DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Mércores, 29 de xaneiro de 2025 Páx. 7847

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 30 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da Tarxeta Benvida, nos supostos de xestación, nacemento, adopción, garda con fins adoptivos ou acollemento familiar permanente no ano 2025, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS403B).

BDNS (Identif.): 810775.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que dispoñan de documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro/a (NIE) e que se atopen nun dos seguintes supostos:

a) Estar na semana 21 ou posterior de xestación entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2025.

b) Ter fillas ou fillos nados/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2025.

c) Ter constituída a adopción, acollemento familiar permanente ou ser declarado/a en situación de garda con fins adoptivos dun ou máis menores de ata tres anos de idade entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2025.

2. Así mesmo, poderán beneficiarse da axuda as galegas e galegos e os seus descendentes que estean en calquera dos dous supostos anteriores e, tendo residido fóra de España, retornen a Galicia durante o ano 2025.

3. Igualmente, aquelas familias que obtivesen a axuda de carácter xeral de 1.200 € nas convocatorias dos anos 2023 e 2024 e non accedesen á ela no segundo ano de vida e ata que o neno faga os tres anos, ou ata que se cumpran tres anos do ditado da resolución nos supostos de adopción ou garda con fins adoptivos por superar os ingresos previstos para iso, poderán beneficiarse na presente convocatoria das contías previstas no artigo 4.2 no caso de experimentar unha variación á baixa da renda da unidade familiar que implique ter dereito a elas.

O importe da axuda nestes casos establecerase en función dos meses que resten desde o 1 de xaneiro de 2025 ata que o neno ou nena que dá dereito á axuda faga os tres anos ou ata que se cumpran tres anos do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción ou garda con fins adoptivos.

Así mesmo, aquelas familias que non optasen á dita axuda nas referidas convocatorias, por superar os ingresos previstos no artigo 5.1.b), e experimentasen unha variación á baixa da renda da unidade familiar e concorran á presente convocatoria, poderán beneficiarse das contías previstas no artigo 4.2, nos termos establecidos no punto anterior.

4. Non poderán ser beneficiarias as persoas privadas ou suspendidas total ou parcialmente da patria potestade dos/das seus/súas fillos/as, mediante resolución xudicial firme, ou cuxa tutela ou garda fose asumida polos órganos competentes en materia de protección de menores.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión dunha axuda económica para as familias que no ano 2025 teñan un/unha fillo/a, adopten, sexan declaradas en situación de garda con fins adoptivos ou acollan de xeito permanente un ou máis menores de ata tres anos de idade, e para aquelas outras que obtivesen a axuda ou non accedesen a ela por superar os ingresos previstos nas respectivas convocatorias dos anos 2023 e 2024, e experimentasen unha variación á baixa da renda da unidade familiar que implique ter dereito ás contías reguladas no artigo 4.2, así como para aquelas mulleres que no ano 2025 estean na semana 21 ou posterior de xestación.

2. Así mesmo, é obxecto da orde proceder á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento BS403B).

3. A axuda farase efectiva a través da Tarxeta Benvida, a cal só poderá ser utilizada en oficinas de farmacia, parafarmacias, ópticas, librarías, supermercados, tendas de alimentación e establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para a infancia que teñan establecemento aberto no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 30 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da Tarxeta Benvida, nos supostos de xestación, nacemento, adopción, garda con fins adoptivos ou acollemento familiar permanente no ano 2025, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS403B).

Cuarto. Financiamento

Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 31.993.512 €, que se imputará á aplicación orzamentaria 08.02.312B.480.13, distribuído nas seguintes cinco anualidades:

Ano 2025

Ano 2026

Ano 2027

Ano 2028

Ano 2029

5.450.912 €

13.368.700 €

8.742.600 €

4.371.300 €

60.000 €

Quinto. Contía da axuda

1. Con carácter xeral, a contía total da axuda é de 1.200 € por cada fillo ou filla durante un ano, a razón de 100 €/mes. No suposto de que o fillo ou filla que dá dereito á axuda sexa o/a terceiro/a ou sucesivo/a da unidade familiar, a contía da axuda será de 2.400 € a razón de 200 €/mes. Esta axuda farase efectiva do seguinte xeito:

a) Ano 2025: un único pagamento coa contía que corresponda en función do mes de nacemento ou, de ser o caso, do ditado da resolución de adopción, de garda con fins adoptivos ou de acollemento familiar permanente dun ou máis menores de ata tres anos de idade, ou da data de presentación da solicitude no suposto de que esta fose presentada durante o embarazo e ata o mes de decembro, incluído.

b) Ano 2026: un único pagamento coa contía que corresponda desde xaneiro e ata o mes anterior a aquel en que o neno ou nena faga un ano ou ata o mes anterior a que se cumpra un ano do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción, de garda con fins adoptivos ou de acollemento familiar permanente dun ou máis menores de ata tres anos de idade, ou ata o mes anterior a que se cumpra un ano da presentación da solicitude no suposto de que esta fose presentada durante o embarazo.

2. Aquelas familias con renda igual ou inferior a 22.000 € terán dereito a unha axuda complementaria no segundo ano de vida e ata que o neno ou nena faga os tres anos, ou ata que se cumpran tres anos do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción, garda con fins adoptivos ou de acollemento familiar permanente dun ou máis menores de ata tres anos de idade, nas seguintes contías:

a) 600 €/ano, a razón de 50 €/mes, se o/a fillo/a que dá dereito á axuda é o primeiro.

b) 1.200 €/ano, a razón de 100 €/mes, se o/a fillo/a que dá dereito á axuda é o segundo.

c) 2.400 €/ano, a razón de 200 €/mes, se o/a fillo/a que dá dereito á axuda é o terceiro ou sucesivos.

Estas contías faranse efectivas en pagamentos anuais sucesivos co importe que corresponda ata o mes de decembro do exercicio en curso, en función do mes de nacemento ou da data de resolución de adopción, de garda con fins adoptivos ou de acollemento familiar permanente dun ou máis menores de ata tres anos de idade polo que se concedeu a axuda, ou da presentación da solicitude no suposto de que esta fose presentada durante o embarazo.

3. As contías previstas nos números 1 e 2 incrementaranse un 25 % no suposto de residencia en concellos cunha poboación inferior a 5.000 habitantes, segundo os últimos datos oficiais de poboación de carácter definitivo publicados polo Instituto Galego de Estatística.

4. Excepcionalmente, a axuda poderá percibirse ata un ano máis, sempre que a unidade familiar estea declarada, polo órgano dos servizos sociais comunitarios básicos, en situación de especial vulnerabilidade, teña un recurso do sistema público de protección social pendente de concesión e así o solicite dentro dos dous meses anteriores á data en que o neno ou nena faga os tres anos.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produza o nacemento ou se dite a resolución administrativa ou xudicial para os supostos de adopción, garda con fins adoptivos ou acollemento familiar permanente. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día do nacemento ou do día en que se ditou a resolución de adopción, de garda con fins adoptivos ou de acollemento familiar permanente.

No suposto de muller xestante, en calquera momento do ano 2025, sempre que supere as 21 semanas de xestación.

No suposto de que a persoa solicitante sexa emigrante retornada a Galicia en 2025 e sempre que o fillo ou filla nacese no dito ano 2025, o prazo será de tres meses, que se contarán a partir do día seguinte a aquel que conste na documentación que acredite fidedignamente a data de retorno a España. Así mesmo, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal da data que figure na dita documentación acreditativa.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

2. As familias que poidan ser beneficiarias nos termos indicados no artigo 3.3 disporán desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 28 de febreiro de 2025 para esta finalidade; deberán presentar o anexo III e, se procede, o anexo II, no caso de ter a axuda xeral, ou o anexo I no suposto de non ter optado á axuda no ano de referencia por superar ingresos nesa anualidade.

3. No suposto excepcional de ampliación da axuda ata un ano máis previsto no artigo 4.4, a comunicación da situación de especial vulnerabilidade, anexo IV, realizarase dentro dos dous meses anteriores á data en que o neno ou nena faga os tres anos.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2024

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade