Regulamento xeral da Liga Nacional de Fútbol Profesional. Esta tempada compite na Liga Primera Federación da Real Federación Española de Fútbol.

Por la Resolución do 14 de abril de 2014, da Secretaría Xeral para o Deporte, outorgóuselle unha concesión demanial directa sobre as instalacións do campo de fútbol ao Club Deportivo Lugo, por concorrer o suposto previsto no artigo 40.5 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia. A dita resolución foi publicada no DOG do 30 de abril de 2014.

O 5 de maio de 2014 asinouse o correspondente convenio entre a Secretaría Xeral para o Deporte e o Club Deportivo Lugo, como o documento administrativo de formalización da dita concesión administrativa, cunha duración de dez (10) anos e coa posibilidade de prórrogas anuais ata un máximo de vinte e cinco (25) anos. O 2 de maio de 2024 asinouse resolución de prórroga por un ano, polo que o convenio remata a súa vixencia o 2 de maio de 2025.

De acordo co artigo 94 da Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas, e co artigo 47 da Lei 6/2023, do 2 de novembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, non concorre no Club Deportivo Lugo ningunha das prohibicións de contratar reguladas no Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, que imposibilitarían que este desempeñe a condición de titular dunha concesión demanial.

No caso de que posteriormente ao outorgamento da concesión o titular incorra nalgunha das prohibicións de contratar, producirase a extinción da concesión.

Bases legais:

– Lei 6/2023, do 2 de novembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Normas básicas da Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas e do seu regulamento, aprobado polo Real decreto 1373/2009, do 28 de agosto.

– Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

Visto o anterior, visto o Informe favorable da Subdirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, do 9 de decembro de 2024, e o Informe favorable da Asesoría Xurídica, do 2 de xaneiro de 2025,

RESOLVO:

1. Outorgarlle unha concesión demanial ao Club Deportivo Lugo sobre as instalacións do campo de fútbol Anxo Carro, situado na avenida dos Deportes, s/n, en Lugo 27004, cunha superficie do solo de aproximadamente uns 14.331 m2 segundo figura no Catastro (referencia 6523501PH1662S0001GQ e vinculado co código de inventario L0106).

2. Acordar o outorgamento directo da concesión por concorrer o suposto previsto no artigo 46.1 da Lei 6/2023, do 2 de novembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, dadas as circunstancias excepcionais que xustifican o outorgamento ao Club Deportivo Lugo.

3. Establecer a gratuidade da concesión, de acordo co establecido no número 4 do artigo 46 da Lei 6/2023, do 2 de novembro, dado que, aínda que o aproveitamento das instalacións produce unha utilidade económica para o concesionario, esta é irrelevante xa que os ingresos xerados pola utilización das instalacións servirán para facer fronte aos numerosos gastos de xestión que comporta a instalación.

4. Determinar que a concesión se rexa polas seguintes condicións:

• O Club Deportivo Lugo comprométese a facer fronte aos gastos anuais de conservación, reparación e melloras, mantemento, limpeza e seguridade necesarios para garantir o bo uso das instalacións, e a pagar todos os impostos do que sexa obxecto o inmoble, desde a data da sinatura do documento administrativo en que se formalizará a nova concesión, así como das subministracións necesarias para o seu correcto funcionamento.

• Comprométese tamén a levar a cabo todas as obras necesarias para a adecuación do campo de fútbol ás exixencias técnico-deportivas que o Consello Superior de Deportes lle traslade ao club para poder participar na competición española, das cales dará cumprida conta, para o seu coñecemento, á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e as de conservación, reparación, melloras e reformas, mantemento e mellora técnica que en cada caso sexan precisas ou veñan impostas por normas de carácter xeral, para o cal deberá obter as licenzas precisas, logo de autorización da dita consellería.

• O Club Deportivo Lugo deberá manter e conservar o campo de fútbol e as súas instalacións, así como a parcela en que se sitúan, en perfecto estado de utilización, funcionamento, limpeza e hixiene, e realizar pola súa conta os traballos de conservación e mantemento e cantas reparacións sexan precisas, así como as obras necesarias que excedan a mera conservación e mantemento e que poidan ser impostas pola RFEF, así como pola finalización da vida útil do campo, ou aqueloutras obrigadas pola normativa que se poida aprobar posteriormente á sinatura do documento administrativo.

• O cesionario cederalle gratuitamente á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes os espazos publicitarios no campo necesarios para exhibir publicidade desta, e correrá cos gastos derivados da contratación dos soportes publicitarios imprescindibles para iso, por un investimento mínimo de quince mil euros anuais (15.000,00 €/ano).

• O Club Deportivo Lugo porá á disposición da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes dez (10) entradas en zona de palco presidencial para cada partido e/ou evento de carácter deportivo que teñan lugar no Anxo Carro.

• O Club Deportivo Lugo subscribirá unha póliza de seguro a todo risco, de perdas e anos materiais, polo importe do valor do inmoble. Ademais, subscribirase unha póliza de seguro de responsabilidade civil que garanta posibles danos a terceiros. A Comunidade Autónoma de Galicia será a beneficiaria e a asegurada, respectivamente, destas pólizas, que se manterán durante todo o período da concesión, prazo inicial e, se é o caso, prórrogas.

• O período de duración desta concesión será de trinta (30) anos, contados a partir da sinatura do documento administrativo de formalización da concesión, de conformidade co artigo 46.3 da Lei 6/2023, do 2 de novembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia. Son causas de extinción desta concesión as establecidas no artigo 55 da dita lei.

O incumprimento das cláusulas da concesión dará lugar á incoación do correspondente expediente sancionador, de conformidade co disposto no artigo 231 e seguintes da Lei 6/2023, do 2 de novembro do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, ou normativa que a posteriori os substitúa ou de preferente aplicación.

• Ao extinguirse a concesión, o campo de fútbol, con todas as súas instalacións e obras, reverterán na Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, sen que o concesionario teña dereito á percepción de ningunha contraprestación pola reversión.

• Unha vez transcorrido o prazo máximo da concesión, o concesionario deberá abandonar e deixar libre e á disposición da Comunidade Autónoma de Galicia as instalacións. En caso contrario, a Administración autonómica terá a potestade de acordar e executar por si mesma o lanzamento.

• En caso de rescate anticipado da concesión, o Club Deportivo Lugo será indemnizado polos quebrantamentos materiais xurdidos pola extinción anticipada. O rescate deberá estar baseado nunha circunstancia sobrevida de interese público.

• A concesión non implica cesión do dominio público, e o concesionario está obrigado a non traspasar ou ceder mediante calquera negocio xurídico, de ningunha forma, os dereitos inherentes a esta concesión.

• Serán causas de revogación ou modificación desta resolución as recollidas no artigo 55 da Lei 6/2023, do 2 de novembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e, se for o caso, a posible e futura concorrencia doutro club da cidade, na mesma ou superior categoría, que poida estar interesado na utilización das instalacións do campo de fútbol Anxo Carro.

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2025

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
P.D. (Orde do 12.6.2024; DOG núm. 117, do 18 de xuño)
Francisco Javier Abad Pardo
Secretario xeral técnico da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes